Fondos
2013-01-25_Ordinaria. Acta de sesión 2013/01/25_Ordinaria
Acta de sesión 2013/01/25_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.828/3.2013-01-25_Ordinaria
Título Acta de sesión 2013/01/25_Ordinaria
Data(s) 2013-01-25 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión. 21 follas
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido A C T A Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 25 de xaneiro do 2013 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e vinte e cinco minutos do día vinte e cinco de xaneiro do ano dous mil trece, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente Don Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona María Isaura Abelairas Rodríguez (PSdeG-PSOE), Don Pablo Baquero Álvarez (PP), Don José María Bello Maneiro (PP), Don Uxío Benítez Fernández (BNG), Don José Antonio Cacabelos Rico (PSdeG-PSOE), Don José Crespo Iglesias (PP), Dona Begoña Estévez Bernárdez (PP), Dona Ornela Fernández Salgado (BNG), Don José Manuel Figueroa Vila (PP), Don Juan Antonio González Pérez (PSdeG-PSOE), Don Arturo Grandal Vaqueiro (PP), Don Fernando Guitián Guitián (PP) Dona Marta Iglesias Bueno (PP), Don José Carlos López Campos (PP), Don Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo (BNG), Don José Luis Pérez Estévez (PP), Dona María Pilar Ramallo Vázquez (PP), Don Eduardo José Reguera Ocampo (PSdeGPSOE), Don Severino Reguera Varela (PP), Don Santos Héctor Rodríguez Díaz (PSdeG-PSOE), Don José Nelson Cándido Santos Argibay (PP), Don Alberto Valverde Pérez (PP), Don Jesús Vázquez Almuíña (PP), Dona Ana Isabel Vázquez Reboredo (PP), Don Francisco Andrés Veiga Soto (PSdeG-PSOE) e Dona Iolanda Veloso Ríos (BNG), co obxecto de celebrar sesión ordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fe do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Bueno, moi bos días, vamos a dar comezo, eu vos pediría, que ademais, primeiro reiterar o agradecemento, neste caso, pola vosa presencia aquí, para dar cumprimento do que establecéramos na última xuntanza con todos e cada un dos representantes dos distintos colectivos de persoas afectadas na provincia de Pontevedra e que están atrapadas por esa estafa masiva, que son as preferentes e subordinadas. Por iso, queremos hoxe que a Corporación Provincial, tal e como se había previsto, pois tome, fixe a posición desta Institución en defensa dos intereses deses miles de persoas, moitas delas hoxe aquí presentes, que están, como dixen antes, atrapadas pola estafa masiva feita, evidentemente, polas dúas entidades financeiras de Galicia. Pero antes que iso, evidentemente, temos unha orde do día establecido, que deberíamos aprobar, eu, me gustaría contar coa colaboración de todos ustedes en relación a que se poida desarrollar coa normalidade establecida, ¿non?, que poidan escoitar o que aquí se vai a falar e a decidir por parte desta Corporación Provincial. Polo tanto, xa sen máis procedemos á aprobación da orde do día. 1.6315.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, extraordinaria, do día 5 de decembro do 2012. Senón hai ningún voto en contra se aproba por parte de todos os grupos que representan a Corporación Provincial. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, extraordinaria, do día 5 de decembro de 2012. a) Parte resolutiva: 2.6316.- ADHESIÓN DO CONCELLO DA CAÑIZA Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA DE XESTIÓN CATASTRAL, SUBSCRITO ENTRE A SECRETARÍA DE ESTADO DE FACENDA (DIRECCIÓN XERAL DO CATASTRO) E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA O 13 DE XUÑO DE 2001 Sr. Presidente.- Segundo punto. Adhesión do concello de A Cañiza ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral, subscrito entre a Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) e a Deputación Provincial de Pontevedra o día 13 de xuño de 2001. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno do concello da Cañiza, na sesión que tivo lugar o día 21 de decembro de 2012, acordou a adhesión do concello da Cañiza ó convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001. Resultando que o concello da Cañiza delegou na Deputación Provincial de Pontevedra as facultades de xestión do Imposto sobre Bens Inmobles, delegación aceptada polo Pleno desta Corporación Provincial e efectuada polo Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL). Considerando que a cláusula décimo quinta do mencionado convenio de colaboración en materia de xestión catastral determina que, unha vez levada a cabo a delegación da xestión do Imposto sobre Bens Inmobles na Deputación Provincial de Pontevedra, entenderase que o concello delegante atópase dentro do ámbito de aplicación do convenio. Considerando que a adhesión se atopa dentro dos servizos que o artigo 2 da vixente ordenanza fiscal reguladora da taxa polos servizos de xestión, inspección e recadación aprobada polo Pleno da Deputación provincial o 08/06/2012. O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, aceptar a adhesión do concello da Cañiza ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral subscrito entre a Secretaría de Estado de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001. 3.6317.- DELEGACIÓN DO CONCELLO DE CRECENTE A FAVOR DA DEPUTACIÓN DAS FACULTADES DE RECADACIÓN EN VÍA EXECUTIVA DOS INGRESOS DE DEREITO PÚBLICO QUE SE ATOPEN PENDENTES DE COBRO NA TESOURERÍA DO CONCELLO Sr. Presidente.- Punto número 3. Delegación do concello de Crecente a favor da Deputación das facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na Tesourería do concello. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Pleno do concello de Crecente, na sesión celebrada o día 21 de decembro de 2012, acordou delegar na Deputación Provincial de Pontevedra as facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería do concello. Considerando o previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e o establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e no artigo 8 do Real Decreto 939/2005, de 29 de xullo, que aproba o Regulamento Xeral de Recadación. O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: 1. Aceptar a delegación efectuada polo concello de Crecente para que a Deputación Provincial de Pontevedra exerza as facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería do concello. 2. Esta delegación do concello de Crecente será levada a cabo pola Deputación de Pontevedra a través dos seus servizos tributarios, e sométese ás condicións establecidas nas Bases para a prestación do servizo aprobadas polo Pleno da Deputación Provincial en data 20/07/92, na Ordenanza reguladora da taxa pola prestación de servizos, aprobada polo Pleno da Deputación Provincial en data 08/06/2012, e demais disposicións de pertinente aplicación ou, no seu caso, a normativa que por imperativo legal ou por razóns organizativas a substitúa. 3. Facúltase ó Ilmo. Sr. Presidente para que formalice o correspondente convenio co concello de Crecente así coma os demais documentos que procedan. 4. A delegación efectuada polo Pleno do concello de Crecente para exercer as facultades de recadación en vía executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na tesourería do concello publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o artigo 7.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. 4.6318.- ANTICIPOS DE RECADACIÓN ÓS CONCELLOS QUE DELEGARON NA DEPUTACIÓN AS FACULTADES DE XESTIÓN E RECADACIÓN DE RECURSOS DE DEREITO PÚBLICO PARA O EXERCICIO 2013 Sr. Presidente.- Punto número 4. Anticipos de recadación ós concellos que delegaron na Deputación as facultades de xestión e recadación de recursos de dereito público para o exercicio 2013. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Co fin de colaborar na xestión económico financeira dos concellos, de conformidade ó disposto no artigo 149 do Real Decreto lexislativo 2/2004, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, contémplase a posibilidade de concederlles anticipos a conta da recadación delegada. Resultando que o Tesoureiro da Deputación informa en data 17-01-2013 do cálculo mensual das entregas á conta de recadación para 2013 ós concellos que teñen delegada na Deputación a xestión e recadación en período voluntario referida ós impostos de IBI Urbana, IBI Características Especiais, IAE Censo e IVTM. Resultando que a base de cálculo para estas entregas é a recadación en período voluntario referida ó 2012, que resulta de dividir en doce partes o 100% das recadacións obtidas en 2012 polos impostos IBI urbana, IBI Características Especiais, IAE Censo e IVTM. Resultando que o importe mensual dos anticipos de xaneiro a xullo será de 4.936.482,20 €, e unha vez finalizado o período voluntario de cobro do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica e practicada a correspondente liquidación, minorarase a contía mensual no importe referido ó anticipo de IVTM, resultando entregas mensuais polos conceptos de IBI (Imposto sobre bens de natureza urbana) BICES (Bens de características especiais) e IAE (Imposto sobre actividades económicas) por un importe de 3.919.816,65 € para o mes de agosto e seguintes, ata como máximo o mes de outubro, polo que os anticipos totais serán os seguintes: PERÍODO IMPORTE MENSUAL Nº MESES IMPORTE TOTAL XANEIRO- XULLO 4.936.482,20 € 7 34.555.375,40 € AGOSTO-OUTUBRO 3.919.816,65 € 3 11.759.449,95 € TOTAL ANTICIPOS 46.314.825,35 € O Pleno, de conformidade co ditame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade: 1.- Aprobar o expediente de anticipos ordinarios de recadación mensuais ós concellos para o exercicio 2013, coa desagregación e distribución que se achega na táboa seguinte, tendo en conta as variables estimadas para o seu cálculo: CONCELLO TOTAL LÍQUIDO ARBO 32.455,98 BARRO 29.266,42 BAIONA 225.103,58 CALDAS DE REIS 137.708,40 CAMBADOS 131.362,96 CAMPO LAMEIRO 21.212,25 CANGAS 231.013,90 CAÑIZA (A) 57.280,85 CATOIRA 42.297,11 CERDEDO 16.588,36 COTOBADE 29.351,01 COVELO (O) 39.614,73 CRECENTE 16.631,99 CUNTIS 35.383,03 DOZON 10.119,46 ESTRADA (A) 157.530,50 AGOLADA 25.239,55 GONDOMAR 208.508,21 LALÍN 344.528,21 LAMA (A) 23.457,26 MEAÑO 57.767,90 MEIS 49.723,97 MOAÑA 175.720,30 MONDARIZ 45.405,69 MONDARIZ-BALNEARIO 10.186,09 MORAÑA 33.842,33 MOS 91.616,11 NEVES (AS) 31.364,59 NIGRÁN 275.247,23 OIA 18.675,07 PAZOS DE BORBÉN 20.593,07 PORRIÑO (O) 305.141,78 CONCELLO TOTAL LÍQUIDO PORTAS 17.825,89 POIO 233.663,46 PONTEAREAS 204.393,66 PONTE CALDELAS 58.040,37 PONTECESURES 44.278,19 RIBADUMIA 69.858,10 RODEIRO 32.330,59 ROSAL (O) 64.631,39 SALCEDA DE CASELAS 73.939,61 SALVATERRA DE MIÑO 86.548,53 SANXENXO 426.961,68 SILLEDA 114.295,11 SOUTOMAIOR 48.211,95 TOMIÑO 144.335,92 TUI 158.163,47 VALGA 41.182,15 VILABOA 26.130,74 VILA DE CRUCES 70.794,95 VILANOVA DE AROUSA 90.958,55 TOTAL 4.936.482,20 2.- No caso de que as recadacións en período voluntario non foran suficientes para compensar o anticipado, detraerase o exceso na liquidación de executiva e liquidacións directas inmediatamente posteriores. 5.6319.- MOCIÓN CONXUNTA DOS TRES GRUPOS POLÍTICOS PROVINCIAIS, PARTIDO POPULAR (PP), PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA-PARTIDO SOCIALISTA OBRERO ESPAÑOL (PSdeG-PSOE) E BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG) SOBRE A LIBERACIÓN E DESBLOQUEO DOS PRODUTOS FINANCEIROS DE NOVAGALICIABANCO Sr. Presidente.- E, finalmente, punto número 5. Moción do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE sobre a busca dunha solución ás preferentes comercializadas, consensuada polos grupos da oposición. Escoitase falar e gritar ó público presente no salón pero non se percibe o que di. Sr. Presidente.- A capacidade do Pleno é a que todos coñecen. Vale. Vale, pois, non provoquemos, vamos a intentar, escoiten o que vamos a facer e non provoquemos. Vale. Sr. Presidente.- Xa nos coñecemos Julio, xa nos coñecemos, xa nos coñecemos, xa nos coñecemos. Vale. Sr. Presidente.- Se deixan, eu lles pediría, eu lles pediría o seguinte, se deixan celebrar o Pleno con normalidade seguiremos senón, evidentemente, terei que tomar outras medidas, como no caso da maioría dos que están aquí, vamos, podemos coñecernos, no caso deste señor xa nos coñecemos e xa sabemos, evidentemente, como actúa, polo tanto, se queren que celebremos o Pleno con normalidade, bueno, ven aquí, non, non. ¿Son nove nada máis?, porque o outro día xa viches o que pasou. Pero vai ti a comprobar que son esas nove e polo tanto que suban. ¿Son máis?. Nestes intres non hai gravación da sesión, dende o minuto 00:06:24.16 ó 00:08:47.19. Sr. Presidente.- Bueno, vamos a continuar entón. Por parte de, ten a palabra D. Santos Héctor. Sr. Rodríguez Díaz.- Ben, bos días. Dende o Grupo Provincial Socialista fixemos a presentación desta moción, que é unha moción que xa habíamos presentado, tiñamos presentado en marzo do ano pasado, e que, dende logo, nestes meses a situación se foi complicando para as persoas que tiñan os seus aforros en preferentes e en subordinadas. E vimos como, nos últimos días, estes aforradores pois solicitaban axuda en distintas corporacións e tamén aquí nesta corporación provincial, na Deputación. Veñen pedindo axuda, veñen pedindo que se faga un camiño comunidade con eles para saír deste atolladeiro no que están. Queren que se retomen os contactos con Consumo. Somos conscientes de que ata as eleccións autonómicas houbo moitos máis arbitraxes e que a partir de aí se frenaron, e o que están a solicitar é de que se active de novo esa arbitraxe, están a solicitar información, coñecer realmente cantas son as persoas afectadas, como se están a resolver estas arbitraxes, ¿cales son os criterios para resolver estas arbitraxes?, e, en todo caso, o teñen moi claro, son aforradores e non inversores, e polo tanto, polo tanto, dende aquí o que temos é que respaldalos e axudalos para que recuperen o 100% dos seus aforros. Somos conscientes de que estes aforradores son a nosa xente, son albañiles, son mariñeiros, son emigrantes, pequenos comerciantes, amas de casa, desempregados, xubilados, é dicir, persoas que non son inversores, que son aforradores. Polo tanto, o que están a ver, o que están a ver, sobre todo coas últimas noticias, que son que lle fixeron un gran engano, estamos a ver como na prensa aparecen as presións que había hacia os directores de sucursais para que os enganaran coas preferentes e coas subordinadas. Hoxe, o que veñen a pedir aquí é de que un banco como NovaGaliciaBanco, que é cen por cen do FROB, pois que, mediante un acordo político, porque a decisión ten que ser política, poidan recuperar todos, todos os seus aforros. E isto pasa por derrogar o real decreto de 31 de agosto de 2012, pasa por esixir ós xestores de NovaGaliciaBanco que devolvan o cen por cen dos cartos dos aforros dos nosos veciños e veciñas; esixir de que a arbitraxe sexa igual para todos, por iso é moi necesario que se coñeza cada un dos criterios que se están a tomar en conta para facer esas arbitraxes, e dende logo, facilitar información, non se pode seguir co oscurantismo. Se debe coñecer e debemos coñecer esta Institución, ¿cantas solicitudes de arbitraxe hai recibidas en consumo?, aquí na provincia de Pontevedra, ¿cantas solicitudes de arbitraxe hai cursadas hacia o propio banco?, ¿cantas solicitudes hai aceptadas polo banco para someterse á arbitraxe?, ¿cantos casos teñen resolto, están resoltos hoxe con devolución de todos os seus aforros?, ¿cantos laudos emitidos favorables ós afectados?, ¿cantos laudos desfavorables e por que?. En definitiva, ter datos que permitan saír deste oscurantismo que están a vivir estes veciños e veciñas nosos. E é por iso, polo que o Grupo Provincial Socialista xunto co Bloque Nacionalista Galego e o Partido Popular, presentes nesta Corporación, chegamos a un acordo de resolución, é por iso, para facer esa presión política, é por iso, para poder estar ó lado deles e axudarlles a saír deste problema tan grave que teñen e que afecta a familias enteiras. E como esa, a solución, é política, máis aló do texto da resolución o que ten que saír de aquí é un compromiso do Presidente desta Institución e dos propios tres grupos, de un apoio, un apoio, para a devolución íntegra dos aforros ós nosos veciños e veciñas da provincia de Pontevedra, un apoio claro e nítido para que se derrogue ese decreto do 31 de agosto de 2012, e un apoio nítido, nítido, para que o FROB, como dono absoluto deste banco, presione ós xestores de NovaCaixaGalicia para que lle devolvan os cartos. E dende logo, dende logo, a resposta que está dando ós xestores do banco é inasumible, porque hoxe vemos como, nos medios de comunicación, pasan a denunciar ós aforradores desta provincia. Iso é gravísimo, é moi grave de que as vítimas agora sexan as acusadas. Por iso, reiteramos dende o Grupo Provincial Socialista, de que cremos que é unha boa, un bo camiño o de acadar este consenso na resolución, pero que ten que ser este consenso para ese apoio nítido e claro desta Institución e dos tres grupos políticos que as conformamos. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Bueno, moitas gracias. Ten a palabra agora D. Cesáreo Mosquera. Adiante. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. Bos días a todos e a todas. Este é un dos asuntos, creo que máis transcendente, polo que supón de afectados e tamén polo que supón da súa orixe. Cremos que pon ó descuberto en que sistema vivimos, quen manda ou o que está a facer. E vaia por diante que nós estamos convencidos de que vivimos nun sistema profundamente corrupto, terriblemente corrupto, profundamente corrupto, e non por Díaz Merchán ou por Urdangarín, que tamén, ou por Bárcenas ou por … ou por todo o que está saíndo, senón porque funciona basicamente roubándolle ou quitándolle ós máis débiles para darlle ós máis ricos. Lemos, cando, estamos, cunhas cifras de paro espeluznantes, xente pasando fame, pasando dificultades enormes, pois lemos que os máis ricos cada vez gañan máis e engordan máis. Iso non é casualidade, iso non é casualidade, ¿verdade?. Iso é todo un deseño, toda unha serie de medidas que se van aplicando e que por moito que traten de líalas con distintos axentes, que se dan para aquí vai para alá, que se isto típico, que se fai moi ben sempre, intentar marear ó persoal, ós cidadáns, dándolle para un lado e para outro, explicándolle unha cousa e máis outra, ó final sae moi clariño cal é o deseño. Xa o temos discutido neste Pleno, e aquí o deseño, claramente, era que o que chaman eles caixas de base territorial, bueno, traducido, que o aforro galego, que o aforro galego, tiña que ser xestionado dende fóra, á gran banca interesáballe que, o aforro galego era un bocado interesante para gañar máis, pois, o Banco de Bilbao, o Santander, o Botín, o Fernández, ou, quen fose, ¿verdade?. Ben, obviamente, iso está aí, foron dando pasos sucesivos, coa colaboración de axentes internos, bueno, todo moi ben estudado, pero, xa non lles chegou con intentar quedarse, e quedarse, que se van quedar, cos beneficios que pode dar o aforro galego, senón que directamente lle roubaron o aforro galego ós aforradores. Porque isto, isto que está pasando coas preferentes e as subordinadas, non é outra cousa que roubarlle directamente os aforros ós galegos, non é outra cousa, todo calculadiño, todo deseñado con calma, paso vai, paso vén, e demais, e, hai que ter valor, hai que ter valor para facer cousas deste tipo, pero non se paran, isto é dunha crueldade enorme e non é casualidade, non é casualidade. Despois, hai moitos axentes colaboradores, claro que hai, e o que traballa na caixa e o presionan dende arriba para gañar máis ou non perder o posto, pois, colabora, bueno, hai cantidade de colaboradores. Pero, o deseño de fondo era o que estamos a dicir, o que dixemos hai tempo e o que hoxe se está plasmando dunha maneira clara e directa. E, hai un texto, que nós, vamos, que se acordou aquí en marzo do ano pasado, que xa recolle, é bastante adiantado co que era a situación naquel momento, xa recolle que se lle devolva na súa integridade, xa recolle todos os aspectos que hoxe, que hoxe parece que están claros e nítidos. E, xa daquela, vamos, hai que chegar a acordos pero o básico, fundamental, é que se lle devolvan a todos os das preferentes e subordinadas os cartos, na súa totalidade, está, e están os temas fundamentais. Pero, todo o resto que vai na moción, todo o resto de, uns axentes, outros, non sei que, NovaGalicia, Comisión Nacional do Mercado de Valores, Banco de España, non sei que, non sei canto, para nós non é, en certo modo, máis que axentes que participan pero que non despisten do fundamental, este é un problema político, estritamente político, entendida a política como o xestionar os intereses dos cidadáns, neste caso é un problema político ó revés, é, se se me permite, “joder ós cidadáns”, pero bueno, é, vale, este é un problema político, porque o FROB, que se sepa, é unha entidade do Estado, que é tan do Estado como o propio Ministerio, e as arbitraxes, e o acordo que se fixo coa Unión Europea, púidose facer este o outro, fíxose este, ¿verdade?, é un acordo político, e polo tanto, isto hai que resolvelo politicamente. Quen publicou, quen permiteu comercializar isto, que foi o Estado, quen adoptou a decisión no ano 2010 de que había que cargarse as caixas galegas, que foi o Estado, e quen foi adoptando despois medidas, o decreto do ano pasado, etc., foi o Boletín Oficial do Estado, foi o Goberno, foi o goberno da Xunta, foi o goberno do Estado, polo tanto, é un problema político e se queren se resolve políticamente hoxe mesmo, hoxe mesmo. Ben, nós alegrámonos, xa do acordo de marzo do ano pasado, en que, realmente, realmente o que aprobou esta Deputación, os tres grupos, obviamente, tanto por parte do PSOE como do PP, pois vai en contra do que se decidiu en Madrid, e do que se decidiu en Santiago en parte, obviamente, vai en contra, obviamente, aí hai un problema de onde se coloca cada un, a proximidade ós cidadáns aquí en Galicia fai que se adopten ese tipo de acordos, que non nos alegramos, agora, despois haberá que facer a presión suficiente para que isto se poida cambiar, de verdade que se pode cambiar inmediatamente, pódese cambiar inmediatamente, nin por cantidades nin por problemas xurídicos nin por nada, isto é unha inmensa dificultade que se poida entender que non pode ter solución, pode tela perfectamente, se se quere, clara, limpa, incluso sen arbitraxes, pero bueno, clara, limpa, nítida e sen ningún problema. Eu, para rematar, queremos dicir unha cuestión, alégranos profundamente, temos como moi positiva, que os afectados polas preferentes e subordinadas estean facendo esas mobilizacións que están facendo, e dende logo, van ter toda a nosa axuda, xa o saben, para que teñan resultado positivo, obviamente, con estes mareos que se meten de que se é da Unión Europea, se é de non sei que, se é, bueno, sempre hai alguén e entón trátase de levar o asunto, non se sabe a onde, cando o asunto é, claramente, un problema político, que se pode resolver, inmediatamente se se quere, como dixemos antes. Pero, esa capacidade para reunirse, esa capacidade para moverse, esa capacidade para reivindicar, dende logo, demostra que este pobo, que Galiza, aínda que con todos os palitroques que lle están caendo en riba, en forma de paro, de desmantelamento dos seus sectores produtivos, de despoboamento, de todo tipo, aínda hai capacidade para reaxir, para reclamar o que é propio e para loitar polo que xustamente corresponde, porque isto foi un roubo da xestión do aforro galego, vía intervención das caixas e agora mal venda ó gran capital, foi un roubo directo ós das preferentes, ós aforradores das preferentes e das subordinadas. Esa capacidade de reaxir e de reclamar o que é seu, cremos que é un elemento tremendamente positivo e que por ese camiño, por ese camiño, aínda que ás veces sexa moi latoso, e uns vamos a estar correndo dun lado para outro, mobilizándose, reclamando o que sexa, pero ese é o único camiño cando hai unha inxustiza de tal calibre. Eu vou a darlle, se se pode, na situación que están eles, as felicitacións polo que están facendo, e, tamén, tamén, queixarnos ou reclamar que están descubrindo que cando un reclama o que é propio, o que é de xustiza, con toda a razón do mundo e se enfrontan a eses designios, que parece que non existen, pero si existen e están perfectamente planificados, pois, o aparato represivo dunha forma o outra actúa, están sufrindo eles, sufriron os sindicalistas, sufren cantidade de persoas que reclaman xustamente o que é o seu. Eu creo que é un elemento positivo o acordo que imos adoptar, obviamente, supón que quedará nunha vontade, porque a Deputación non ten ningunha competencia, se é que esta presión non chega a quen realmente pode tomar decisións, a Xunta, máis cercana, e o Estado, pero, agardo que sexa un paso para resolver este problema e, en todo caso, ánimo, seguimos na loita porque é o único camiño que estas medidas que se foron adoptando para, esta, vamos, me volvo ó inicio, para perpetrar esta corrupción de roubarlle ós que menos teñen para darlle ós que máis, queremos que merece un combate duro ata gañalo. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Ten a palabra o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Bos días. En primeiro lugar, dar a benvida a todos os representantes que están hoxe no Pleno e tamén por suposto a alcaldes que están presentes nun tema que vamos a debater importante. Quizá os que levamos xa algún tempo en política ás veces pensamos que o inmediato é o importante pero ó final nos damos conta que, cando xurden temas como este das preferentes e das subordinadas, nos damos conta que hai temas que son prioritarios e temas que son fundamentais para a convivencia e sobre todo para que aqueles cidadáns, aqueles veciños, aquelas persoas afectadas por unha cuestión como pode ser a das preferentes, pois, poidan ter a cooperación, a solidariedade, e por suposto o apoio dos representantes políticos, como representantes políticos ó final representamos a todos e, loxicamente, hoxe estamos a tratar unha desas cuestións que consideramos inxustas. Para nós isto é unha estafa en toda a regra, unha estafa a aforradores, a persoas que de boa fe deixaron os seus aforros nunha entidade bancaria e que ó final foron enganados, e cando se produce un engano, se produce unha estafa e os mecanismos de control das institucións non funcionan, evidentemente, entre todos, temos que poñernos na mesma dirección. Eu resaltaría o espírito deste Pleno, do acordo que acabamos de acadar hai uns minutos entre os tres grupos políticos desta corporación, que é importante que todos traballemos na mesma dirección, que todos vaiamos unidos para conseguir o fin, e o fin é, como dicimos no primeiro punto da moción, é que o apoio da Deputación e de toda a súa Corporación ós afectados polas participacións preferentes e subordinadas na xusta reclamación que lles devolvan os cartos na súa totalidade, non falamos nin de quitas, falamos na súa totalidade, e para que isto se leve a cabo, evidentemente, temos que instar a todas as institucións que poden ter responsabilidade para que se poida ver cumprido este acordo: Instar á Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Comercio e ó Goberno de España a que se sigan a adoptar as medidas efectivas de protección dos clientes das entidades financeiras, en definitiva, que se poida seguir coa tramitación da arbitraxe e que se poida dar resposta a todas as propostas, a todas as iniciativas de arbitraxe que estean presentadas. Eu creo que isto ten que ser fundamental, é certo que se fixeron algunhas iniciativas, que hai que tamén recordalas, iniciativas que nestes momentos hai 11.000 casos resoltos, hai o debate de que se poden ser máis ou menos en canto a persoas, pero hai 11.000 casos resoltos, con aproximadamente unha recuperación de en torno a 250.000 millóns de euros, pero, quedan todavía, 1.400-1.500 millóns de euros pendentes de resolución ata acadar eses 1.800 millóns de euros que están atrapados nas preferentes e nas subordinadas. Polo tanto, hai que seguir traballando, hai que seguir traballando nesa dirección para que se poida seguir resolvendo a aquelas persoas que tomaron a iniciativa de ir á arbitraxe e que se resolvan na súa totalidade todos os casos presentados. Tamén instar ó Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores, ó obxecto de que promova unha solución para a recuperación do investimento realizado polos subscritores de participacións de preferentes. Tamén, por suposto, non pode quedar atrás, instar á entidade financeira Nova Caixa Galicia Banco a promover unha solución para os subscritores de participacións preferentes que desexen recuperar os cartos invertidos neste produto. Eu creo que isto é fundamental, Nova Caixa Galicia Banco ten que xogar un papel fundamental e ten que adiantarse á toma de decisións e participar directamente nesta toma de decisións dunha maneira definitiva. E, por suposto, tamén, non nos podemos olvidar, esixir a depuración de responsabilidades ós executivos e directivos das entidades financeiras que impulsaron e cometeron este fraude masivo a estes aforradores, eu creo que a responsabilidade dos directivos e executivos tense que plasmar tamén neste acordo. Polo tanto, o noso grupo, o noso grupo, como así estamos a facer, vamos a seguir apoiando a este colectivo tan importante de aforradores que foron estafados e que queremos que se recuperen na súa totalidade aqueles investimentos, aqueles aforros, que puxeron nas mans das entidades bancarias, para que, dunha vez por todas, este conflito se poida resolver no máis curto prazo de tempo posible. Ese ten que ser o obxectivo que temos que acadar todos e todos traballar na mesma dirección e nós, dende logo, vamos a intentar, por todos os medios, facer a presión política onde corresponda para que se poidan adoptar as medidas políticas onde teñen que tomarse, evidentemente, para que este conflito se resolva o antes posible. Somos conscientes das dificultades que están a atravesar os aforradores, somos conscientes das dificultades de todo tipo, non só as económicas que tamén son importantísimas, as fundamentais, pero sobre todo as condicionantes persoais de cada unha das persoas que ten un aforro metido e que non pode recuperalo. Eu creo que somos sensibles a esta cuestión e, dende logo, dentro das propias estruturas do noso partido estamos a traballar para que este tema se poida resolver. Eu creo que hoxe non é momento de botarnos en cara absolutamente nada, senón de traballar na mesma dirección, traballar todos na mesma dirección para que se poida resolver este conflito, para que os aforradores e as persoas que están atrapadas, se poida resolver dunha maneira coordinada, cooperando entre todos, traballando na mesma dirección e, dende logo, aí vai a estar o noso partido e por suposto vai a estar a Deputación de Pontevedra, vai a estar a Deputación de Pontevedra para que se poida xestionar o mellor posible a solución definitiva que é o que queremos todos. Poden ser conscientes e ter a certeza de que vamos a traballar ata o último momento para que este tema se resolva. Estamos tamén convencidos que teremos solucións positivas e haberá que ter solucións positivas porque, dende logo, cando se produce unha inxustiza desta magnitude, cando se produce unha estafa desta magnitude, todos, todos temos que buscar solucións ós problemas que se nos plantexan. Polo tanto, nós imos a apoiar esta proposta, vamos a apoiar esta moción e vamos a apoiar esta moción porque somos conscientes de que hai unhas persoas que están atrapadas por unha estafa ou por unha inxustiza, que se está a cometer, e que a inxustiza, loxicamente, se resolve, se resolve devolvendo os cartos na súa totalidade que é o obxectivo que temos que perseguir. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias, moitas gracias Sr. Figueroa, moitas gracias. Imos a proceder á aprobación desta moción, dando a coñecer ademais no día de hoxe os datos que, neste caso, para algúns pois poidan ter coñecemento, para outros probablemente non, porque son do día 25 do 1 do ano 13, e dicir que a día de hoxe as reclamacións que hai solicitadas, un total de 62.696, hai reclamacións recibidas por un total 51.560 reclamacións, reclamacións enviadas ó banco a Nova Galicia Banco neste momento son 50.759, reclamacións depuradas 47.437, reclamacións aceptadas por Nova Galicia Banco neste momento son 12.496, vistas celebradas 11.918, laudos notificados 11.658, laudos pagados 11.574, laudos notificados por valor de 231.108.192,00€, laudos pagados 221.206.840,00€; e laudos, neste caso, aceptados por Nova Galicia Banco, que están pendentes de pagar, que se farán, así nolo fan entender, nos próximos días, por valor de 237.939.509,00€. Eses son os datos e esa é a realidade do momento de hoxe. A maiores, a maiores se está esixindo, como non pode ser doutra maneira, que ese número de arbitraxes diario volva, evidentemente, no ritmo, nunca se parou, pero que volva ó ritmo iniciado, e niso se está traballando, niso se está traballando, polo tanto, iso é o que queremos instar dende aquí. A maiores disto está previsto o próximo martes, día 29, ás once e media da mañá, na sede central de Nova Galicia Banco que a quen lles fala e ós alcaldes de todas as opcións políticas, unha representación, en total creo que serán doce, serán recibidos ás 11 da mañá polo Presidente da entidade Nova Galicia Banco, a efectos de coñecer, polo miúdo xa e de maneira definitiva, a situación actual en relación á revisión de cada unha das situacións que hai de reclamacións presentadas. Polo tanto, esperamos que o próximo martes día 29, como digo, ás once e media da mañá, se nos informe tanto a quen lles fala como a alcaldes, en principio irá unha representación de todas as comarcas da provincia de Pontevedra afectadas por este problema, pois nos dean cal vai a ser, neste caso, o horizonte de solución máis próximo. A maiores, hoxe se propón a aprobación da moción conxunta dos grupos provinciais do Partido Popular, do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, ó Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra sobre a liberalización e o desbloqueo de produtos financeiros de NovaGaliciaBanco. Os grupos provinciais da Corporación Provincial de Pontevedra, ó abeiro da lexislación vixente, presentan diante deste Pleno esta moción conxunta relativa á liberalización e desbloqueo dos produtos financeiros de NovaGaliciaBanco. A proposta de acordo é a seguinte: Primeiro, manifestar o apoio da Deputación de Pontevedra e de toda a súa corporación ós afectados e afectadas polas participacións preferentes e subordinadas, na súa xusta reclamación que se lles devolvan os cartos na súa totalidade. En segundo lugar, instar á Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Comercio e ó Goberno do Estado, a que sigan a adoptar as medidas efectivas de protección dos clientes de entidades financeiras que investiron os seus aforros en instrumentos financeiros opacos sen que por parte das entidades financeiras fosen informados debidamente dos riscos do produto, e sen que se cumprisen ademais as obrigas establecidas na normativa co fin de que poidan recuperar os seus aforros no prazo de tempo máis breve posible. Terceiro, instar ó Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores ó obxecto de que promova unha solución para a recuperación do investimento realizado polos subscritores de participacións preferentes en Galicia. Cuarto, instar á entidade financeira NovaGaliciaBanco a promover unha solución para subscritores de participacións preferentes que desexen recuperar os cartos investidos neste produto permitindo ós afectados a recuperación, permitindo ós afectados a recuperación íntegra do investimento realizado. Quinto, esixir a depuración de responsabilidades ós executivos e directivos das entidades financeiras que impulsaron e cometeron o fraude masivo ós pequenos aforradores. E, sexto, demandar das autoridades competentes o cumprimento estrito da normativa MIFID, directiva sobre mercados e instrumentos financeiros. Así o asinan os portavoces das tres formacións políticas. Polo tanto, isto é o que se aproba por parte da corporación provincial, que ademais estou plenamente convencido que a inmensa maioría dos afectados están nesta mesma dirección. O Pleno acorda, por unanimidade dos tres grupos políticos que constitúen a Corporación Provincial, aprobar a Moción conxunta do Partido Popular (PP), Partido Socialista de Galicia-Partido Socialista Obrero Español (PSdeG-PSOE) e Bloque Nacionalista Galego (BNG), sobre a liberación e desbloqueo dos produtos financeiros de NovaGaliciaBanco. Dita Moción é a seguinte: “Os grupos provinciais da Corporación Provincial de Pontevedra, ao abeiro da lexislación vixente, presentan diante do Pleno da Deputación de Pontevedra esta moción conxunta relativa á liberación e desbloqueo dos produtos financeiros de NovaGaliciaBanco. PROPOSTA DE ACORDOS 1.- Manifestar o apoio da Deputación de Pontevedra, e de toda a súa Corporación, aos afectados/as polas participacións preferentes e subordinadas na súa xusta reclamación de que lles devolvan os cartos na súa totalidade. 2.- Instar á Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Comercio, e ao Goberno do Estado a que sigan a adoptar medidas efectivas de protección dos clientes de entidades financeiras que investiron os seus aforros en instrumentos financeiros opacos, sen que por parte das entidades fosen informados debidamente dos riscos do produto e sen que se cumprisen as demais obrigas establecidas na normativa, co fin de que poidan recuperar os seus aforros no prazo de tempo máis breve posible. 3.- Instar ó Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores, ao obxecto de que promova unha solución para a recuperación do investimento realizado polos subscritores de participacións preferentes e subordinadas en Galicia. 4.- Instar á entidade financeira NovaGaliciaBanco a promover unha solución para os subscritores de participacións preferentes e subordinadas que desexen recuperar os cartos investidos neste produto, permitindo aos afectados a recuperación íntegra do investimento realizado. 5.- Esixir a depuración de responsabilidades aos executivos e directivos das entidades financeiras que impulsaron e cometeron fraude masivo aos pequenos aforradores. 6.- Demandar das autoridades competentes o cumprimento estrito da normativa MIFID (Directiva sobre mercados de Instrumentos Financeiros). En Pontevedra, a 25 de xaneiro de 2013 Asinado: José Manuel Figueroa Vila (PP) Héctor Santos Rodríguez Díaz (PSdeGPSOE) e Cesáreo Mosquera Lorenzo (BNG).” Sr. Presidente.- Sr. Secretario, ¿había más cosas ahí?. Sr. Secretario.- Fuera del orden del día no hay nada. 6.6320.- ASUNTOS FÓRA DA ORDE DO DÍA Non houbo. b) Parte de información e control: 7.6321.- DAR CONTA DAS RESOLUCIÓNS PRESIDENCIAIS Sr. Secretario.- Ahora dar cuenta de Resoluciones Presidenciales. Sr. Presidente.- Dar conta de Resolucións Presidenciais, e despois Rogos e Preguntas para a Corporación, e despois tamén con alguén que nos queira preguntar algunha cousa, como sempre, estamos abertos a escoitar. Sr. Secretario.- Se da cuenta de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre el 21 de diciembre y el 21 de enero de este año. Así mismo una Resolución Presidencial en la que se nombra diputado provincial a D. José Luis Pérez Estévez, adscribiéndolo a la Junta de Gobierno y adscribiéndolo a determinadas Comisiones Informativas; y, otra Resolución Presidencial delegando las atribuciones de la Presidencia durante su ausencia, del 14 al 17, en el Sr. Vicepresidente, Sr. Figueroa. Queda enterado o Pleno das seguintes: A) De extractos de Resolucións Presidenciais ditadas pola Presidencia entre os días 21 de decembro de 2012 e 21 de xaneiro do ano 2013 e que foron trasladados ós Voceiros dos distintos grupos políticos. B) De Resolución Presidencial, de data 28 de decembro de 2012, pola que se nomea ó deputado provincial D. José Luis Pérez Estévez membro da Xunta de Goberno e se adscribe a distintas Comisións Informativas. C) De Resolución Presidencial delegando as atribucións da Presidencia durante a súa ausencia, do 14 ó 17 de xaneiro, no Sr. Vicepresidente, D. José Manuel Figueroa Vila. 8.6322.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Rogos e preguntas. Dona Iolanda Veloso. Sra. Veloso Ríos.- Moitas grazas. Esta Deputación, o goberno da Deputación de Pontevedra, decidiu no seu momento marchar do Padroado da Fundación Marco, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Iso, evidentemente, supuxo un problema económico que está alterando gravemente o funcionamento e que pon ademais en cuestión o mantemento da actividade dese Museo. De feito acompáñanos no salón de Plenos persoas que perderon o seu posto de traballo no Museo do Marco, porque ademais de reducir o persoal tamén se eliminaron servizos básicos para funcionamento, o correcto funcionamento do Museo, como o servizo de seguridade, o cal está provocando, como podemos imaxinar, alteracións tamén no funcionamento do Museo, e provoca situacións de inseguridade grave, porque ademais nese Museo tamén se desenvolven actividades nas que participan nenos e nenas, e non podemos asumir que iso se poida desenvolver garantindo a seguridade de todos os usuarios e usuarias. Pero, no momento no que o goberno manifestou e trouxo a este Pleno a decisión de abandonar o Padroado da Fundación Marco, tamén dixo que existía a posibilidade de que a Deputación, para manter actividades e servizos, podía chegar a acordos puntuais para poder colaborar coa Fundación Marco nas súas actividades. Eu o que quería preguntar, e a min o que me gustaría saber, é se a Deputación está valorando, dada a situación tan grave que está atravesando o Museo Marco, está valorando a posibilidade de poder colaborar economicamente, como correspondería, a un Museo que é unha referencia, non só para a cidade de Vigo, senón que é un referente cultural para toda a provincia de Pontevedra e para todo o país. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Pois tomamos nota dese traslado e comentario de Vigo, creo que xa foi coñecido no seu momento. Polo tanto, tomamos nota e trasladaremos neste caso o comentario oportuno. ¿Algunha pregunta máis?. Non hai máis. Polo tanto, a efectos de Pleno se levanta a sesión. Moitas gracias e bos días. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as doce horas e vinte minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario, Asdo. Rafael Louzán Abal Asdo. Carlos Cuadrado Romay
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota
Puntos de acceso
Puntos de acceso de topónimos
Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)