ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.156
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.759

Acta de sesión 1999/11/26_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.359/3.1999-11-26_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 1999/11/26_Ordinaria

  • Data(s) 1999-11-26 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: 85 Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 26 de novembro de 1999 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vinteseis de novembro de mil novecentos noventa e nove, baixo a Presidencia do Vicepresidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Xosé Antonio Araújo Quintas, D. Manuel Ramón Conde Romero, D. Juan Manuel Corral Pérez, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Fernández Rodríguez, D. Horacio Gómez Araújo, D. Emilio González Iglesias, D. Arturo Grandal Vaqueiro, D. Emilio Iglesias Álvarez, D. Rafael Louzán Abal, D. Telmo Martín González, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Xesús Otero Varela, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, D. Juan Luis Pedrosa Fernández, D. César Augusto Pérez Ares, D. David Raposeiras Correa, D. Juan Reboreda Enríquez, D. Rodrigo Santiago Novas, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Henrique Viéitez Alonso, D. Manuel Ramón Vilar Márquez, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto D. Carlos Cuadrado Romay, Secretario Accidental, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asisten o Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López nin o Sr. Deputado Provincial D. Alberto García García, quen excusan a súa ausencia. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- En primeiro lugar desculpa-la ausencia do Presidente que se atopa en Madrid. E vamos dar comezo ó Pleno ordinario do día de hoxe. 1.4413.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto da orde do día. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de outubro de 1999. ¿Algunha alegación á acta?, e se non dase por aprobada. O Pleno acorda por unanimidade aproba-lo borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 29 de outubro de 1999. ------ Folla: 85,86 2.4414.- RESOLUCIÓN DE EXPEDIENTE DE DESAFECTACIÓN DUN TERREO DA "EP PARAÑOS - PISCIFACTORÍA (COTOBADE)" Sr. Presidente.- Segundo punto. Resolución de expediente de desafectación dun terreo da "Estrada provincial Paraños - Piscifactoría no municipio de Cotobade". ¿Alguén quere intervir?. Creo que non fai falta ningunha aclaración ademais na Comisión Informativa respectiva foi co acordo unánime de tódolos grupos. En principio é un terreo dunha estrada provincial que se incorpora para levar a cabo a concentración parcelaria no municipio de Cotobade. Polo tanto ¿votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Solicitándose polo Servicio Provincial de Estructuras Rurais, en xuño de 1999, a desafectación dun terreo de 620 m2 na antiga traza da "EP PARAÑOS - PISCIFACTORÍA (COTOBADE)", en desuso dende a execución do Proxecto de camiños de concentración parcelaria da zona Carballedo-Rebordelo, para a súa incorporación ás novas fincas de reemprazo, e dado o informe favorable evacuado o 19 de agosto de 1999, polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Norte, e como queira que o Pleno da Excma. Corporación Provincial en sesión celebrada o 24 de setembro do ano en curso, adoptou o acordo de incoación de expediente de desafectación do mencionado terreo, sen que se produxeran reclamacións durante o período de información pública do referido expediente, como constata o oficio de 16 dos correntes, do Xefe de Negociado do Rexistro Xeral desta Excma. Deputación, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Vías e Obras acorda por unanimidade: 1.- A resolución do expediente de desafectación dun terreo de 620 m2 da antiga traza da "EP. Paraños - Piscifactoría (Cotobade)", dándolle carácter de ben patrimonial. 2.- A incorporación do citado terreo ás novas fincas de reemprazo xurdidas na execución do Proxecto de camiños de concentración parcelaria, da seguinte forma: 182 m2 á nova finca de Dona Manuela Iglesias Regada e 438 m2 á nova finca de D. Manuel Vidal Lois e outros. ------ Folla: 86,87 3.4415.- OITAVO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS PARA SUPLEMENTOS DE CRÉDITO DENTRO DO VIXENTE PRESUPOSTO DE 1999 Sr. Presidente.- Punto terceiro. Oitavo expediente de modificación de créditos para suplementos de crédito dentro do vixente Presuposto de 1999. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias. Bos días. Bueno simplemente para reiterar a nosa posición nestas modificacións. Aínda que é unha contía moi pequena pois é consecuencia dunha execución dun orzamento co que non estivemos de acordo e á parte dunha maneira de executalo que tampouco estamos nin participamos en ningún momento e polo tanto votamos en contra. Sr. Presidente.- ¿Algunha intervención máis?. Bueno como xa foi ademais debatida en Comisión. Polo tanto, ¿votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿Votos a favor?. En contra o Bloque, abstención PSOE e a favor o Partido Popular. Visto o OITAVO EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN PRESUPOSTARIA DE SUPLEMENTOS DE CRÉDITO, dentro do vixente Presuposto Provincial, por un total de VINTESEIS MILLÓNS CENTO CINCO MIL SETECENTAS CORENTA E UNHA PESETAS (26.105.741), motivado á necesidade de ter que realizar gastos que non deben demorarse ata o exercicio seguinte, por non existir consignación no estado de gastos do vixente presuposto, financiándose os seus suplementos con cargo a baixas doutras partidas do presuposto, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda, acorda por maioría de votos a favor do Grupo Popular, co voto en contra do BNG e coa abstención do PSOE, prestar aprobación a dita modificación presupostaria e dos recursos para o seu financiamento, sendo o detalle do expediente, resumido por capítulos o seguinte: CAPÍTULOS DENOMINACIÓN SUPLEMENTOS DE CRÉDITOS 6º INVERSIÓNS REAIS............................................. 26.105.741 TOTAL SUPLEMENTOS....................................... 26.105.741 Os suplementos fináncianse con cargo a baixas nos seguintes capítulos: .- Capítulo 1 Gastos de persoal........................................................... -10.265.724 .- Capítulo 3º Intereses......................................................................... -10.000.000 .- Capítulo 6º Inversións reais................................................................ -5.840.017 Total baixas.......................................... -26.105.741 Por todo o exposto, e tendo en conta que o expediente cumpre tódolos requisitos previstos no ordenamento xurídico aplicable o Pleno acorda a súa aprobación. ------ Folla: 87 4.4416.- EXPEDIENTE DE SUPLEMENTO DE CRÉDITOS Nº 1/99 DO PADROADO DO CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL PRÍNCIPE FELIPE Sr. Presidente.- Punto cuarto. Expediente de suplemento de créditos nº 1/1999 do Padroado do Centro de Formación Profesional Príncipe Felipe. ¿Algunha intervención?. Sr. ... .- Ben, era para expoñe-la nosa postura e de que vamos a votar a favor e entre outras cousas contempla unha mellora nos edificios, basicamente é a reforma dese presuposto, a mellora de edificios que nós entendemos que é necesaria para mellorar, vala a redundancia, tal e como está nestes momentos o edificio como tal. Sr. Presidente.- Moi ben. Gracias. ¿Algunha intervención máis?. Polo tanto procedemos á súa votación. ¿Votos en contra?. ¿?Abstencións?. Abstención o PSOE. ¿Votos a favor?. O Bloque e Partido Popular. Visto o EXPEDIENTE DE SUPLEMENTO DE CRÉDITOS Nº 1/99 DO PADROADO DO CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL PRÍNCIPE FELIPE, por un importe de CATRO MILLÓNS OITOCENTAS CORENTA E UNHA MIL CINCOCENTAS OITENTA PESETAS (4.841.580), motivado á necesidade de ter que realizar diversos gastos para os que non existe crédito suficiente nas partidas correspondentes e que non poden demorarse ata o exercicio seguinte, financiándose o seu suplemento con cargo ó remanente de tesourería procedente da liquidación do presuposto do Padroado correspondente ó exercicio de 1998; e visto así mesmo o informe favorable de intervención que se une ó expediente, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda acorda por maioría, cos votos a favor do Grupo Popular e do BNG e coa abstención do PSOE, prestar aprobación a dita modificación presupostaria e dos recursos para o seu financiamento, sendo as súas partidas a suplementar polas contías que se indican as seguintes: .- 99/875-422-141.09 Outro persoal........................................ 1.950.000 ptas. .- 99/875-422-622.03 Mellora en edificios.................................2.891.580 ptas. TOTAL..............................4.841.580 ptas. O financiamento deste expediente realizarase con cargo ó remanente de tesourería procedente da liquidación do orzamento do padroado correspondente ó exercicio de 1998, así como coa diminución de crédito por 54.000 ptas. (cincuenta e catro mil pesetas) da partida 99/875-422-481.01 Subvención a familias. Dito financiamento conleva o incremento das previsións de ingreso no subconcepto 99/875-870.01 con cargo ó remanente de tesourería por un importe de CATRO MILLÓNS SETECENTAS OITENTA E SETE MIL CINCOCENTAS OITENTA PESETAS (4.787.580). Por todo o exposto, e tendo en conta que o expediente cumpre tódolos requisitos previstos no ordenamento xurídico aplicable o Pleno acorda a súa aprobación. ------ Folla: 88,91 5.4417.- MODIFICACIÓN DE DIVERSAS TAXAS PROVINCIAIS Sr. Presidente.- Punto quinto da orde do día. Modificación de diversas taxas provinciais. Si. Sr. ... .- Vamos a ver. Non compartimos as modificacións que se fan, algunhas delas. Na taxa por expedición de documentos administrativos non se argumenta por que se teñen que refundir e modifica-los prezos. Nas taxas polos anuncios no Boletín Oficial da Provincia non compartimos a retirada da discriminación positiva que había con respecto ó noso idioma. Si compartimos a modificación da utilización, da modificación do artigo 2º pola utilización privativa ou tratamento especial do dominio público provincial. Non vén argumentada a modificación, o aumento nun 100% das taxas por utilización de servicios no Castelo de Soutomaior. E non entramos a valora-los prezos da cafetería de Príncipe Felipe. Pero estas cuestións que non compartimos si estamos en contra delas. Quero dicir que non hai ningún argumento para que os prezos pola utilización do Castelo se doblen. Polo menos o equipo de goberno non o argumenta. Polo tanto estamos en contra destas modificacións. Nada máis. Sr. Presidente.- Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Si. Vamos a ver. Nós en todo caso pediríamos que polo menos no do Boletín Oficial da Provincia se votara separada porque hai unha parte que non compartimos e é o tema da discriminación positiva que ata agora había no tema dos textos en galego. Non compartimos porque esto foi aprobado no seu día por unanimidade de tódolos grupos políticos. Entendemos que esa medida debe seguir manténdose e que non é argumento de ningún tipo a xustificación que se di que nos outros Boletíns Oficiais das provincias galegas non se fai ou nas Comunidades de Cataluña e País Vasco. No resto nós estamos dispostos a votar a favor e estamos dispostos a votar a favor aínda recoñecendo que é certo que hai incrementos que realmente se pode dicir que son do 100% pero que estamos falando de prezos absolutamente baratos. É dicir que unha certificación dun documento anterior a cinco anos se cobre por el 1000 ptas. nos parece que é absolutamente razonable. E ata agora se cobraba 500. ¿Cal é o erro?. Pois que non se debía estar cobrando 500 pesetas ata agora. É dicir, é certo que hai un incremento do 100%, pero que realmente o que estaban era contribuíndo ó empobrecemento das Institucións e concretamente desta Institución. É dicir entendemos que son prezos absolutamente razonables, volvo a repetir votaríamos a favor deles. E no outro tema do Boletín Oficial da Provincia si queremos deixar, poñer de manifesto o seguinte, é dicir, retírase o tema da urxencia, é dicir, quen pagaba a urxencia pagaba o doble e se lle garantizaba que nuns días determinados se lle poñía o anuncio, en catro días ou cinco. Ben, realmente nós entendemos que esto non se estaba producindo por eso estamos a favor de que se retire esa urxencia, porque non se producía, independentemente que o grupo de goberno na Comisión mantivo o contrario. Volvo a repetir entendemos que non se producía e hai bastantes casos pero que si vamos a estar controlando o tema para que realmente se publiquen os anuncios por orde de chegada e non haxa saltos nos anuncios. Polo tanto solicitaríamos, volvo a repetir, que se voten de forma separada, polo menos o do Boletín Oficial da Provincia, porque senón teríamos que absternos en todo aínda que estemos de acordo coa maioría deles, se non se vota de xeito separado. Sr. Presidente.- Sr. Pedrosa. Sr. Pedrosa Fernández.- Si, gracias Presidente. Buenos días. Bien, son un montón de tasas, parece que la del Boletín Oficial de la Provincia es así la que tiene más recelos. Se anula la urgencia por lo que se transmite por parte del servicio es que la urgencia estaban pagando el doble y al final se estaban publicando a la misma velocidad que los que venían por vía normal. Por lo tanto parece que funciona bastante bien el Boletín Oficial de la Provincia y que no hace falta por tanto esa urgencia. Por eso se anula puesto que estaba pasando eso que se pagaba el doble y se publicaba a los dos o tres días exactamente igual que uno que entrase por vía normal. En cuanto a la discriminación entre gallego y castellano es el propio servicio quién lo pide y dice pues eso, que precisamente ninguno de los otros Boletines Oficiales de la Comunidad Autónoma Gallega ni en Cataluña, ni en Vascongadas, que todas ellas son bilingües hacen esa distinción entre un idioma y otro. Parece que entonces sería la lógica que estemos exactamente igual que todos y que no exista esa discriminación hacia uno de los dos idiomas. Eso es por lo que se propone esa modificación. Existe después una taxa por la utilización privada del aprovechamiento especial del dominio público donde se modifica el hecho imponible, se deja fuera la exacción de tasas del aprovechamiento de dominio público y se modifica el artículo 2 del hecho imponible, donde se dice que no están sujetos a la tasa los aprovechamientos realizados por entes públicos territoriales y sus organismos dependientes para la prestación de servicios a los ciudadanos tales como redes de abastecimiento de agua potable, saneamiento y similares, lo cuál parece totalmente lógico. Se modifica la tasa por los servicios que se prestan en la Ciudad Infantil. Es única y exclusivamente una modificación de lo que es el listado de precios de venta de productos de cafetería. Se modifica la tasa de los servicios que se prestan en el Castillo de Soutomaior donde si hay un aumento por un lado pero hay una rebaja que no tenía la anterior. Ahora las personas mayores de 65 años pasan a ser un 50%, son 100 pesetas. Existía una picaresca en la tasa anterior donde tenía un precio cuando era una persona y había una bonificación del 50% cuando eran grupos de más de 10 personas. La picaresca es que estaban esperando a que llegasen las 10 personas que se presentaban como grupo personas que no tenían nada que ver. Entonces desaparece esa y queda una única tasa por persona de 200 pesetas y una de 100 por persona mayor de 65 años y se suben a 40.000 y 50.000 las de cesión de locales según tenga que aportar material didáctico la Diputación o no. Son precios, son tasas que no llegan a cubrir ni muchísimo menos el coste del servicio por lo tanto debe de existir ese equilibrio en lo que son las tasas y el coste del servicio, que en este caso seguiría siendo deficitario. Por lo tanto entendemos que no es una subida ni mucho menos importante. Y en la tasa por expedición de documentos pues es algo parecido, son precios todos ellos muy razonables. Se suprimen en este caso dos apartados que tenía la anterior tasa. El primero de ellos es el personal al servicio de la Diputación donde se cobraba una tasa por expedición de títulos, credenciales, licencias y permutas, cosa que parece que estamos obligados la propia Diputación a hacerlo los funcionarios. Y se suprime el apartado que había en contratación de obras y servicios puesto que la mayor parte de las veces es una obligación de la Diputación y sobre todo en las obras o en aquellos casos en que las obras estaban cofinanciadas por la Unión Europea, es una tasa que luego nos veíamos en la obligación de devolver. Es por eso que se modifica y el resto bueno pues las subidas de cualquier expedición de documentos pues no parece que sean unas cantidades desde luego ni mucho menos que vayan a cubrir el coste del servicio. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Pedrosa. ¿Algunha intervención máis?. ¿Como é o seu nome?. Pazos. Sr. Pazos Docampo.- Bueno, imos ver. A argumentación para subi-las taxas, elimina-la picaresca de Soutomaior é de libro, había acumulación de persoas esperando xuntar dez, será o Sr. Pedrosa quen ten constancia diso, non hai constancia diso, os prezos non son abusivos pero si supón unha suba das taxas, dóbranse, dóbranse os prezos. Con respecto ó tema do boletín estamos en contra de que se elimine a discriminación positiva que había co galego, e ten un certo risco facer alusión ó comportamento, ás decisións doutras Deputacións porque se poden airea-los comportamentos doutras Deputacións con respecto o seu funcionamento polo tanto hai que ser moi precavido con estas alusións a outros servicios. O Bloque vai mante-lo seu posicionamento e se non hai modificación do equipo de goberno vai votar en contra das modificacións das taxas. Sr. Presidente.- Bueno, gracias. Eu creo que a explicación xa quedou, neste caso o Sr. D. Juan Luis Pedrosa creo que foi perfectamente claro e ademais vén estudiada polo equipo de goberno, e con respecto sobre todo ó tema do boletín que é o que crea un pouco máis de confusión, dicir que hai dous apartados, o primeiro onde se di da reducción que había do 50% por publicalo en galego, era o único sitio de España onde se producía esta diferencia de taxas polo tanto e con informe do servicio .... se nos mande agora se nos pide que igualemos a taxa nese sentido. E con respecto á publicación creo que o boletín gracias a Dios neste momento está funcionando perfectamente, está publicando coa celeridade que todos cremos conveniente de tódalas publicacións que lle chegan dos distintos Concellos e polo tanto nós vamos en principio a defender este punto tal e como aparece aí no cal solicitámola modificación destas taxas que en principio é actualizalas practicamente. ¿Votos en contra?. Un momentiño. Emilio, a ver. Sr. González Iglesias.- Eu é que plantexara antes de que se votara taxa por taxa é que senón nos obrigades a, inda que estemos de acordo cos incrementos non poderíamos apoialos se facedes a votación en bloque. Sr. Presidente.- En principo esta suxerencia que eu acabo de comentar provén incluso do propio servicio onde hai unha serie de informes nos cales nos din que en ningún sitio de España, polo tanto eu creo que é tan lexítimo que realmente chegue un escrito en galego como en castelán. Sr González Iglesias.- Si me permites esta debe se-la primeira institución que quere apoiar, ou seredes o primeiro grupo político que quere apoiar un posicionamento político absolutamente claro nun informe ténico, nun informe do servicio, cousa que xa non compartimos, como posicionamento político non o compartimos, que significa desdicirse o Partido Popular do que aprobou nun momento determinado a instancia dos grupos da oposición, efectivamente, pero bueno, é unha cuestión vosa, eu volvo a repetir, se a votación é por separado, taxa por taxa, apoiarémola maioría delas, se facedes a votación en bloque pois obrigádesnos a absternos, polo que dicía antes, porque nese tema en concreto estamos en contra. Sr. Presidente.- En principio deberíamos vota-lo punto tal e como está e polo tanto así nos consta ademais dun informe, para nós volver a repeti-lo mesmo xa sería reiterativo. Polo tanto, ¿votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Vistos os expedientes tramitados a proposta do Servicio de Intervención desta Deputación, para a Modificación de diversas taxas provinciais, co fin de proceder á actualización das mesmas para o ano 2000, polos servicios que a continuación se relacionan, e polos motivos que se indican na parte dispositiva das mesmas; vista a Memoria da Presidencia e os informes de Intervención que se unen ós respectivos expedientes, o Pleno, de conformidade co dictame favorable emitido ó efecto pola Comisión de Economía e Facenda, acorda por maioría de votos a favor do Grupo Popular e co voto en contra do BNG e a abstención do PSOE, prestar aprobación á Modificación das Ordenanzas Reguladoras das Taxas que a continuación se relacionan: - Taxa pola expedición de documentos administrativos. - Taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público provincial. - Taxa pola inserción de anuncios no Boletín Oficial da Provincia. - Taxa polos servicios que se prestan ou actividades que se realizan na Cidade Infantil "Príncipe Felipe". - Taxa polos servicios que se prestan ou actividades que se realizan no Castelo de Soutomaior. Os expedientes de modificación de ditas Taxas, exporanse ó público por prazo de trinta días hábiles no Boletín Oficial da Provincia e nun diario dos de maior difusión da Provincia, a efectos de reclamacións, para a súa posterior aprobación polo Pleno, unha vez resoltas as reclamacións formuladas. No caso de non haber reclamacións, este acordo considerarase elevado a definitivo, e entrarán en vigor unha vez se produza a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e aplicaranse a partir do día 1 de xaneiro do 2000. ------ Folla: 91 6.4418.- SOLICITUDE DE COMPATIBILIDADE DE FUNCIONARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO DE ACTIVIDADES NO SECTOR PRIVADO Sr. Presidente.- Punto seis da orde do día, solicitude de compatibilidade de funcionaria provincial para o exercicio de actividades no sector privado. ¿Algunha intervención?. ¿O seu nome?. Henrique Viéitez. Sr. Viéitez Alonso.- Sen ter en contra nada ó respecto da funcionaria que solicita esta compatibilidade vamos a posicionarnos en contra única e exclusivamente porque non estamos a favor do pluriemprego e polo tanto no nos parece correcto este tipo de actitudes. Sr. Presidente.- Moi ben. ¿Algunha intervención máis?. Bueno, dicir en principio que a lexislación actual pois llo permite, aí están os informes no expediente para que o poidades comprobar e polo tanto se iso o permite o expediente está totalmente completo pois en principio a votación do Partido Popular vai ser a favor desta solicitude. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿Votos a favor?, o Partido Popular. Visto o escrito presentado no Rexistro Xeral desta Excma. Deputación Provincial o 27 de maio de 1999 pola funcionaria Dona Alicia Sarmiento Peña, Adxunta ó Xefe do Servicio de Proceso de Datos, interesando a compatibilidade do seu posto de traballo neste organismo provincial co exercicio da actividade privada como profesional libre, fóra do horario laboral e en ámbitos que non creen conflictos co posto de traballo que actualmente desempeña; con fundamento na Lei 53/84, de 26 de decembro de Incompatibilidades do persoal ó servicio da Administración Pública e RD 598/85, de 30 de abril, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Réxime Interior, acorda por maioría de votos a favor do Grupo Popular e co voto en contra do BNG e a abstención do PSOE, acceder ó solicitado e declarar compatible o desempeño do seu posto de traballo nesta Deputación Provincial coa prestación de servicios no sector privado, tendo en conta que esta actividade poderá exercela fóra do horario de traballo ó que está sometida, sempre e cando non menoscabe nin repercuta no seu rendemento funcional e coas limitacións previstas no art. 9 do Real Decreto 598/95, de 30 de abril. ------ Folla: 91,92 7.4419.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- ¿Comunicacións?. Sr. Secretario.- En principio dar conta dos extractos das Resolucións Presidenciais dictadas entre o 26 de outubro e o 20 de novembro do 99. Así mesmo, una comunicación del Jefe del Gabinete Técnico del Parlamento de Galicia en la que textulamente dice: "Ilmo. Sr.: De orde do Excmo. Sr. Presidente do Parlamento de Galicia, acuso recibo do seu escrito de data 16 dos correntes, con rexistro de saída nº 10.745, no que xunta acordo adoptado polo Pleno da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 29 de outubro, en relación coa aprobación da Moción presentada polo Deputado Provincial D. Antonio Araújo, do BNG, sobre o Réxime Tributario das Comunidades de Montes en Man Común, e comunícolle que procedo a dar traslado do mesmo ós Portavoces dos Grupos Parlamentarios". Queda enterado o Pleno das seguintes comunicacións: A) De escrito do Xefe do Gabinete Técnico do Parlamento de Galicia, de data 22 de novembro de 1999, con Rexistro de Entrada nº 20987, de acuse de recibo de acordo adoptado polo Pleno desta Excma. Deputación Provincial en sesión celebrada o 29 de outubro, en relación coa aprobación de Moción presentada polo Deputado Provincial D. Antonio Araújo, do BNG, sobre o Réxime Tributario das Comunidades de Montes en Man Común, no que se comunica o traslado de dito acordo ós Portavoces dos Grupos Parlamentarios. B) De extractos de Resolucións Presidenciais dictadas pola Presidencia entre o 26 de outubro e o 20 de novembro de 1999, e que foron trasladados ós distintos Grupos Políticos. FÓRA DA ORDE DO DÍA, tratouse o seguinte asunto: ------ Folla: 92,94 8.4420.- MOCIÓN DO DEPUTADO PROVINCIAL D. ANTONIO ARAÚJO QUINTAS DO BNG, EN RELACIÓN CO ARRANXO E AMPLIACIÓN DA EP 2303 VILAZA - GONDOMAR Sr. Presidente.- Fóra da orde do día. Bueno aquí cónstannos dúas mocións que en principio habería que aproba-la urxencia das mesmas. A primeira é presentada por D. Antonio Araújo Quintas, no cal se quere facer unha breve exposición antes de vota-la urxencia. Sr. Araújo Quintas.- Si, moitas gracias. Bueno a urxencia pois ten que ver, a urxencia en realidade é de quen usa esta estrada ou de quen a usamos mellor dito. O tema vén relacionado coas grandes infraestructuras que se anuncian a bombo e platillo polas institucións moitas veces e que unha vez que se realizan pois esquéncese daquelas que están na súa beira. Entón se promete de que se van arranxa-los camiños, de que se van repoñe-los servicios, que se van arranxar cantidade de cousas pero a realidade é que unha vez que se remata a grande obra faraónica, estou a falar da autoestrada do Val Miñor, pois as empresas levantan o vo e todo o que desfixeron queda exactamente, queda bastante peor do que estaba. ¿Por que traio esto aquí ou por que traemos esto aquí?. Bueno porque a maiores esta estrada da que falo pois é propiedade da Deputación Provincial e polo tanto supoño que esta Institución algo terá que dicir ou máis ben algo terá que facer. Eso é un pouco a argumentación. Sr. Presidente.- Gracias. Vamos entón a vota-la urxencia. En principio o Partido Popular vai estar a favor da súa urxencia, porque vamos a falar de datos e polo tanto. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. A favor da urxencia. ¿Ten máis argumentos para aportar?. ¿Quere lela ou algo así?. Sr. Araújo Quintas.- Bueno, a moción di como segue: "Unha das cousas que o disparatado proxecto da autoestrada Puxeiros-Baiona e a súa aínda peor execución trouxo ó Val Miñor foi a destrucción evidente da maioría das parroquias da comarca e dos seus barrios, do entorno paisaxístico e do medio ambiente e por suposto a destrucción de infinidade de vieiros de todo tipo. Mesmo dalgunha estrada de certa importancia pola súa categoría. Este é o caso da estrada provincial nº 2303 que vai dende Areiña-Vilaza á vila de Gondomar. É táctica coñecida por acontecer sempre nestes casos, que unha vez rematadas as faraónicas obras, as empresas constructoras por unha banda e as administracións encargadas de velar polos intereses dos cidadáns pola outra, esquécense axiña dos compromisos adquiridos e mesmo de facer cumpri-la legalidade. Que non é outra que recoñecer aqueles servicios e dereitos que foron alterados e destruídos. É unha constante no noso país que ó carón das grandes infraestructuras a maioría delas seguramente necesarias tamén ollar con impotencia o estado terceiro mundista no que fican as demais vías de comunicación supostamente complementarias e cando menos de tanta importancia coma as outras para a cidadanía. Esta exposición vén a conto polo que está a acontecer coa devandita estrada provincial 2303, que a pesares das reiteradas promesas de reparación e acondicionamento por parte do Concello de Gondomar, o certo é que a día de hoxe ademais de estar totalmente desfeita se a algún despistado conductor se lle ocurre toma-la saída número 11 en dirección á vila de Gondomar, a saída número 11 está anunciada na autoestrada, atoparase cunha estrada que calificándoa con benevolencia podémola definir como un camiño de cabras. Como queira que a devandita estrada conta agora cun tránsito extra que antes non tiña e se lle engadimos ademais o seu lamentable estado, a súa cativa sección, non é difícil adiviña-las situacións de auténtico perigo que está a causar a cotío nos veciños e veciñas de Vilaza, especialmente nos máis pequenos que teñen que camiñar por ela para achegarse tanto á escola como á importante zona deportivo-escolar, hai dous Institutos e un Colexio de Educación Infantil e Primaria, o Pavillón de Deportes, as pistas polideportivas, campo de fútbol municipal, etc., localizada nas beiras da súa traza. Non é lóxico que unha estrada propiedade da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e de tanta importancia para Gondomar se atope nesta situación de abandono e mesmo de indefensión fronte a aqueles que a usaron incorrectamente cando as obras da autoestrada Puxeiros - Baiona. Por todo esto propoño ó Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo: O Pleno da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra acorda instar ó goberno desta Institución para que na maior brevidade de tempo se inicien os estudios pertinentes, se redacten os proxectos correspondentes e se habilite a partida orzamentaria precisa para proceder ó arranxo e ampliación da estrada provincial 3202 Vilaza-Gondomar, facendo da mesma unha estrada segura para peóns e para vehículos. Sr. Presidente.- Gracias. Bueno, con respecto a antes de entrar xa na propia moción quería contestarlle tamén un pouco á pregunta do outro día, porque creo que xa é o terceiro ou cuarto escrito que nos presenta, porque vostede é concelleiro en Gondomar. Ben, co cal hai que defende-los intereses de Gondomar e nos parece lícito ademais. Pero con respecto á negociación, se nós sabíamos algo dunha negociación cun señor particular, que tiña co Concello de Gondomar, etc., como eu visitei as estradas de Gondomar xa fai vinte días aproximadamente e á parte xa as coñecía, pois con respecto a ese convenio, vostede é membro daquela Corporación, vostede terá que saber que convenio ten o Concello porque nós non temos nada que ver con ese convenio urbanístico que vostede preguntaba, etc. Nós hai un señor que nos cedeu parte dun terreo para facer unha mellora, unha variante concretamente da vía pública e polo tanto ata aí non hai ningún problema. Eles parece ser que hai un acceso a unha depuradora que non sabemos se lle van a conceder ou non pero ese é un problema en todo caso do Concello de Gondomar e nunca da Deputación Provincial. Ou sexa que a Deputación Provincial o que fixo foi, un señor lle cede uns terreos para facer unha variante, a fixemos, estámola rematando nestes momentos e polo tanto ata aí chega o que ten cometido a propia Deputación Provincial. Eso para aclarar un pouco o do outro día que incluso xa o comentamos aí, pero para que quede claro con respecto a eso. E con respecto a esta quero dicirlle tamén que no Concello de Gondomar, practicamente nos últimos quince meses ou podemos poñer incluso dous anos, se melloraron tódalas estradas provinciais, todas, menos esa que vostede acaba de dicir, por un motivo, de que o Concello de Gondomar estaba negociando neste caso coa constructora da autopista esa saída que vostede fala dela. O cal pois non chegaron á acordo para invertir aí nesa estrada e invertiron pois noutra cousa. Parece ser, esa é a información que nos consta a nós. Pero quérolle dicir que nestes últimos quince meses invertimos en Gondomar, en estradas provinciais, 170.000.000 de pesetas. Moitas delas, se quere repásollas todas, están terminadas ou en execución. Polo tanto a min me encantaría que tódolos Concellos ou representantes dos Concellos que están aquí que tiveran a posibilidade neste caso de te-las estradas como ten Gondomar, esa que vostede acaba de dicir é necesaria, pero vostede sabe que estivo pendiente ata a inauguración da autopista desa negociación. E se non se actuou foi por ese motivo. E vostede dicía tamén que a estrada está peor do que estaba antes. A estrada está como estaba, estaba deteriorada, non ten os anchos adecuados, pero tamén lle teño que dicir que ás veces temos problemas cos terreos, nas que estamos en execución neste momento, e que polo tanto a nós nos gustaría ir na execución máis avanzado aínda, pero hai que negociar cos veciños e neste momento mañá non pero o luns temos unha reunión precisamente aquí cunha Comunidade de Montes de Gondomar para terminar unha desas estradas que están en execución. Pero quero dicirlle que unha vez máis a inversión en Gondomar en estradas provinciais está entre os primeiros municipios da provincia de Pontevedra. Polo tanto cremos que non hai motivo a este escrito á parte de que vostede sacou unha nota de prensa hai uns días dicindo que solicitaban mellora e tal como reivindica aquí na moción, o cal estivera eu unha semana antes alí, xa que o Alcalde prevendo, el mandou unha relación de melloras en estradas provinciais e a única que nos pide á parte de facer convenios de melloras en urbanizacións nalgúns tramos pois o que se refire á propia estrada a mellora que habería que facer sería, nesta estrada, que é a que baixa da autopista ó centro de Gondomar e que cremos que dentro do Presuposto do 2000 vamos a intentar incluíla. Polo tanto, para o Partido Popular non ten sentido esta moción, porque senón vostede imaxínese que de tódolos Concellos nos mandaran de cada unha das estradas que teñen, nada menos que temos 1.800 quilómetros de estradas e que nos planteara pois cada un a súa reivindicación. E estou poñendo como caso a situación actual do Concello de Gondomar que é a que eu lle acabo de dicir e senón hai datos aquí que o poden avalar. Polo tanto, se non hai máis procedemos á súa votación. ¿Votos en contra?. Partido Popular. ¿Abstencións?. ¿A favor?. PSOE e BNG. O Pleno acorda por maioría de votos en contra do Grupo Popular e cos votos a favor do PSOE e do BNG, rexeita-la moción do Deputado Provincial D. Antonio Araújo Quintas do BNG, en relación co arranxo e ampliación da EP-2303 Vilaza-Gondomar. Sr. Presidente.- Temos outra moción neste caso presentada polo Grupo Socialista que nos motiva a urxencia. Sra. ... .- Bos días. Esta moción non foi plantexada para que pase por urxencia senón para que pase o trámite regulamentario e pase polas Comisións. Eu se quere que a tratemos tratámola. Sr. Presidente.- Non, entón pasámola para a Comisión respectiva para tratar no seu momento. ------ Folla: 94,99 9.4421.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Rogos e Preguntas. Sr. Viéitez. Sr. Viéitez Alonso.- O meu son dúas preguntas. Unha: quixera saber qué decisións tomou a Comisión de Goberno en todo caso, ou a quen competese, a respecto do día libre para proceder á Peregrinación a Santiago e en todo caso, ¿que tratamento vai ter con respecto a aquelas outras persoas que practican outras confesións ou non practican ningunha confesión, pero en definitiva non se suman?. ¿Que comportamento van ter?. ¿Que diferencia van ter duns con respecto a outros?. Porque parece ser que inclusive non se adoptaron os mínimos imprescindibles para un normal funcionamento da Deputación como tal. Esa é unha pregunta. E outra é respecto dunha carta dirixida por vostede mesmo que apareceron en determinados Concellos, non en todos da provincia, polo menos dalgúns que nós temos constancia non apareceu, datada do 28 de outubro do 99, onde entre outras cousas di: "A los efectos que en la Diputación tengamos conocimiento concreto y específico del estado en el que se encuentran las carreteras provinciales de tu municipio, te ruego nos indiques por orden de preferencia las carreteras a reparar y las actuaciones y las prioridades de las mismas, sugiriéndonos incluso las reformas a realizar, ensanches, mejoras de firme, etc. Toda la información posible sería muy útil para nosotros y nos servirá de base para la futura mejora de las mismas". Insisto que esta carta dirixida por vostede mesmo apareceu nalgúns Concellos, noutros non apareceron, polo menos ata agora non hai constancia, entón quixéramos saber a que se debe esa discrecionalidade duns con respecto a outros e en todo caso se van te-lo mesmo tratamento tódolos Concellos da provincia de Pontevedra ou vai haber preferencias, sen entrar a calificalas, duns Concellos con respecto a outros. Gracias. Sr. Presidente.- Bueno. Vamos a ver. Con respecto ó tema dos funcionarios eu creo que en principio para eso estamos nós aquí, está o Presidente e cando non está o Presidente estamos os Vicepresidentes, que estamos aquí para velar que os servicios funcionen e neste caso creo que non houbo ningunha discriminación de que non se contemplaran nin os servicios mínimos para funcionar. Eu de momento non tiven ningunha queixa nese sentido. Ademais por tratarse dunha cousa excepcional, creo que neste momento o tema do Xacobeo que está a punto de remata-lo ano 1999, se plantexou esta posibilidade, esta peregrinación, e bueno ¿que agravio existe cos demais compañeiros?. Pois en principio eu quero entender que ningún porque o que decidiu libremente ir á peregrinación pudo ir e o que non pois se quedou e en principio o que estamos falando sería do día de hoxe concretamente onde eses funcionarios pois por este motivo non asisten ó seu traballo, pero polo tanto, para nós cremos que calquera dos outros funcionarios que se pode sentir agraviado como vostede di, pois si nos plantexa que en relación a que el ese día non saiu, pois pola nosa parte non hai ningún problema en que se lle conceda un día para eso. Creo que ese tema, eu creo que ademais non ten ningunha lóxica que se traia nin aquí, porque é un acto contemplado a nivel institucional e os funcionarios, incluso houbo Alcaldes que participaron, Deputados, etc., e cremos que non ten ningunha, vamos, para efectos da propia casa, do propio funcionamento, etc., non hai ningún motivo de desagravio con respecto ós compañeiros nin moito menos. E con respecto ó segundo, á carta que envíamos, vamos, teño entendido que se lle vai mandar a tódolos Concellos. Eu din ordes para eso. A algúns Concellos xa se lles mandou, a outros estamos vendo, quere dicir, coma o caso de Gondomar, que estradas faltan. Porque hai Concellos pois que ó mellor neste momento contan con case todas reparadas, non é a situación maioritaria, que quixéramos pola nosa parte que fose, pero en principio se lle vai enviar tamén a tódolos Concellos, ou está previsto que se lle envíe a tódolos Concellos ou estámolo envíando en base ós informes pois un pouco que nos pasan os Enxeñeiros para ver que estradas son e cantas nos faltan, para que nos informen e sobre todo coincidir, que poidamos coincidir na lóxica da inversión, se vamos a prever unha inversión importante para o ano 2000 en estradas provinciais, pois será mellor ir todos da man ou de acordo para que se invirta realmente naquelas que hai máis necesidade. E polo tanto eso o vamos a facer con todo o mundo. Sr. Viéitez Alonso.- Mire, só un detalle. En primeiro lugar creo que debemos de lembrar que calquera tipo de Institución ou Administración e aconfesional, polo tanto cremos que non se debe primar unhas confesións con respecto a outras. E á parte deso o normal e o correcto é que se adopten criterios como cando se adopta ese mesmo criterio se adopta por exemplo cando os propios traballadores exercen os seus dereitos como tal. É dicir, aquí non se estableceu un mínimo, non hai establecido un mínimo como cando por poñer un caso, hai unha folga ou poida haber unha folga polas reivindicacións laborais dos traballadores e o correcto e o normal en todo caso é que este tipo de actuacións teñan un regulamento e teñan un tratamento para todos por igual. Eso por un lado. E despois ó respecto do outro alégrome que vostede diga que se vai enviar a tódolos Concellos. Sr. Presidente.- Se vai non, perdón, está previsto enviarlla a tódolos Concellos da Provincia. O que pasa que se manda en función dos datos que vamos incorporando para poder manda-la carta. Sr. Viéitez Alonso.- Ben, o que si é certo é que non chegaron a tódolos Concellos. Eso si é certo, si chegaron a uns con máis prioridade con respecto a outros. Vostede di que son. Sr. Presidente.- Aínda estamos en novembro. Sr. Viéitez Alonso.- Ben, pero tamén é certo que fai máis dun mes que se enviou a primeira carta. Por eso viña esa pregunta e por outra que eu creo que se vostede o que di que é o que pretende para o próximo ano, intentar polo menos consensuar as inversións ou ir todos da man, como dicía vostede. O ano que vén ó respecto das inversións para mellora das estradas de carácter provincial o correcto e o normal é que efectivamente independientemente das actuacións que houbese en cada Concello, é correcto, é correcto que se sepan as deficiencias que hai en cada un dos Concellos. En todo caso será un problema de priorización a posteriori. Sr. Presidente.- De acordo. Bueno, eu creo que este tema para min xa non merece máis contestación. O primeiro xa falamos, estamos falando de que son excasamente 40 funcionarios dos 530 que ten a propia Deputación. Polo tanto, trátase dunha cousa exepcional que é o Xacobeo 99, e que en principio o Partido Popular, o grupo de goberno neste caso, o veu como pois un acto institucional e así o plantexou e non vai haber ningún problema e se alguén se sinte agraviado con este tema pois que no lo fale que intentaremos arranxar eso. ¿Algunha pregunta máis, algún rogo?. Sr. Araújo Quintas.- Si. Gracias. Eu teño unhas cantas preguntas e un rogo. Vou a empezar polo rogo porque é a segunda vez que falo del aquí ademais, e é que por parte da Deputación se retire dunha vez por todas a chatarra, coches vellos, que están case no centro da vila de Gondomar, no parque de maquinaria que ten a Deputación alí. Bueno, aquilo é un aspecto absolutamente terceiro mundista, lamentable e que a todo esto non sei que pinta aquilo alí porque penso que non é o lugar máis adecuado. Entón ese sería o rogo. E logo as preguntas teño unhas cantas. E a ver se mas responde porque antes vostede aparentemente deume unha resposta que para min non me serve e que si me dá lugar a facer unha nova pregunta. Ben, a primeira pregunta ten que ver cunha suposta subvención que no mes de xuño, a min esto sóname así un pouco a eleccións, pero bueno por eso quero sabelo e pregunto. Digo unha suposta subvención de 10.000.000 de pesetas que o club de fútbol do Nodar se lamenta publicamente de que a Deputación lle prometeu que seica está aprobada pero que non chego a famosa subvención. Entón a miña pregunta é ¿se realmente esta subvención está aprobada, se a cantidade é esa de 10.000.000 de pesetas?. E no caso de que estea aprobada, ¿se se vai pagar?,¿cando se vai pagar?. Eso sería a primeira pregunta. A segunda pregunta ten que ver cun escrito que o 19 deste mes entrou no Rexistro do Concello de Gondomar, para a súa exposición no Taboleiro de Anuncios. E é un escrito de Augas de Galicia relacionado coa construcción dunha nova ponte, máis ben relacionado coa solicitude á Deputación Provincial, ó respecto da construcción dunha ponte sobre o río Miñor na parroquia de Donas. Entón a miña pregunta é a seguinte, ou as miñas preguntas, mellor dito. A primeira sería se a Deputación Provincial vai construir unha nova ponte sobre o río Miñor. E a segunda pregunta é se non vai facer esa nova ponte, se se trata da que xa está construída. Bueno, esto case me dá a min unha resposta ou me imaxino algunha resposta. Bueno imaxino as respostas mellor dito que poden ser. Bueno. Se a resposta é que é unha nova ponte pois a verdade nós felicitamos á Deputación porque constrúa unha nova ponte sobre o río Miñor, é necesaria ademais. E se o caso é o segundo pois ó mellor felicitalos tamén porque por unha vez as obras van por diante das burocracias, o cal tampouco está mal aínda que eu non sei se esto é moi legal. Pero bueno, aparentemente sería ese tema. E por último a pregunta que lle quería facer tamén é ó fío da resposta que vostede me deu ó principio, era preguntarlle se a respecto deses terreos que para construcción dese vial do que antes falaba, bueno se a Deputación ten, en fin, vostede falaba de que lle cederon eses terreos un particular e eu gustaríame saber se vostedes teñen algún tipo de cesión específica para a Deputación. Se o particular lle cedeu directamente á Deputación esos terreos. Nada máis. Sr. Presidente.- Vamos a ver. Ben. En principio vamos por orde. O de retira-la maquinaria, non é maquinaria, son coches que eu puden comprobar "in situ" hai vinte días, que están dentro do parque de Gondomar e dentro dalgún parque máis que no seu día se nos pideu dende Aduanas, etc., que incautaban, que se podían depositalos alí. E xa o Alcalde pois ten previsto a retirada deses vehículos que están dentro do parque, do parque que a Deputación Provincial ten en Gondomar. Eso con respecto á primeira pregunta. Con respecto á segunda. Unha suposta subvención a Gondomar, quero dicirlle que parece que vostede dicía que podía haber algo de relación con eleccións porque se trataba do mes de xuño. Quero crer que hai aproximadamente un ano estiven co anterior Alcalde de Gondomar visitando co Deputado de Deportes o campo das Gaiandas de Gondomar. Eu non son Concelleiro alí pero algo alí coñezo. Entón pois hai unha serie de deficiencias como hai en moitos campos da provincia de Pontevedra, e nos foron plantexadas e en principio está previsto resolvelas entre este ano 1999 e principios do 2000 cunhas negociacións que estamos levando a cabo entre o Concello de Gondomar, a Deputación Provincial de Pontevedra, e a Secretaría Xeral para o Deporte. Si vai haber subvención aprobada. Pois probablemente dentro duns días. Eu non lle vou explicar máis porque o equipo de goberno é o que está negociando con nós, polo tanto están negociando con nós e máis coa Xunta e polo tanto eu non lle podo ... ¡Se vamos a monopolizar esto en Gondomar só!. Temos que falar de toda a provincia. Eu encantado de falar de Gondomar pero eu creo que ás veces estoulle dando xa as aclaracións oportunas porque coñezo os temas todos estes que vostede me plantexa e polo tanto dicirlle que está prevista a mellora no campo de Gondomar. Con respecto a Donas-Mañufe, quero entender tamén que coñezo este tema. Xa houbo unha alegación por parte do técnico responsable, tamén algunha alegación por parte do voso grupo no seu día, con respecto, e de Augas de Galicia tamén, no que se pretendía a mellora desta estrada que ibamos a facer nós, pero á parte que tiña que quedar previsto maior caudal, para poder facer esta obra. Onte na Comisión de Goberno aprobouse un modificado para Donas de 23.000.000 de pesetas. Á parte da adxudicación que hai aprobouse onte na Comisión de Goberno un modificado de 23.000.000 de pesetas para esa estrada. E con respecto á última pregunta. Os terreos, si foron cedidos a nós directamente. Teño que dicirlle que as negociacións levounas o técnico provincial e que el en principio eu fun a vela, para nós non hai ningún problema, non teño o expediente diante miña neste momento para poder dicirlle se constan por escrito ou non constan. O que si nos consta é que hai unha cesión importante dun particular para a mellora desa estrada que é unha variante, ademais que comunica unha zona o cal lle vai permitir unha axilidade tremenda para acudir ó enlace coa autopista ou ó centro de Gondomar. Polo tanto eu creo que con eso están contestadas as súas catro preguntas. ¿Algunha pregunta máis?. DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, CO GALLO DO DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES Sr. Presidente.- Vamos a dar lectura a unha Declaración Institucional que nos presenta Dona Clara Millán González. Pode lela. Sra. Millán González.- Ben. Gracias e bos días. Declaración Institucional da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra co gallo do día da non violencia contra as mulleres. Dende o ano 1981 o 25 de novembro está declarado como o día da non violencia contra as mulleres para así lembrar a todas aquelas que sofren violencia de xénero en calquera momento da súa vida. A declaración sobre eliminación da violencia contra as mulleres da ONU define a esta do seguinte xeito: "Todo acto de violencia baseado na pertenza ó sexo feminino teña ou poida ter como resultado dano ou sofrimento físico, sexual ou psicolóxico para as mulleres, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade tanto se se produce na vía pública coma na privada". É evidente por tanto que a violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións supón unha flagrante violación dos dereitos humanos e en concreto o dereito a non ser sometidas a tratos inhumanos ou degradantes, que recollen numerosos textos internacionais e a Constitución no seu artigo 15. Mailas recentes reformas da lexislación e do Plan contra a violencia doméstica aprobado o 30 de abril de 1998 seguen a ser numerosas as conductas violentas que poñen en perigo diariamente a vida e a integridade de moitas mulleres. Cómpre pois que as administracións e os poderes públicos non fiquen impasibles ante estas situacións que atentan contra a vida, a integridade física e psíquica e a dignidade de moitas mulleres e que poñan en marcha accións concretas para que as medidas xurídicas e económicas de protección sexan reais e efectivas con tódolos medios que se precisen e sobre todo incidindo a través dos medios de comunicación e do sistema educativo na denuncia desta traxedia e no respecto ós dereitos e igualdade das mulleres. Ben, o BNG presenta esta declaración institucional xa que onte día 25 de novembro como antes dixen foi o día da non violencia contra as mulleres. Esperamos que sexa apoiada por tódolos grupos políticos que están aquí nestes momentos e esperamos tamén que non quede só nunha mera declaración de intencións. E que nunca, nunca máis teñamos que celebrar entre aspas este día. Polo tanto solicito o apoio desta Corporación. Gracias. Sr. Presidente.- Gracias Sra. Millán. Vamos a ver. Por parte do grupo de goberno neste caso non vai haber ningún problema, ó contrario, estamos totalmente en contra desa marxinación que é a desigualdade que de vez en cando se produce e polo tanto o que debemos facer nós é sumarnos precisamente a esta declaración institucional que é presentada polo grupo do BNG o cal pois neste caso apoiamos por parte do Partido Popular e supoño que por parte do Partido Socialista tamén. De acordo. Pois non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión. Gracias e boas tardes. O Pleno acorda por unanimidade, face-la seguinte Declaración Institucional da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra co gallo do día da non violencia contra as mulleres e que foi presentada pola Deputada Provincial Dona Clara Millán González, do BNG: "Dende o ano 1981 o 25 de novembro está declarado como o día da non violencia contra as mulleres para así lembrar a todas aquelas que sofren violencia de xénero en calquera momento da súa vida. A declaración sobre eliminación da violencia contra as mulleres da ONU define a esta do seguinte xeito: "Todo acto de violencia baseado na pertenza ó sexo feminino teña ou poida ter como resultado dano ou sofrimento físico, sexual ou psicolóxico para as mulleres, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade tanto se se produce na vía pública coma na privada". É evidente por tanto que a violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións supón unha flagrante violación dos dereitos humanos e en concreto o dereito a non ser sometidas a tratos inhumanos ou degradantes, que recollen numerosos textos internacionais e a Constitución no seu artigo 15. Mailas recentes reformas da lexislación e do Plan contra a violencia doméstica aprobado o 30 de abril de 1998 seguen a ser numerosas as conductas violentas que poñen en perigo diariamente a vida e a integridade de moitas mulleres. Cómpre pois que as administracións e os poderes públicos non fiquen impasibles ante estas situacións que atentan contra a vida, a integridade física e psíquica e a dignidade de moitas mulleres e que poñan en marcha accións concretas para que as medidas xurídicas e económicas de protección sexan reais e efectivas con tódolos medios que se precisen e sobre todo incidindo a través dos medios de comunicación e do sistema educativo na denuncia desta traxedia e no respecto ós dereitos e igualdade das mulleres." E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e cincuenta minutos do expresado día, dase por rematada a sesión e dela exténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición