Fondos
2013-07-19. Acta de sesión 2013/07/19_Extraordinaria
Acta de sesión 2013/07/19_Extraordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.43.829/1.2013-07-19
Título Acta de sesión 2013/07/19_Extraordinaria
Data(s) 2013-07-19 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión. 20 follas
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido A C T A Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Deputación o día, 19 de xullo do 2013 No Salón de sesións da Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as doce horas e dez minutos do día dezanove de xullo do ano dous mil trece, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente Don Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, Dona María Isaura Abelairas Rodríguez (PSdeGPSOE), Don Pablo Baquero Álvarez (PP), Don José María Bello Maneiro (PP), Don Uxío Benítez Fernández (BNG), Don José Antonio Cacabelos Rico (PSdeG-PSOE), Don José Crespo Iglesias (PP), Dona Ornela Fernández Salgado (BNG), Don José Manuel Figueroa Vila (PP), Don Juan Antonio González Pérez (PSdeG-PSOE), Don Arturo Grandal Vaqueiro (PP), Don Fernando Guitián Guitián (PP) Dona Marta Iglesias Bueno (PP), Don José Carlos López Campos (PP), Don José Luis Pérez Estévez (PP), Dona María Pilar Ramallo Vázquez (PP), Don Eduardo José Reguera Ocampo (PSdeG-PSOE), Don Severino Reguera Varela (PP), Don Santos Héctor Rodríguez Díaz (PSdeG-PSOE), Don José Nelson Cándido Santos Argibay (PP), Don Alberto Valverde Pérez (PP), Don Jesús Vázquez Almuíña (PP), Dona Ana Isabel Vázquez Reboredo (PP), Don Francisco Andrés Veiga Soto (PSdeG-PSOE) e Dona Iolanda Veloso Ríos (BNG), co obxecto de celebrar sesión extraordinaria do Pleno da Deputación, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asisten Dona Begoña Estévez Bernárdez (PP) nin Don Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo (BNG). Da fe do acto o Secretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma o seguinte acordo: 1.6370.- ACORDO DE APOIO ÓS AFECTADOS POLAS SUBORDINADAS E PREFERENTES EMITIDOS POR NOVAGALICIABANCO E MEDIDAS A ADOPTAR Dende o primeiro momento escóitanse no salón de sesións voces e gritos das persoas presentes no público. Sr. Presidente.- Buenos días. Bueno. A partir deste momento prodúcense as intervencións dos representantes das distintas plataformas de afectados polas subordinadas e preferentes emitidos por NovaGaliciaBanco. Sr. Presidente.- Bueno, moi bos días de novo. Van a intervir os representantes, os portavoces, neste caso, dos grupos políticos. Ten a palabra o señor D. Santos Héctor. Sr. Rodríguez Díaz.- Gracias Presidente. En primeiro lugar, saudar a todos e a todas e cada unha das persoas que hoxe están aquí, das plataformas, representantes e afectados e aforradores estafados, en nome do Grupo Provincial Socialista darlles a benvida e saúdalos. Hoxe estamos a celebrar un Pleno que foi unha solicitude que nos fixeron a todos os grupos políticos que temos presenza na Deputación de Pontevedra, a coordinadora das plataformas de Galicia. Unha solicitude que nos pedía que celebráramos este Pleno no día 8 de xullo, ó mesmo tempo que nas outras tres deputacións galegas. O noso grupo solicitou en tempo e forma a celebración dese Pleno para o día, 8 xuntamente co Bloque Nacionalista Galego, esta petición foi aceptada para que se celebrara no día de hoxe. Nós, dende o Grupo Provincial Socialista queremos reiterar o noso apoio e toda e cada unha das reivindicacións e reclamacións que veñen vostedes facendo ó longo destes anos, porque consideramos e seguimos considerando que son xustas e que se lle ten que dar unha solución. Vostedes nos facían chegar algunhas das cuestións que a partir do 28 do mes pasado, que é un punto de inflexión, empezan a ter outra significación, que solicitan un apoio co canxe obrigatorio por accións, o que lle chamamos as quitas, e tamén a solicitude de liquidez dos depósitos seus por urxencia. Tamén, que a solicitude de retraso e a paralización da execución da quita. Tamén, que a vía xudicial conte cun apoio e un asesoramento por parte da deputación para que sexan claras e transparentes cada unha das informacións que se están a facer. Tamén, que non se teña en conta para estes procesos as taxas e as costas dos procesos xudiciais que se están aplicando dende fai pouco tempo a todos os casos. Polo tanto, nós vimos apoiar cada unha destas novas accións que a situación, a raíz da implantación do Decreto, se está a dar, engadindo unha máis, que vostedes tamén puxeron de relevo no día de hoxe, e é de que están, ademais de ser estafados, están a ser tamén tratados como delincuentes nas accións que se celebran en distintos lugares, sexan entidades bancarias, concellos ou aquí na mesma deputación, e iso non se pode consentir, non se pode consentir que os multen, non se pode consentir que os sancionen ademais por estar reivindicando algo que é de xustiza e algo que é de vostedes. Polo tanto, tamén, aquí, solicitar da Subdelegación do Goberno que retire todas e cada unha das sancións que vén tendo impostas a manifestantes afectados e aforradores estafados polas preferentes. Polo tanto, este Pleno no día de hoxe ten que ser para ter en conta todas e cada unha das cuestións que vostedes expuxeron aquí, e, polo tanto, polo tanto, dende o Grupo Provincial Socialista contarán co noso apoio, contarán tamén o grupo de goberno co noso apoio, como vimos manifestando, e non vamos a entrar en proceso de responsabilidades ou de culpabilidades no día de hoxe, sobre todo para que haxa unha solución clara de apoio, por parte desta Deputación, para a solución do seu problema. Polo tanto, se temos que celebrar, poñernos en contacto coas outras tres deputacións, se temos que celebrar algún acto coas outras deputacións, e sobre todo, sobre todo, o que ten que haber aquí é a devolución dos seus aforros. E o temos dito moitas veces e o vamos a reiterar, ten que haber unha disposición do FROB ou do Goberno, decisión do Goberno, porque se trata dunha decisión política, de poñer a disposición dos que faltan por recuperar os seus aforros a liquidez suficiente para que o recuperen xa. Ese ten que ser o obxectivo deste Pleno, ten que ser o compromiso deste Pleno, e dende o Grupo Provincial Socialista ese compromiso o ofrecemos, o mantemos durante todo o tempo que sexa necesario para a solución do seu problema. Moitas gracias. Escóitanse aplausos e gritos do público presente. Sr. Presidente.- Dona Iolanda Veloso, ten a palabra. Sra. Veloso Ríos.- Moitas grazas. Moitas grazas. En primeiro lugar, quería desculpar a ausencia do Voceiro do Grupo Provincial do BNG, D. Cesáreo Mosquera, por problemas de saúde non pode estar hoxe aquí. En segundo lugar, a nós o que nos gustaría subliñar é que cando recibimos a solicitude de que se celebrase un pleno extraordinario por parte da coordinadora de plataformas, dende o BNG estivemos de acordo, por suposto, en solicitar deste goberno a celebración deste Pleno extraordinario, pero sobre todo para unha cousa, para escoitalo a vostede, Sr. Louzán, levamos varios meses escoitando ós representantes das plataformas de persoas afectadas polas preferentes e subordinadas, debatemos en múltiples ocasións, en distintas institucións, en distintas administracións, esta cuestión, e dende o BNG puxemos en marcha todas as medidas posibles como forza de oposición tanto no Congreso dos Deputados coma no Parlamento Galego coma nesta propia Deputación e nas outras Deputacións, e nos Concellos nos que estamos representados, para defender os intereses das persoas afectadas por esta estafa e por este roubo, é dicir, para defender que se lle devolvan os cartos, algo tan simple e tan sinxelo coma isto, que se lle devolvan os cartos. Mesmo nesta Deputación chegamos a un acordo, que foi aprobado por unanimidade, no que se pedía a derrogación do decreto das quitas, como coñecemos o decreto das quitas, no que se pedía unha entrevista co Ministro De Guindos, e non sabemos que pasou con ese acordo. Nós o que queremos, por suposto, é seguir escoitando ás persoas que están reclamando os seus dereitos e que están reclamando xustiza nas administracións e na rúa e o que queremos hoxe é escoitalo a vostede, Sr. Louzán, queremos que nos diga, ¿está vostede de acordo ou non con que estas persoas recuperen os seus cartos?,¿está vostede de acordo ou non con que o seu partido, que goberna en Madrid, lexisle para os bancos e non para os aforradores ós que se lles roubaron os seus cartos?, ¿está vostede de acordo ou non con que o Goberno do Estado lexisle para que recuperen os seus aforros?, ¿está vostede de acordo ou non con que a Delegación do Goberno estea sancionando a estas persoas por exercer o seu lexítimo dereito a reclamar que se faga xustiza?. Se está de acordo ou non, explíquenos que fixo con ese acordo que foi aprobado por unanimidade nesta Deputación, ¿que vai facer?, ¿vai seguir vostede mantendo a actitude de escoita absolutamente pasiva, rozando a burla, ou vai asumir as súas responsabilidades e vai dar explicacións?. Sabemos, e estes días estamos vendo, que non son precisamente vostedes moi proclives a dar explicacións, non son vostedes, os representantes do Partido Popular, mesmo cando ocupan cargos de responsabilidade máxima, como mesmo ser o Presidente do Goberno de España, non son proclives a dar explicacións sobre as responsabilidades que lles esixe a cidadanía que os elixiu lexitimamente e democraticamente. Pero nós hoxe queremos esixirlle a vostede que dea explicacións, ¿está de acordo ou non coas reclamacións destas persoas?, ¿vai seguir escoitando pasivamente sen facer nada?, ¿fixo algo?, ¿vai facelo?, ou, ¿vai seguir mantendo esta posición de aprobar por unanimidade nos concellos que se lle retiren as sancións e que non se lles apliquen as sancións?, pero logo aplicándollelas; ¿vai seguir aprobando por unanimidade que non se lles apliquen as quitas, pero despois lexislan para aplicarlles as quitas?. Este é o momento, hoxe, neste Pleno extraordinario, o BNG, por suposto, quere manter como sempre o seu apoio total e absoluto ás reclamacións das persoas afectadas polas subordinadas e as preferentes, pero, queremos aproveitar este Pleno extraordinario para que vostedes dean explicacións, para que digan, ¿que pensan realmente?, ¿están facendo algo por eles?, ¿van facer algo por eles?, ou vamos continuar con esta burla que día tras día está dicindo, un partido que está dicindo unha cousa nos concellos, que está dicindo un cousa nas Deputacións e que logo está lexislando de tal maneira que estas persoas están perdendo os cartos e os aforros de toda unha vida. Escóitanse aplausos e gritos do público presente. Sr. Presidente.- Ten a palabra o Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Bos días a todos e a todas. O noso grupo cando houbo a petición por parte das plataformas para celebrar este Pleno extraordinario non tivo ningunha dúbida en que había que celebralo, había que celebralo un pouco na mesma liña do que viñamos facendo nestes plenos da Corporación, nos últimos plenos, nos últimos meses, se lle está dando a palabra a todas as persoas que queren falar aquí, se lle dá o tempo necesario para poder falar, se escoitou, se tivo conversacións, se tivo reunións, se tiveron reunións nos concellos, e creo que o noso partido, e o digo de verdade, o digo con sinceridade, creo que estamos intentando buscar solucións a un problema gravísimo, a un problema … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- Digo que estamos buscando solucións a un problema que teñen vostedes, que teñen moitos cidadáns, moitas persoas que foron estafadas e que esa estafa ten que ter unha solución a un problema. E créanme, créanme que nós estamos totalmente sensibilizados con esta cuestión, que estamos … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Nos gustaría que, igual e co mesmo respecto, exactamente co mesmo respecto, eu puiden escoitar cousas dalgunha plataforma que me gustaron máis ou me gustaron menos, pero as escoitei con profundo respecto, e polo tanto, o mesmo respecto que pedimos para esas persoas que falaron, o tempo que quixeron, sen límite de tempo, o poidan facer os portavoces dos partidos políticos que están intervindo neste momento. Como ben dixo José Manuel fai un rato, senón é así vostedes se lo pierden, o importante, de verdade, é que poidan escoitar ás persoas que están intervindo, demos todas as posibilidades, todas, que entrase todo o mundo, que falase quen quixera, todo, tiveron todo. Polo tanto, lles pedimos que na mesma dimensión poidan escoitar ó portavoz do Partido Popular, lle gustará máis ou lle gustará menos, pero hai un respecto para todos, exactamente para todos. Polo tanto, nas súas mans está o poder escoitar, igual que escoitamos cousas que, probablemente, pois a uns nos gustaron máis ou nos gustaron menos. Moitas gracias. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- Dicía que nós estamos sensibilizados con este problema, cun problema que para nós está definido claramente, que é unha estafa, e é unha estafa que non vamos a entrar, xa o dixemos ou outro día, no debate anterior, de quen é culpable e de quen non é culpable, pero tamén dicir algunhas cousas, dicir que a algúns que falaron anteriormente se lles esquece que houbo un período político do 2006 ó 2009, nada máis, só recordar iso, porque parece que senón aquí só se está intentando, o ano 2006 e 2009 tamén existe na sociedade galega, na sociedade pontevedresa e na sociedade española, e digo que, nós somos conscientes de que isto é unha estafa en toda a regra, e é unha estafa dirixida e coordinada por uns señores, uns señores que aquí acaba de falar, que se esixen responsabilidades sobre eles, señores que cobraron unhas indemnizacións, pero señores, que iso non é a cuestión de vostedes pero si entre os responsables políticos houbo, hai pouco, nun Pleno dunha corporación dun concello desta cidade de nomear persoa non grata e de retirarlle a medalla de ouro da cidade a unha serie de persoas e algúns dos que están aí en fronte non o votaron, votaron, de que a favor de que ese señor continúase coa medalla de ouro da cidade. Polo tanto, tamén hai que dicir as cousas, hai que dicir quen as fai e quen non as fai, nós queremos, por suposto, esixir todas as responsabilidades a esas persoas que emitiron preferentes e subordinas, a esas persoas que non fixeron as cousas ben, ¿e sabe por que non as fixeron?, porque as caixas estaban mal e quixeron capitalizar as caixas, e entón, ¿que fixeron?, buscar a posibilidade duns ingresos adicionais e intentar que eses ingresos adicionais supuxeran tapar a mala xestión que levaban feito durante anos. ¿E que fixeron?, pois, intentaron a través das súas redes, dos seus directores, dos seus comerciais, intentar que persoas de boa fe pois tivesen as preferentes ou se acolleran á emisión de preferentes ou subordinadas. Esa é a verdade auténtica, a verdade auténtica. É certo que, seguramente, tiñan no seu pensamento que esta situación económica non ía a ser tan grave, e como non ía a ser tan grave pois ían ir resolvendo os problemas paulatinamente, pero, veu a crise, a crise atacou duramente e isto foi imposible de resolver. E a partir de aí, ¿que temos?, que creo que é o que temos que centrarnos, que é o que queremos nós, nós queremos trasladarlle os datos que temos nós para cotejalos cos que teñen vostedes para ver se son certos ou non, e traballar todos na mesma dirección, porque iso é o importante, o importante é que o 100% de todas as persoas afectadas cobren os seus cartos, ese é o obxectivo que temos que perseguir absolutamente todos. E por iso, nós temos uns datos que queremos saber, queremos cotejalos, vou a dalos agora para saber se son certos ou non, senón son certos despois falamos e corrixímolos e intentamos ver se hai solución ou non, e de que maneira podemos mediar como estamos facendo ata agora. E eu teño que defender e defendo ós meus compañeiros porque estou con eles e falo con eles todos os días, e sei o que estamos a facer, dende os alcaldes, dende os concellos, se está intentando por todos os medios resolver este problema. E créame que é certo, créame que nós somos persoas que estamos totalmente involucradas e comprometidas con este problema, pero tamén, evidentemente, temos que ir todos na mesma dirección, o que non podemos e intentar que uns vaian por libre e outros ó final pois intenten montar liortas para que o obxectivo final non se acabe. Nós non somos os adversarios nin os inimigos de vostedes, todo o contrario, e poño a man no fogo e onde faga falta por min e por todos os meus compañeiros, porque é así, é así. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- Vamos a ver. Intervén unha persoa do público. Sr. Figueroa Vila.- Mire, eu dicía que os reproches non serven absolutamente para nada, pero nós tamén temos dignidade e temos un compromiso político e persoal, e moitas das persoas que están aí son compañeiros, amigos, veciños e incluso familiares, e iso é así, e creo que teñen que entender que é así, e nós estamos intentando facer un traballo, un traballo para resolver o problema, na medida das nosas posibilidades, ata o máximo, e, créanme, nós seríamos as persoas máis satisfeitas tanto persoalmente como politicamente se se resolvese este problema dunha vez. E créanme que é así, Evidentemente, os que teñen o problema sofren máis, evidentemente, que é así, porque están no día a día coa situación e coa carga que teñen enriba, e nós témolo claro, que é unha carga e unha estafa dunha magnitude sen precedentes e xa explicou, xa expliquei porque se chegou aquí. Pero tamén é certo que hai que por en común os datos para saber se os datos son certos, e se o final pois alguén nos pode enganar ou non enganar, ó mellor están dicindo a verdade dos datos que nos están pasando. Miren, iniciouse cun proceso de arbitraxe, hai un ano aproximadamente, en xullo do ano 2012, proceso de arbitraxe que algúns non querían tampouco, é dicir, que desconfiaban dese proceso de arbitraxe e hai que dicilo tamén, que é certo que se desconfiou ou se desconfía dese proceso de arbitraxe. Ese proceso de arbitraxe, pois nós consideramos que ata agora deu algúns froitos, non todos os que nós queríamos nin todos os que vostedes querían, pero si é certo, e vou a ver os datos para que non me equivoque, non me quede nada atrás, porque non quero ser irresponsable, quero ser coherente e quero ser rigoroso para que nadie nos teña que dicir absolutamente nada. Vostedes seguramente poidan criticarnos, poidan dicir que non facemos absolutamente nada, pero eu teño que dicirlles que non é certo, e non é certo porque ese proceso de arbitraxe que se abriu, hai uns datos claros, estamos falando en Galicia de 1.800 millóns de euros que inclúen preferentes e subordinadas, creo que é así, aproximadamente uns 75.000 afectados, vamos a falar de números redondos, porque eu creo que é a cuestión, tampouco é cuestión de chegar á persoa ou ó caso. Deses foron á arbitraxe en torno a 40.000 que hai unha solución de 500 millóns de euros, aproximadamente, que son os compromisos que hai, algúns xa cobraron, outros non cobraron, outros están en proceso, pois 500 millóns de euros que nestes momentos se meteron para resolver este problema. Despois o canxe que, aproximadamente, nós consideramos que aquí estamos falando doutros 900 millóns de euros, aproximadamente, que algúns están chegando a acordos, outros non están chegando a acordos, pero que máis ou menos pois hai unha relación, máis ou menos, de posibilidade de acordo en canto a este apartado ou a esta cuestión. E despois, ese diñeiro, evidentemente, veu do fondo de garantía de depósitos, e algúns están relacionados tamén coas famosas quitas. E a partir de aí nos quedan 400 millóns de euros para o resto. Eu, me gustaría saber se as plataformas, estes son os datos que estamos manexando todos, porque eu creo que é importante, eu creo que é importante para facer un diagnóstico, que saibamos a verdade do que está a suceder. Polo tanto, que hai unha cuestión, bueno, pois hai unha cuestión que, 500 millóns de euros se están resolvendo, ou sexa, que 40.000 casos, como algún dicía, non persoas, pero bueno, vou a dar o concepto como se explicou aquí e como se falou aquí anteriormente, 40.000 casos máis ou menos, están resoltos dos 75.000. Nos quedan ese resto de 900 millóns de euros que, evidentemente, significan unha parte importante, en torno ó 85%, non sei se é así, do resto, e a partir de aí, ¿que nos quedan?, pois eses 400 millóns de euros. Bueno, eu creo que se avanzou, sexan xustos con nós tamén, se avanzou, non o que se pedía, evidentemente, non se resolveu o problema de todos, evidentemente. ¿Cal é o problema?, bueno, pois que agora algúns teñen resolta a súa cuestión e outros non, pois vamos a traballar entre todos para resolver o resto dos que quedan porque ese é o obxectivo que nós perseguimos, é o obxectivo que vostedes perseguen e nós queremos, con vostedes, que moitos, volvo a repetir, son veciños, son familiares ou son amigos, poderlles ver a cara, ter o que queremos. E vostedes tamén teñen que ser xustos con nós, non poden votarnos as culpas de todo, absolutamente todo, que nós non creamos, e non vou a entrar no tema de herencia, que agora mesmo non nos preocupa, pero esta situación non a creamos nós, créanme que non a creamos nós, creárona, mire, estes señores que están aquí, estes señores, ¡eh¡, ¿vale?. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- A min me gustaría que nos deixaran facer as intervencións porque senón haberá que tomar outro tipo de decisión, e eu creo que é bo, igual que escoitastes, igual que escoitastes, igual que escoitamos a todos, igual que escoitamos a todos, queremos que falen os portavoces. Continúa. Sr. Figueroa Vila.- Eu dicía que aquí o que temos é que, entre todos, buscarlle a solución ós que quedan co problema, porque senón ó final non conseguimos absolutamente nada. É certo que hai acordos plenarios, e que nós aprobamos, e que a maioría se foron cumprindo, se foi avanzando, que iso é o importante. Pero, tamén é certo que mentres que non se resolva o último caso, evidentemente, este problema non está resolto. Eu é o que creo que temos que facer todos, traballar na mesma dirección, traballar na dirección de acadar que eses 900 millóns que están agora en posibilidade de acordo se resolvan, e eses 400 que quedan, que se resolvan na súa totalidade, e nós vamos a traballar para iso, e poden contar con nós para iso, porque é o que pensamos e o que estamos facendo e na liña na que estamos traballando. Xa sei que é difícil cando un ten unha situación tan complicada como esta pensar que o que lle están dicindo é verdade ou non, pero o que si está claro é que, vostedes póñanse, hai un ano, hai un ano, seguramente, a situación era moitisimo peor que estamos agora, agora hai 40.000 casos, 40.000 casos que están resoltos, que son 500 millóns de euros, que non se pensaban resolver seguramente, máis 900 millóns de euros que están en período de proceso de resolución e quedan 400, é certo que quedan 400 millóns pois vamos a ver cales son os obxectivos, cales son as propostas que podemos facer entre todos para resolver este problema. Eu lle pido, eu lle pido tamén a vostedes, que é difícil pedirlle, pero que tamén reflexionen sobre o que fixemos nós e o traballo que fixemos nós, e o traballo que se está a facer, reflexionen. Miren, a min me gustaría, non, pero José Manuel, vamos a ver, deixádeme facer o discurso, vós facedes o voso discurso, o que queredes, home, deixarme falar á xente. A ver, José Manuel, eu lle falo á xente porque nós lle falamos á xente normalmente, é o normal, se temos un problema, temos un conflito gravísimo, temos unha estafa enriba da mesa, temos que estar todos o máis unidos posible para resolver este problema. E ti sabes, José Manuel, sabes perfectamente, sabes perfectamente, que todas as peticións de entrevista, todas as propostas que nos fixeches de diversos colectivos son atendidas por todos os compañeiros que están aquí, e todos os compañeiros están poñendo a súa aportación persoal, a súa aportación política, a súa influencia para intentar resolver este problema e o que nos gustaría a todos é que este tema se resolvese o antes posible, e, por iso nós, e, por iso nós … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- Bueno, eu creo que, ó final o importante é que se poida buscar accións e propostas para que se poida continuar neste traballo. Nós, dende logo, adquirimos un compromiso de continuar con este traballo, de intentar que eses 500 millóns de euros, que están máis ou menos acordados, se cumpran na súa totalidade; que os 900 millóns de euros que quedan pendentes ou que estaban pendentes do acordo que se están acordando, que se poidan resolver, e os 400 seguir traballando ata o último euro, ata a última persoa que teña un problema, e que foi estafada, e que é un aforrador, e que se cumpra na súa totalidade. Iso é o que vamos a facer dende o grupo popular na Deputación, o que estamos facendo nos concellos, o que estamos facendo onde gobernamos e esa é a liña que vamos a seguir no noso traballo. Eu, me gustaría contestarlle á oposición pero, é outro debate, pero si, lle digo á oposición, que, seguramente, cando isto se resolva, pois falaremos doutras cuestións, porque hai que falar de moitas cuestións políticas, porque, loxicamente, os cidadáns queren solucións ós problemas, pero os problemas dos cidadáns se crean dende a clase política en moitos casos, e en moitos casos en persoas, en persoas que estiveron nas caixas e que agora se afeitan para arriba. E tamén creo que non se pode dicir unha cousa aquí e dicir outra cousa noutros concellos. O que non se pode dicir aquí é que o Sr. Gayoso é un estafador, é un delincuente, e alí votar a favor de que continúe coa medalla de ouro da cidade, iso é o que non se pode dicir, e iso, hai que ser coherentes, coherentes, hai que ser coherentes, e esa é unha parte de responsabilidade política entre nós, non con eles. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- D. Santos Héctor. Sr. Rodríguez Díaz.- Eu creo, vou ser moi breve para que non discorramos polos derroteiros que non deben de ser, polo menos, o obxecto deste Pleno. Pero, dende logo, eu só vou a facer un apunte, se de verdade o Partido Popular e o goberno da Deputación de Pontevedra están a favor, realmente, da solución do problema dos aforradores estafados, o único que teñen que facer é lexislar ó seu favor e non en contra como ata agora, tan simple como iso, poñerse a favor de lexislar a favor deles e non en contra, e, digo, eu non pensaba intervir, pero, Sr. Figueroa, vostede entra nuns terreos, di non vou a falar pero fala, eu, ó noso grupo o que nos importa hoxe aquí é que haxa un compromiso de solución para estes afectados aforradores, nada máis, e ó mellor teremos tempo de facer outros debates, se o Sr. Gayoso, se a fusión das caixas, moitos outros debates, pero hoxe o único debate que hai aquí é que nos veñen a esixir unha solución e, dende logo, dende o Grupo Provincial Socialista estamos a favor de apoiar a solución para eles, nada máis, outra discusión política hoxe non nos interesa. E, señores do Partido Popular, inflúan nos seus gobernos para que haxa unha lexislación que o favoreza, puxeron de manifesto algunhas, que lle afectan agora, como son as taxas, para poder recorrer; a derrogación do decreto que é o que os obriga a estas quitas, tan sinxelo como iso, lexislación que os favoreza e non que os prexudique. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Sra. Veloso. Sra. Veloso Ríos.- Si, moitas grazas. Efectivamente no BNG temos claro que hai culpables entre os directivos das caixas, e de feito, por iso fomos precisamente nós quen propuxemos, no concello de Vigo, que se lle retirase a Medalla de Ouro da cidade ó Sr. Gayoso. Efectivamente, nós propuxémolo e o Partido Popular o pensou ben, ata o momento mesmo de comezar o Pleno non tiña decidido se votar a favor ou non de retirarlle a Medalla de Ouro da cidade. Pero mire, tamén temos moi claro que hai cousas que son importantes pero que son simbólicas e que hai cousas que son moi importantes e que realmente ofrecen solucións ás persoas. E a ver se nos vamos centrar agora en retirar Medallas de Ouro ou declarar persoas non gratas, que está moi ben e que hai que facelo porque cada quen ten que asumir as súas responsabilidades, pero, aquí hai moitas persoas que están reclamando que se lles devolvan os seus aforros. E con dicirlles os 500 millóns de euros que xa se devolveron, con poñernos de acordo sobre datos, pois creo que non se lles vai solucionar. Eu creo que aquí do que se trata non é de sentarse para cotexar datos, os datos son: eu perdín os meus cartos e quero que mos devolvan, porque mos roubaron, porque me estafaron, e quero que me devolvan os meus cartos, e os responsables terán que pagar, pero tamén é certo que hai gobernos que están para lexislar, para que ás persoas se lle respecten os seus dereitos e recuperen os cartos que se lles estafaron. E aí, é onde ten que asumir as responsabilidades o Partido Popular que está gobernando, e queremos insistir en que o que esperamos deste Pleno, independentemente de todos os acordos ou compromisos ós que poidamos chegar as forzas políticas o que queremos é que se nos explique, que nos dean explicacións sobre cal é a posición do goberno desta Deputación, sobre as reclamacións que están facendo mes tras mes as persoas afectadas pola estafa das preferentes e das subordinadas. ¿Que pensa facer?, ¿que está facendo?, máis aló de cotexar datos, porque con iso non se resolve a cuestión, e, ¿están de acordo ou non?, e van pedir que continúe a arbitraxe, ¿están de acordo ou non co decreto das quitas?, que non foi un decreto que elaborase o Sr. Gayoso, foi un decreto elaborado e aprobado polo goberno do Estado. ¿Están de acordo ou non coa aplicación de sancións?, ¿que pasou coa entrevista ó Sr. De Guindos?, ¿vai vir o Sr. De Guindos, o Ministro, a dar a cara e dar explicacións e explicarlles a estas persoas que se vai facer dende o goberno para que recuperen os seus aforros?. Iso é o que queremos nós hoxe, acordos e compromisos xa houbo, pero logo a lexislación e as accións do Partido Popular van precisamente na liña contraria, entón, cando se fala de que camiñemos todos na mesma dirección, explíquennos, ¿cal é esa dirección?, ¿cal é?, ¿a de seguir quitándolles os seus cartos?, ¿a de rematar coa arbitraxe?, ¿a de aplicarlles as quitas?, ¿a de obrigalos a ser accionistas?, porque se esa é a dirección na que temos que camiñar todo o mundo nós non vamos a estar nesa dirección, nós só estamos nunha dirección, que estas persoas recuperen os seus cartos e diso é do que temos que falar hoxe, e diso é do que teñen que falar hoxe vostedes. Sr. Figueroa Vila.- Sra. Veloso, eu se lle saquei os datos é un pouco para intentar facer un debate rigoroso en base a datos oficiais e a cuestións que loxicamente se están levando a cabo. Hai un ano, e esa é unha cuestión que todos sabemos, porque aí están as hemerotecas e as declaracións, non se confiaba na arbitraxe, non se cría na arbitraxe, Sra. Veloso, eu se lle saquei os datos é un pouco para intentar facer un debate rigoroso en base a datos oficias e a cuestións que, loxicamente, se están levando a cabo hai un ano, e esa é unha cuestión que todos sabemos, porque aí están as hemerotecas e as declaracións, non se confiaba na arbitraxe, non se quería a arbitraxe, bueno, pois a arbitraxe resolveu, … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- Eu non me río, eu non me río, mira, Julio, eu non me río, porque isto me parece moi serio, isto me parece demasiado serio como para que algún, algún, intente desvirtuar o que reclaman todos os demais e o que demandan todos, é dicir, de boa fe, de moita xente que algúns individualmente están manipulando, iso é o que non me río eu diso, porque este tema me preocupa, pero hai unha cuestión que está clara. Digo que hai un traballo feito con respecto ás arbitraxes, e hai en torno a 40.000 casos, 39.000, que están … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Figueroa Vila.- A solución é que quedan 400 millóns de euros sen resolver, que hai que resolvelos, esa é a solución, esa é a solución, esa é a solución, pero hai que traballar para resolvelos, porque ata agora xa se resolveron 500 e se resolveron, 900 están en fase de resolución e quedan 400 por resolver. Sr. Presidente.- Tranquilo, tranquilidade. Si, pero primeiro que terminen. Bueno, vamos a intentar escoitarnos, se podemos, se non podemos, como xa dixen, entenderemos que non hai necesidade de escoitar o que nós plantexemos dende aquí. O primeiro que teño que dicir é que eu esperaba algunha proposta dos partidos da oposición, porque dalgunha maneira se convocou o Pleno para iso, non hai ningunha proposta, iso en primeiro lugar. En segundo lugar, en segundo lugar, eu escoitei, como non podía ser doutra maneira, creo que cousas importantes dos dirixentes das plataformas, que bueno, en cousas eu creo que hai, vamos, na inmensa maioría hai razón, menos nalgunha que eu creo que foi, debeu ser por falta de memoria, que un interviñente se olvidou que no ano 2005 ó 2009 non houbo goberno en Galicia. No cal podemos estar de acordo, probablemente estamos de acordo en que non houbo goberno en Galicia no ano 2005 ó 2009, que esa foi unha cuestión que este señor se debeu obviar. Pero, en todo caso, o importante é que todos temos memoria e a memoria nos debe levar á seguinte situación: fai un ano, agora fai un ano, fai un ano, moitos de vostedes, como non podía ser doutra maneira, vían preocupados que non ían a recuperar nunca eses aforros, e iso non é a realidade, a día de hoxe, a día de hoxe, estamos da seguinte maneira, recuperáronse 500 millóns de euros vía arbitraxe, algún destes … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Algunhas das persoas que interviron dicían que non querían a arbitraxe, despois si é certo que querían a arbitraxe, despois querían que ampliáramos a arbitraxe, se lle ampliou a arbitraxe e hoxe hai máis de 500 casos que están sendo tratados no Tribunal de arbitraxe de Galicia. Foi unha medida pioneira en España que non houbo ningún precedente noutra Comunidade Autónoma máis que en Galicia, o cal nos alegramos diso, e iso é un traballo do goberno, polo tanto, se ata agora non se fixo nada agora si se fixo. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Hoxe a Xunta, a Xunta de Galicia, segue co Tribunal de arbitraxe, a Deputación ten en marcha un convenio coa Unión de consumidores de Galicia, que dicía unha señora aí, que me estrañou, dicía que a Deputación lle estaba mal informando, non é a Deputación, é nada máis e nada menos que un órgano independente que é a Unión de consumidores de Galicia, que atendeu a máis de 2.000 persoas, levan pasado polas oficinas que están na provincia de Pontevedra, asesorando, de maneira independente, ós afectados que aínda non puideron cobrar. Tamén hai que dicir unha cuestión, é que non deben negarlle a ningún dos dirixentes das plataformas, cando se puxo en marcha ese proceso da quita, que, por certo, estamos en contra, estamos en contra do proceso da quita, pero dalgunha maneira os que lexislan saben mellor que nós cal é a situación do país, e polo tanto se puxo en marcha … Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Por iso os gobernantes neste país, …, non, non, cando eu acabe xa veremos se vostede pode falar, de momento estou eu no uso da palabra. Os gobernantes deste país sabendo que iso era un problema, sabendo que iso era un problema, lograron unha solución, lograron unha solución que non é a solución que queríamos pero é a solución menos mala, de feito, de feito, os grandes bancos deste país, os grandes bancos deste país estaban en contra de que se fose ó fondo de garantía de depósito para coller ese diñeiro e pagarlle ós afectados polas preferentes. Pois si, foi unha decisión do goberno, responsable, para axudar precisamente ós que estabades enganchados neste tipo de produtos, e se logrou que o fondo de garantía de depósito vos houbera pagado a moitos dos afectados, non todo o que dalgunha maneira foi estafado, pero si unha parte importante e que hoxe terminarán con miles de galegos que van a recuperar unha parte importante, unha parte importante dos seus aforros. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Se non se houbera aprobado por parte do Goberno de acudir ó Fondo de Garantía de Depósitos, hoxe, como dixo o Sr. Julio aquí, pois terían papelitos que non servirían para nada, pero si, dalgunha maneira puideron acceder ó diñeiro, puideron acceder ó diñeiro, esa é unha cuestión importante que deben saber, e polo tanto, o fondo de garantía de depósito lle dou posibilidades a miles de afectados, de poder cobrar unha parte, non todo, que o reclamaremos pola vía da xustiza. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Polo tanto, o goberno, neste caso desta Deputación, e como non houbo ningunha proposta dos grupos da oposición, o que propón dende aquí e que pedimos, esperemos que se nos escoite neste sentido, que continúe o Tribunal de Arbitraxe, e tamén dicirlle, e contestarlle, que dende aquí se lle enviou, por suposto tal e como era o acordo, pois unha carta dirixida ó Ministro, nese caso responsable do ramo, para que nos puidera recibir. E de aí que hai moi pouco tempo neste Pleno da Corporación Provincial se acordou por parte de todos os grupos, precisamente, que se amplíe a arbitraxe, que agora mesmo, como todos saben, está nunha media de 500 arbitraxes diarias para chegar a eses 40.000 afectados. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Pois agora ten a vía xudicial para poder reclamar iso que lle falta. Agora a ten. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- Por parte da Corporación o que vamos a pedir e plantear o grupo de goberno, e espero que os grupos da oposición, é que dalgunha maneira se atenda e que poida continuar a arbitraxe. Creo que é unha fórmula importante, que nós vamos a seguir traballando na liña de información coa Unión de consumidores, e polo tanto, propoñemos ós grupos da oposición a súa votación, para que continúe a arbitraxe, se están de acordo ou non están de acordo. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. Sra. Veloso. Sra. Veloso Ríos.- ¿Cantas veces temos que votar o mesmo?, ¿cantas veces temos que votar o mesmo?. Nós estamos pedindo explicacións sobre o que xa se votou non queremos votar outra vez, votamos, podemos votar mil veces. Sr. Presidente.- Vostede non propuxo nada, que lle vou facer, non propuxo nada. Sra. Veloso Ríos.- Pero xa está votado, xa está acordado, xa está acordado polo Pleno desta Deputación, que se lles devolvan os cartos, que se derrogue o Decreto, que se continúe coa arbitraxe, que se organice unha entrevista co Ministro De Guindos, xa está acordado. ¿Quere volver votar o mesmo?. Nós mantemos o mesmo voto porque sempre estivemos de acordo, pero nós o que queremos é saber, ¿que se fixo dos acordos desta Deputación?, o resto é simplemente unha burla. Sr. Presidente.- Déixese de demagoxia Sra. Veloso e sexamos sensatos. ¿Queren que continúe a arbitraxe?. Nos queremos que continúe a arbitraxe. Escóitanse voces e gritos do público. Sr. Presidente.- ¿Votos en contra da proposta de que continúe a arbitraxe?. Foi a única proposta e fixémola nós, vós non fixeches ningunha, polo tanto, nós propoñemos que continúe a arbitraxe. ¿Hai algunha proposta pola vosa parte?. ¿Cal é?. Sr. Rodríguez Díaz.- Vamos a ver, nós estamos a favor de que continúe a arbitraxe pero para todos, sen discriminación. Sr. Presidente.- Nós tamén. Sr. Rodríguez Díaz.- E tamén, e tamén, porque a proposta a fixeron os portavoces, que se eliminen as taxas, e mire, ademais da derrogación do Decreto eu creo que é algo … si, vamos a ver, eu un pouco a proposta que vostede facía da arbitraxe, o Grupo Provincial Socialista estamos de acordo de que sexa unha arbitraxe para todos e sen discriminación. Pero aquí a proposta a fixeron todos os portavoces, queren que se eliminen as taxas e queren tamén que se derrogue o Decreto. Pero mire, nós lle vamos a engadir unha máis sinxela e que tamén pediron eles, que é que o Estado pida o crédito á conta deses 100 millóns de euros, para sanear o sistema financeiro español, para poderlle pagar ós aforradores, devolverlle os seus cartos. Nós queremos que se inclúan esas cuestións … Moitas gracias. Sr. Presidente.- Pero é que ata agora non hai ningunha proposta vosa. Eu non vin ningunha proposta. Sr. Rodríguez Díaz.- Vamos a ver, Sr. Presidente, o Pleno se fixo a instancias da Coordinadora das plataformas, e foron eles os que expuxeron as propostas. Sr. Presidente.- Bueno, pois aí figurarán os puntos que eles propoñen. Sr. Rodríguez Díaz.- E ademais, ademais, eu creo que hai algo que non tratamos en ningún Pleno, que é que se, non sei se o tratamos nalgún outro, me apuntan aquí que si, que é o das multas, o das multas, hai que retirar esas sancións e esas multas. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moi ben. Bueno, pois ogallá poidamos levar adiante iso e iso é o que vamos a propoñer. ¿Votos en contra?. A ver, Sra. Veloso. Sra. Veloso Ríos.- Evidentemente, se estivemos escoitando ás plataformas foi para recoller as súas propostas, agora … Intervén unha persoa do público. Sr. Presidente.- Vostede ten a palabra, se non a quere. Eles xa tiveron o seu turno. Sra. Veloso Ríos.- Si, estou no uso da palabra. Sr. Presidente.- Claro, somos os mesmos, ¿non?. Sra. Veloso Ríos.- Pois si, pois si, somos os mesmos porque nós estamos representando á cidadanía e somos os mesmos, e nós somos os mesmos que as persoas que están aí, reclamando os seus dereitos, si, somos os mesmos, e queremos trasladar as súas demandas, e queremos que sexan as súas demandas as que se voten e queremos que se lle retiren as sancións, e queremos tamén que se engada nesa proposta, que se lle solicite dende esta Deputación a todos os deputados galegos do Partido Popular no Congreso dos Deputados, no Parlamento Galego e no Parlamento Europeo, que apoien todas estas medidas e que non voten en contra despois cando teñen que tomar as decisións. Tamén, queremos esa proposta e queremos que se escoite agora mesmo ós representantes das plataformas que están falando e están no uso da palabra, porque se nós estamos no uso da palabra eles tamén, porque nós estamos aquí representándoos, somos os mesmos, efectivamente. Sr. Presidente.- Xa escoitamos. Non, non, fala, fala, déixalle o micro un momento. Intervén unha persoa do público. Sr. Presidente.- Sr. Julio, se quere. Intervén unha persoa do público. Sr. Presidente.- En base ó escrito que D. José Manuel Estévez nos presentou atenderemos iso, así o vamos a facer constar no Pleno da Corporación, tal e como José Manuel Estévez nos pediu, e espero que poidamos conseguir esas reivindicacións todos xuntos. Moitas gracias e moi bos días. O Pleno acorda por unanimidade apoiar o escrito presentado polo coordinador da Plataforma de Afectados Vigo-Val Miñor, D. José Manuel Estévez Rodríguez, cuxas propostas son as seguintes: - Apoio ós afectados no relacionado con canxe obrigatorio por accións (quita), e solicitude de liquidez. - Solicitude de liquidez, (por urxencia). - Outros asuntos relacionados cos afectados pola comercialización de produtos tóxicos por parte de NGB, entre outros: - Solicitude de retraso e paralización en execución de quita. - Vía xudicial, asesoramento e apoio para que dende dito organismo xudicial se pronuncien con total claridade e transparencia as situacións xurídicas en cada un dos supostos que se dan neste complexo caso. - Taxas e costas de procesos xudiciais. - No referente á situación axudas dende ese órgano de xestión á continuidade da vía de arbitraxe como alternativa viable e efectiva para evitar colapso nos xulgados, e á súa vez unha xustiza equitativa, tendo en conta que todos os afectados han de ter os mesmos dereitos en canto a someterse a unha arbitraxe. - Nova medición de valores, dende a Price Waterhouse Coopers de aceptación a someterse a arbitraxe, revisión de expedientes, claridade no proceso. - Apoio esixible ó departamento de Consumo da Xunta de Galicia no relativo a este proceso. - Convenio UCGAI Deputación provincial. Remitírase copia desta solicitude ós dirixentes dos partidos políticos con representación na Deputación de Pontevedra e solicitarase que á súa vez estes remitan ós respectivos homólogos nas outras provincias. O Secretario, Asdo. Carlos Cuadrado Romay
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota
Puntos de acceso
Puntos de acceso de topónimos
Nome dos puntos de acceso Deputación de Pontevedra. Pleno (Tema)