ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 1998/01/30_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.359/1.1998-01-30_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 1998/01/30_Ordinaria

  • Data(s) 1998-01-30 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: 13,14 Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 30 de xaneiro de 1998 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e oito, baixo a Presidencia do Vicepresidente D. Xosé Manuel Barros González, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Carmen Avendaño Otero, D. Adolfo Campos Panadeiros, Dona Ramona Castaño López, D. Xosé Costa Díaz, D. Xoán Carlos Chillón Iglesias, D. José Luis Fernández Lorenzo, Dona Carmen Ferro Carballo, D. Lino Fontán Mariño, Dona Ana Gandón Menduíña, D. Emilio González Iglesias, D. Oswaldo Lino González Pereira, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. Emiliano Lage Rodríguez, D. Mario López Martínez, D. Rafael Louzán Abal, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Amado Ricón Virulegio, D. Julio Sayáns Bugallo, D. Ramón Sestelo Fernández, D. Santiago Tirado Serén, D. Pablo Vázquez Caride, D. Roberto Vázquez Souto e D. Manuel Vilar Márquez, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Vicesecretario, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Viceinterventor, D. Antonio Graña Gómez. Non asisten o Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López nin os Sres. Deputados D. Santiago Pazos Moreira nin D. Julio Pedrosa Vicente. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: DECLARACIÓN INSTITUCIONAL MANIFESTANDO A REPULSA E CONDENA DA CORPORACIÓN POLO ATENTADO TERRORISTA ACONTECIDO EN SEVILLA Sr. Presidente.- Bos días a todos. Vamos a comezar entón este Pleno ordinario do día de hoxe. E antes de entrar na orde do día, se me permiten vamos a ler un comunicado que se redactou fai un momento aquí en colaboración de tódolos grupos representados aquí na Deputación, polo lamentable feito que ocurriu esta madrugada, polo atentado que houbo en Sevilla e que vamos a dar ou me van a permitir que dea lectura a continuación. Esta madrugada a banda terrorista ETA perpetuou un novo asasinato nas persoas do Teniente Alcalde do Concello de Sevilla e Concelleiro do Grupo do Partido Popular, Alberto Giménez Becerril e á súa dona Ascensión García Ortíz. Perante tan execrable crime que truncaron de forma tan alevosa precisamente no Día Mundial da Paz as vidas deste xove matrimonio, esta Corporación manifesta publicamente a súa máis enérxica repulsa e condena por este vil asasinato. Mostramos a nosa solidariedade coa familia de Alberto e Ascensión, de modo especial cos seus tres fillos, uníndonos á súa dor e ó da Corporación e o pobo de Sevilla. Estes crimes sen sentido non impedirán que sigamos traballando pola democracia dende as Institucións para as cales fomos elixidos polos nosos concidadáns. A fin de conseguir unha convivencia en paz e en liberdade que non truncarán os que a única forma de diálogo que practican é o do tiro na caluga sementando este país de dor. Mantémonos firmes nas nosas conviccións e aínda que nos inunda nestes momentos unha rabia e dor inmensos por tal horrible acción, todos cantos nos consideramos demócratas condenamos a violencia con rigor, sen medo pero así mesmo sen violencia. Como proba de solidariedade invitamos a todos cantos o desexen a que se manifesten á súa repulsa perante estes crimes nunha concentración silenciosa ó rematar esta sesión plenaria, que vamos a facer aquí nas escaleiras precisamente deste Pazo Provincial. Así que ó remata-lo Pleno quedan invitados a ter uns minutos de silencio aquí diante das escaleiras do Pazo Provincial en memoria e en repulsa tamén destes desgraciados crimes. E dito esto pasamos á orde do día. DECLARACIÓN INSTITUCIONAL Esta madrugada a banda terrorista ETA perpetrou un novo asasinato nas persoas do Teniente de Alcalde do Concello de Sevilla e Concelleiro do Grupo do Partido Popular Alberto Giménez Becerril e a súa dona Ascensión García Ortíz. Ante tan execrables crimes que truncaron de forma tan alevosa, precisamente no Día Mundial da Paz, as vidas deste xoven matrimonio, esta Corporación manifesta publicamente a súa máis enérxica repulsa e condena por este vil asasinato. Mostramos a nosa solidariedade coa familia de Alberto e Ascensión, de modo especial cos seus tres fillos, uníndonos á súa dor e ó da Corporación e pobo de Sevilla. Estes crimes sen sentido non impedirán que sigamos traballando pola democracia dende as Institucións para as cales fomos elixidos polos nosos concidadáns, a fin de conseguir unha convivencia en paz e en liberdade que non truncarán os que a única forma de diálogo que practican é o do tiro na caluga, sementando este país de dor. Mantémonos firmes nas nosas conviccións e aínda que nos inunda, nestes momentos, unha rabia e dor inmensos por tal horrible acción, todos cantos nos consideramos demócratas condenamos a violencia con vigor, sen medo, pero así mesmo sen violencia. Como proba de solidariedade invitamos a que todos cantos o desexen, manifesten a súa repulsa ante estes crimes cunha concentración silenciosa, ó rematar esta sesión plenaria, ante o Pazo Provincial. 1.4158.- ACTAS ANTERIORES Sr. Presidente.- Primeiramente a aprobación dos borradores das Actas das anteriores sesións ámbalas dúas extraordinarias dos días 30 de decembro do 97 e 2 de xaneiro do 90. ¿Hai algunha intervención neste punto?. Considérase que se aproba por unanimidade. Gracias. O Pleno acorda por unanimidade, aproba-los borradores das actas das anteriores sesións extraordinarias, dos días 30 de decembro de 1997 e 2 de xaneiro de 1998. ------ Folla: 14 2.4159.- TOMA DE POSESIÓN DO CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL DE D. EMILIANO LAGE RODRÍGUEZ Sr. Presidente.- Pasamos ó punto 2. Toma de posesión do cargo de Deputado Provincial de D. Emiliano Lage Rodríguez. Compañeiro Emiliano, se fa-lo favor, non é a primeira vez así que vamos a repeti-la toma de posesión unha vez máis. (Neste momento toma posesión o novo Sr. Deputado D. Emiliano Lage Rodríguez.). Sr. Presidente.- Muchas gracias. Benvido e noraboa. Agora vamos a da-los atributos. Alégrome Sr. Lage, agora vamos a poñerlle a insignia. Alégrome unha vez máis e doulle a benvida aquí a esta Corporación. Gracias. ------ Folla: 14,19 3.4160.- ADHESIÓN Á FUNDACIÓN RAMÓN MARÍA DEL VALLE INCLÁN Sr. Presidente.- Ben, pasamos ó punto 3. Adhesión á Fundación Ramón María del Valle Inclán. ¿Algunha intervención?. ¿Votos a favor?. ¿Abstencións?. ¿En contra?. Apróbase por unanimidade. O Pleno desta Corporación Provincial de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Cultura, acorda por unanimidade, aproba-la adhesión á Fundación Ramón María del Valle Inclán, para formar parte como membro da Xunta Rectora e Padroado de Goberno, da que quedou enterada a Comisión de Goberno en sesión de 29 de decembro de 1997, sendo os seus Estatutos os seguintes: ESTATUTOS DA FUNDACIÓN VALLE - INCLÁN TÍTULO PRELIMINAR Artigo 1.- A Fundación Ramón María del Valle Inclán constitúese ó abeiro do artigo 34.1 da Constitución Española e rexerase pola Lei 7/1983, do 22 de xuño, de Réxime das Fundacións de Interese Galego; a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/83; polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Organización e Funcionamento do Protectorado das fundacións de Interese Galego, e demais disposicións legais aplicables, e tamén por estes Estatutos. Terá personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, sen outras limitacións que as establecidas polas leis e polos presentes Estatutos. Artigo 2.- O cumprimento dos fins fundacionais e todo canto a eles atinxe confiarase ó seu Padroado, sen prexuízo do previsto nestes Estatutos e no establecido con carácter xeral e obrigatorio nas disposicións legais aplicables, moi especialmente respecto á presentación da memoria anual e á liquidación do presuposto de cada exercicio económico. O Padroado da Fundación, cada ano, formulará un inventario-balance pechado na data do remate do exercicio económico, que reflictirá con claridade a situación patrimonial da Fundación. Así mesmo, efectuará a liquidación do presuposto de ingresos e gastos do ano anterior. O prazo para elaborar estes documentos (Memoria, Presuposto e Inventario-Balance) e para a súa presentación ó Protectorado será de seis meses, contados desde a data de cerramento do exercicio. Tamén a Fundación formulará o presuposto de ingresos e gastos correspondente ó exercicio seguinte, que presentará ó Protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico. Artigo 3.- A Fundación Ramón María del Valle Inclán terá o seu domicilio social en Santiago de Compostela, na Rúa de San Miguel nº 5, 2º dereita. A devandita sede poderá trasladarse previo correspondente acordo do Padroado. Poderanse establecer delegacións tanto no territorio nacional coma no extranxeiro, previo acordo ó efecto, no que se concretarán o domicilio e funcións a desempeñar polas mesmas. TÍTULO I. OBXECTO DA FUNDACIÓN Artigo 4.- O obxecto ou fin primordial da Fundación é: a) Recopilar, estudiar, salientar e divulgar a obra literaria, cultural e mesmo humana de don Ramón María del Valle - Inclán. b) Crea-la Ruta Valle Inclán de interese cultural e turístico, que abranguerá, inicialmente, os seguintes concellos: Vilanova de Arousa, Pontevedra, Pobra do Caramiñal, Cambados e Santiago de Compostela. TÍTULO II. MEMBROS Artigo 5.- Os integrantes da Fundación poden ser: Fundadores, Adheridos e de Honra. Son membros Fundadores as persoas que constitúen a Fundación, é dicir, os asinantes da Carta Fundacional. A condición de membro fundador será de por vida. Con posterioridade ó outorgamento da Carta Fundacional poderán adherirse á Fundación aquelas entidades ou persoas físicas que soliciten a adhesión e esta lles sexa aceptada polo Padroado, sempre que teñan feita a contribución fixada polo mesmo. O acordo de adhesión e incorporación dun novo membro esixirá a maioría dos 2/3 do Padroado. O Padroado poderá nomear Membro de Honra á persoa ou persoas físicas ou xurídicas que contribuiron ou contribúan de modo salientable á consecución dos fins fundacionais. TÍTULO III. ÓRGANOS Artigo 6.- A representación, goberno e administración da Fundación corresponde de maneira exclusiva ó Padroado, sen máis limitacións que as impostas polas leis. O Padroado da Fundación estará composto por un mínimo de dez membros e un máximo de vinte. Artigo 7.- O Padroado é soberano no cumprimento da súa misión, sen prexuízo de que o Protectorado exerza as facultades que as leis lle atribúen sobre as Fundacións de Interese Galego. Artigo 8.- O Padroado é titular exclusivo de tódalas facultades e potestades que en dereito se precisen para o eficaz desenvolvemento do fin fundacional e interpretará sen limitacións os presentes Estatutos. Nembargantes, o Padroado poderá delega-las súas facultades nun ou máis apoderados xerais ou especiais con funcións e responsabilidades mancomunadas e solidarias. Artigo 9.- No exercicio das máis amplas facultades de representación, disposición e administración, o Padroado poderá facer toda clase de actos e negocios xurídicos, sen necesitar máis formalidades especiais e sen máis intervencións de autoridades ou persoas alleas a él que aquelas que as leis establezan. Artigo 10.- O Padroado estará composto polos seguintes cargos: - Presidente de Honra: Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia. - Presidente. - Vicepresidente. - Director Xeral. - Secretario. - Vicesecretario. - Tesoureiro. - Vocais, ata un número de catorce. Todos eles con voz e voto, podendo delega-las súas funcións en caso de impedimento ou ausencia xustificada noutro membro que actuará cos mesmos dereitos e obrigas que o titular. Artigo 11.- Os cargos dos membros integrantes do Padroado serán de confianza e de carácter gratuito. A composición do Padroado poderase modificar por maioría absoluta dos seus membros en xunta extraordinaria convocada ó efecto; o acordo será comunicado ó Rexistro de Fundacións de Interese Galego para a súa inscripción no mesmo. En caso de renuncia, incapacidade para o desenvolvemento das funcións ou falecemento dalgún dos membros, procederase ó nomeamento dun novo. Artigo 12.- O Padroado nomeará os cargos de entre os seus membros. A duración destes cargos será de dous anos e poderán ser reelexidos. Artigo 13.- O Padroado reunirase en xunta cantas veces sexa convocado polo Presidente ou cando o solicite 1/3 (un tercio) dos seus membros. Nos tres primeiros meses de cada ano reunirase o Padroado necesariamente co obxecto de aproba-la liquidación do orzamento ordinario e o balance correspondente ó exercicio anterior, así como a memoria de actividades desenvolvidas durante o exercicio, a xestión económica e a aprobación do programa de realizacións para o ano. O Presidente deberá face-las convocatorias polo menos con dez días de antelación, e nelas precisarase a orde do día de reunión e o lugar, día e hora. Artigo 14.- O Padroado estará validamente constituído cando concorran a maioría dos seus compoñentes en primeira convocatoria, e con calquera número de asistentes en segunda convocatoria. Os acordos tomaranse por maioría absoluta dos presentes. En caso de empate, o voto do Presidente considérase de calidade. Artigo 15.- A pesares do disposto nos artigos anteriores, a xunta do Padroado entenderase convocada e quedará validamente constituída cando estean presentes tódolos seus membros e acepten unanimemente a celebración da xuntanza. TÍTULO IV. PATRIMONIO E REXIME ECONÓMICO Artigo 16.- O patrimonio da Fundación pode estar integrado por toda clase de bens, sen outras limitacións que as impostas polas leis. Artigo 17.- O patrimonio está formado: a) Pola dotación inicial, bens mobles e inmobles que servirán para cumprir os fins fundacionais. b) Polas aportacións dos membros adheridos, nas condicións fixadas polo Padroado, e as donacións anuais ou extraordinarias que acordan facer voluntariamente os Fundadores. c) Por calesquera outros bens e dereitos que, no sucesivo, adquira a Fundación a título oneroso ou gratuito, en entidades públicas ou privadas, e de particulares, en especial subvencións, doazóns, herdanzas ou legados, estes dous últimos sempre a beneficio de inventario. Para acepta-las herdanzas ou legados con carga será necesaria previa autorización expresa do Protectorado. Artigo 18.- Os medios económicos para o logro da finalidade fundacional poderán estar compostos por: a) Os froitos ou rendas, productos ou beneficios do capital ou patrimonio e das actividades que realice a Fundación. b) As doazóns inter vivos, herdanzas ou legados que reciba, e os demais bens que adquira por calquera título. c) As subvencións que poida recibir dos entes públicos ou privados, e particulares. Artigo 19.- Os bens adquiridos por herdanzas, legados, doazóns e calquera título gratuito aplicaranse e conservaranse segundo a vontade do transmitente e condicións establecidas no título de adquisición. Artigo 20.- Para asegura-la garda dos bens constitutivos do patrimonio da Fundación observaranse as regras seguintes: a) Os bens inmobles e dereitos reais inscribiranse no Rexistro da Propiedade a nome da Fundación. Os demais bens susceptibles de inscripción deberán figurar nos Rexistros correspondentes. b) Os valores mobiliarios e fondos públicos serán confiados polo Padroado en réxime de depósito administrado a unha entidade bancaria ou Caixa de Aforros. c) Os demais bens mobles, os títulos de propiedade, os resgardos de depósito e calquera outro documento acreditativo de domino, posesión, uso e disfrute de calqueira outro dereito de que sexa titular a Fundación confiaranse polo propio Padroado á persoa na que este delegue. d) Tódolos bens da Fundación inventariaranse nun Libro de Rexistro do Padroado. Artigo 21.- O Padroado confeccionará, para cada exercicio económico, un presuposto ordinario. Nel recolleranse os ingresos e os gastos ordinarios. Nos ingresos figurarán canto perciba a Fundación por calquera concepto. Nos gastos citaranse por separado os gastos xerais e poderanse destina-los excedentes de ingresos a aumenta-lo capital da Fundación. Artigo 22.- O Padroado fará os presupostos extraordinarios que sexan necesarios para o desenvolvemento das actividades extraordinarias. Artigo 23.- Os ingresos que por calquera concepto obteña a Fundación serán sempre aplicados ó cumprimento do fin fundacional. Os gastos xerais ou de administración non poderán exceder do 10% dos ingresos. O remanente que se obteña, caso de non agotarse os límites establecidos nos apartados anteriores, destinaranse a incrementa-lo capital, previsión de gastos extraordinarios e outras actividades que beneficien á Fundación. Artigo 24.- Dentro dos tres primeiros meses de cada exercicio económico o Padroado fará a liquidación do presuposto ordinario e o balance correspondente ó exercicio anterior, así como unha memoria das actividades desenvolvidas durante o exercicio, e da xestión económica coas explicacións suficientes para que da súa lectura se pida obter unha representación do cumprimento do obxecto fundacional e da situación patrimonial da Fundación. TÍTULO V. MODIFICACIÓN, FUSIÓN E EXTINCIÓN Artigo 25.- O Padroado pode promove-la modificación destes Estatutos sempre que non sexa contraria á vontade dos fundadores e ós fins fundacionais. O acordo de modificación deberá ser adoptado polo voto dos 2/3 dos seus membros. Artigo 26.- O acordo de modificación comprenderá necesariamente os seguintes termos: a) Exposición razonada da causa determinante de modificación. b) Xustificación do establecido no artigo anterior. c) Contido da modificación que deberá apartarse o menos posible dos Estatutos. d) Un estudio económico da viabilidade da modificación e o programa de adaptación das instalacións, cando proceda. Artigo 27.- O Padroado poderá propoñer, previa autorización do Protectorado en canto á modificación dos Estatutos, a fusión con outra fundación. En tal caso, o expediente tramitarase de acordo co previsto no artigo anterior. Artigo 28.- Procederá a extinción da Fundación: a) Cando as disposicións da Carta fundacional ou dos presentes Estatutos sexan revocados, alterados ou modificados por persoa, autoridade ou xurisdicción diferente do Padroado e sen coñecemento deste. b) No caso de que o Estado ou outro organismo, autoridade ou tribunal pretendesen interferir, minguar, alterar, modificar, contrariar ou de calquera outra forma non respetar, influir ou non garda-la vontade reflexada nestes Estatutos e na Carta Fundacional. c) Se, chegado o caso de que por insuficiencia dos medios de que dispón a Fundación ou por calquera outra circunstancia, resultase imposible o cumprimento do fin fundacional, salvo que de acordo coas previsións destes Estatutos e da Carta fundacional o Padroado acordase por maioría de 2/3 dos asistentes sempre que ademais supoña a maioría absoluta do número dos seus membros (do Padroado) a modificación dos Estatutos ou a fusión con outra fundación. Artigo 29.- O expediente que se incoe para a extinción da Fundación comprenderá necesariamente: a) A exposición razoada da causa determinante dela. b) O balance da Fundación. c) A proposta da designación de liquidadores, o programa da súa actuación e o proxecto de distribución dos bens integrantes do patrimonio da Fundación ou do producto da venda dos mesmos, que se fará unha vez outorgadas as distintas autorizacións previstas polas leis, libremente polo Padroado a favor doutras fundacións ou entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que poideran cumprir finalidades semellantes. ------ Folla: 19,20 4.4161.- APROBACIÓN DAS BASES DO "XXXIV CONCURSO - EXPOSICIÓN INTERNACIONAL DA CAMELIA" Sr. Presidente.- Punto 4. Aprobación das Bases do "XXXIV Concurso-Exposición Internacional da Camelia. ¿Algunha intervención?. ¿Votos a favor?. Apróbase por unanimidade. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Cultura, acorda por unanimidade, aproba-las bases do XXXIV Concurso - Exposición Internacional da Camelia, a celebrar nesta Deputación os días 7 e 8 de marzo próximos, e que son as seguintes: XXXIV CONCURSO - EXPOSICIÓN INTERNACIONAL DA CAMELIA BASES 1.- Os días 7 e 8 de marzo de 1998 terá lugar nos salóns da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra o XXXIV Concurso-Exposición Internacional da Camelia. 2.- Poderán concorrer tódalas persoas interesadas na Camelia, profesionais ou afeccionados, nacionais ou estranxeiros, persoas naturais ou xurídicas que realicen a súa inscripción de acordo coa base 6. 3.- Poderanse presentar flores pertencentes a calquera variedade de Camelia, xapónica, reticulata ou outras especies, así como híbridos delas. Admitirase calquera forma de flor, desde a sinxela ata a dobre formal e tódalas formas intermedias. 4.- Establécese un primeiro premio "Camelia de Ouro", que se outorgará ó concursante máis destacado en calquera das modalidades. O concursante ó que se lle outorgue este premio non poderá obter ningún dos outros premios previstos na base 5. Así mesmo establécese un premio especial denominado "Antonio Odriozola". Premio especial Chanel ó mellor conxunto de dúas ou tres variedades de Camelia Branca, representada cada unha delas por tres flores de cada variedade. 5.- Concederanse, ademais, un primeiro e segundo premio ós mellores lotes de cada unha das modalidades seguintes: a) Camelia xapónica branca. b) Camelia xapónica rosada. c) Camelia xapónica vermella. d) Camelia xapónica xaspeada. e) Camelia reticulata. f) Conxunto de camelias da mesma ou distinta clase e cor. g) Outras especies de camelias. h) Á presentación artística. 6.- Cada concursante non poderá presentar máis dun lote, de 10 flores como máximo, por variedade, salvo ós apartados f) e h) da base anterior. No boletín de inscripción deberán expresarse as modalidades nas que se desexa participar, segundo se indica na base 5. O boletín de inscripción (impreso) facilitarase na Sección de Cultura da Excma. Deputación, onde deberá entregarse debidamente cuberto, antes do día 6 de marzo. 7.- Os concursantes presentarán os lotes de flores nos salóns da Exposición entre as 9 e 13 horas da mañá do día 7 e non poderán retiralos sen autorización da Comisión Organizadora antes das 20 horas do domingo 8. 8.- A inauguración da exposición terá lugar o venres día 7 de marzo, ás 19,00 horas, e darase lectura ó dictame do Xurado dos respectivos concursos. 9.- Convócase así mesmo un concurso de redacción e outro de pintura baixo o lema "A Camelia", para alumnos de Ensinanza Xeral Básica da provincia. Os traballos serán seleccionados previamente polo profesor, e admitiranse un máximo de dous por aula. Por cada concurso concederanse 15 premios consistentes en xogos educativos ou material escolar, por un valor de oito mil (8.000) pesetas cada un e un diploma de participación a tódolos premiados. Os traballos deberán entregarse na Deputación Provincial, Sección de Cultura, antes do día 27 de marzo. Os debuxos exporanse no Pazo Provincial e os premios de ámbolos concursos entregaranse no transcurso dun acto convocado para tal efecto. 10.- A Comisión organizadora, composta por técnicos dos departamentos de Cultura e Agricultura desta Deputación e presidida polo titular da Corporación, designará un xurado para cada un dos concursos convocados, onde a composición se fará pública co dictame. Ditos xurados poderán declarar desertos os premios establecidos, se as flores ou traballos presentados non acadasen, ó seu xuízo, o nivel requerido. Tamén poderán propoñer á comisión organizadora a concesión de premios por outros conceptos distintos ós sinalados. 11.- Os concursantes, polo feito de solicita-la inscripción, declararán coñecer e aceptar integramente estas bases e someterse (tanto para a interpretación do previsto nelas, como para o non sinalado nas mesmas) ás decisións dos respectivos xurados e da Comisión Organizadora, segundo as súas diversas competencias. Os dictames dos xurados serán inapelables. Poderase solicitar calquera aclaración sobre as bases á Comisión Organizadora. 12.- O xurado seleccionador será nomeado polo Ilustrisimo Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial ou polo Deputado no que delegue. - Presidente.- O titular da Corporación Provincial. - Vicepresidente.- Deputado-Presidente da Comisión de Cultura e Acción Social. - Vocais.- Persoas de recoñecido prestixio, relacionadas coa Camelia. - Secretario.- O titular da Deputación ou funcionario no que delegue. ------ Folla: 20,22 5.4162.- OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 1998 Sr. Presidente.- Punto 5. Oferta de Emprego Público 1998. Ten a palabra o Sr. Juanes Rodríguez. Sr. Juanes Rodríguez.- Si. Bos días. Vamos a ver. A oferta de emprego público pois bueno é unha das partes da política de persoal, e coa política desta Institución, do equipo de goberno desta Institución, pois nós xa discrepamos no seu momento e seguimos ... Sr. Presidente.- Pregamos un pouquiño de silencio por favor. Sr. Juanes Rodríguez.- Gracias. E seguimos discrepando, xa o dicíamos cando aprobamos o cadro de persoal e a nova relación de postos de traballo e cremos que nesta Institución se seguen pagando sobresoldos, non estamos de acordo como se están pagando as productividades, creo que hai certo desmán co tema das horas extraordinarias, non podemos estar de acordo con estes famosos contratos de alta dirección que sirven para empregar a xubilados pagándolle soldos de máis de oito millóns de pesetas me estou referindo ó Director Xerente do CPAM. Non estamos de acordo cos procesos de selección, no último Pleno dalgunha forma se autorizou, se autorizou ó Presidente para a contratación temporal de case 40 traballadores que pode ser unha forma de entrar pola porta falsa nesta Institución porque agora sabemos que tódolos procesos de selección son concurso-oposición e bueno dalgunha forma a xente que xa traballou pois parte digamos de, un pouco máis adiante, na liña de saída, que aquel que nunca traballou na Administración. E por estas e outras cousas que quedarán no tinteiro pois desde logo como estamos en desacordo, en desacordo profundo coa política de persoal desta Institución vámonos abster, vámonos abster porque realmente esta oferta de emprego foi pactada, e creo que bueno, que é un mérito, coas centrais sindicais, e entón por ese mero feito senón, vamos, votaríamos en contra, vámonos abster por ese feito, pero desde logo en base o que dixen facer unha crítica profunda a como se leva a política de persoal nesta Institución e por respeto a ese documento firmado coas centrais sindicais que pactaron esta oferta de emprego, vámonos abster pero é unha abstención moi crítica. Gracias. Sr. Presidente.- Vale. Antes da intervención do compañeiro do PSOE D. Efrén Juanes dámoslle a palabra ó Sr. Mosquera do BNG. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias. Sr. Presidente bos días. A política de persoal dunha Institución, neste caso a Deputación, depende absolutamente do que os sucesivos grupos de goberno queren ou estiman que deben facer coa Institución, explícome, se se quere potenciar máis Vías e Obras pois fará falta persoal en Vías e Obras, se se quere potenciar Cultura pois fará falta máis persoal en Cultura. Nós xa temos nos presupostos sucesivos e na liña xeral de funcionamento desta Deputación, xa temos mostrado a nosa oposición e polo tanto un feito como é unha oferta de emprego público que é digamos un eslavón, un elo dentro desa política pois non vamos avalala de ningunha maneira. Se a esto xuntamos outros matices que xa fixo referencia o Sr. Juanes Rodríguez, e que non creo que sexa o momento tan sequera de discutir porque estamos discutindo esta oferta de emprego público, a nosa posición a pesar de que se teña negociado, pero o que se ten negociado é certos matices pero non o que é a política xeral ou as necesidades desta Deputación ou unha planificación digamos das actuacións que debe levar esta Deputación e que en consecuencia levan a esas necesidades de persoal. O que se negociou foi algo moi puntual que non quita nin un ápice do problema de fondo de que a política en xeral e a política de persoal desta Deputación é absolutamente errática, como nos temos oposto, porque nos parece eso, errática, reiteradamente, pois este acto puntual da oferta de emprego público deste ano vamos a votar en contra tamén, claro. Sr. Presidente.- Ben, moitas gracias á intervención do Sr. Mosquera. Eu como Presidente en funcións neste momento e contestando un pouco ás intervencións anteriores, é lóxico que teñamos diferencias porque por moito que estivéramos discutindo non nos ibamos poñer de acordo. A postura do grupo de goberno é moi distinta neste tema á dos grupos da oposición e polo tanto hai esas diferencias. Eu creo que non vale a pena discutir máis deste asunto e polo tanto sacámolo a votación neste momento. ¿A favor da aprobación da oferta de emprego?. Os concelleiros do Grupo Popular. ¿En contra?. O BNG. ¿Abstención?. O PSOE. Moitas gracias. Aprobado o Presuposto Provincial 1998 polo Pleno da Corporación Provincial celebrado o 4 de decembro de 1997 en cumprimento do disposto no art. 128 do TRRL e de conformidade co establecido no art. 70.5 do ROF, art. 9 e 33 do LBRL, así como Lei 65/97 de 30 de decembro, o Pleno de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Réxime Interior acorda por maioría de votos do Grupo Popular e cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE, aproba-la Oferta de Emprego Público 1998: OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 1998 FUNCIONARIOS DE CARREIRA Grupo Artigo Nº de 25 Lei 30/84 CLASIFICACIÓN vacantes Denominación A Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Superior 1 Arquiveiro - Bibliotecario A Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Superior 2 Arquiveiro - Bibliotecario A Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Superior 1 Farmacéutico, Biólogo, Enxeñeiro Agrónomo ou de Montes A Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Superior 2 Biólogos B Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Medio 1 Controlador Laboral B Escala Admón. Especial, Subescala Técnica. Clase Medio 2 Arquiveiro - Bibliotecario ------ Folla: 22,23 6.4163.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Pasamos ó punto 6. Comunicacións. Se fai o favor o Sr. Secretario que lea as comunicacións. Sr. Secretario.- Resolución Presidencial delegando las funciones de la Presidencia en el Vicepresidente D. Rafael Louzán Abal durante los días 14 y 15 del mes de enero. Igualmente Resolución delegando en el Vicepresidente D. Julio Pedrosa Vicente durante los días 28 a 1 de febrero. Y extracto de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre o 24 de novembro e o 24 de decembro de 1997 y otros extractos de Resoluciones Presidenciales entre el 26 de diciembre y el 26 de enero. Queda enterado o Pleno das seguintes comunicacións: A) De Resolución Presidencial delegando as funcións da Presidencia no Vicepresidente D. Rafael Louzán Abal entre os días 14 e 15 de xaneiro. B) De Resolución Presidencial delegando as funcións da Presidencia no Vicepresidente D. Julio Pedrosa Vicente entre os días 28 de xaneiro e 1 de febreiro. C) De extractos de Resolucións Presidenciais dictadas entre o 24 de novembro e o 24 de decembro de 1997 e das dictadas entre o 26 de decembro de 1997 e o 26 de xaneiro de 1998. Sr. Presidente.- Ben, dada conta, agora pasamos ós asuntos fóra da orde do día. ------ Folla: 23,24 FÓRA DA ORDE DO DÍA, tratouse o seguinte asunto: 7.4164.- MOCIÓN DO BNG POLA DEFENSA DO SECTOR AGRARIO E CONTRA O RECORTE DAS LIBERDADES DEMOCRÁTICAS Sr. Presidente.- Hai unha moción do BNG, firmada polo Sr. Chillón, que se quere lela el lle cedémo-la palabra. Sr. Chillón Iglesias.- Bos días. Como xa se ten feito fincapé nestas sesións plenarias non é recomendable pois traer asuntos fóra da orde do día e o lóxico sería pois ser tratadas previamente en Comisión Informativa como así se plasma na Lei e debe ser de sentido común. No pasado Pleno do mes de novembro houbo unha proposta pola nosa parte neste caso tamén fóra da orde do día, pero a Presidencia asumiu naquel momento que se ía tratar en Comisión ordinaria no mes de decembro. O mes de decembro pasou, o mes de xaneiro pasou, e realmente non se levaron á Comisión Informativa polo que non foi tratada. Paralelamente a esto tamén recordo que hai outra proposta, outra moción do mes de decembro que neste caso tampouco pasou á Comisión Informativa do mes de xaneiro presentada en tempo e forma sobre a declaración de entidade pública para transporte da ría. Pero volvendo á proposta de hoxe neste caso, e de resultas precisamente a esta situación dous meses despois de ter presentada unha proposta non se ten valorada. Durante este precisamente sucedeu un feito importante, neste caso no noso país cara pois á defensa dun sector estratéxico como é o sector lácteo e despois incluso as propias accións de represalia que contra ese feito se sucederon. Entón o texto deste escrito di o seguinte: Diante dos feitos acontecidos o pasado martes día 20 de xaneiro de 1998 con motivo das concentracións de gandeiros este grupo provincial quere amosa-lo seu máis firme rexeitamento das actitudes antidemocrácticas amosadas polo Goberno da Xunta e polo Delegado do Goberno Central ó reprimiren brutalmente as concentracións dos gandeiros galegos convocadas no día de onte para protestar contra a inxusta aplicación da cota de leite que está a prexudicar a miles de traballadores autónomos e ás súas familias. Así mesmo queremos denuncia-la utilización partidaria das forzas de seguridade e dos medios de comunicación no intento de coartar o libre dereito de manifestación recollido na Constitución Española. Nese sentido proponse ó Pleno os seguintes puntos: Confirmarse no máis firme apoio e solidariedade para coas lexítimas reivindicacións dos gandeiros galegos e segundo condear as detencións e represións sufridas por este importante sector productivo que xa sufriu as consecuencias dunha nefasta e discriminatoria política agraria para co noso país. Sr. Presidente.- Ben, moitas gracias. Eu quérolle anunciar ó Sr. Chillón o voto en contra da declaración de urxencia desta Moción do noso grupo porque non estamos en absoluto de acordo nin co texto da mesma nin co fondo, polo tanto eu creo que non vamos entrar en debate neste tema simplemente que teña, se ben me pide aquí unha intervención D. Emilio, interveña antes da votación pero xa anunciamos o noso voto en contra da urxencia desta moción. Sr. González Iglesias pídolle que sexa o máis breve posible. Sr. González Iglesias.- Sr. Presidente non é que me vaia a permitir é que me ten que permitir intervir. Sr. Presidente.- Porque non estamos en debate, non se declarou aínda de urxencia ou se se vai a debatir e polo tanto D. Emilio ten que comprender que un tamén xa leva anos de vida nesta tarea. E eu nunca lle prohiben a nadie intervir, son tan demócrata coma calquera. O que pasa que estamos tratando, non podemos discutir unha moción se non a declaramos de urxencia, vostede sábeo ben e entón ... Sr. González Iglesias.- Teño dereito a intervir sobre a urxencia do tema. Por eso pido a palabra para intervir sobre a urxencia. Sr. Presidente.- Vale, vale. Pídolle que sexa o máis breve posible. Sr. González Iglesias.- Para manifestar que o Grupo Socialista vai votar a favor da urxencia e facer notar o que dicía o Deputado do BNG, é dicir, se nun momento determinado presentan unha moción aquí e o Presidente naquel momento queda de pasala por Comisión Informativa e tratar de chegar a un acordo coma noutras ocasións se chegou o que parece é unha falta de consideración con quen presentou a moción non facelo, e en todo caso por principio, ata agora o Grupo Socialista sempre votou a favor das urxencias. Sr. Presidente.- Ben, ben, de tódalas maneiras non quere dicir que non vaia aínda a unha Comisión correspondente. En todo caso é unha decisión que tomará o Presidente no seu momento. Vale, moitas gracias. ¿A favor da urxencia, da urxencia?. BNG e PSOE. ¿En contra?. O Partido Popular. Por tanto queda rexeitada a urxencia. Rexéitase, por maioría de votos en contra do Grupo Popular e cos votos a favor do PSOE e do BNG,a urxencia da Moción do BNG pola defensa do sector agrario e contra o recorte das liberdades democráticas. ------ Folla: 24,27 8.4165.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Pasamos ó punto 7. Rogos e Preguntas. Sr. Secretario.- Hay una pregunta de la Diputada Dona Ana Gandón Menduíña. Sr. Presidente.- Si haces el favor, Sr. Secretario, si la puedes leer. O quiere leerla, le doy la palabra a Dona Ana Gandón. Sra. Gandón Menduíña.- É para dicirlle que quero que se retire porque pouco despois de facer eu esta pregunta pois tiven noticias de que se reiniciaran as obras e entón non ten sentido que agora. Sr. Presidente.- Vale. Entón queda retirada. ¿Hai algunha máis?. Ben pois entón, ¿quere intervir?, Sr. Juanes. Sr. Juanes Rodríguez.- Si, gracias Sr. Presidente, vou a tratar de ser moi breve. Eu quixera falar e facer unha lixeira reflexión sobre o CPAM. CPAM ¿que siglas son?, Centro Provincial de Asesoramento Municipal, non, pero o CPAM aquí nesta casa é un pouco unha entelequia, non, eso que realmente non sabe un para que serve, e bueno e serve para servir de membrete ós talonarios do Presidente, porque soamente nos enteramos de que CPAM é subvención al Ayuntamiento de tal, CPAM subvención al Ayuntamiento de cual, ou ben para pagarlle a un Xerente, a un señor xubilado máis de oito millóns de pesetas. Pero claro un en boa lóxica pois di o CPAM pois debe, debe servir para asesoramento a aqueles Concellos que non teñan técnicos na materia, xa ben sexa materia urbanística, materia de calquera tipo ou ben para dar información ós Concellos. Pois ben, nin para unha cousa nin para outra das que penso que en boa lóxica debía servir, non, e aquí temos o claro exemplo da compañeira Ramona que bueno, que tratou de ir ó CPAM para informarse dunhas subvencións da Comunidade Económica Europea e tivo que ir a Internet porque no CPAM non tiñan absolutamente nin idea dese tipo de subvencións. Pero bueno, sorpresa, sorpresa, porque á parte de servir de membrete do talonario do Presidente para repartir cartos sen que a oposición se entere absolutamente de nada e para pagar ese soldo a un xubilado de máis de oito millóns de pesetas cando hai multitude de rapaces recién saídos da Facultade que se pelearían por ese posto de traballo, pois non, aquí llo damos a un xubilado, a un xubilado do Grupo A que tiña unha boa pensión pois aquí non, lo empleamos en la Diputación. Pero digo sorpresa porque o CPAM serve ou polo menos non é un xuízo de valor porque o quero entender así, para facer informes en contra dos informes técnicos dalgún Concello e quizáis hoxe me alegro que o Sr. Barros estea presidindo este Pleno porque ocurriu no seu Concello con respecto a unha obra moi concreta que a promove unha entidade que se chama Geo-Porriño, supoño que lle soa Sr. Barros, no cal o Asesor Xurídico do seu Concello, o Aparellador Municipal do seu Concello, di que ese estudio de detalle ó que se refire esa obra en concreto que no ha lugar, que está fóra de ordenación, que non se axusta á legalidade urbanística de Porriño. Pois bueno, pois eso se arregla cun informe do CPAM firmado polo Director Xerente, este xubilado que cobra máis de oito millóns de pesetas, dicindo que o Asesor Xurídico do Concello e o Aparellador Municipal do Concello non teñen nin idea de urbanismo e que esa licencia que pide Geo-Porriño que é absolutamente legal. Eu o que pido, primeiro, que o CPAM actúe naqueles Concellos que non teñan asesores, que non teñan técnicos, e segundo, desde logo que se revise este informe do CPAM con respecto a Geo-Porriño, que se vaia ó Colexio de Arquitectos e que se pida aí un informe con respecto a esto porque realmente están dando lugar a que bueno, un Interventor xubilado faga un informe contradicindo o que di un Asesor Xurídico e o que di un Aparellador Municipal, me parece grave utiliza-lo CPAM para membrete del talonario, bien, para los ocho millones y pico del jubilado, bien, pero ó mellor para tratar de legalizar cousas que non se pode legalizar nos Concellos me parece sumamente grave, entón pido, se é que neste caso a Presidencia asume de que o informe do CPAM está ben feito e que neste caso os técnicos municipais se equivocaron, que se vaia ó Colexio de Arquitectos, que se pida un informe absolutamente aséptico que non teña nada que ver con ningunha das partes e que diga quen ten a razón, se o xubilado do CPAM co seu informe ou os técnicos do Concello. Creo que hai que ser minamente serios e rigurosos neste tema. Gracias. Sr. Presidente.- Ben D. Efrén, moitas gracias. Ben, eu teño que contestarlle neste tema que é un tema para min importante, non só no tema de Porriño que é unha inxerencia nos asuntos municipais loxicamente que non vou a permitir, pero como Alcalde de Porriño quero dicir, pero como Vicepresidente que son tamén deste Organismo Provincial do CPAM, teño que dicir que rexeito totalmente as súas palabras porque non é así, non é correcto a aseveración que fai sobre o traballo que fai este organismo durante o ano. Precisamente nesta última reunión fixemo-la entrega ós membros do CPAM da memoria do ano e voulla facer chegar, o Sr. Secretario que lla faga chegar inmediatamente para que vexa a labor que fixo este organismo durante o ano de miles e miles de intervencións e de casos de apoio ós Concellos de toda a provincia de Pontevedra e fundamentalmente ós pequenos Concellos. E polo tanto a labor creo que é boa. Concretamente a persoa que está ó cargo é unha persoa moi eficiente e pronto efectivamente vai a deixa-lo seu cargo a disposición porque vai a cesar voluntariamente e pronto posiblemente pois ocupará ou dará a oportunidade de que ocupe ese cargo outra persoa. Con respecto ó caso de Porriño non é así, está equivocado, informáronlle mal, eu son, loxicamente aí si que é un caso que o sei perfectamente, é unha licencia urbanística totalmente legal que se pode dar, porque eu non teño o informe como Alcalde e como grupo de goberno do Concello de Porriño só do CPAM, o do CPAM é porque é un organismo público e avala máis se quere xuridicamente ese tema, non fai precisamente, aínda que o firma o Xerente do CPAM o informe, realmente quen o fai son persoas daquí, funcionarios da Deputación que son técnicos urbanísticos moi cualificados e polo tanto ese informe urbanístico está feito correctamente e avalanno outros informes que teño doutros profesionais onde din claramente que as pegas por dicilo así, que non son todas a esa obra que vostede lle chama ilegal, que pon o Aparellador Municipal, loxicamente é un ser humano e pódese equivocar tanto el como o Secretario do Concello, son seres humanos e equivócanse e parece ser que están equivocados nalgúns temas deste asunto e polo tanto os informes que teño á parte do CPAM, eu como Alcalde e como representante do grupo de goberno no Concello de Porriño son favorables á legalidade desa obra. Así que é un tema que en todo caso quedan os Tribunais ou quen queira para decidir quen ten ou quen non ten a razón pero eu teño a conciencia tranquila como Alcalde de Porriño que é unha obra totalmente legal. E dito esto non vamos a falar máis deste asunto. Pode intervir se quere uns segundos, pero non vamos a entrar en polémica nun tema que é do Concello de Porriño. Primeiramente D. Efrén. Sr. Juanes Rodríguez.- Non é un tema do Concello de Porriño, Sr. Barros, é un tema de que hai un informe do Centro Provincial de Asesoramento Municipal, CPAM, desta casa, desta casa, no cal mire, vostede non sei que informes terá. Sr. Presidente.- É tan válido coma outro calquera. Sr. Juanes Rodríguez.- Non sei que informes terá Sr. Barros pero o que si é certo é que no expediente desa obra concreta o único informe favorable que hai é o do CPAM e o dos seus técnicos, o dos seus técnicos é contrario, ou sexa que non trate de darlle máis voltas á cuestión. Sr. Presidente.- Pero eu teño máis informes ... Sr. Juanes Rodríguez.- Bueno, terá máis, estamos nunha Institución pública e o que temos é que ve-los expedientes e no expediente o único informe favorable é o do CPAM, en contra dos informes dos técnicos. E eso de Geo-Porriño creo que dará moito que falar Sr. Barros porque bueno hai xente moi próxima ó PP que ten intereses moi concretos, si, si, si, intereses moi concretos nesa obra. Sr. Presidente.- Pode haber do PP e doutros partidos tamén, pero bueno, este é un asunto que se me permite vámolo a deixar porque non estamos no Concello de Porriño precisamente para discutilo. Sra. Castaño López.- Sr. Presidente eu quería pedir no meu nome concretamente que se fose máis claro falando porque eu sinceiramente a explicación que lle deu vostede ó meu compañeiro non entendín absolutamente nada. Non me considero demasiado ignorante, tampouco demasiado lista, pero me dá a sensación de que aquí o importante é dicir palabras, palabras, palabras, o máis seguido posible para ver se non se entera ninguén do que din. Sr. Presidente.- Tamén eu non entendo moi ben a vostede pero voulle a repetir se fai falta a contestación. Eu rexeitei as acusacións que fixo contra o CPAM, creo que quedou claro e faleino no galego que sei eu. Entón rexeito as aseveracións que fai contra o CPAM como Vicepresidente que son dese organismo e sei que hai unha memoria que se fixo durante todo o ano que invito tamén a que lle entreguen unha copia e verá que efectivamente ten moitas actuacións feitas dende aquí de dentro cara ós Concellos da provincia de Pontevedra que xa son suficientes para avala-lo traballo do CPAM. Por encima das críticas que se poidan facer dese tema que rexeito como Vicepresidente que son dese organismo e quedou claro. E con respecto a Porriño, ós informes que falan do CPAM, é verdade que hai un informe que é favorable e contradictorio ó que me fixo o técnico municipal, pero que á parte dese teño máis informes pero que son de profesionais e que non son dun organismo público por eso o que figura no expediente unicamente é o deste organismo, como é un informe dun organismo público que lle dá máis validez ó tema e que está feito por técnicos desta casa suficientemente versados en urbanismo. Polo tanto o Aparellador Municipal pode, e como é un ser humano pode equivocarse e o informe del non pode ser precisamente ó mellor o que ten que ser, pode haberse equivocado e neste caso penso que se equivocou. E polo tanto a esa obra vámoslle a dar unha licencia de acordo cos informes que temos favorables a ese tema. E dixen tamén que en todo caso quedan os Tribunais para dilucir quen poida ter ou non te-la razón. Simplemente eso. E agora dito esto voulle a cede-la palabra ó Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias Sr. Presidente. Eu a miña pregunta vai nunha cuestión moi concreta e moi puntual, agardo que ma poidan contestar agora mesmo ou senón pois ó final do Pleno. Como se sabe estiveron a exposición, a unha suposta exposición pública as contas da Deputación, unhas contas que ordealas e colocalas e te-los papeis ben lle levou a vostedes seis anos e que agora deron quince días para mirar todo eso e agora hai oito días máis para, teoricamente, para presentar alegacións. Entón a pregunta concreta é que día remata ese prazo e a outra é que me expliquen como pretenden que se mire en quince días o que a vostedes lles levou seis anos ordear. Sr. Presidente.- Vale, moitas gracias. Trataremos de contestar a este tema. Ben. Pero tratarei, eu vou a consultar este asunto e trataremos de darlle unha resposta. Vale. Gracias. Non hai máis asuntos levántase a sesión. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e trinta e seis minutos do expresado día, dase por rematada a sesión e dela exténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición