ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.404
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.762

Acta de sesión 2013/08/07_Extraordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.829/1.2013-08-07_Extraordinaria

  • Título Acta de sesión 2013/08/07_Extraordinaria

  • Data(s) 2013-08-07 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión. 38 follas

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido A C T A Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 7 de agosto do 2013 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as dez horas e cinco minutos do día sete de agosto do ano dous mil trece, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente Don Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona María Isaura Abelairas Rodríguez (PSdeG-PSOE), Don Pablo Baquero Álvarez (PP), Don José María Bello Maneiro (PP), Don Uxío Benítez Fernández (BNG), Don José Antonio Cacabelos Rico (PSdeG-PSOE), Don José Crespo Iglesias (PP), Dona Begoña Estévez Bernárdez (PP), Dona Ornela Fernández Salgado (BNG), Don José Manuel Figueroa Vila (PP), Don Juan Antonio González Pérez (PSdeG-PSOE), Don Arturo Grandal Vaqueiro (PP), Don Fernando Guitián Guitián (PP) Dona Marta Iglesias Bueno (PP), Don José Carlos López Campos (PP), Don Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo (BNG), Don José Luis Pérez Estévez (PP), Dona María Pilar Ramallo Vázquez (PP), Don Eduardo José Reguera Ocampo (PSdeG-PSOE), Don Severino Reguera Varela (PP), Don Santos Héctor Rodríguez Díaz (PSdeG-PSOE), Don José Nelson Cándido Santos Argibay (PP), Don Jesús Vázquez Almuíña (PP), Dona Ana Isabel Vázquez Reboredo (PP), Don Francisco Andrés Veiga Soto (PSdeG-PSOE) e Dona Iolanda Veloso Ríos (BNG), co obxecto de celebrar sesión extraordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asiste o Sr. Deputado Don Alberto Valverde Pérez (PP). Da fe do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.6381.- BASES REGULADORAS DO PLAN PROVINCIAL DE OBRAS E SERVIZOS 2013 Sr. Presidente.- Bos días. Imos a dar comezo a este pleno extraordinario que ten como punto único da orde do día as “Bases reguladores do Plan Provincial de obras e servizos para ano 2013”. Ten a palabra o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Si, bueno, bos días. Hoxe traemos a este pleno un Plan de obras e servizos, saben vostedes que no último pleno se aprobou unha modificación de crédito por un importe de trinta millóns de euros, con tres cuestións fundamentais, que eran a amortización de débeda por un importe de nove millóns, un plan de emprego por sete millóns de euros que, bueno, é importante para, sobre todo, esas persoas que están no paro e teñen unha situación complicada e delicada e tamén se aprobou por un importe de quince millóns de euros un Plan de obras e servizos que van destinados a entidades locais entre 1.000 e 50.000 habitantes. Primaranse neste plan os proxectos aqueles dos concellos adheridos ós plans provinciais de xestións de servizos. Un dos obxectivos fundamentais dos traballos desta casa á hora da acción política loxicamente son os propios concellos, e, tamén marcaranse, se están marcando un criterio de concesión que partirase dun fixo lineal ós 59 concellos de aproximadamente cen mil euros, cento un mil euros en concreto, e, tamén, se posibilitará ou habilitará a posibilidade de que as débedas que manteñan os concellos coa Deputación se poidan saldar. Tamén, se creará unha comisión de estudo que validará a oportunidade dos proxectos remitidos polos concellos e que tamén esta comisión, bueno, pois poderá rexeitar aqueles proxectos que non teñan obxectivos servizos obrigatorios a prestar polo propio concello. Os obxectivos do Plan tamén marcan uns criterios, proxectos con importe igual ou superior a 20.000,00€ que teñen que ver cos servizos obrigatorios que prestan os concellos; investimentos que se efectuarán pola propia Deputación, sen achega do concello ou entidade local; tamén con achega do concello á entidade local; tamén se permitirán cun límite do 30% da cantidade concedida que poidan ser destinados á amortización da débeda con entidades financeiras a pagamento de débedas á acredores de investimentos, débeda do estado, e, tamén, gastos correntes como pode ser luz, auga, electricidade, recollida de residuos; e, excepcionalmente, poderanse valorar outro tipo tamén de gastos correntes. A finalidade do plan é a creación e mantemento, tamén, de mil postos de traballo, unha carga de traballo para un dos sectores máis castigados, a construción, en previsión de que se poidan contratar aproximadamente máis de trescentos proxectos. Tamén, outra das finalidades é a execución de proxectos herdados e investimentos produtivos dos concellos; tamén, axuda ó equilibrio financeiro das entidades locais; a cooperación intermunicipal a través da agrupación dos concellos. En definitiva, que é un plan destinado prioritariamente ós concellos que por un importe de 15 millóns de euros eu creo que vai a aliviar ou polo menos dar resposta a moitas das demandas que se nos están plantexando dende os propios concellos en servizos básicos. Tamén, se inclúe esta posibilidade do 30% para a amortización, para cuestións que tivesen pendentes e incluso para gasto corrente, que imos a intentar que sexa o menos posible pero que en calquera caso tamén está esa posibilidade dentro dos obxectivos que perseguimos con estes 15 millóns de euros dedicados ós concellos da nosa provincia. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Ten a palabra D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente, moi bos días a todos e a todas. Imos a ver, no Pleno do venres aprobouse, como xa dixo o portavoz do PP, bueno, aprobouse definitivamente que xa se aprobara inicialmente, unha modificación de crédito na que esta, a Deputación adicaba 31 millóns, bueno, o total da modificación, entre eles ían 15 millóns para este plan de investimentos ou que se lle quere chamar Plan de obras e servizos provinciais 2013. Bueno, naquel momento, e sendo conscientes de que podían vir detrás unhas bases como estas, votamos a favor e votamos a favor porque se estaba decidindo o futuro duns diñeiros desta Deputación, duns diñeiros de remanentes líquidos, ou sexa, superavit ou como se queira chamar do ano pasado, que por determinación do Estado tiñan que ir para amortizar débeda e esta casa, digamos, esta Deputación, o grupo de goberno, propuxo e foi incluso modificando que se adicaran a investimento na provincia e non como pretendía Madrid, como pretendía o goberno do estado, a outros fins. Hoxe veñen as bases, digamos, para proceder a gastar estes 15 millóns, de como gastalos, e estas bases que é o que temos que discutir hoxe son profundamente inxustas e disfuncionais, estrañas, e todo o que se lle queira chamar, ¿non?, vimos en todas as, ultimamente, ¿non?, en todos os debates, dos orzamentos e de bases deste tipo, facendo unha serie de propostas que o que vai estas bases é exactamente na dirección contraria, ou sexa, parece que é, digamos, un intento claro de substituír, de que a Deputación vaia substituíndo progresivamente ós concellos. E, ¿por que dicimos isto?, pois porque as obras que se van a facer, que é o gordo como mínimo o 70%, non as van a facer os concellos, vainas facer está Deputación, a proposta dos concellos, pero só a proposta, claro, isto foi un cambio que se introduciu hai algún tempo que non está funcionando especialmente ben, cando adxudicaban os concellos as obras e a Deputación lle transfería os fondos e resulta que, practicamente, acordémonos de todos os plans, o POS, etc., practicamente, todos se liquidaban en tempo e forma. Estes plans desde que os contrata a Deputación, aínda hai obras sen contratar do Plan 7-11 ou 8-11, 9-11, creo que era, dende logo xa hai obras que tiñan que estar acabadas no 2011 e aínda están sen adxudicar, ou sexa, que non demostrou funcionar especialmente ben. E por outro lado crea unha perversión tremenda que é a seguinte, nunca, nunca, se coñece caso, en que se unha administración fai unha obra que despois xestiona outra, bueno, pois que ese mecanismo teña funcionado ben. Podíamos poñer exemplos todos os que se queiran, houbo un especialmente sorprendente que foi, digo dos que coñezo aquí do concello de Pontevedra, cando se fixera o paseo da Avda. de Uruguay, o paseo de beiramar, que fixera Fomento, resulta que as fontes non tiñan desaugues, por exemplo. ¿Por que?, bueno, pois porque o que lle interesaba a Fomento era facer o paseo e lle quedara a loseta bonita e o resto lle daba exactamente igual e á empresa debeulle, había un fallo no proxecto, non había, bueno, a saber o que pasou, e resulta que chegamos a ese extremo. Bueno, podíamos poñer mil exemplos, alcantarillados ós que se lle conectan regatos, de todo tipo, ¿por que?, bueno, pois porque a administración que a está facendo pois, obviamente, a preocupación que ten é sacar a obra adiante, non sei que, e despois, pois colle e quen veña atrás arrea. Nunca funcionou ben, podíamos seguir con exemplos de todo tipo. Bueno, facer isto masivamente, francamente non ten moito sentido, non te moito sentido excepto que sexa un intento de maniatar, maniatar ós concellos e substituílo por esta casa. Hai máis cousas así, despois empezamos a mirar as bases, entón, resulta que non se permite medicións finais, non se permite reformados, non se permite modificados, ou sexa, os proxectos teñen que ser pluscuamperfectos, cousa que todos sabemos que en situacións complexas e case imposible, e senón, pois o rabo despois quédalle ó concello que terá que refacer ou o que sexa, ¿non?. E, claro, como está pendente o concello de turno da seguinte obra, pois non ten máis remedio ou de conseguir unha subvención desta Deputación ou que non se enfade o goberno desta Deputación pois ten que recepcionar ou tragar con obras que son francamente disfuncionais ou que habería que facelas doutra maneira, habería que facelas. Entón, perseverar nunha maneira de actuar que ten demostrado, pero con todas as administracións, ¡eh!, non é a Deputación, posiblemente a Deputación nisto sexa a máis respectuosa cos concellos, pero que sempre ten demostrado en todos os casos que non funciona ben, que non funciona ben, que é un mecanismo que non funciona ben, pois, francamente non ten moito sentido. A maiores, os criterios de reparto son moi, moi inequitativos, tremendamente inequitativos, ou sexa, aquí podíase botar as contas e resulta que haberá concellos nos que se poñemos por habitante pois igual estamos falando pois de non sei, de 100 euros por habitante, e outros pois que igual lle toca a 5 euros por habitante. Home, algún axuste poderá ter, pero caramba, caramba para o axuste, ou sexa, non é, “imos a axustar un pouquiño para, por, bueno, por extensión”, bueno, non, é, francamente, esaxerado, ou sexa, moi, moi, moi esaxerado, xa o discutimos outras veces e, de verdade que, poderíase facer un esforciño, como xa houbo por outro lado, xa houbo outros plans aquí que eran bastante, bastante, bastante máis equitativos, tanto os PAM no seu momento como o PPC, etc., eran bastante máis, moito máis equitativos, este é profundamente inequitativo, profundamente inxusto o reparto, moi desigual, tremendamente desigual e témolo advertido, temos votado a favor de moitisimas bases se tiñan o máis mínimo viso de obxectividade, de criterios obxectivos, aquí, aparentemente, quérese dar un adorno de obxectividade pero non teñen ningunha. E despois está o famoso 20% do Presidente, de reserva do Presidente, que tal como están as bases, francamente, francamente, non somos capaces a saber a parte de que se vai a adxudicar segundo ben entenda o Presidente, cousa que non é, precisamente, un mecanismo razoable, a metade será para primar non sei que, o outro para primar, primarase que estea na xestión, primarase non sei que, bueno, un batiburrillo que, obviamente, sen obxectivar e sen contas pois, dificilmente, sen criterios obxectivos, dificilmente, se poderán cumprir ou pola contra, ou sexa queda na libre discrecionalidade senón arbitrariedade do Presidente. Ben, non imos a entrar xa nalgúns detalles que poderíamos entender, bueno, menores, como que isto contribúe a dar continuidade ó actual proceso de recuperación económica. Bueno, é unha valoración como outra calquera, cunha economía en regresión despois de ter baixado tropecentos puntos en anos sucesivos, que esta é unha recuperación, bueno, pois é unha valoración bastante subxectiva, bastante, moi pouquiños economistas poderían soster está afirmación, ¿non?, aí todos os organismos internacionais tremendos que se dedican a facer esas valoracións ningún coincide nesa apreciación, ¿non?. Entón, nós lamentándoo moito imos a votar en contra pero, claramente, en contra, ¡eh!, non, porque, repetimos, quere dicir, é un plan substitutivo dos concellos que, incluso, por si era pouco que adxudique a Deputación ata, teoricamente se prima, non sabemos como, que os concellos estean nos plans provinciais de xestión de servizos, supoño que será o ORAL, porque pouco máis hai por agora e os Consorcios de Bombeiros, porque agora xa os concellos non pintan nada, supoño que será o ORAL porque moito máis non hai, ¿non?. Bueno, que é moi inequitativo, moi inxusto, e, isto é o que está nas bases, despois temos que mirar os que non están, que son, o Concello de Mondariz-Balneario, o Concello de Pontevedra e o Concello de Vigo. Hai un novo Plan, cunha contía bastante ampla, 15 millóns, e resulta que aquí nas bases non se contempla nada e tal é como están redactadas, habería que entender claramente que quedan fóra, e dicir que só vai para os concellos entre 1.000 e 50.000 habitantes, ou sexa Mondariz-Balneario, Pontevedra e Vigo quedan fóra deste Plan, quedan fóra, ou sexa, o caso de Pontevedra e Vigo o mecanismo normal para resolvelo será mediante convenios ou outro tipo de actuacións específicas e Mondariz-Balneario que sempre foi o gran beneficiado aquí, neste caso, pois se inventará por aí algún desvío, nós entendemos en contra das bases para substituílo. Non se pon nada e cremos que si se debería poñer, non sei se nas bases, nalgunha addenda ou nalgún documento, pero non ten moito sentido a situación tal é como queda. Lamentámolo, non queren facer unhas bases equitativas, non acabamos de entender por que, alá as razóns que teñan, dende logo, nunca deron ningunha convincente e, polo tanto, non imos a avalar que está Deputación interfira, ou sexa, se meta, substitúa ós concellos á hora de facer as obras e faga un reparto nesas obras, nas obras que vai a facer a Deputación, tremendamente desigual, tremendamente inxusto. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Ten a palabra o Sr. Santos Héctor. Sr. Rodríguez Díaz.- Gracias Presidente, bos días. Ben, nós queríamos comezar polo Pleno último, o do venres pasado, onde o grupo provincial socialista votou a favor da modificación do crédito extraordinario e do suplemento de crédito porque para nós é unha boa liña para mellorar o ciclo económico, é dicir, para cambiar o actual ciclo económico porque abonda nas políticas Keynesianas de inversión, de creación de emprego, que se fixeron a través dos últimos gobernos socialistas e que dende o partido popular en moitas ocasións se afeou ou se criticou esta política pero, que vemos, que agora vostedes pois a abrazan e, polo tanto, darlles a benvida a estas políticas. A segunda cuestión, é que dende o grupo provincial esperábamos que despois de todos os grupos da oposición de haber votado a favor deste crédito extraordinario e suplemento de crédito para inversión pois que se nos tivera convocado cando menos para recabar a nosa aportación, opinión, para estas bases que hoxe veñen aquí a este pleno para a súa aprobación. Polo tanto, cremos que a vostedes non lles importa nada o que nós podamos aportar, dicir, opinar, respecto deste plan sobre todo, como digo, e hai que recordalo que votamos a favor porque cremos que a liña adecuada para cambiar o ciclo económico, mellorar o ciclo económico e mellorar o emprego. A segunda cuestión, é que vostedes deixan de novo fóra ó concello de Pontevedra, ó concello de Vigo e tamén neste caso ó concello de Mondariz-Balneario, que a suma dos dous por enriba dos 50.000 habitantes supoñen o 40% da poboación desta provincia e, polo tanto, tamén o 40% da aportación deses veciños e veciñas á Deputación de Pontevedra, e vemos que para nada se ven reflexados neles inversións deste plan de inversións, unha ve máis porque xa non é o primeiro senón que é unha tónica continua que fai o goberno da Deputación. Destes 15 millóns, de novo o 80% e por concorrencia competitiva e 3 millóns de euros, é dicir o 20%, agora nestas bases evitan dicir que os reserva o Presidente pero, dende logo, é como se o puxera, é o mesmo, porque vai a ser, discrecional, para o Sr. Louzán facer o que queira con eses 3 millóns de euros. E, dende logo a nós nos parece que incluso o propio reparto por poboación, superficie non é un reparto equilibrado e tamén pola propia maneira de adicar as inversións tamén a amortización financeira, a pago de débedas a pago de débedas co Estado e tamén a adicarse a pago de gastos correntes como moi ben dicía o voceiro do Partido Popular, agora na súa exposición, pero disto só é o 30% da cantidade final de cada concello. E, dende logo, tampouco entendemos que se prime na concesión destas axudas para aqueles concellos que estean adheridos ós plans provinciais de servizos sociais ou de recollida de lixo. E hai outra cuestión que o Grupo Provincial Socialista vimos denunciando en cada pleno cada vez que hai plan de inversións da Deputación, mentres os concellos fan e aboan os proxectos que se van a desenrolar ou que queren que se desenrolen no seu concello, que despois presentarán aquí na Deputación é a Deputación a que licita as obras, é a Deputación a que licita as obras de todos e cada un dos concellos, polo tanto, segue habendo, segue tratando ós concellos como menores de idade. E hai outra cuestión que tamén queremos dicir e que vimos tamén plantexando en cada un destes plenos, as cantidades que por licitación, as baixas dese concurso que por licitación queden, nós reclamamos que se reinvistan no mesmo concello onde se desenrolaron esas obras, porque ó final non sabemos a onde vai ese 10-15% de baixa de todas as obras destes 15 millóns de euros, que pode ser en torno a un millón e medio de euros, non sabemos nin se sabe a onde van de novo, debe pasar como os 3 millóns de euros. E miren, hai outra, hai outra cuestión que creo que debemos resaltar, que estas bases seguen premiando ós incumpridores que non pagan as súas débedas, despois do plan de inversión da Deputación, que tamén se puido usar para pagar débedas ou amortizar créditos financeiros, os propios concellos teñen que estar a facer duros axustes para reducir a súa carga financeira. E, dende aquí, con estas bases, se sigue premiando a todos aqueles que non fan ningún esforzo para axustar as súas contas porque saben que vai a haber un plan de inversións da Deputación que lles vai a arreglar esa situación aportándolle cartos para iso. Mire, nesta discriminación que fan vostedes de Mondariz-Balneario, de Pontevedra e de Vigo, nós lles propoñemos que o 20% que ten de reserva para o Presidente se adique a estes tres concellos, en inversións nestes tres concellos. Visto isto, visto isto, nós, creo que vostedes seguen persistindo no mesmo erro, plan de inversións tras plan de inversións, sempre fan e cometen o mesmo erro, e sobre todo tamén na propia contratación facéndoa vostedes en de lugar que a poidan facer os concellos. Mire, iso tamén o facían coas contratacións de traballadores e traballadoras do Plan de Emprego Municipal ata que por lei tiveron que deixarlle que os concellos fagan as contratacións, porque senón podían, podían, e vostedes o saben moi ben, estes traballadores e traballadoras reclamar cesión ilegal de traballadores da Deputación nos concellos, e polo tanto, tiveron que cambiar e non van a cambiar, non van a deixar que os concellos fagan as súas propias contratacións, aquelas empresas que se presenten nos seus concellos, en tanto e canto por lei non teña que cambiarse. Nós lamentamos dende o Grupo Provincial Socialista de que non se nos tivera pedido a nosa opinión sobre todo despois de haber votado a favor como fixemos deste suplemento de crédito e o crédito extraordinario, no último Pleno, creo que perderon unha ocasión de contar coas nosas aportacións e poder haber sacado hoxe aquí por consenso estas bases do Plan de Inversións da Deputación. Polo tanto, nós non imos a votar a favor deste Pan de Inversións da Deputación entre outras cousas polo que aquí xa vin manifestando. Moitas gracias. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, unha aclaración que, bueno, como é coñecido teño, este portavoz ten certas dificultades para ler ben, e vamos, Mondariz tal é como está redactado, agora estou tal, si entra na parte dese 20%, ou parece ser que se entende, porque tal e como está redactado non o sei, ¿non?, en todo caso Pontevedra e Vigo, claramente, non están. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Ten a palabra o portavoz do Partido Popular, Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Bueno, eu creo que dende a oposición pois, loxicamente, intentan desvirtuar un proxecto que é fundamental para os concellos, un proxecto de 15 millóns de euros que é unha cantidade importante, pero 15 millóns de euros que seguramente se fora só neste ano ou no que vai para o próximo ano, pois, ó mellor aínda tería sentido algunha crítica, pero hai que pensar que estes plans de obras se veñen levando a cabo dende a Deputación dende hai anos atrás e polo tanto é unha continuidade de apoio dunha maneira clara e concreta ós concellos da nosa provincia. Vostedes falan dos criterios, os criterios máis obxectivos é totalmente imposible, porque os criterios están perfectamente demarcados, cun fixo, e despois por poboación, por territorio e, loxicamente, dá unhas cantidades que son máis que obxectivas, eu diría que case matemáticas, é dicir, polo tanto, é difícil facer un criterio, unha crítica sobre esta cuestión. Mire, D. Santos Héctor, eu creo que ás veces vostedes intentan desvirtuar a verdade do que está pasando. Vostede está pedindo o 20% para Vigo e Pontevedra e eu lle podo asegurar que a día de hoxe hai en fase de contratación para Vigo e Pontevedra máis do 20% que vostede reclama, só un dato, para Vigo, para non meterme en Pontevedra, que vostede seguramente ó mellor descoñece, nestes momentos hai en licitación, unha obra de preto de 2 millóns de euros que tiñan que facer vostedes, que é a remodelación de todo o complexo deportivo federativo de Coia. Polo tanto, xa é máis dese 20% que vostede está reclamando, ¿pero que quere?, non queren velo, porque a vostedes non lles interesa, entón, fan a crítica, que intentan buscar o titular que Vigo e Pontevedra quedan discriminadas deste proxecto. É rotundamente falso, falso con datos, é dicir, non é falso porque o diga eu, só Vigo, nestes momentos hai un proxecto en licitación que o poden comprobar, de que supera un millón e medio case preto dous millóns de euros, dunha estrutura deportiva, dunha infraestrutura deportiva, que terían que facer vostedes e que non o fan, polo tanto, eu creo que os argumentos que vostede está a dar, de verdade que se desvanecen por si solos. Polo tanto, eu creo que esta é unha cuestión tamén importante para ter en conta, ata agora todos os plans que levamos a cabo se foron cumprindo ó 100%, e o último, o último plan pois de 175 obras hai 150 adxudicadas, 150 obras, un plan que se aprobou no mes de outubro, polo tanto van aproximadamente nove meses, dez meses, non chegou aínda ó ano e cando chegue ó ano, evidentemente, estará totalmente rematado ese Plan. ¿Por que facemos os criterios, e definimos os criterios, non só por un fixo liñal, por poboación, por territorio, e lle damos a posibilidade ós concellos tamén para que fagan a amortización do endebedamento con entidades financeiras, que poidan pagar débedas a acredores e investimentos, que poidan pagar tamén débeda do Estado e que poidan pagar gasto corrente ata un 30%?. Imos a intentar que sexa o menos posible, ¿por que?, porque hai unha realidade, hai unha realidade económica de certos concellos que teñen dificultades. Polo tanto, a nós nos gustaría que fose todo para inversión pero, evidentemente, non podemos obviar, non podemos escaparnos da realidade que temos, e a maiores, pois, a creación, o mantemento de aproximadamente 1000 postos de traballo nun sector como o da construción que está a pasar por un momento delicado, e non só os 1000 postos de traballos, senón que 300 proxectos aproximadamente que se van a poñer en marcha na maior parte dos concellos. Isto, evidentemente, ¿que vai a xerar?, vai a xerar riqueza, vai a xerar investimentos produtivos nos concellos, vai a intentarse que estes investimentos, evidentemente, teñamos un control para a viabilidade futura dos mesmos e que sexan investimentos, evidentemente, básicos e necesarios e prioritarios en cada un dos concellos. Isto, evidentemente, vai unido a outro proxecto deste goberno, que é o proxecto do Plan de emprego, un proxecto que xa debatemos no Pleno anterior e que o Presidente fixo público, onde estamos a falar deses 7 millóns de euros que tamén aprobamos na modificación de crédito, que van a dar emprego a máis de 1.100 persoas, 700 directamente para os concellos e 400 en becarios, son 7 millóns de euros. E, a maiores vamos a facer unha amortización de débeda de 9 millóns de euros, ¿que vai a significar a amortización de débeda?, pois que vamos a liberar intereses de cara ó futuro para que esta casa teña que pagar menos intereses ós bancos e, evidentemente, podamos ter máis solvencia e poidamos ter máis liquidez que é o que pretendemos. Eu creo que están perfectamente definidos os parámetros económicos desta casa neses tres aspectos, na amortización de débeda, na creación de emprego e no apoio ós concellos que ó final non só é o apoio ós concellos en si mesmos senón que este apoio, evidentemente, vai a dar unha solvencia e unha creación de postos de traballo que son importantes. Vostedes pensen unha cousa, que no que aprobamos dende o venres, o venres pasado vai a significar preto de 2.000 postos de traballo, máis 2.100 postos de traballo, que vai a xerar esta Deputación, á parte dos Plans de Emprego que xa tiñamos aprobados no presuposto de 2013, que estaríamos falando entre 2.500 máis 1.000 agora destes, tres mil e pico postos de traballo, eu creo que iso é importante, é dicir, á parte de cubrir cos servizos básicos que poidan presentar os concellos, de axudarlle ós concellos a resolver a súa situación de gasto corrente que teñen e das débedas que teñen moitos deles con bancos e con provedores, home, eu creo que estamos facendo como dicían vostedes unhas políticas adecuadas, correctas, coherentes, se queren vostedes utilizar unha palabra suave para que tampouco, bueno, pois, sexamos demasiados optimistas, pero si que razoables, coherentes e cuns criterios claros de que esta casa pois alguén falaba hai dous anos ou tres que estaba na banca rota, pois totalmente falso, é unha institución solvente, unha institución que a día de hoxe está marcando, marcando as liñas a seguir a outras administracións, na austeridade, no rigor presupostario, no control do gasto, e vostedes o están mirando, se foi reducindo o gasto corrente dunha maneira paulatina durante os últimos anos, se miran a evolución desta casa se darán conta diso. Polo tanto, eu creo, dende logo, que este é un proxecto imprescindible, necesario, un plan que van a agradecer os veciños e veciñas da nosa provincia, e, por suposto, os propios concellos que tamén, tamén, lle animamos e lle suxerimos que vaian un pouco nesta dirección, é dicir, eu creo que é a dirección na que temos que ir, que ademais se marcou o venres, por unanimidade desta Corporación, o que quere dicir que estamos facendo as cousas ben, e nós, ¿que lle intentaremos trasladar ós concellos?, que sigan tamén esta liña, que é a liña boa, a liña da austeridade, do control do gasto, de crear emprego e de intentar, evidentemente, que se constrúan e se fagan obras básicas que sexan imprescindibles, necesarias e prioritarias, non obras como en moitos momentos se fixeron sen moito sentido nalgúns casos, moi puntuais, que eu creo que temos que desterrar todos os que nos dedicamos á vida política. Polo tanto, eu creo que os criterios son súper obxectivos, eu diría que case matemáticos, é dicir, e polo tanto é moi difícil tal. E con respecto á situación de Vigo e Pontevedra dicirlle ós medios de comunicación e á cidadanía en xeral que Vigo e Pontevedra van a través de convenios específicos, porque parece que o discurso é que queren apartalo, non, eu só lle digo que o que pide vostede se está cumprindo con creces, neste caso concreto, con Pontevedra tamén pero con Vigo dunha maneira concreta porque vostede e eu sabemos do que estamos a falar. Polo tanto, dicirlle que case preto deses dous millóns de euros que se van a investir no campo federativo de Coia cumpren por riba do que vostede está solicitando agora mesmo, máis outras cousas que abriríamos un debate aquí de cousas que non se puideron facer e que dende esta casa queremos facer, e non só iso senón hai que analizar o que recibe Vigo e Pontevedra doutros apartados sociais, culturais e deportivos polo volume que teñen, evidentemente, pero que si o reciben desta casa, e que, seguramente, se marcásemos un mesmo criterio para Vigo e Pontevedra e non os metésemos polos convenios recibirían moitísimo menos, recibirían moitísimo menos, polo tanto, eu vou a facer unha afirmación, Vigo e Pontevedra quedando fóra saen moito máis beneficiados que os concellos pequenos, pero moito máis beneficiados e, bueno, pois ó mellor tampouco é xusto, é dicir, pero bueno, pero non fagan o debate ó revés, non digan Vigo e Pontevedra quedan excluídos, non, non, Vigo e Pontevedra reciben axudas e convenios por outros conceptos, e volvo a repetir a afirmación, e reciben máis, proporcionalmente, que se se axustaran ós criterios que están establecidos dentro destas bases. Polo tanto, eu creo que iso é vou deixalo claro e tamén ós compañeiros dos medios de comunicación trasladarlle un pouco esta idea porque se se len, seguramente, as bases, pois, quedariamos única e exclusivamente nesa mensaxe, e é rotundamente falso, e algún día, algún día sacaremos os datos de Vigo e Pontevedra, reais, e, seguramente, máis de un se levará unha sorpresa, seguramente os alcaldes de concellos de menos de 50.000 habitantes protestarán, dirán, “é inxusto o trato que se lle está dando a Vigo e Pontevedra dende esta casa”. Eu, evidentemente, como representante de Vigo canto máis se lle de a Vigo pois moitísimo mellor, evidentemente, que tamén é a defensa que temos que facer. Polo tanto, eu creo que imos a manter o discurso e o debate nun equilibrio, que é o que estamos a facer, e ademais que se mantén ese equilibrio, e volvo a repetir, se as bases deste plan repercutisen en Vigo e Pontevedra recibirían, volvo a repetir, moito menos do que teñen a través de convenios. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Sr. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Grazas Sr. Presidente. Isto é jauja, ¿non?, os concellos de menos de 10.000, aquí, polas contas, saen moi beneficiados; os de entre 10.000 e 20.000 tamén, saen máis beneficiados aínda que os de 10.000; os de entre 20.000 e 50.000 tamén, os de máis de 50.000 tamén; jauja, é dicir, comparativamente aquí, porque en termos absolutos pódese discutir pero que saian todos beneficiados un pouco máis que os outros é un pouco complicado, un pouquiño complicado, e claro, así non dá, é dicir, así, evidentemente, evidentemente, non hai maneira de facelo, o que está claro é que o plan é profundamente inxusto ou o que sexa, os criterios de reparto, sábeno perfectamente, saben cal é a orixe, todas as contas que botaron, habidas e por haber, para que resultara este reparto, e claro, se se axustan os criterios para que salga algo sae, aínda por riba adornado con iso que dicía o Sr. Figueroa, non, que é case automático é matemático, si, pero esa é a maior trampa do mundo, se un axusta os, digamos, as condicións para facer os números despois sae o número e di, ¡ei, que ben saíu o número!, si, pero o número saíu porque antes se puxeron unhas condicións, e claro, se todos os concellos levan o mesmo de entrada e despois no reparto do variable pois tamén se fai segundo, a priori, de darlle o 20, o 40, o 10, a cada un, segundo lle pete, ó final saen unhas cifras que poden ser profundisimamente inxustas, e sono, e sono, vostede sabe, perfectamente, que con este reparto hai concellos que os seus cidadáns, supoña ten 3.000 habitantes e se vai a levar 200 mil euros e hai concellos se cadra con 30.000 mil habitantes que se van a levar o mesmo máis ou menos, ou sexa, hai unha diferenza de un a dez, máis ou menos, máis ou menos no reparto, un oito, un dez, o caso máis favorecido e o caso menos favorecido, claro, parece moito, parece excesivo, iso está aí e faga as contas e xa verá, xa verá como dá iso. Agora, hai cousas que son moi sorprendentes e que aquí, evidentemente, non as queren dicir pero que son estrañamente estrañas e opacas, imos a ver, vostedes tiveron durante anos, durante anos, o persoal que mandaban ós concellos seleccionábanos na Deputación, nunca entendemos moi ben porque o fixeron, nunca o explicaron, temos criticado aquí que, normalmente, ¡o casualidade!, tiñan unha afinidade moi forte co PP, en cada concello que mandaban, e agora, este ano, de repente acordan que mellor que os seleccionen os concellos. Explicación, ningunha, non sabemos se é cando se está con persoal sempre pode haber problemas de contratos ou o que sexa, se é que pídenlle moitos e ó final quedan mal con máis dos que quedan ben, entón, llo rebotan ó concello, non sabemos, pero de repente o cambian dun ano para outro así. Ben, resulta que aquí o que son as obras subvencionadas ou cofinanciadas pola Deputación, neste caso é subvencionado noutros casos eran cofinanciadas, houbo unha traxectoria histórica de que sempre as adxudicaron os concellos, funcionou ben, ben, diríamos que moi ben, dende logo, nunca pasou que o POS, nunca pasou que pasados dous anos e vencido o prazo, como pasou con este plan, queden obras sen adxudicar e aínda sen facer, como queda, que non sabemos que vai a pasar con elas, non pasou nunca, e de repente cambian de criterio, é dicir, “non, agora contrata todo a Deputación”, así, home, algunha explicación haberá, dígoo aínda que sexa formal porque a real podería darnos ata que pensar bastante mal, poderíanos dar bastante mal, e non quero estenderme por aí, pero, algunha explicación, ningunha, é que fun, é que decidímolo así e punto. Home, a ver, cremos que é, ¿onde está o motivo?. Ou sexa, que esta casa de repente se vexa con todos os expedientes de contratación, de todas as obras, de todos os concellos que as pediron, cargando o Servizo de Contratación dunha maneira esaxerada, substituíndo o que os concellos xa teñen, porque os concellos contrataban, porque agora desgraciadamente teñen moito menos, ou sexa, antes contrataba un volume agora contrata moito menos e aínda por riba quítanlle o que lle mandaban da Deputación, pero, se xa teñen o servizo de contratación, estiveron contratando sempre, o estiveron facendo ben. É que non se entende, non se entende. Entón, aí vostede aí nos vén, agora, a consecuencia real, é que, bueno, só faltaría agora que o Estado ou a Xunta diga, “mire o fondo de cooperación local”, non, non, non, pídeme unha obra que a adxudico eu, ou sexa, que os concellos practicamente os valeiran, ou sexa, que é unha oficina de solicitudes, ou de queixas, ou de andar coa gorra mendigando a ver se lle dan algo, pero que llo fagan a outros, ¿non?, home, non sei, de verdade, están vostedes moi avanzados nesta lei de, ¿non?, na aplicación deste espírito da lei de reforma da administración local, ¿non?, non ten moito sentido, de verdade, e non hai maneira de que se dea unha explicación, á parte, están moi empecinados con que, despois, o que pasou no Pleno do outro día, e niso ten razón Santos Héctor, home, agardabamos que houbera un xesto, ¿non?, é dicir, pois bueno, pois se podemos sacar todos, digamos, unhas bases por unanimidade, pois, bárbaro, ¿non?, e non queren e non queren e non queren. A nós gustaríanos que á parte desa, deses floreados que nos fixo o Sr. Figueroa, que nos explicaran cales son as razóns, cales son os motivos para tratar ós concellos así, por que, chegamos ó orzamento e me parece que nestes momentos transferencias ós concellos, transferencias, ¿eh?, capítulo 4 ou 7 desta casa, me parece que estamos dos 150 millóns creo que estamos nun, un millón de transferencias, un, non sei se aumentou agora con isto do, vamos, o de mandarlle o persoal, non sei exactamente se puido aumentar por aí, pero creo que estamos nun, un e medio, ¿eh?, e está transferindo moito máis a Xunta, con todos os recortes que fixo ós concellos que a Deputación, que o seu obxectivo en principio é colaborar cos concellos, entón, están reforzando dunha maneira extraordinaria o papel da Deputación, está substituíndo ós concellos, non está axudando ou colaborando senón substituíndoos, e incluso creándolle problemas despois de xestión, como dixemos antes, das obras que se poidan facer. Nós, repito, lamentando, nós estaríamos abertos a cambiar, dende logo, cambiar algunha das condicións básicas, estaríamos dispostos a votar a favor, témolo feito outros anos, dende logo así non, e parece que están vostedes moi, moi determinados a seguir así, é dicir, cunha condición, mire, o reparto xa, mire que os concellos tamén, porque os concellos tamén nalgunhas cousas son relativamente paveros, ou sexa, se collen algo ben, entón, aínda que vexan que o reparto é unha atrocidade inxusta, é igual, se pillamos algo non dicimos nada, bueno, mire, pois que o digan, bueno, xa está ben que esteamos aquí pelexando. Agora, se nos cambian, se cambian por exemplo, é dicir, que a contratación pase ós concellos, por exemplo, porque as condicións que lle poñen, isto é para pensalo, ¡eh!, que se unha obra non hai medición final, non hai non sei que, ou sexa, é que lle pon unhas condicións que vostede di, vostede fágame un proxecto se se engaña, se hai algún problema vai vostede a pagar as consecuencias pero adxudico e fago eu a obra, pero iso, as condicións que lle poñen francamente, ou sexa, se a vostede, por exemplo, cando foi o Museo, o Estado ou a Xunta lle chegan a poñer as condicións que lle poñen aquí ós concellos probablemente non fixera a obra, diría, mire, váiaseme por aí, ou diría, váiaseme por aí, home mire non me trate así, faga o favor, faga o favor, ou sexa, son suficientemente responsable, se se fai unha obra será o mellor posible e punto, nas condicións normais non nestas condicións que van moito máis alá da lei e que non son reais, non son reais, a ver quen se responsabiliza de que unha obra non teña algunha pequena modificación ou unha liquidación final por medición, a favor ou en contra, que ás veces a medición final é, vamos é pagar menos, pero a ver quen demonios se responsabiliza destas condicións. Home, están, vamos, tratándoos, vamos, que, repítolle, que estas condicións llas pon o Estado a Xunta ou llas pon a Xunta ou o Estado á Deputación, e probablemente diría, mire, vostede mesmo, ou sexa, dende logo, así tal, agora na situación na que están terán claro, e encantados de pillar algo, ¿que son malas condicións?, vale, pero mire polo menos, sexan as condicións que sexan, polo menos collemos algo, ou sexa, Sr. Presidente, eu creo que debía pensar moi, moi, moi, en, digamos, reestruturar estas bases, reestruturar estas bases, porque é un trato ós concellos que francamente non cremos que se o merezan nin corresponda coa función que vostedes predican que ten esta casa. Moitas grazas. Sr. Presidente.- Moitas gracias D. Cesáreo Mosquera. Ten a palabra o D. Santos Héctor. Sr. Rodríguez Díaz.- Si, moi breve, porque non se nos contestou a algunhas das cuestións que plantexamos, a primeira, ¿por que non se contou cos grupos da oposición para a elaboración destas bases?; en segundo lugar, tampouco se explica porque non son os concellos os que fan as contratacións das obras que eles si teñen que contratar os seus proxectos e pagalos, ¿por que non os contratan os concellos?; a terceira cuestión, é, ¿onde van as baixas?, que solen ser entre o 10% e o 15%?, ¿onde van a ir esas baixas?, nós propoñemos que queden nos concellos onde foi licitado; tamén, ¿onde van o 20%, os 3 millóns de libre disposición do Presidente?, ter transparencia nisto; e, a cuarta cuestión, é que cando o Sr. Figueroa fala vostede de criterios políticos ou criterios técnicos, estamos a falar deste plan de obras e servizos provinciais que se trae hoxe aquí a este pleno e non aparece ningunha, ningunha consideración nin técnica nin política nin de ningunha outra índole polo que se deixa a Pontevedra e a Vigo fóra desta plan, porque poderá estarse con convenios traballando nestes concellos, non vou a discutir iso agora mesmo, pero é o mesmo que se está facendo noutros concellos que se están facendo obras tamén, e se están aportando cartos, e tamén van incluídos aquí neste plan, polo tanto, aquí temos algúns exemplos, se está a facer un campo de fútbol na Estrada, o cuarto campo de fútbol en Ribadumia, se está a renovar o campo de fútbol do Grove, se acaba de anunciar un Redondela, as Pousadas en catro concellos, son 16 millóns de euros, que tamén teñen aportacións, e que non vamos a discutir hoxe aquí se teñen que telas ou non, pero é certo que teñen aportacións e tamén o teñen neste plan que presentan vostedes, tamén o teñen neste plan que presentan vostedes. Polo tanto, nós seguimos dicindo de que Vigo e Pontevedra están fóra deste plan e non hai ningún criterio, nin político nin criterio técnico que xustifique polo menos nós non o vemos nas bases que xustifique que queden fóra. E, para rematar, insistir de que benvidas estas políticas Keynesianas cando o goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero presentou aquel Plan E e hoxe lle podíamos chamar ó de vostedes o Plan P. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Bueno, eu creo que para rematar porque xa non da máis de si, é dicir, vamos a ver, nós estamos presentando un proxecto que consideramos que ten uns criterios obxectivos, que é un proxecto que redunda en beneficio dos concellos, que é un proxecto que a experiencia que nos dá os anteriores é que funcionaron francamente ben, non só na parte administrativa, que vostedes cuestionan, que está claro que si, senón tamén na parte política e sobre todo no beneficio que repercute nos veciños e nas veciñas da nosa provincia. Aquí estamos para facer cousas Sr. Santos, por suposto que hai obras importantes en toda a provincia, hai proxectos importantes que se levaron a cabo, hai algo que non fixo ningunha administración e que algún día falaremos, seguramente, eu lle vou a propoñer ó equipo de goberno e o Presidente falar algún día do debate sobre a cantidade importante de recursos de proxectos europeos que temos enriba da mesa, que non hai ningunha administración seguramente, en Galicia seguro, e en España tampouco, esta casa gracias a recursos de fondos europeos pois ten moitisimos proxectos en marcha que ás veces se descoñecen, pero moitisimos, ¡eh!, estamos falando de cantidades importantes incluso que superan moitas veces as inversións da propia Deputación no conxunto de moitos anos. Polo tanto, eu creo que todo isto é un conxunto, non é unha cuestión individual, este é un proxecto de 15 millóns de euros, pero de 15 millóns de euros que vai engadido a outros proxectos destinados a temas sociais, culturais, deportivos de Fondos Europeos, de proxectos singulares que ten a nosa provincia, porque claro, vostedes, cando falan en Vigo critican o Museo, nós non criticamos ó Museo de Pontevedra, en Vigo defendemos ó Museo de Pontevedra, pero vostede aquí non é capaz de dicilo, diante de toda a prensa que está en contra do Museo de Pontevedra e das inversións que se fixeron en Pontevedra, no campo de fútbol de Pasarón e todo iso, é dicir, vostede ese discurso aquí non o fan, ¿pero nos deixan falar?, ese discurso aquí non o fan, non o mencionan para nada e eu si o menciono, porque nós estamos de acordo porque a provincia é un conxunto, estamos nun mundo globalizado e ó final pois temos que, é así, lle guste ou non lle guste, o que non se pode facer é un discurso aquí e outro discurso alí, eu fago o mesmo aquí que alí, e iso creo que é importante. Por iso que este é un plan puntual, concreto, pero de moitas outras cuestións e de moitas outras actividades que ten a nosa provincia. Me gustaría facer algún día algún debate sobre o tema social a ver quen aguanta a comparativa do que está facendo esta casa, en plan de emprego xa non hai color, claro, porque estamos destinando só no 2013 20 millóns de euros para máis de 3.000 persoas, e iso pois é un tema singular. Claro que vostede fala das Pousadas, ¿como se vai a perder un proxecto que con fondos europeos, maioritariamente, pois é un proxecto singular para a nosa provincia?, ¿por que?, porque a vostedes o turismo non lles preocupa, a nós si, a nós si nos preocupa porque é un sector estratéxico de cara ó futuro da nosa provincia, evidentemente, hai sectores importantes, o naval, a construción, a automoción, pero o turismo é fundamental, significa o 12 % do PIB, e iso a nós nos preocupa, porque dá emprego a 40.000 persoas nesta provincia. Claro, cando empezamos a analizar concellos onde gobernan vostedes turísticos, pois nada, nada de nada, nin accións concretas nin puntuais nin nada de nada, e a nós si, entón, este é un conxunto de moitas cuestións que non só se pode avaliar única e exclusivamente neste plan de obras de 15 millóns de euros, que vai destinado ós concellos, e que está claramente obxectivado, é dicir, ¿criterios?, pode haber moitos máis, evidentemente, e vostede pregunta ¿por que non o chamamos?. Nós, evidentemente, queremos darlle rapidez a todas esas cuestións e xa sabemos como é o debate político, é dicir, o debate político ó final é enredar, por unha pedra no camiño para que ó final se retrasen as cousas, nós non queremos que se retrasen, cremos que é importante poñelo en marcha, e por iso, pois bueno, aí están todos os criterios, eu creo que o dicía o Sr. Mosquera, que, claro, que si é matemático, que si é, evidentemente, e despois dentro deses tamén hai criterios sociais do que significan os concellos, do que significa o número de habitantes en cada concello, etc., etc. Pero, volvo a repetirlle, porque é o discurso que vostedes fan sempre, Vigo e Pontevedra saen máis beneficiados que calquera destes concellos e creo que esa é unha evidencia que está aí, polo tanto, non fagan o discurso ó revés porque iso sería manipular e enganar á opinión pública. Sr. Presidente.- Bueno, pois moitas gracias Sr. Figueroa. E como este debate, pois iso, non dá moito máis de si, só algunha puntualización, uns datos que D. Santos Héctor manifestaba, creo que o que lle pasou eses datos non lle pasou ben os datos, porque non coinciden algunhas cousas que acaba de comentar, pero bueno, en todo caso, creo que non hai moitos argumentos para que non se vote, vamos, a favor deste plan, pero bueno, en todo caso, cando vexan o que van a recibir cada un dos concellos e todo o demais, seguramente, se lamentarán de non haber apoiado un plan que en definitiva o que vén é a reactivar as inversións, que ata agora os concellos non tiñan, porque non teñen, bueno, porque non hai os ingresos que había noutros momentos e de aí que esta é unha cuestión importante. Dicirlle, neste caso, ó Sr. Mosquera que seguimos mantendo a mesma coherencia de sempre e sobre todo que non variamos o rumbo desta casa e que, o que pasa é que vostede dicía que nadie deu unha explicación en relación a ¿por que se fan agora as contratacións do persoal nos concellos e antes se facía aquí?. O que pasa é que vostede non quere oír, e vostede sei que estaría de acordo porque así mo trasladou, e creo que ademais é razoable que o trasladara, de que nos xuntamos nunha selección que, practicamente, está rematando aínda agora, de 500 becarios que está facendo esta casa, que é un plan que vostede respalda e que respalda a inmensa maioría dos concellos da provincia de Pontevedra, e o que non damos abasto, evidentemente, é a facer dúas cousas ó mesmo tempo dun volume que nunca antes esta casa había contratado, ¿non?. Polo tanto, son 500 becarios que estamos rematando a súa contratación agora mesmo, e que si a fixemos dende a Deputación con sobresaliente éxito, e que agora sae outro plan precisamente para os concellos de novo con outros 720 traballadores e 400 contratos-beca, que os volveremos a facer nós para distintas empresas da provincia de Pontevedra. Polo tanto, isto xa se explicou, o que pasa é que vostede non quere oílo, di, nadie dou unha explicación, esa é a explicación, é unha explicación que entenderá ademais coherente, convincente e necesaria porque, como digo, o Plan de beca, contrato-beca de formación para titulados menores de 31 anos e agora menores tamén de 35, sen experiencia laboral, está pois iso, resultando un sobresaliente éxito que neste caso van a ser un total case de 1.000 que van a ter unha primeira oportunidade laboral que ninguén lle dera antes, o cal para nós é moi, moi importante. Polo tanto, xa digo, eu creo que non hai moitos argumentos, cando, sei que no caso seu, en particular, cando vexa os criterios de reparto se dará conta de que é un plan que deberían apoiar, está funcionando, funcionou ben o anterior, este vai a funcionar mellor, uns criterios de reparto incluso máis obxectivos que antes, porque entendíamos que as circunstancias de agora así o permitían, e, polo tanto, pois eu creo que vai a, como xa dixo o portavoz do Partido Popular vai a permitir que volvamos a facer inversións necesarias nos concellos, prioritarias e necesarias, e polo tanto, benvidas sexan actuacións como esta. En todo caso, poñemos en marcha polo tanto este novo plan da Deputación para os concellos e procedemos á votación do mesmo. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. ¡Ah!, D. Cesáreo Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, mire xa sei que é un Pleno extraordinario e non hai rogos e preguntas pero, todos os anos nos quedamos un pouco coas ganas, porque sempre sucede que chega fóra de prazo e hoxe chegou exactamente a hora antes do Pleno, programa de actos da festividade da Peregrina 2013. Bueno, eu case prefiro non comentar isto que máis ben parece un coro disciplinado, o que se pretende, senón simplemente, xa algo avanzáramos, simplemente, pon ó final, nota protocolaria, cabaleiros traxe escuro, aí, supoño, supoño que a verdadeira devoción e demais, formadiños alí senón se vai con traxe escuro non debe ser, e supoño que o Sr. Crespo vai a ter algún problema se é que vai. Sr. Presidente.- El sole andar de claro. Sr. Mosquera Lorenzo.- E as señoras non sei, non sei porque antes poñían tamén señoras e tal, traxe de tal, agora non o pon supoño que a devoción, formadiños alí, debe ter algo que ver con iso de escuro, ¿non?, non o estou inventando, ¡eh!, acaban de entregalo agora, asinado por vostede a comunicación e demais, non sei se alguén vai con traxe floreado ou non vai con traxe lle falla, lle falla a devoción. Sr. Presidente.- Está ben esa puntualización Sr. Mosquera, pero, que vostede faga mención diso cando non vai a unha procesión, non vai a unha misa nin vai a nada, ¡oe!, polo menos deixe que os queren ir que vaian, se queren ir de traxe escuro, que vaian como queiran, ¿non?, pero vostede que non vai, non vai a nada diso, é agnóstico. ¡Ah, por Crespo!, este ano, se o tempo mellora vai a vir de claro. Que non falte o bo humor. Moitas gracias e moi bos días. Dada conta das Bases reguladoras do Plan de Obras e Servizos Provinciais para o ano 2013; vista toda a documentación relativa ó citado plan que obra no expediente; vistos os informes da Secretaría Xeral e da Intervención Provincial; e visto o ditame da Comisión Informativa de Cooperación Municipal, o Pleno da Corporación Provincial acorda, por maioría de votos a favor do PP e cos votos en contra do PSdeG-PSOE e do BNG, aprobar as citadas bases cuxo texto, literalmente transcrito, di como segue: “BASES REGULADORAS DO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS PROVINCIAIS DE 2013 A actual situación de crise económica, que, de modo xeneralizado, afecta á sociedade española, obriga a que as administracións públicas lideren todas aquelas actuacións que permitan superar, ou polo menos minorar os seus efectos negativos, procurando que os investimentos que se realicen teñan a maior rendibilidade social posible. Por iso, en aras de asegurar o acceso da poboación da provincia ó conxunto dos servizos mínimos de competencia municipal e conseguir unha maior eficacia e economía na súa prestación, a Deputación de Pontevedra, en base á competencia que lle atribúe o artigo 36.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, pretende impulsar un plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal que contribúa a dar continuidade ó actual proceso de recuperación económica. Así mesmo, atendendo á finalidade última das deputacións de contribuír ó bo funcionamento das corporacións locais, a Deputación de Pontevedra colaborará cos concellos na regularización da súa situación financeira cun programa de axudas dirixido a subvencionar os gastos correntes nos que incorren as entidades locais na súa actividade como xestores públicos, co obxectivo de acadar o maior beneficio social tanto a nivel da atención ó cidadán coma no correcto funcionamento interno. Por último, a Deputación de Pontevedra quere contribuír á sostibilidade financeira dos concellos da provincia e por iso un dos eixes desta liña de subvencións é dotar dun instrumento esencial ós concellos da provincia que permita o cumprimento, por parte destes, dos prazos de pagamento marcados pola actual lexislación contractual (Real decreto lexislativo 2/2011, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público e a Lei 3/2004, de medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, así como garantir o cumprimento dos límites fixados pola lexislación de estabilidade orzamentaria, o que redundará de forma substancial nunha mellor situación económica das entidades locais (Lei 2/2012, de estabilidade orzamentaria). En base ó exposto confecciónanse as seguintes bases reguladoras: PRIMEIRA. OBXECTO As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para financiar a realización de investimentos e gastos correntes das entidades locais da provincia. Terán preferencia os proxectos que teñan relación cos servizos obrigatorios e, así mesmo, terase en conta a viabilidade futura do investimento, en función dos gastos correntes de funcionamento que poida xerar e dos posibles ingresos que se poidan obter, coa finalidade de conseguir así unha maior rendibilidade social das obras que se executen. Por iso, e para garantir o cumprimento dos parámetros establecidos no parágrafo anterior, se algún proxecto non se axustara a esta filosofía, a Deputación poderá rexeitalo, acordando neste caso co concello un novo proxecto para realizar. As axudas deste plan poderán destinarse a: 1. Investimentos que executará a propia Deputación. - Sen achega do concello ou entidade local. - Con achega do concello ou entidade local. - Con achega do concello ou entidade local e/ou doutra administración, sempre que a achega da terceira administración se poida ingresar directamente na Tesourería da Deputación. 2. Amortización do endebedamento con entidades financeiras. 3. Pagamento de débedas a acredores de investimentos. 4. Débeda do Estado. 5. Gastos correntes: luz, auga, electricidade, recollida de residuos e, excepcionalmente, poderase valorar outro tipo de gastos correntes. Poderase destinar ata o 30% do que lle corresponde a cada concello no plan, unha vez compensadas as débedas, para os puntos 2, 3, 4 e 5. Excepcionalmente, poderanse destinar as subvencións a outras situacións problemáticas debidamente motivadas. Non se subvencionará a adquisición de terreos e demais bens inmobles, nin tampouco os intereses que se poidan derivar dos puntos 2 ó 4. SEGUNDA. NATUREZA XURÍDICA As axudas que se concedan ó amparo desta convocatoria teñen natureza xurídica de subvención, de acordo cos criterios establecidos na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións. TERCEIRA. BENEFICIARIOS Poderán solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria por concorrencia competitiva os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito de máis de 1.000 e ata 50.000 habitantes, segundo a correspondente certificación expedida polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que se refira á última actualización do censo, que desexen acollerse ás bases desta convocatoria e que non se atopen incursos nas causas de prohibición para obter a condición de beneficiarios establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións. Todas as entidades locais da provincia de ata 50.000 habitantes que o soliciten poderán optar á concesión de axudas por concesión directa, primándose aqueles proxectos ou investimentos presentados polos concellos que se adhiran ós plans provinciais de xestión de servizos municipais. CUARTA. FINANCIAMENTO Para financiar este plan existe consignación dispoñible para tal fin nas aplicacións orzamentarias 13/942.942.652.45 para financiar investimentos e 13/942.942.462.45 para financiar gastos correntes do orzamento provincial, así como a 13/942.942.762.45, cun crédito inicial total de quince millóns de euros (15.000.000,00 €). O 80% deste crédito, é dicir, doce millóns de euros (12.000.000,00 €), repartirase por concorrencia competitiva; e o 20% restante, tres millóns de euros (3.000.000,00 €), resérvase para aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais, non puidesen presentarse nun prazo sinalado ou non se lles outorgase a subvención. A axuda económica poderá acadar ata o 100 por 100 do importe solicitado, ata esgotar o crédito orzamentario autorizado para a convocatoria. Non obstante, as entidades locais poden facer as achegas que consideren axeitadas para os seus investimentos de modo complementario. No caso de que o investimento sexa cofinanciado coa entidade local beneficiaria, esta deberá achegar o acordo do órgano competente da entidade local aprobando a achega local ó investimento e un certificado do secretario da entidade local sobre se o dito órgano (no caso de non ser o Pleno) é o competente para a aprobación da dita achega; así como tamén un certificado da existencia de crédito por parte do secretario/interventor para este investimento. En calquera caso, a achega da entidade local terá que ser ingresada na Tesourería provincial antes de iniciarse o expediente de contratación. QUINTA. CRITERIOS DE CONCESIÓN • Un importe fixo de seis millóns de euros (6.000.000,00 €) repartirase de forma lineal, entre os concellos da provincia cunha poboación de máis de 1.000 e ata 50.000 habitantes, correspondéndolle a cada un deles 101.694,92 euros. • A cantidade restante, que representa seis millóns de euros (6.000.000,00), repartirase entre os concellos da provincia cunha poboación de máis de 1.000 habitantes e ata 50.000 habitantes, da forma seguinte: Habitantes Grupo 1 1.000-10.000 Grupo 2 10.001-20.000 Grupo 3 20.001-50.000 Porcentaxes 20% 40% 40% Cantidade por grupo 1.200.000,00 2.400.000,00 2.400.000,00 TOTAL 6.000.000,00 euros Ó grupo 1, de 1.000 ata 10.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 20%, polo que lle corresponden 1.200.000 euros. Ó grupo 2, de 10.001 a 20.000 habitantes, aplícaselle unha porcentaxe do 40%, polo que lle corresponden 2.400.000 euros. Por último, ó grupo 3, formado por 7 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, correspóndelle 2.400.000 euros. Estas cantidades repartiranse entre o número de concellos que forman o grupo, en proporción ó 75 % da poboación e ó 25 % da superficie. Para estes efectos a poboación da entidade local a considerar será a última publicada polo INE. A cantidade total a repartir entre cada Grupo será conforme á seguinte táboa: Habitantes Grupo 1 1.000-10.000 Grupo 2 10.001-20.000 Grupo 3 20.001-50.000 Cantidade por grupo 4.861.016,95 4.027.118,64 3.111.864,41 TOTAL 12.000.000,00 euros En consecuencia, cada concello coñecerá as cantidades que lle corresponden dentro dos cinco primeiros días hábiles seguintes ó da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia. Ademais da correspondente notificación poderán ser informados dirixíndose ó Servizo de Cooperación. Unha vez feito o reparto e detraídas as débedas cada beneficiario presentará os investimentos ou indicará o tipo de gastos correntes ós que vai destinar o importe da axuda que lle corresponde. Os beneficiarios poderán destinar, á súa elección, ata o 30%, como máximo, do importe da subvención concedida, unha vez descontado o importe das débedas coa Deputación e os seus organismos autónomos, a financiar as actuacións subvencionables recollidas nos puntos 2 a 5 da cláusula segunda destas bases. Non obstante, co obxecto de premiar a boa xestión dos concellos, reservarase o cincuenta por cento (50%) da cantidade correspondente á concesión directa (un dez por cento da totalidade do Plan) para aqueles concellos que destinen ó financiamento que lles corresponde por concorrencia competitiva, unha vez compensadas as débedas contraídas coa Deputación, os gastos de investimentos reflectidos na base 2.1. Aqueles proxectos ou investimentos que presentados polos concellos que se adhiran ós plans provinciais de xestión de servizos municipais terán unha especial valoración á hora de distribución do 20 % de concesión directa. Non poderá concederse subvención para un investimento que teña un orzamento inferior a vinte mil euros (20.000,00 €), con IVE incluído. SEXTA. COMPENSACIÓN DE DÉBEDAS Da cantidade que se lle asigne a cada entidade local detraeráselle ata a totalidade da débeda contraída coa Deputación. No caso de procedemento de concesión directa, cando se trate de mancomunidades, a detracción faráselle a cada concello proporcionalmente á súa achega ó seu orzamento. SÉTIMA. SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, na súa sede de Vigo e no Servizo de Cooperación, ou na páxina web da Deputación (www.depontevedra.es). As solicitudes cumprimentadas en todos os seus extremos deberá subscribilas o alcalde-presidente ou representante legal da entidade pública con personalidade xurídica propia que teña asumidas estas competencias. A solicitude de subvención deberá ser aprobada por acordo do órgano competente, debendo presentarse de modo individualizado a través da correspondente certificación acreditativa, na que deberá indicarse expresamente a cantidade que se solicita e a finalidade concreta da solicitude, polo que cada unha das axudas solicitadas deberá instrumentarse a través de certificacións independentes. Cada solicitude terá que ir xunto coa seguinte documentación, que deberá presentar en orixinal ou copia compulsada polo funcionario debidamente habilitado, onde conste a súa identidade: 1. Investimentos a facer pola propia Deputación: - Proxecto técnico (un exemplar en formato papel e outro en formato dixital, facéndose responsable ó solicitante da equivalencia entre ambos documentos) da actuación que se pretende levar a cabo, que debe redactarse segundo o establecido no artigo 123 do citado Real Decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público. Na redacción dos proxectos débese ter en conta que a porcentaxe de gastos xerais será do 13% e o 6% o beneficio industrial. Se a obra non require proxecto achegarase un documento técnico que conteña como mínimo: 1. Memoria detallada que describa claramente a actuación. 2. Plano de situación e plano detallado da actuación. 3. Medicións e orzamento da actuación. No caso de que o investimento non sexa unha obra, os concellos deberán presentar unha memoria cuns pregos técnicos e un orzamento co IVE incluído e detallado. - Replanteo do proxecto e certificación da dispoñibilidade dos terreos precisos para a normal execución do proxecto. - Resolución ou certificación do acordo do órgano competente da entidade local no que se determine o investimento ou obra a realizar e se solicite a subvención para a súa realización. - Declaración responsable, na que conste se a entidade local obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento a subvencionar e compromiso de comunicarlle á Deputación as que se obteñan nun futuro. (Anexo I). - Declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención. (Anexo I). - No caso de que o investimento sexa cofinanciado pola entidade local beneficiaria deberá achegar certificado da existencia de crédito por parte do secretario/interventor, o acordo do órgano competente da entidade local aprobando a achega e certificado do secretario sobre se o dito órgano (no caso de non ser o Pleno) é o competente para a aprobación da devandita achega. (Anexo II). 2. Amortización de débeda con entidades financeiras: - Certificación do interventor ou secretario-interventor de que a cantidade que se solicita se destinará a amortizar débeda que está pendente de amortizar, indicando a entidade financeira e demais características da operación de crédito/préstamo cuxa débeda, total ou parcial, se pretende amortizar. Así mesmo, certificarase que a amortización desta débeda é a máis conveniente economicamente para a entidade local. - Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos. 3. Pagamento de acredores de investimentos: - Certificación do interventor ou secretario-interventor da relación de acredores, indicando a súa correcta identificación, a identificación das certificacións (facturas), expresando a data de expedición e a data de rexistro, número, resumo dos conceptos, importe coa repercusión do IVE no seu caso. Tamén se indicará o órgano que aprobou cada factura ou xustificante de gasto . - Certificación do interventor ou secretario-interventor indicando que non existen na data outros acredores que teñan preferencia para o pagamento das súas débedas. - Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos. 4. Pagamento de débedas co Estado: - Certificación do interventor ou secretario-interventor indicando que as débedas que se relacionan están pendentes de aboamento e que se corresponden con débedas ó Estado e o seu concepto e importe. - Certificación ou acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos. 5. Gasto corrente: 5.1. Pagamento a acredores de gasto corrente: - Certificación do interventor ou secretario-interventor da relación de acredores, indicando a súa correcta identificación, a identificación das certificacións (facturas), expresando a data de expedición e a data de rexistro, número, resumo dos conceptos, importe coa repercusión do IVE no seu caso. Tamén se indicará o órgano que aprobou cada factura ou xustificante de gasto e a data dos ditos acordos. - Certificación do interventor ou secretario-interventor indicando que as débedas que se relacionan están pendentes de aboamento. Así mesmo certificarase que non existen, na data de expedición da certificación, outros acredores que teñan preferencia para o pago das súas débedas. - Certificación do acordo do órgano competente polo que se lle solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos. 5.2. Gasto corrente novo: - Memoria descritiva e valorada dos gastos que se pretenden financiar coa achega solicitada, identificando o terceiro, ó que se lle encargará a realización do gasto corrente. - Certificación do acordo do órgano competente polo que se solicita a subvención á Deputación para afrontar os pagamentos. Calquera falsidade dos datos presentados dará lugar á perda da subvención concedida, ademais doutras medidas que para o caso poida arbitrar a Deputación de Pontevedra. En caso de defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base así como de incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriráselle ó interesado para que emende as faltas ou omisións no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que, se non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 42 da Lei 30/92. As solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria quedarán sen efecto; no caso de pretender a súa inclusión neste plan deberán formular nova petición xunto coa documentación correspondente. OITAVA. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN O prazo de presentación de solicitudes de subvencións que se acollan a este programa comezará a contar o día seguinte hábil ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, sendo de vinte (20) días hábiles. As solicitudes irán dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra (tamén na súa sede de Vigo) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. NOVENA. COMPATIBILIDADE As axudas serán compatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade, tendo en conta que o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de acordo co previsto no artigo 19.3 da Lei xeral de subvencións. Para estes efectos e de conformidade co disposto no artigo 14.1 d) da Lei xeral de subvencións e o artigo 33 do seu regulamento, unha das obrigas do beneficiario é comunicarlle á Deputación a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. En todo caso, deberá terse en conta que o conxunto total das axudas non deberá sobrepasar, en ningún caso, o 100% do custo da actividade. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a concesión concorrente de axudas por calquera entidade pública ou privada, nacional ou internacional, poderá dar lugar á modificación da subvención outorgada. DÉCIMA. INSTRUCIÓN E PROCEDEMENTO A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle á xefa do Servizo de Cooperación, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Así mesmo, o instrutor poderá solicitar cantos informes considere adecuados. O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais, non puidesen presentarse no prazo sinalado ou non se lles outorgase subvención, reservándose para estes efectos ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se prevé na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial. As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previo informe de fiscalización de Intervención. Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición. DÉCIMO PRIMEIRA. MODIFICACIÓNS DA SUBVENCIÓN PARA INVESTIMENTOS As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou as rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles, contados desde a súa notificación. Unha vez recaída a resolución de concesión, antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e sempre e cando non se prexudiquen intereses de terceiros, poderase solicitar o cambio ou modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, xustificando por escrito as causas que a fundamentan e axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria. As circunstancias excepcionais son as seguintes: - Ter recibido axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados que cubran o importe do gasto. - Ter prioridade o financiamento doutro gasto urxente e non se conte con crédito suficiente para levalo a cabo. - Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que non permita a súa realización. DÉCIMO SEGUNDA. PROXECTOS Os concellos e demais entidades locais encargarán e asumirán o custo da redacción dos proxectos, identificándose cada obra cun proxecto, que deberá axustarse en canto ó seu contido ó establecido no artigo 123 do Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, debendo identificarse cada investimento cun proxecto técnico, do que presentarán o orixinal e dúas copias, que debe redactarse segundo o devandito artigo. No caso de tratarse dun contrato menor de obras deberá xuntarse o seu orzamento, sen prexuízo de que deba elaborarse un proxecto cando as normas específicas así o requiran e de modo especial se afecta á estabilidade, seguridade ou estanqueidade da obra (artigo 111 do Real decreto lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público). A Deputación procederá, en todo caso, á supervisión e control dos proxectos, tendo especialmente en conta os prezos das distintas unidades, previamente á súa aprobación por parte do órgano de contratación. DÉCIMO TERCEIRA. APROBACIÓN DOS PROXECTOS E OUTORGAMENTO DE LICENZAS Os proxectos deben ser aprobados polo órgano competente do concello ou entidade local; se se trata dunha obra municipal coa aprobación do proxecto enténdese implícita a concesión da oportuna licenza (artigo 198.5 da Lei 9/2002 de 30 de decembro de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, de 29 de decembro “as obras públicas municipais entenderanse autorizadas polo acordo de aprobación do proxecto, logo do acreditamento no expediente do cumprimento da lexislación urbanística e de protección do medio rural, así como do planeamento en vigor”. Se a obra necesitase, pola súa situación ou característica, permisos ou autorizacións doutros organismos, será o concello ou, no seu caso, a entidade local quen as solicite. Así mesmo, os concellos e demais entidades locais autorizarán a plena e libre disposición dos terreos a favor da Deputación de Pontevedra, para que esta poida acometer a execución das obras e no caso de que sexa necesario realizar expropiacións para a realización do investimento serán por conta do concello solicitante. O órgano de contratación da Deputación aprobará os proxectos conxuntamente cos expedientes de contratación. DÉCIMO CUARTA. LICITACIÓN E MODIFICACIÓN DOS CONTRATOS A Deputación licitará as actuacións subvencionadas e facúltase ó presidente para resolver aqueles casos problemáticos ou situacións excepcionais non previstos, en relación coa licitación, que poidan xurdir no desenvolvemento do Plan. Os concellos e demais entidades locais como titulares destas poderán designar a un técnico para o seguimento e recepción das obras. A Deputación resérvase o dereito a designar a persoa encargada da dirección das obras, que poderá ser un técnico municipal, provincial ou de ámbito privado. Cando se presente un proxecto redactado por un técnico municipal considerarase autorizada á Deputación a posibilidade de designalo como director de obra. Pola dita dirección non cobrará honorarios por parte da Deputación, entendéndose que se inclúen dentro do exercicio das súas funcións no concello. O órgano contratante da Deputación non autorizará a realización de modificados nin complementarios dos proxectos, agás casos moi excepcionais e debidamente motivados. Así mesmo, tampouco autorizará a aplicación das baixas de adxudicación nin para este, nin para outros proxectos. Non se admitirán liquidacións por exceso de medida. Se excepcionalmente fose necesario o incremento do custo será con cargo ó crédito do concello. Neste caso deberá realizarse o ingreso con carácter previo á aprobación do expediente de modificación do contrato. DÉCIMO QUINTA. PUBLICIDADE As entidades locais que sexan beneficiarias, agás no caso de que os investimentos os realice a Deputación, deberán darlle a adecuada publicidade do financiamento por parte da Deputación para a actividade subvencionada do seguinte xeito: • Deberá facerse constar en todas as accións de comunicación ou publicidade (carteis, folletos, programas, placas, cartas, páxina web…) o apoio que recibe por parte da Deputación de Pontevedra. Isto farase incluíndo o logotipo da institución provincial nun lugar visible en todas as comunicacións tal e como se indica no Anexo de publicidade. • Obrigatoriamente, ó rematar a actividade subvencionada, deberá acreditarse o cumprimento desta cláusula coa presentación dunha breve memoria das accións de comunicación realizadas. • No Anexo de publicidade e na páxina web www.depo.es atópase o exemplo de tratamento que se lle debe dar á imaxe institucional da Deputacion de Pontevedra. • Para dúbidas e/ou aclaracións cómpre contactar co Departamento de Comunicación Institucional da Deputación de Pontevedra a través do correo electrónico imaxeinstitucional@depo.es ou do teléfono 986 804 100. O incumprimento desta obriga será causa de reintegro dos recursos recibidos con cargo a este programa. DÉCIMO SEXTA. EXECUCIÓN, XUSTIFICACIÓN E ENTREGA DOS INVESTIMENTOS ÁS ENTIDADES LOCAIS Os investimentos deberán estar executados e xustificados, na súa totalidade, antes do día 31 de decembro de 2014. Unha vez finalizadas as obras ou investimentos e recibidas pola administración contratante, levarase a cabo a súa entrega ó concello ou entidade local titular redactando a correspondente acta. Con carácter previo á entrega (acta de entrega/recepción) dos investimentos ás entidades locais farase unha resolución presidencial ordenándoa, xa que supón a saída do inmobilizado da esfera xurídico patrimonial da Deputación (pagamento da subvención), dándolles traslado á Intervención para contabilizar a baixa no inmobilizado da Deputación e ás entidades locais para que poidan contabilizar a entrada do seu inmobilizado; na resolución presidencial deberanse facer constar os datos cuantitativos para a correcta contabilización da baixa na contabilidade da Deputación e a alta na contabilidade dos concellos (custo, dimensións e características, etc.). DÉCIMO SÉTIMA. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DESTINADAS Á AMORTIZACIÓN, PAGAMENTO DE DÉBEDAS E GASTOS CORRENTES As axudas concedidas para amortización e pagamento de débeda, así como de gastos xa realizados, deberán ser xustificadas antes do día 31 de dicembro de 2013. Respecto ós demais gastos correntes deberán ser xustificados antes do día 31 de marzo de 2014. O pagamento da axuda económica efectuarase previa comprobación por parte dos servizos administrativos do Servizo de Cooperación e Intervención, de que se realizou o gasto para o fin e polo importe subvencionado e que se cumpriu coa finalidade e o obxecto da subvención, emitindo, como resultado, un informe con carácter previo á proposta de pagamento da subvención. A documentación xustificativa, que deberá presentar en orixinal ou en copia compulsada o funcionario debidamente habilitado, onde conste a súa identidade, é a seguinte: 1. Amortización de débeda con entidades financeiras: - Farase anticipadamente unha vez se aprobe a concesión da subvención. - Posteriormente, deberán xustificar a realización do pagamento, remitindo: - Certificación ou acordo do órgano competente aprobando a amortización que se realizou a entidade financeira. - Certificación do interventor ou secretario-interventor da realización do pagamento á/ás entidade/s financeira/as. 2. Pagamento de acredores de investimentos: - Certificación do órgano competente aprobando os pagamentos realizados ós acredores - Certificación interventor ou secretario-interventor acreditativa de que a subvención se aplicou á finalidade proposta, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, se se considera oportuno, os xustificantes correspondentes. 3. Débeda do Estado: - Certificación do interventor ou secretario-interventor indicando que se fixo o aboamento e que se corresponden con débedas ó Estado e o seu concepto e importe. - Certificación do órgano competente aprobando os pagamentos realizados. 4. Gasto corrente: 4.1. Pagamento a acredores de gasto corrente: - Certificación do órgano competente aprobando os pagamentos realizados ós acredores. - Certificación do interventor ou secretario-interventor de que a subvención se aplicou á finalidade subvencionada, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, se se considera oportuno, os xustificantes correspondentes. 4.2. Gasto corrente novo: a) Conta xustificativa dos gastos, no modelo normalizado que se atopa na páxina web da Deputación, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo (identificando: acredor e documento, importe, data de emisión, se é posible, data na que se pagou). b) Certificación do interventor ou secretario interventor acreditativa de que os gastos que figuran na conta xustificativa son reais e se aplicaron ós gastos subvencionados, quedando a disposición da Deputación para o seu exame, se se considera oportuno, os xustificantes correspondentes. c) Declaración do Concello/Entidade Local de darlle difusión á actividade subvencionada, facendo constar a colaboración da Deputación-Servizo de Cooperación, ademais de cumprir co disposto na base décimo quinta sobre a publicidade. A este respecto, o servizo de inspección da Deputación poderá comprobar, en calquera momento, se se fixo a publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non se procederá ó seu libramento. DÉCIMO OITAVA. APROBACIÓN DAS BASES De acordo co establecido na base 16.3 das de execución do orzamento para o 2013 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións o órgano competente para a aprobación destas bases é o Pleno da Deputación. DÉCIMO NOVENA. DEREITO SUPLETORIO Para o non disposto nas presentes bases contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2013, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003), Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº. 121 de 25/06/2007) e demais lexislación aplicable. VIXÉSIMA. RECLAMACIÓNS Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto no artigo 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada lei. Todo iso sen prexuízo de que poida utilizar calquera outro recurso que estimen conveniente. ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN: Todos os anexos referidos nas presentes bases ou modelos normalizados para a solicitude destas subvencións facilitaránllelos no Rexistro desta Deputación e no Servizo de Cooperación, ou ben a través da súa páxina web (www.depontevedra.es).” E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e dez minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O Presidente, O Secretario, Asdo. Rafael Louzán Abal Asdo. Carlos Cuadrado Romay

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

  • Puntos de acceso de topónimos

  • Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)

Área de control da descrición