ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.156
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.759

Acta de sesión 2000/12/29_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.362/2.2000-12-29_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2000/12/29_Ordinaria

  • Data(s) 2000-12-29 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 29 de decembro de 2000 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vintenove de decembro do ano dous mil, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Xosé Antonio Araujo Quintas, D. Manuel Ramón Conde Romero, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Manuel Fernández Rodríguez, D. Alberto García García, D. Horacio Gómez Araujo, D. Emilio González Iglesias, D. Arturo Grandal Vaqueiro, D. Angel Gregores Méndez, D. Emilio Iglesias Álvarez, D. Telmo Martín González, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Xesús Otero Varela, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, D. Juan Luis Pedrosa Fernández, D. César Augusto Pérez Ares, D. David Raposeiras Correa, D. Juan Reboreda Enríquez, D. Rodrigo Santiago Novas, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Manuel Ramón Vilar Márquez, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asisten os Sres. Deputados, D. Rafael Louzán Abal nin D. Henrique Viéitez Alonso. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Sras. Deputadas, Sres. Deputados, medios de comunicación, vamos a comeza-lo desenvolvemento do Pleno ordinario correspondente ó mes de decembro. Orde do día. 1.4546.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 24 de novembro do ano 2000. ¿Hai algunha alegación á acta?. Non hai alegacións. Apróbase por unanimidade. Apróbase por unanimidade o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 24 de novembro de 2000. ------ Folla: 4.4549.- CESIÓN DO USO DE DIVERSOS TRAMOS DA "EP CAÑIZA - CRECENTE" Sr. Presidente.- Punto catro. Cesión do uso de diversos tramos da "Estrada Provincial Cañiza-Crecente". Como todos vostedes saben este é un tramo da estrada provincial que foi reformado a través dos fondos Interreg e, como consta no expediente, existen unha serie de parcelas que son titularidade da Deputación e que neste momento o Alcalde de Crecente nos pide a súa cesión para establecer zonas de lecer. Se viron o borrador de convenio que estamos dispostos a asinar implica o uso por dez anos para este fin sen perde-la titularidade a Deputación. Se lle prohibe edificar neles e polo tanto calquera actuación que se leve a cabo nestes trozos de terreo, que se lle poden ceder en uso, requerirá pedi-lo permiso correspondente á Deputación Provincial. A Deputación Provincial non lle vai sacar proveito ningún e se o Concello ten ese interese, e o fin que se propón entendemos que é positivo, non teríamos inconvinte en que esta cesión se fixese a través de convenio con estas condicións. ¿Algunha intervención?. Non hai intervencións. Procedemos polo tanto á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿Votos a favor?. Apróbase por unanimidade. Vista a solicitude do Concello de Crecente, en relación coa cesión de varios tramos da "EP Cañiza - Crecente" para fins de esparcimento e recreo; vistos os informes de xaneiro de 1999 e decembro de 2000, emitidos polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Sur, considerando positiva a cesión dado que os referidos tramos quedaron inutilizados a consecuencia da rectificación de curvas levada a cabo; e visto así mesmo o informe xurídico, de 7 de agosto de 2000, emitido polo Sr. Vicesecretario, e en conformidade cos artigos 79 e seguintes do Regulamento de Bens das Corporacións Locais, o Pleno acorda por unanimidade, aproba-lo convenio de cesión de uso en favor do Ilmo. Concello de Crecente, de varios tramos da "EP Cañiza-Crecente", sitos nos lugares de Os Piñas, Mandelos, Pazo e Moucho, cunha superficie total de 13.926 m2 para fins de esparcimento e recreo, e que a continuación se detalla: CONVENIO PARA A CESIÓN DO USO DE DIVERSOS TRAMOS QUE QUEDARON INUTILIZADOS NA "EP CAÑIZA-CRECENTE" En Pontevedra, a de decembro de 2000. Dunha parte o Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra. Doutra o Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Crecente. Intervén como fedatario público o Secretario Xeral da Excma. Deputación de Pontevedra, D. Rogelio Nicieza de la Cerra EXPOÑEN Primeiro.- Que como consecuencia das obras "EP Cañiza-Crecente" (Programa Operativo Interreg)" produciuse o cambio de trazado en varios tramos da mesma que se atopan no termo municipal de Crecente, os cales quedaron inutilizados, non sendo susceptibles dun uso adecuado para a Excma. Deputación Provincial. Segundo.- Que polo Concello de Crecente interesouse da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, a cesión do uso de ditos tramos para o seu destino como zonas de esparcimento. Por iso, ámbalas dúas partes comparecen coa capacidade legal que reciprocamente se recoñecen e conveñen en concerta-lo presente Convenio de cesión de uso de acordo coas seguintes CLÁUSULAS PRIMEIRA.- É obxecto do presente Convenio a cesión do uso dos tramos da "EP Cañiza - Crecente", que por quedar inutilizados non son susceptibles dun uso adecuado pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra -en adiante cedente- en favor do Concello de Crecente - en adiante cesionario- e que cunha superficie total de 13.926 m2 que se detallan a continuación: LUGAR DOS PIÑAS Tramo A: Superficie de estrada: 1.232 m2 Zona interior: 753 m2 Tramo B: Superficie de estrada: 1.464 m2 Zona interior: 1.487 m2 LUGAR DE MANDELOS Tramo A: Superficie de estrada: 624 m2 Zona interior: 406 m2 Tramo B: Superficie de estrada: 864 m2 Zona interior: 972 m2 LUGAR DE PAZO Superficie de estrada: 912 m2 Zona interior: 787 m2 LUGAR DE MOUCHO Tramo A: Superficie de estrada: 1.000 m2 Zona interior: 1.290 m2 Tramo B: Superficie de estrada: 912 m2 Zona interior: 1.223 m2 Enténdese por "Superficie de estrada" a que corresponde ó antigo trazado da estrada, e por "Zona Interior" a superficie existente entre o antigo e o novo trazado. Queda a salvo da presente cesión o dereito de propiedade que ostenta a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra sobre os tramos anteditos. SEGUNDA.- O cesionario destinará os tramos cedidos exclusivamente a fins de esparcimento e a tal efecto poderá, previa autorización outorgada pola cedente, crear paseos e zonas de recreo así como colocar instalacións provisorias. Requerirase así mesmo autorización da cedente para a retirada e/ou modificación das instalacións provisorias xa realizadas. TERCEIRA.- Queda prohibida expresamente a realización de instalacións fixas. CUARTA.- É obriga do cesionario a conservación e mantemento dos terreos así como das súas instalacións. QUINTA.- O presente Convenio terá un período de vixencia de 10 anos a contar dende a data do mesmo. SEXTA.- O cesionario obrígase a comunicar de inmediato ó cedente calquera perturbación física ou xurídica que se produza nos bens obxectos de cesión, así como a exerce-las accións que o ordenamento xurídico establece en defensa dos bens das Administracións Públicas, sendo responsable dos danos e prexuízos que se causen polo incumprimento desta obriga. SÉTIMA.- Igualmente, durante o período de vixencia do Convenio, o cesionario asume a responsabilidade de calquera evento que ocurrira nos bens obxecto de cesión e que orixine a esixencia de responsabilidade patrimonial das Administracións Públicas, así como dos danos e prexuízos que se causaren a terceiro como consecuencia da utilización dos terreos e/ou das súas instalacións. E en proba de conformidade asinan o presente documento, despois de telo lido e atopalo á su enteira satisfacción, no lugar e data que consta no encabezamento. ------ Folla: 5.4550.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Comunicacións. Sr. Secretario.- Darles cuenta de escrito o comunicación que dirije el Portavoz del Grupo Socialista a la Diputación dando por hecho que será titular de la Comisión de Xuventude e Deportes D. Emilio Iglesias Alvarez que substituirá a D. Juan Constante Muradas Ramos desde esta misma fecha. Y también que Doña Isaura Abelairas Rodríguez substituirá en la Comisión de Honores y Protocolo a D. Alberto García García. Y por otra parte también dar cuenta de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre los días 21 de noviembre y 23 de diciembre que se han trasladado a los distintos grupos políticos. Y no hay nada más. Sr. Presidente.- Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Bos días. Moitas gracias. Xa sei que non é o procedimento máis regular pero é que se nos pasou. Está decidido mandar unha comunicación, dígoo para que non siga a demora, de que no Patronato de Turismo "Rías Baixas" me substitúa a min Dona Clara Millán González. Se se puidera apuntar xa o facemos efectivo, se non habería que pasalo ó seguinte Pleno e demais. Teño imposibilidade material de asistir. De feito levo unhas cantas sesións, cousa que me provoca unha situación que non me gusta nada. Que se apunte e se comunique ó Padroado. Sr. Secretario.- ¿Clara Millán?. Sr. Presidente.- Clara Millán substitúe a Cesáreo Mosquera. De acordo. Dámonos por enterados e loxicamente aceptámolo. Queda enterado e conforme o Pleno coas seguintes comunicacións: 1) Extractos de Resolucións Presidenciais dictadas pola Presidencia entre o 21 de novembro e o 23 de decembro de 2000 e que foron trasladadas ós distintos grupos políticos. 2) Escrito do PSOE comunicando que a partires do 1 de xaneiro de 2001 pasará a ser titular na Comisión Informativa de Xuventude e Deportes D. Emilio Iglesias Alvarez que substituirá a D. Constante Juan Muradas Ramos e na Comisión de Honores e Protocolo pasará a ser titular D. Isaura Abelairas Rodríguez que substituirá a D. Alberto García García. 3) De manifestación de D. Cesáreo Mosquera Lorenzo do BNG propoñendo que o substitúa como membro do Padroado Provincial de Turismo "Rías Baixas" D. Clara Millán González, quedando enterado e conforme o Pleno e acordándose dar conta ó citado Padroado. FÓRA DA ORDE DO DÍA, tratáronse os seguintes asuntos: ------ Folla: 6.4551.- MOCIÓN DO DEPUTADO DO PSOE D. ALBERTO GARCÍA GARCÍA SOBRE A PONTE DE CATOIRA Sr. Presidente.- D. Alberto García presenta unha moción sobre a Ponte de Catoira. Sr. García ten a palabra. Sr. García García.- Esta moción é un recordatorio da anterior que presentáramos a primeiros do ano 2000, e como digo é un recordatorio para saber un pouco como van as xestións da Ponte de Rianxo, que xa non quero chamarlle a Ponte de Catoira senon a Ponte de Rianxo a Catoira. A ver se este ano se poden leva-las obras adiante ou polo menos contrata-las obras e o proxecto. Sr. Presidente.- Gracias Sr. García. A situación neste intre está da seguinte forma. Tiven dúas reunións co Presidente da Deputación da Coruña e chegamos a un acordo de contratala o ano próximo, e posiblemente a contrate integramente a Deputación da Coruña, é dicir, unha sóa administración, pero iremos ó 50%. Neste momento vaise a encarga-lo proxecto de execución porque pediuse hai dous ou tres anos por parte desta Deputación un informe sobre a seguridade da ponte, non sobre a estética, e os informes eran favorables, é dicir, que non corría perigo a ponte. Pero en todo caso, é unha obra importante porque se calcula que pode ronda-los cincocentos millóns de pesetas. E o compromiso do Presidente da Deputación da Coruña, como o noso propio, é acometela, se é posible e vai ser posible, no próximo ano. Vaise encarga-lo proxecto xa. Estamos totalmente de acordo os dous Presidentes e non hai inconvinte por parte do noso grupo para metelo dentro do que é o capítulo de estradas provinciais. Sr. García García.- As miñas felicitacións polo cumprimento da moción que se aprobou no seu día e esperemos disfrutar todos da ponte canto antes. Sr. Presidente.- Gracias. Bueno, non votamos a urxencia, é igual. Sr. Secretario.- No hace falta votarla esta moción. Sr. Presidente.- Non fai falta votala. Bueno. De acordo. Queda enterado o Pleno de Moción presentada por D. Alberto García García do PSOE, en relación coa Ponte de Catoira, non votándose a mesma á vista de informe da Presidencia. ------ Folla: 7.4552.- MOCIÓN DO DEPUTADO DO PSOE D. EMILIO GONZÁLEZ IGLESIAS SOBRE HABILITACIÓN DE PARTIDA PARA CONCELLOS AFECTADOS POR TEMPORAIS Sr. Presidente.- Bueno, a segunda moción é de D. Emilio González Iglesias. Sr. González. Sr. González Iglesias.- O Grupo Socialista á vista de que pasaban varios días dende os últimos temporais e un pouco recollendo a inquietude de diferentes Alcaldes que nolo plantexaban, presenta esta moción o día 22 de decembro, que di o seguinte: "Ante a grave situación plantexada polo temporal de vento e choiva en diversos Concellos da provincia faise necesario artellar un sistema de colaboración que cubra os danos ocasionados en bens e servicios municipais de xeito que non se demore a súa reparación e cause máis molestias ós veciños ademais do quebrante económico que está a supor para os Concellos. Posto que a situación actual é cando menos grave o Grupo Socialista Provincial fai a seguinte proposta: Que a Deputación Provincial habilite unha partida presupostaria de 300 millóns de pesetas para ser distribuídos segundo os danos entre os Concellos afectados para que deste xeito os cidadáns vexan restablecidos aqueles servicios afectados e estes poidan ser reparados no menor tempo posible e do mesmo xeito se recuperen aqueles bens municipais que sufriron danos polo mesmo motivo." Lóxicamente a cantidade que figura nesta moción é unha cantidade indicativa. Nós o que pretendíamos é que a Deputación se involucrara neste tema. Coñecemos que houbo despois unha xuntanza na FEGAMP na que asistiu a Deputación e que a Deputación está mandando ós Concellos solicitude de danos. A cantidade é indicativa, entendemos que non debería haber demasiado problema para aprobar este tema. Sr. Presidente.- Gracias Sr. González. Como ti ben dis, efectivamente houbo dúas reunións. Unha primeira, na que as Deputacións non estivemos convocados, que foi na Delegación do Goberno na Coruña. Estiveron algúns Alcaldes desta provincia, poucos, creo que tres. En concreto, o Alcalde de Vila de Cruces que está aquí de Deputado, o Alcalde de Rodeiro e o Alcalde de Caldas. Como non estiven presente non sei o que se tratou, pero si estivemos, onte precisamente, convocados y presididos polo Delegado do Goberno, con representantes da Consellería da Presidencia, a Consellería de Ordenación do Territorio e a Consellería de Agricultura. Por suposto, estaba tamén o Presidente da FEGAMP e o Vicepresidente e había algúns Alcaldes. Alí adquiriuse un compromiso por parte da Deputación Provincial de enviar o antes posible, e fíxenno onte mesmo pola tarde, a tódolos Concellos unha orde do 93, que é a única que nestes momentos está en vigor, aínda que está en proxecto un novo Decreto pero que non se publicou aínda. Aproveitei para dicirlles que o día 10 había que ter unha memoria valorada dos danos de cada Concello e que o día 10, como moi tarde, tiñan que estar na Subdelegación do Goberno de Pontevedra porque está convocada unha reunión xa dos mesmos que estivemos na reunión de onte para o día 11, para velo, cribalo dalgunha maneira e mandalo ó Goberno de Madrid. Eu non sei máis que esto. O que si podo dicir é que a Deputación Provincial de Pontevedra, nunha valoración inmediata, sen baixar a detalles, estímanse uns desperfectos que rondan os catrocentos millóns de pesetas nas estradas provinciais. Nós vamos a presentar os danos que sofrimos no patrimonio, non só en estradas senon que tamén inclúe o patrimonio dos concellos, e incluso peticións de particulares. Ou sexa, había que facer dous paquetes; se teñen reclamacións nos Concellos de particulares, envíalas tamén, pero á parte, é dicir, facendo dous paquetes. Entón, esta moción, como ben dixo o que a presenta, véñenlle a supoñer dous millóns quinientas mil pesetas ós Concellos, que non lle resolven absolutamente nada, e polo tanto eu entendo que unha vez que estamos onde estamos esta moción non ten xa obxecto. Quizais tería obxecto se non houbera en absoluto nada, se non se movera a cousa; pero neste momento estase movendo a outros niveis. Nós, como Deputación, tamén temos grandes desperfectos de todos coñecidos, incluso levou dúas pontes a riada, que se adxudicaron, en virtude do informe do Interventor, con cargo ós Presupostos do ano que vén, non hai transporte escolar, ou sexa, gravisimos problemas, e esperamos que o Goberno Central poida votarnos unha man ós Concellos e ás Deputacións. Sr. González, eu proporía que retirara se é posible a moción e esperar resultados de estas negociacións que están en marcha. Sr. González Iglesias.- Si existe un compromiso, e parece que si, do Presidente da Deputación para colaborar cos Concellos en caso de que foran insuficientes esas axudas retiraríamos esa moción porque tampouco tería sentido mantela agora. No caso de que as axudas foran insuficientes, que a Deputación se comprometera a estudiar a posibilidade de abrir unha partida de axudas, a estudiar a posibilidade, non digo que o faga agora mesmo. Con esto retiraríamo-la moción poque loxicamente sería cuestión de esperar a estes temas, ou en todo caso deixaríamola en suspenso e en función do que haxa volveríamos a traela en xaneiro. Sr. Presidente.- Pero vamos a ver Sr. González, con trescentos millóns non se resolve absolutamente nada. Eu creo que no Plan de Acción Municipal vai diñeiro, que loxicamente un Concello pode invertilo nun tema ou noutro, como pasou en Cerdedo, por exemplo, que levou unha ponte, ou en Meis. Neses casos acudimos ós Concellos, sobre todo ós Concellos que non teñen medios. É que non fai falta nin moción, eso sabemos que o temos que facer aínda que o Concello non o poida facer, sobre todo con Concellos deste tipo, como Cerdedo. ¿De onde saco eu a partida esa?. Sr. González Iglesias.- Eu podo dicirlle agora mesmo de onde pode sacala. Vai aprobar un Presuposto esta tarde e pode ser obxecto loxicamente de modificacións. En todo caso, co que acaba de dicir a nós nos chega para retirala hoxe, e a finais do mes de xaneiro, en función de como se desenvolveran os temas, volver a presentala ou non. Sr. Presidente.- Ben, de acordo. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias. Sr. Presidente, ten que ver bastante con esto pero non está relacionado directamente. Nos está comunicando agora que pola vía de urxencia, saltándose o procedemento de contratación, adxudicou as dúas pontes esas. Correcto. Sr. Presidente.- Unha. Sr. Mosquera Lorenzo.- En caso de temporal pode facerse. Pero eu creo que tamén cando se fai algo desto se dá conta ó Pleno. Nos enteramos porque o comentou, se non non nos enteramos. É así unha cousa moi rara. Sr. Presidente.- Bueno, pois acáboo de dicir. Sr. Mosquera Lorenzo.- Si, porque lle cadrou, porque pasaba por aí. Sr. Presidente.- Non hai intención de ocultar absolutamente nada. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non, pero é así o tipo de funcionamento, é o respecto que hai por este Pleno; competencia ningunha e nin tan sequera cando as ten para darlle conta. Nada, nada, era simplemente ese comentario. Sr. Presidente.- Ben, de acordo.Non se vota porque se retira de momento. Retírase por D. Emilio González Iglesias, portavoz do PSOE, Moción presentada ó Pleno por el mesmo, en relación con habilitación de partida para Concellos afectados polos temporais e á vista das explicacións da Presidencia. ------ Folla: 8.4553.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Rogos e preguntas. Sra. Abelairas Rodríguez.- E sobre que a peaxe de Rande será gratis coa axuda da Deputación. Anunciouno onte o Sr. Cuiña dicindo que a Deputación de Pontevedra garantirá a gratuidade da peaxe de Rande, asumindo o custe que supoña, pagándolle ela, subvencionando eso. Sr. Presidente.- ¿Cómo, por favor?. Repita. Sra. Abelairas Rodríguez.- Xa vexo que vostede tampouco o sabe. Léolle, "a peaxe de Rande será gratis coa axuda da Deputación. O Conselleiro de Política Territorial José Cuiña señalou onte que as xestións están avanzadas para que Xunta e Deputación subvencionen a gratuidade". Sr. Presidente.- Xunta e Deputación. Si. Sra. Abelairas Rodríguez.- Xunta e Deputación. A miña pregunta vai por aí. ¿Canto vai poñe-la Deputación?. Sr. Presidente.- Este Presidente dixo publicamente hai máis dun ano que a Deputación Provincial estaría disposta a colaborar economicamente e incluso falei de cifras, quizais esaxeradas. Si efectivamente se fai gratuito a Ponte de Rande e se o dixen no seu momento, o manteño agora. Cando eu o dixen, naqueles momentos, nin a Consellería nin o Estado responderon absolutamente á oferta que fixo a Presidencia da Deputación. E creo que é de todos coñecida, se non ir ás hemerotecas. Eu non cambiei de idea, se hai que apoiar este tema apoiarase. Ten dereito a pensar o que queira. E ademais díxenno non estando vostede aquí, díxenno estando outra Corporación, que a Deputación Provincial de Pontevedra estaba disposta a facelo. O que non teño claro neste momento é como vai se-la participación da Deputación e a participación da Consellería; eso pódolle garantizar que neste momento non o sei. E precisamente por eso, se ve o Presuposto, non aparece ningunha cantidade destinada para este fin. ¿Por que?. Porque non o sei. Pero estamos dispostos o grupo de goberno a apoiar este tema economicamente e no seu momento, si é necesario, farase a modificación presupostaria correspondente. ¿Algunha pregunta? ¿Algún rogo máis?. Pois moitas gracias. Levantamos a sesión e vémonos ás cinco da tarde. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e vintecinco minutos do expresado día, dase por rematada a sesión e dela exténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. ------ Folla: 2.4547.- RATIFICACIÓN DE ACORDO DA COMISIÓN DE GOBERNO DE DATA 21 DE DECEMBRO DE 2000 EN RELACIÓN COA APROBACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA DESENVOLVELO PROGRAMA DE MELLORA GANDEIRA DE GALICIA Sr. Presidente.- Punto dous. Ratificación de acordo da Comisión de Goberno de data 21 de decembro de 2000 en relación coa aprobación do Convenio de colaboración entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para desenvolve-lo Programa de Mellora Gandeira de Galicia. Bueno, creo que o Convenio, como é lóxico, estaba na carpeta correspondente. É coñecido, supóñome, QUE POR PARTE DE TODOS. En todo caso, se alguén quere toma-la palabra ou quere algunha aclaración eu estoulle disposto a facela. ¿Algunha intervención?. Non hai intervencións. Polo tanto vótase. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Resultando que por razóns de urxencia a Comisión de Goberno celebrada o día 21 de decembre de 2000 aprobou o "Convenio de colaboración entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para a mellora gandeira de Galicia", o Pleno acorda por unanimidade facultar á Presidencia para a súa sinatura e acorda ratificalo mencionado acordo, en vista do informe favorable da Comisión Informativa Extraordinaria de Agricultura, Gandería, Montes e Industria. Dito convenio é como segue: CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA DESENVOLVE-LO PROGRAMA DE MELLORA GANDEIRA DE GALICIA En Pontevedra a do dous mil. COMAPRECEN: Por unha banda o Excmo. Sr. D. Castor Gago Álvarez, Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, en adiante Consellería, en representación da mesma, e por outro o Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación provincial de Pontevedra D. Manuel Abeledo López, en representación da mesma. MANIFESTAN: Nas futuras actuacións de Mellora Gandeira en Galicia previstas no marco do vindeiro Programa Operativo inclúen unha serie de proxectos destinados a dar un impulso decisivo á cabana gandeira. Entre estes proxectos figuran a prestación de servicios laboratoriais para a realización de análises de leite e alimentos, e a continuación na mellora xenética en vacún de leite, ambos pilares básicos nos que se asenta unha producción leiteira moderna, co obxecto de consolidar e potencia-los excelentes resultados obtidos ata agoa mediante o PIMX, e a continuación no proceso de conservación e recuperación das razas autóctonas en perigo de extinción. O apoio dende a Consellería de Agricultura se está a facer ó establecemento do servicio de prevención de enfermidades do gando, mellora da alimentación e mellora na realización de tratamentos sanitarios sistemáticos, debe estar respaldado por unha estructura laboral axeitada. Así mesmo a opción para a nosa Comunidade dunha producción de xenética propia, continúa sendo a fórmula mais axeitada para cubri-las nosas necesidades. Tendo en conta o considerable aumento non só no número de animais con rexistro, senón tamén na calidade do mesmo, precísase dispor dun número cada vez maior de touros mellorantes. Así mesmo faise necesario potenciar a vía "femia", a través de doantes de embrións, como forma de multiplicar nas explotacións as vacas de alto valor xenético. Todo en conxunto contribuirá a acelerar enormemente o progreso xenético da poboación. A forma máis rápida e eficiente de obter estes animais altamente mellorantes é incorporando a nosa poboación os xens da poboación elite mundial a través de embrións dos animais máis sobresaíntes, que producirán en Galicia os sementais e as doantes de embrións da seguinte xeración, sendo para iso necesario dispor dun número suficiente de receptoras, nun rabaño sanitariamente aillado. En consecuencia do exposto a Consellería considera necesario establecer un convenio de colaboración coa Excma. Deputación de Pontevedra para levar a cabo un proxecto de traballo en común. ACORDAN: CLÁUSULAS: PRIMERIA.- OBXECTO: A través do presente convenio estableceranse as condicións polas que se rexerá a cooperación entre a Consellería e a Excma. Deputación de Pontevedra para a realización dun programa de mellora gandeira en Galicia. SEGUNDA.- CONTIDO E ÁMBITO DE APLICACIÓN: A finalidade do presente convenio é a colaboración de ámbalas dúas entidades no desenvolvemento do programa Mellora Gandeira de Galicia, nos seguintes aspectos: a) Apoio laboratorial ós programas de control de mamite e control de alimentación, traballando en estreira colaboración con técnicos a pé de campo. b) Conservación e recuperación das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, mantendo un fato constituído por reses pertencentes as razas autóctonas Morenas Galegas. Esta actividade, mantida durante os últimos anos, rematará no presente ano 2000. c) Obter animais de raza vacún Frisona nados a partires de embrións de alta xenética que se implantarán en xovencas virxes co obxecto de obter sementais ou futuras doantes de embrións segundo o producto resultante sexan machos ou femias. Esta actividade terá inicio no vindeiro ano 2001, para manterse durante o restante período de vixencia do presente convenio. Os machos serán destinados o Centro de Escolma de Fontao para a extracción do seme, reparto do mesmo ás ganderías, e posterior valoración xenética dos mesmos, para identificar aqueles que transmitan características desexables. As femias nadas serán futuras doantes de embrións, contribuíndo así como aceleradoras do progreso xenético nas explotacións. Para isto, o proceso empeza coa dispoñibilidade dun rabaño de xovencas sanitariamente aillado, pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra na súa finca de Mouriscade. Mentres dure o proceso, o rabaño estará baixo a responsabilidade da Deputación de Pontevedra e a dirección técnica da Consellería, quen coordinará por medio dos seus equipos técnicos a adopción de medidas que se consideren necesarias no referente á alimentación, manexo zootécnico-sanitario e todo xénero de coidados que precisen as receptoras. O persoal operará baixo relación contractual coa Deputación de Pontevedra, non supoñendo polo tanto, ningunha vinculación laboral coa Consellería. O control dos resultados obtidos corresponderá á comisión de seguimento establecida na cláusula quinta. Os informes que emita dita comisión servirán de base de discusión na Mesa Técnica de Mellora Xenética. TERCEIRA.- OBRIGAS DAS PARTES: I.- A Deputación de Pontevedra comprométese a: a) . Aporta-las instalacións, equipamentos e persoal actualmente existente na finca de Mouriscade. . Poñer a disposición de Fefriga, se fose preciso, nun principio ata cincuenta mil litros de cota de leite para a súa producción na finca de Bos (Guísamo), de acordo coa normativa vixente. . Financialos gastos fixos e de mantemento de fato de reses das razas bovinas Morenas Galegas e posteriormente do fato de xovencas receptoras, aportando o persoal que permita o manexo dos mesmos. . Manter durante o ano 2000 un fato de reses bovinas Morenas Galegas descrito no punto II da cláusula cuarta. . Manter durante o resto do período de vixencia do convenio, e como únicos animais de producción na finca de Mouriscade, un fato aillado de xovencas receptoras de embrións segundo censo descrito no punto III da cláusula cuarta. Este gando estará nas condicións necesarias para asegurar un resultado óptimo das implantacións cumprindo no ano 2001 as seguintes condicións sanitarias: -Proceder de rabaños con cualificación sanitaria. -Proceder de rabaños libres de Rinotraqueite infecciosa bovina (IBR), diarrea vírica bovina, (BVD), leptospirose, clamydiase, paratuberculose e neosporadiase. b) Garantilo status sanitario do rabaño de receptoras e dos descendentes obtidos. c) Facilitar todo tipo de información sobre o proceso que puidese solicitala Consellería. d) Dotar do persoal axeitado e suficiente para o manexo dos animais e os seus productos e o mantemento do seu estado sanitario. e) Sometelas actuacións ás que se refire o convenio ás decisións da Comisión de Seguimento Técnico, que será paritaria. f) Presentar semestralmente á Consellería unha memoria das actividades desenvolvidas nestes rabaños (parte de movementos de gando, censo gandeiro e de existencia, etc.). g) Poñer a disposición da Consellería tódolos machos e femias nados dos embrións importados que se implantasen nas receptoras suxeitas ó convenio. h) Acatalas decisións técnicas sobre manexo das receptoras, implantación de embrións, control sanitario dos animais e calquera outra decisión que para o bo funcionamento do programa consideren necesaria os equipos técnicos da Consellería. i) Dispor dun Servicio Técnico Veterinario capaz de aseguralo normal desenvolvemento do Programa e aplicar cantas directrices sexan indicadas por parte da Consellería a través do Servicio de Producción Animal. En canto os Servicios Laboratoriais a Excma. Deputación de Pontevedra comprométese a: a) Manter en funcionamento o laboratorio para dar servicio ós programas desenvolvidos. b) Cubrilos gastos de funcionamento normal do laboratorio. c) Traballar no illamento e identificación en mostras de leite de xermes causantes de mastite, de acordo cos protocolos de calidade establecidos polo Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Lugo. d) Respecto á información xerada, facilitala á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria co obxecto de avaliala eficacia dos programas realizados, ademais de acudir a coñecela situación dun sector tan sensible nestes intres para planificalas liñas de actuación sobre o mesmo. Ó remate do período de vixencia deste convenio, os técnicos da Deputación realizarán un informe completo sobre a realización das actuacións a que se refire este Convenio. O laboratorio de Mouriscade deberá cooperar estrictamente co Laboratorio de Sanidade e Producción Animal de Lugo, así como co Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Mabegondo, co obxecto de manter un elévao nivel técnico e unha unidade de criterios. II.- A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria comprometese a: a) Financiala adquisición dos equipamentos de laboratorio necesarios para a realización das análises de alimentos para o gando, na contía máxima reflectida na cláusula cuarta, correspondente a compromisos económicos adquiridos pola Consellería. b) Financialos custos de realización e as análises facturadas polo laboratorio e determinados pola Comisión de Seguimento na contía máxima indicada para estes conceptos na cláusula cuarta. c) Proporcionalos embrións e medios técnicos para realizalo proceso. d) Financialos custos de desenvolvemento do programa nas condicións e por un importe máximo segundo se especifica na cláusula cuarta. e) Facilitar á Deputación de Pontevedra embrións procedentes de doadoras nadas na finca, nunha porcentaxe a establecer. III.- Anualmente a Consellería poderá fixar a composición e número de animais dos rabaños, así como as condicións sanitarias do rabaño de receptoras de embrións. CUARTA.- COMPROMISOS ECONÓMICOS ADQUIRIDOS POLA CONSELLERÍA E FINANCIAMENTO: Os compromisos económicos adquiridos pola Consellería establécense nas condicións e polas contías seguintes: I.- PROGRAMA LABORATORIAL .Por completalas necesidades en equipos de laboratorio para o desenvolvemento dos programas: 1.500.000 pesetas. .Por custos de realización das análises: Tipo análises Nº unidades Pts./unidade Financiamento Mamite................... 15.000 400 6.000.000 pts. Penso (vía húmida) 1.000 2.000 2.000.000 pts. Silos ...................... 5.000 800 4.000.000 pts. Total realización de análises ............................................ 12.000.000 pts. Total programa laboratorial ............................................ 13.500.000 pts. II.- PROGRAMA RAZAS AUTÓCTUNAS *Segundo o número de cabezas aloxadas ata: 5.000.000 de pesetas. Obxectivo do censo do rabaño para o ano 2000 será de 50 animais. III.- PROGRAMA RECEPTORAS DE EMBRIÓNS *Segundo o censo alonxado e en función de 316.667 pts. Por res e ano, ata: 9.500.000 pesetas. O obxectivo para os vindeiros anos 2001, 2002 e 2003 en canto ó rabaño de receptores é o de manter un censo de 30 receptoras/ano. O desglose por exercicios presupostarios da cantidade aportada pola Consellería será o seguinte: -EXERCICIO 2000 ...................... 18.500.000 pts. -EXERCICIO 2001 ...................... 23.000.000 pts. -EXERCICIO 2002 ...................... 23.000.000 pts. -EXERCICIO 2003 ...................... 23.000.000 pts. Este convenio financiarase con cargo a partida presupostaria 09.03.613-A760.0. QUINTA.- SEGUIMENTO DO CONVENIO Crease unha Comisión de seguimento do Convenio formada por dous representantes de cada unha das partes co fin de velar polo cumplimiento do establecido no presente Convenio. Previa proposta da Comisión de seguimento, este Convenio poderá incrementar o seu orzamento, en tanto que este incremento non supere o 30% da cantidade inicialmente asignada para o desenvolvemento do mesmo, e a Consellería destine os fondos necesarios para iso. Así mesmo, previa proposta da comisión poderán ser modificados os obxectivos respecto ó número de xovencas que constitúan o rabaño de receptoras para os anos de vixencia do convenio. SEXTA.- CAUSAS DE RESOLUCIÓN As causas de resolución do presente convenio serán: a) O incumprimento total ou parcial das súas cláusulas. b) As modificacións das directrices sen contar coa autorización previa por escrito da Consellería. c) O transcorrelo tempo estipulado sen que se levara a cabo o obxecto do Convenio. SÉTIMA.- VIXENCIA, PRÓRROGA, DENUNCIA E XURISDICCIÓN COMPETENTE DO CONVENIO O presente Convenio terá vixencia dende a sinatura do mesmo ata o 31 de decembro de 2003, e poderá ser prorrogable ó termo deste por un máximo de 3 anos, debendo xustificarse os investimentos antes do 15 de novembro de cada ano en curso. Calquera das dúas partes contratantes poderá denunciar este Convenio debendo, en calquera caso, ser atendidos os compromisos económicos adquiridos ata o momento da denuncia. Serán motivos de denuncia o incumprimento do estipulado no presente Convenio e/ou a imposibilidade do seu desenvolvemento total ou parcial. As cuestións litixiosas que poidan xurdir referidas ás estipulacións deste Convenio resolveranse pola Xurisdicción Contenciosa-Administrativa. Será obrigatoria a revisión do Convenio cando algunha disposición ou norma publicada con posterioridade afecte substancialmente ás bases do mesmo. E para que así conste, maniféstase o consentimento de ámbalas dúas partes convenientes no lugar e data do encabezamento, instrumentándose por quintuplicado, refrendando despois a súa plena conformidade con todas e cada unha das cláusulas aquí verquidas. Santiago de Compostela, de de 2000 O CONSELLEIRO DE O PRESIDENTE DA AGRICULTURA, GANDERÍA E P. DEPUTACIÓN DE AGROALIMENTARIA, PONTEVEDRA, Asdo.: Castor Gago Álvarez Asdo.: Manuel Abeledo López ------ Folla: 3.4548.- APROBACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA A MELLORA DA SEGURIDADE VIAL NA REDE PROVINCIAL DE ESTRADAS A SUBSCRIBIR ENTRE A DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA Sr. Presidente.- Terceiro punto da orde do día. Aprobación do Convenio de colaboración para a mellora da seguridade vial na Rede Provincial de Estradas entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra. Como todos vostedes coñecen fai tres anos houbo unha proposta semellante por parte da Xefatura Provincial de Tráfico no senso de asinar un convenio pro cento cincuenta millóns de pesetas cada Institución durante tres anos para a sinalización das estradas provinciais. Debido a problemas da Avogacía do Estado en Madrid, ese convenio non chegou a bo fin, a pesar de que o trouxéramos aquí para aprobación polo Pleno. Neste momento, á última hora, nos presenta a Xefatura Provincial de Tráfico esta posibilidade. Non rexeita que se poida inverter en sinales, pero fundamentalmente, se viro o convenio, incide en supresión fundamentalmente de curvas perigosas, de puntos negros, nas estradas provinciais. Ben, entendemos que á parte de que é a nosa obriga como Deputación atendelas vías provinciais, cento cincuenta millóns que nos poida aportar o Ministerio do Interior a través da Xefatura de Tráfico é de agradecer e polo tanto é de aproveitar. E nese sentido tráese un novo Convenio para que se aprobe e o Presidente da Deputación Provincial poida asinalo. ¿Algunha intervención?. Non hai intervencións. Polo tanto procedemos a votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Dáse conta do Convenio de colaboración para a mellora da seguridade vial na Rede Provincial de Estradas a subscribir entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, que ten por obxecto a adopción de medidas eficaces e plans integrados para aqueles tramos e zonas de estradas, nas que ai un alto índice de accidentes de tráfico, mediante uns programas anuais (anos 2001 a 2003) de actuación conxunta, que supón un importe total anual de 100.000.000 de pts., das que a Dirección Xeral de Tráfico aportará 50.000.000 e a Deputación outros 50.000.000 de pts./cada ano. A vixencia do Convenio será de 3 anos e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001. Polo que respecta as cláusulas 3 e 4, deberá recoller ademais o seguinte: que os proxectos serán redactados conxuntamente por ámbolos dous Organismos, determinándose de común acordo a súa contratación. E polo que respecta á cláusula 12, detéctase a existencia dun erro ó facerse referencia á normativa anterior, sendo a lexislación aplicable o Real Decreto lexislativo 2/2000, de 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda, acorda por unanimidade prestar aprobación a dito Convenio, coas salvidades que hai que corrixir no mesmo e que anteriormente se fan constar. Así mesmo acórdase facultar ó Ilmo. Sr. Presidente desta Deputación para a sinatura de dito Convenio en nome desta Deputación e de todas aquelas actuacións durante a súa execución. Dito Convenio, que comprende 13 cláusulas, di o seguinte: CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA En , a de de dous mil. REUNIDOS Dunha parte o Ilmo. Sr. D. Carlos Muñóz-Repiso Izaguirre, Director Xeral do organismo autónomo Xefatura Central de Tráfico, do Ministerio do Interior. E DOUTRA, O Ilmo. Sr. D. Manuel Abeledo López, Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra. EXPOÑEN Que a reducción dos accidentes de circulación constitúe un obxectivo básico das administracións implicadas en ela, o que esixe a adopción de medidas eficaces e plans integrados que aborden a raíz do problema. Que a estatística demostra que máis do 50% dos accidentes de circulación, se veñen producindo nas estradas convencionais que integran a rede secundaria. Que é unha preocupación para ámbalas dúas partes o incremento dos accidentes de tráfico detectados en certos tramos e zonas das estradas dependentes da Deputación provincial. Que é necesario aunar esforzos tendentes ó estudio das causas orixe destes accidentes, e a corrección dos posibles defectos que en dita rede de estradas puideran detectarse, referidos tanto ó trazado das vías, como ós elementos que poidan coadxuvar á evitación daqueles ou a minimizalas súas consecuencias. Por todo iso, os reunidos subscriben o presente Convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Deputación Provincial de Pontevedra, ó amparo do establecido no art. 3.1.c) da Lei de Contratos das Administracións Públicas, con suxeición as seguintes: CLAUSULAS 1.- O ámbito de aplicación do Convenio vén determinado polo conxunto de estradas que corresponde a súa titularidade á Deputación Provincial de Pontevedra. Para a elección dos tramos de estrada nos que se actúa teranse en conta os seguintes aspectos: a) Concentración de accidentes b) Anchura de calzada inferior a 7 m. c) Carencia de arcéns d) Trazado con curvas de baixo radio e) Intensidade media diaria 2.- Con independencia da actuación ordinaria en materia de estradas que corresponde á Deputación Provincial de Pontevedra o obxecto do presente Convenio e a realización e financiamento das obras e instalacións necesarias para a mellora daqueles aspectos da rede viaria que mais directamente poden influír en que se produzan os accidentes de circulación. 3.- Para conseguir este obxectivo, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Dirección Xeral de Tráfico, como órgano de dirección inmediata, ordenación e coordenación das funcións asignadas ó Ministerio do Interior nesta materia, recollen en Anexo, polo que se efectuarán por ámbalas dúas partes as reservas presupostarias oportunas por un importe total de cen millóns de pesetas anuais (100.000.000) de acordo co seguinte cadro: Ano 2001 Ano 2002 Ano 2003 Dirección Xeral de Tráfico 50.000.000 50.000.000 50.000.000 Deputación provincial de Pontevedra 50.000.000 50.000.000 50.000.000 A aplicación presupostaria á que a Dirección Xeral de Tráfico imputará o gasto nos exercicios futuros reseñados será a 16.101.222B.601. 4.- Dentro de cada programa anual redactaranse os correspondentes proxectos, que unha vez aprobados conxuntamente, contrataranse directamente pola Dirección Xeral de Tráfico e pola Deputación Provincial de Pontevedra, de acordo coa distribución establecida no citado Anexo. 5.- Unha vez executadas e recibidas as obras tendentes a diminuíla accidentalidade, a Dirección Xeral de Tráfico entregará as mesmas á Deputación Provincial, momento a partir do cal a conservación e mantemento das mesmas nas debidas condicións de seguridade e uso pasará a ser da exclusiva responsabilidade da Deputación Provincial que dende ese momento atenderá esa obriga con cargo o seu presuposto. 6.- Crearase unha Comisión para o seguimento e control integrada por dous representantes da Dirección Xeral de Tráfico e dous representantes da Deputación Provincial. As funcións de dita Comisión serán o seguimento das obras así como o resolver calquera problema que poida xurdir da interpretación do presente Convenio. Esta Comisión quedará constituída no prazo máximo de dous meses contados dende o día seguinte á sinatura do mencionado Convenio. De igual forma esta Comisión encargarase da aprobación dos proxectos que redacte cada un dos Organismos asinantes do Convenio. 7.- Con independencia da inspección técnica que a Deputación Provincial de Pontevedra estableza para vixialo perfecto estado de conservación das instalacións, a Dirección Xeral de Tráfico poderá comprobalo periodicamente. 8.- A Deputación Provincial responderá dos danos e prexuízos que poidan derivarse do funcionamento normal ou anormal dos servicios a partir do momento en que as instalacións aportadas pola Dirección Xeral de Tráfico sexan postas á súa disposición e recibidas pola mesma. 9.- A Dirección Xeral de Tráfico, ante o incumprimento total ou parcial por parte da Deputación Provincial das cláusulas contidas no presente Convenio de Colaboración, poderá no caso requirila por escrito para que subsane as deficiencias observadas. No caso de que o requirimento non sexa atendido, a Dirección Xeral de Tráfico procederá a desmontaxe e recuperación dos elementos que integran a actuación, quedando extinguida a vixencia do Convenio. 10.- O presente Convenio desenvolverase en cantos anexos se estimen precisos para o correcto funcionamento do servicio e a boa marcha das relacións entre ámbalas dúas Administracións. 11.- Todo o previsto neste Convenio ou nos seus anexos, e que non estea regulado expresamente por unha disposición legal, resolverase de común acordo entre as partes. No caso de urxencia, a Deputación provincial tomará medidas de caracter provisorio, dando conta inmediata a Dirección Xeral de Tráfico para acordar, conxuntamente, a resolución definitiva. 12.- O presente Convenio de colaboración non supón renuncia ás competencias de cada administración intervinte, ruxíndose polas súas normas especiais e aplicándose os principios do Texto Refundido da Lei de Contratos das Administración Públicas (RD Lexislativo 2/2000 de 16 de xuño) para resolvelas dúbidas e lagoas que puideran plantexarse. Todo iso sen prexuízo da facultade de resolvelos problemas de interpretación e cumprimento do presente Convenio por parte da Comisión de Seguimento e Control a que se refire a cláusula 6. Ámbalas dúas partes quedan sometidas á competencia da xurisdicción contencioso-administrativa e, no seu caso, a do Tribunal Constitucional. 13.- A vixencia deste Convenio será de 3 anos e entrará en vigor o 1 de xaneiro do ano 2001, salvo denuncia ou modificación de calquera das súas partes, cun preaviso, nestes casos, de dous meses. A partir da sinatura do presente Convenio iniciarase a redacción dos proxectos e a tramitación administrativa que proceda. Así o acorda e asina por triplicado exemplar no lugar e data o principio indicados. O DIRECTOR XERAL DE O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN TRÁFICO, DE PONTEVEDRA, ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición