ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.360
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.762

Acta de sesión 2001/03/30_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.362/3.2001-03-30_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2001/03/30_Ordinaria

  • Data(s) 2001-03-30 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 30 de marzo de 2001 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día trinta de marzo do ano dous mil un, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Xosé Antonio Araujo Quintas, D. Manuel Ramón Conde Romero, D. Xosé Crespo Iglesias, D. José Fernández Rodríguez, D. Alberto García García, D. Emilio González Iglesias, D. Arturo Grandal Vaqueiro, D. Angel Gregores Méndez, D. Emilio Iglesias Álvarez, D. Rafael Louzán Abal, D. Telmo Martín González, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Xesús Otero Varela, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, D. Juan Luis Pedrosa Fernández, D. César Augusto Pérez Ares, D. David Raposeiras Correa, D. Juan Reboreda Enríquez, D. Rodrigo Santiago Novas, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Henrique Viéitez Alonso e D. Manuel Ramón Vilar Márquez, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asiste o Sr. Deputado D. Horacio Gómez Araujo. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Bos días. Vamos a comeza-lo Pleno ordinario correspondente ó mes de marzo. 1.4596.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto da orde do día. Aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do 23 de febreiro deste ano. ¿Hai algunha alegación á acta?. Non hai ningunha. Apróbase por unanimidade. Apróbase por unanimidade o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 23 de febreiro do ano 2001. ------ Folla: 2.4597.- RENUNCIA Ó CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL PRESENTADA POR D. HORACIO GÓMEZ ARAUJO Sr. Presidente.- Punto dous. Renuncia ó cargo de Deputado Provincial presentada por D. Horacio Gómez Araujo. Ben, se non hai nada en contra acordamos por unanimidade acepta-la renuncia do Sr. Deputado D. Horacio Gómez Araujo como Deputado e Vicepresidente desta Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, agradecéndolle os servicios prestados, remitindo a certificación acreditativa do presente acordo á Xunta Electoral Central coa indicación que, a xuízo da Corporación Provincial e á vista da acta da Xunta Electoral do distrito de Vigo e da lexislación ó respecto, corresponde cubri-la vacante a D. Xosé Villar Pereira. Sr. González. Sr. González Iglesias.- A segunda parte non é unha cuestión que teña que acorda-la Corporación e nós aí non entramos, é unha decisión da Xunta Electoral de mirar a quen lle corresponde e punto, é dicir, a primeira si pero a segunda non, non ten nada que ver coa Corporación. Sr. Secretario.- No es así, perdón, puedo aclararlo. Hay una Instrucción de la Junta Electoral Central de 19 de julio del año 91, que la tengo aquí presente, que en uno de sus apartados dice que cuando se presente escrito de renuncia o se produzca el fallecimiento u otro supuesto de pérdida del cargo de Diputado Provincial, Concejal, etc., el Pleno de la entidad local de que forme parte tomará conocimiento de la misma aceptando la renuncia y remitiendo certificación del acuerdo adoptado a la Junta Electoral de Zona durante el período de mandato de la misma en orden a las elecciones locales o a la Junta Electoral Central una vez concluído este mandato, indicando el nombre de la persona que a juicio de la Corporación corresponde cubrir la vacante. Sr. Presidente.- Gracias. Sr. González Iglesias.- Independentemente do que se diga, nós nese tema non entramos para nada en absoluto, é dicir, imaxinemos que a Corporación di que en vez deste señor é outro. Entendemos que non debemos entrar, o grupo socialista non entra nese tema para nada. Sr. Presidente.- Gracias Sr. González. Sr. Secretario. Sr. Secretario.- La propuesta de acuerdo hay que votarla y la opinión de la Corporación hay que remitirla a la Junta Electoral y adoptar el acuerdo, lo dice bien claro, hay que mandarlo a la Junta Electoral, luego debe ser votado el acuerdo. Sr. Mosquera Lorenzo.- Ben, eu non sei o que di ese texto que acaba de ler, pero dende logo xa é unha discusión que ten habido outras veces. E por reducción ó absurdo é evidente que non ten sentido, é dicir, supoñamos que porque o seguinte non lle gusta ó grupo político maioritario ou a Corporación está moi dividida ou o Presidente non o quere meter na orde do día e resulta que alguén se queda sen o dereito de tomar posesión, quen sexa, ou o grupo que corresponda, a persoa ou o grupo dese Deputado. Eu creo que a única interpretación que se pode tomar é a literal, toma coñecemento e a proposta é automática, polo tanto tomamos coñecemento e a proposta é automática. Porque doutra maneira me parece que non ten ningún sentido, creo que é absolutamente irracional, digamos agora que a vostedes non lles gusta o seguinte, que non sei se lle gusta ou non, en contra, non se envía e non hai nada, e se queda sen un Deputado. Non creo que teñamos como Corporación actualmente constituída a capacidade de decidir se o seguinte da lista entra ou non entra. É toma de coñecemento e remisión da documentación tal e como está arreglado, a min me parece que non hai outra. Sr. Presidente.- Dice el Secretario que no es designar a nadie para ser Deputado, senón indicar, que foi a palabra que utilizamos, indicar tal como di a Instrucción a persoa que debe substituir aquí á Xunta Electoral Central. Nada máis. Vale. ¿Hai que votar o acordo?. Sr. Secretario.- Si. Sr. Presidente.- ¿Votos en contra deste acordo?. ¿Abstencións?. O Grupo Socialista e o BNG. ¿A favor?. O Grupo Popular. Resultando que por D. Horacio Gómez Araujo, Deputado Provincial polo Partido Popular, elixido en representación do Partido Xudicial de Vigo nas eleccións celebradas o ano 1999, preséntase renuncia ó cargo de Deputado Provincial con data 26 de febreiro de 2001 por razóns de tipo persoal e profesional. Considerando que a Xunta Electoral de Zona de Vigo proclamou no seu momento Deputados Provinciais suplentes polo Partido Xudicial de Vigo e en representación do Partido Popular a D. Angel Gregores Méndez, Dona Mª del Carmen Bianchi Valcarce e D. José Villar Pereira, respectivamente, e pola orde indicada. Considerando que D. Angel Gregores Méndez xa ostenta a condición de Deputado Provincial ó substituir a D. Juan Manuel Corral Pérez, e que Dona Mª del Carmen Bianchi Valcarce cesou no cargo de Concelleira do Excmo. Concello de Vigo. Vistos os artigos 9.4 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, 73 da Lei 7/85, reguladora das Bases de Réxime Local, e 208 da Lei Electoral Xeral de 19 de xuño de 1985, así como a Instrucción da Xunta Electoral Central de 19 de xullo de 1991. Acórdase por maioría, co voto a favor do PP e coas abstencións do PSOE e do BNG, acepta-la renuncia ó cargo de Deputado Provincial presentada por D. Horacio Gómez Araujo, agradecéndolle a colaboración prestada, remitindo certificación acreditativa do presente acordo á Xunta Electoral Central, coa indicación de que a xuízo da Corporación Provincial e á vista da acta da Xunta Electoral de Zona de Vigo, de data 8 de xullo de 1999, e do exposto anteriormente, corresponde cubri-la vacante a D. José Villar Pereira. ------ Folla: 3.4598.- BASES REGULADORAS DE AXUDAS PARA DOTACIÓN DE XOGOS INFANTÍS EN PARQUES E XARDÍNS Sr. Presidente.- Punto tres. Bases reguladoras de axudas para dotación de xogos infantís en parques e xardíns. Sr. González. Sr. González Iglesias.- A cantidade que se dedica a este tema son cincuenta e dous millóns de pesetas. A nós nos parece que é unha cantidade ridícula en tanto en canto nun ano teñen que estar todos os parques desta provincia adaptados á nova normativa, á normativa europea, e entón tendo en conta que os concellos da provincia son máis que os millóns de pesetas que se dedican, nos parece que é unha cantidade absolutamente ridícula e en todo caso si xa hai unha cousa na que nós non estamos de acordo e é que aí se deixa a porta aberta á instalación de novos parques. Nos parece que o prioritario nestes momentos é adapta-los parques infantís actuales, e polo tanto debería dedicarse estes cartos, que xa digo nos parecen poucos, única e exclusivamente á reforma dos actuales parques. Se houbera máis cantidade, entón nos parecería ben que se puidera facer parques novos, pero tratándose dunha cantidade tan limitada nos parece que o prioritario é reforma-los actuales. Polo tanto se se mantén tal e como está nós votamos en contra. Sr. Presidente.- De acordo. Gracias. Si. Sr. Viéitez. Sr. Viéitez Alonso.- Bos días e gracias. Ben, en primeiro lugar pode ser unha iniciativa loable entre outras cousas porque pode ser para aguilloar a necesidade de actualizar e adapta-los xogos infantís á normativa, que como ben se dixo temos un ano de prazo. Se ben é certo que é unha cantidade pequena, nós poderíamos estar de acordo sempre e cando se modificaran dúas cuestións. Unha, que acaba de apunta-lo Partido Socialista, en canto a que fosen adicados única e exclusivamente a adapta-los que hai á normativa e non a novos parques. Eso en todo caso xa será un esforzo que terá que face-la Corporación Municipal correspondente. E outra, que non estamos de acordo e pedimos que se retiren o segundo parágrafo da base sexta onde fala de que queda un 20% a disposición do Presidente. Estamos falando dunha cantidade pequena, son cincuenta millóns para necesidades que hai por un lado, por outro non hai unha necesidade perentoria inmediata de que teña que ser xa de hoxe para mañá ou de hoxe para onte e non ten ningunha xustificación meter este apartado. Entón, nós o que pediríamos era que se retirara, insistimos, porque deben de ser unhas bases obxectivas ou obxectivables, creemos que basicamente son obxectivables e obxectivas, pero este apartado non ten ningún argumento de ningún tipo mantelo aquí. No caso de que se manteñan estes dous temas que dicimos votaríamos en contra, se non votaríamos a favor. Sr. Presidente.- Gracias. En primeiro lugar, Sr. González, efectivamente son poucos cartos, todos desexaríamos que foran moitos máis, pero é empezar e sobre todo mentalizar tamén ós responsables dos concellos de que é necesario adapta-los parques infantís á nova directiva da Unión Europea. Eso en primeiro lugar. Eu recoñezo que son poucos cartos, cantos máis cartos tivéramos para este tema pois moito mellor. En segundo lugar, non cabe dúbida que lle daremos preferencia á renovación dos parques, máis que a dotación de parques novos, eso é evidente tamén; non consta, pero vai ser un criterio que vamos a seguir fundamentalmente renovar os parques xa existentes máis que crear outros novos, entre outras cousas porque hai axudas tamén para áreas recreativas aínda que tamén moi pouco diñeiro e que polo tanto por aí pódese axudar dalgunha maneira ós novos parques. Eso en primeiro lugar. En segundo lugar, contestándolle ó Sr. Viéitez, está contestada a primeira parte e a segunda parte non a vamos a cambiar, eso está claro, porque en tódolos casos, e a experiencia así mo vén dicindo, hai que ser cautos e ter sempre en tódolas partidas algún diñeiro dispoñible para certos casos que poden xurdir. Se non fora así, no plan de estradas, por exemplo, este ano debido ós temporais a Deputación atoparíase sen ningunha peseta sequera para facer frente e polo tanto esto é algo que pensamos o grupo de goberno e se vai manter en tódalas bases tal e como estamos facendo. Sr. Viéitez Alonso.- Se vostede me utiliza un comparativo coas estradas provinciais ó mellor hasta podemos coincidir, depende o caso que sexa pero ata podemos coincidir por que aí eu creo que é unha razón tremendamente obxectiva, polo menos pola nosa parte non podería ter discusión. Agora, estamos falando en primeiro lugar dunha cantidade pequena. Estamos falando da cantidade de concellos que ten esta provincia, estamos falando se se reparte, se se fixera un reparto aproximadamente lineal de un millón de pesetas por concello. E estamos falando de algo sinceiramente que non é, aínda que se desfaga un xogo infantil neste caso, non pasa nada. Eu creo que o máis importante é que aprobemos esto, que se publique canto antes e que se resolva dunha sóa vez. Non ten xustificación de ningún tipo para esto, para outros eventos pode ser, pero neste caso en concreto non se xustifica esa cláusula. Por eso pedimos que se retire. Nada máis. Sr. Presidente.- Ben. Gracias. Sería repeti-lo mesmo e polo tanto non o vou a repetir. Sr. González. Sr. González Iglesias.- Vamos a ver, Sr. Presidente, si nas bases figura que os cartos se adicarán a reforma, adaptación á nova normativa dos parques actuais, nós votamos a favor. Sr. Presidente.- En principio van a ter preferencia. Procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Grupo Popular. Apróbase. En contra os demais grupos. De conformidade co dictame da Comisión Informativa de Medio Ambiente e Urbanismo, o Pleno acorda por maioría, cos votos a favor do PP e cos votos en contra do PSOE e do BNG, aproba-las bases reguladoras de axudas para dotación de xogos infantís e parques e xardíns, que se transcriben a continuación: BASES REGULADORAS DE AXUDAS PARA INSTALACIÓN E ADAPTACIÓN DE XOGOS INFANTÍS EN PARQUES E XARDÍNS 1.- Principios xerais.- A Deputación de Pontevedra, consciente da importancia da instalación de novas zonas de xogos infantís e da adecuación á normativa das xa existentes nos Concellos da provincia, establece as axudas que se rexirán polas presentes bases. 2.- Obxecto.- Constitue o obxecto das presentes bases defini-lo conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión das subvencións que outorga a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, de acordo coas consignacións dispoñibles para tal fin na partida presupostaria 711.432.762.80, para dotación de xogos infantís ós Concellos, cun crédito inicial de CINCUENTA MILLÓNS DE PESETAS (50.000.000). 3.- Actuacións susceptibles de axuda e contía da subvención.- 3.1.- Serán obxecto de axuda as inversións realizadas para a creación de novas zonas de xogos infantís e para a substitución dos xa instalados que non cumpren a normativa. 3.2.- As axudas económicas poderán acada-lo 50% da inversión realizada. O Ilmo. Sr. Presidente ou órgano competente desta Deputación Provincial queda facultado para a concesión destas axudas, previo informe da Comisión Informativa de Urbanismo, Vivenda e Medio Ambiente, salvo en casos de urxencia nos que se poderán conceder dando conta despois á Comisión. 4.- Beneficiarios.- Poderá solicita-la axuda calquera municipio da provincia. 5.- Formalización de solicitudes.- As solicitudes dirixiranse ó Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial e adxuntarase a seguinte documentación: a) Instancia asinada polo Sr. Alcalde do Concello solicitante. b) Memoria descriptiva e especificacións técnicas dos equipamentos dos que se prevea a adquisición. c) Presuposto desglosado. d) Certificado do acordo polo cal a Corporación se acolle á subvención e se compromete a realiza-la actuación. e) Certificación oficial na que conste se se solicitaron ou se obtiveron axudas para estas actuacións doutras administracións públicas, e a súa contía en relación co presuposto total da actuación. 6.- Prazo de presentación de solicitudes.- As axudas suxeitas á presente convocatoria poderanse solicitar dende o momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia durante 30 días naturais no Rexistro Xeral da Deputación Provincial. Co fin de atender imprevistos ou accións que non admitan demora, a Presidencia poderá dispor de ata un 20% do crédito destinado a estas axudas fóra do prazo anteriormente citado. 7.- Xustificación e pagamento das subvencións.- 7.1.- Para recibi-las subvencións concedidas é necesario presentar directamente na Deputación Provincial os seguintes documentos: a) Escrito, asinado polo Alcalde, dirixido ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra solicitando que se efectue o pagamento da subvención, indicando a contía e o concepto subvencionado, así como o número de conta corrente ó que teña que efectua-la transferencia. b) Facturas orixinais, fotocopia compulsada das mesmas, ou certificación da obra realizada. c) Certificado acreditativo, expedido polo Secretario, de que as facturas ou certificacións que se presentan como xustificante foron aprobadas polo órgano de decisión correspondente. 7.2.- A documentación xustificativa á que se fai referencia no punto anterior presentarase, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2002. 8.- O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos nestas bases e demais normativa aplicable poderá dar lugar á esixencia de responsabilidades e á devolución, no seu caso, das cantidades percibidas. As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación. ------ Folla: 4.4599.- BASES REGULADORAS DE AXUDAS A PRAIAS FLUVIAIS E ESPACIOS NATURAIS Sr. Presidente.- Punto número cuatro . Bases reguladoras de axudas a praias fluvias e espacios naturais. ¿Algunha intervención?. Sr. Viéitez. Sr. Viéitez Alonso.- Pois exactamente os mesmos argumentos que no anterior punto, é dicir, estamos falando dunha cantidade moi pequena. Vostedes poderán recurrir ás incremencias do tempo e ó temporal que temos sofrido ó longo destes seis meses, que é certo, ese é un argumento que está aí, pero estamos falando dunhas cantidades sinceiramente insignificantes, polo tanto o máis importante é que se publique e que se resolva esto, que no prazo de dous ou tres meses estaría adxudicado e non vamos a solventar ningunha catástrofe a maiores. Nada máis. Sr. Presidente.- Moi ben. Gracias. ¿Algunha intervención máis?. Procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿Votos a favor?. Apróbase polo PP, a abstención do PSOE e en contra o BNG. De conformidade co dictame da Comisión Informativa de Medio Ambiente e Urbanismo, o Pleno acorda por maioría de votos a favor do PP, co voto en contra do BNG e coa abstención do PSOE, aproba-las bases reguladoras de axudas a praias fluviais e espacios naturais, que se transcriben a continuación: BASES REGULADORAS DE AXUDAS A PRAIAS FLUVIAIS E ESPACIOS NATURAIS A Excma. Deputación, consciente da importancia das praias fluviais ubicadas en diferentes ríos da provincia, como lugar lúdico e como infraestructuras necesarias para o turismo de interior; así como dos espacios naturais existentes, que promoven igualmente o turismo rural e as actividades asociadas ó mesmo; establece axudas económicas para mellorar tales espacios que se rexerán polas seguintes bases. PRIMEIRA.- Outorgaranse axudas económicas partindo dun crédito inicial de CINCUENTA MILLÓNS DE PESETAS (50.000.000) para o presente exercicio, con cargo á partida 711.442.762.86 denominada Ríos e Espacios Naturais. SEGUNDA.- As axudas destinaranse ás obras e equipamentos necesarios para as praias fluviais, os seus entornos e para os espacios naturais existentes na provincia. TERCEIRA.- As axudas económicas poderán acadar ata o 75% da inversión realizada, ata un máximo de CINCO MILLÓNS DE PESETAS (5.000.000) por proxecto. CUARTA.- Poderá solicita-la axuda calquera Concello que dispoña de praia fluvial e necesite mellora-los seus equipamentos, reposición de area, paliar danos ocasionados polas crecidas dos ríos e demais melloras no entorno das mesmas. Tamén poderán solicitar estas axudas os Concellos que dispoñan de espacios naturais e desexen realizar melloras nos mesmos: recuperación de sendeiros, mellora en marxes de ríos, etc. QUINTA.- As solicitudes asinadas polo Alcalde do Concello dirixiranse ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, adxuntando a seguinte documentación: a) Memoria explicativa das accións a desenvolver e presuposto detallado das mesmas. No caso de ser posible, plano da situación e das obras a realizar. b) Certificación do acordo polo cal a Corporación se acolle á subvención e se compromete a realiza-las actuacións. c) Certificación oficial na que conste se se obtiveron ou solicitaron axudas para estas actuacións a outras administracións públicas e a súa contía en relación co presuposto total da actuación. O Servicio Agrario da Deputación Provincial poderá solicita-las aclaracións ou ampliacións da información, así como propoñer que se condicione a concesión da subvención a acepta-las modificacións que se establezan sobre a actuación proposta. SEXTA.- As axudas suxeitas á presente convocatoria poderanse solicitar dende o momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, durante 30 días naturais no Rexistro Xeral da Deputación Provincial. Co fin de atender imprevistos ou accións que non admitan demora, a Presidencia poderá dispoñer de ata un 20% do crédito destinado a estas axudas fóra do prazo anteriormente citado. SÉTIMA.- Para recibi-las subvencións concedidas é necesario presentar directamente na Deputación Provincial, os seguintes documentos: a) Escrito, asinado polo Alcalde, dirixido ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra, solicitando que se efectue o pagamento da subvención, indicando a contía e o concepto subvencionado, así como o número de conta corrente ó que teña que efectua-la transferencia. b) Facturas orixinais, fotocopia compulsada das mesmas, ou certificación da obra realizada. c) Certificado acreditativo, expedido polo Secretario, de que as facturas ou certificacións que se presentan como xustificante foron aprobadas polo órgano de decisión correspondente. Os Concellos beneficiarios deberán facer consta-la colaboración da Deputación Provincial en tódalas adquisicións ou actuacións que realicen. OITAVA.- A documentación acreditativa a que fai referencia a base anterior presentarase, en todo caso, antes do 31 de marzo de 2002. NOVENA.- O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos nestas bases e demais normativa aplicable poderá dar lugar á esixencia de responsabilidades e á devolución, no seu caso, das cantidades percibidas. As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación. ------ Folla: 5.4600.- CONVENIO DE COLABORACIÓN A FORMALIZAR ENTRE A CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA EN MATERIA DE FORMACIÓN PARA A ESPECIALIZACIÓN DE TÉCNICOS DE ACUICULTURA Sr. Presidente.- Punto quinto. Convenio de colaboración a formalizar entre a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra en materia de formación para a especialización de técnicos de acuicultura. Bueno, eu non vou a repetir o que viron xa no expediente, aí está o borrador do convenio, aí están as razóns polas cales vamos a firmar este convenio coa Consellería de Pesca, e polo tanto teñen creo que a información suficiente. Hai algunha intervención?. Non hai intervencións. Procedemos á súa votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Unanimidade. Vistos o dictame da Comisión Informativa de Pesca e Cultivos Mariños, o informe da Técnica do Servicio Agrario e o económico da Intervención, o Pleno acorda por unanimidade aproba-lo Convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, por un importe de DOUS MILLÓNS CEN MIL PESETAS (2.100.000), e que consistirá en dotar economicamente sete bolsas para a especialización de técnicos en diferentes sectores da acuicultura durante tres meses, tendo cada bolsa unha dotación económica de TRESCENTAS MIL PESETAS (300.000), con cargo á partida 01/711.711.479.01, facultando ó Ilmo. Sr. Presidente para a sinatura deste Convenio. CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA (DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA E INVESTIGACIÓN) REUNIDOS Dunha parte, o Sr. Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, Excmo. Sr. D. Amancio Landín Jaraiz, investido das facultades conferidas polo artigo 34.10 da Lei 1/1983 do 22 de febreiro, da Xunta e o seu Presidente, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia (DOG 21-03-83). E doutra, o Sr. Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Ilmo. Sr. D. Manuel Abeledo López, de acordo coas competencias que lle outorga o artigo 34.1b da Lei 7/85 do 2 de abril, de Bases de Réxime Local. INTERVEÑEN Ámbalas partes, no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, recoñecéndose reciprocamente capacidade e obrigándose segundo os termos deste documento. MANIFESTAN Que, conscientes da importancia económica e social que para Galicia en xeral e para a provincia de Pontevedra en particular ten o desenvolvemento da acuicultura e a formación de técnicos nesta materia, foi creado o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, situado na Illa de Arousa. Que, dentro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación é a encargada de coordinar estes centros. Que o investimento realizado pola Consellería de Pesca durante o ano 2000, no centro mencionado, foi de CENTO CINCUENTA MILLÓNS DE PESETAS (150.000.000), repartidos en gastos de funcionamento, axudas para estudios, bolsas de formación en centros de traballo, equipamentos e melloras nas instalacións. Que a Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do disposto no artigo 36, 1d, da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, é competente en materia de fomento e administración dos intereses peculiares da provincia. En consecuencia, e coa finalidade de cooperar nas accións de formación, dependentes da mencionada Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, mellorando os programas existentes para a provincia de Pontevedra, as dúas partes subscriben o presente convenio segundo as seguintes CLÁUSULAS PRIMEIRA.- O presente convenio específico, consecuencia do Convenio Marco subscrito entre ámbalas dúas institucións, establécese para regula-la cooperación entre a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e a Deputación Provincial de Pontevedra para mellora-la calidade da formación profesional no campo da acuicultura. En calquera caso, a aportación da Deputación será sen menoscabo da contribución económica e técnica que lle corresponda á Consellería como consecuencia da execución dos Programas dependentes da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación. SEGUNDA.- A Deputación comprométese a dotar economicamente sete (7) bolsas para a especialización de técnicos en diferentes sectores da acuicultura. As ditas bolsas terán unha duración de tres (3) meses e consistirán na estancia dos beneficiarios en diferentes empresas con sede nalgún dos estados da Unión Europea e que estean especializados nos distintos ámbitos da acuicultura. No caso da Deputación de Pontevedra, a execución de ditas accións someterase previamente ó informe da Comisión Informativa, e posteriormente ó Pleno, que é o órgano competente que o aproba. TERCEIRA.- A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola súa parte, comprométese a elabora-lo proxecto formativo que desenvolverán os alumnos participantes, supervisalo e face-lo seguimento de cada unha das fases que o compoñen e máis elaborar unha memoria final que lle remitirán á Deputación Provincial de Pontevedra. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación someterá tamén ó órgano competente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a súa aprobación para executa-las mencionadas accións. CUARTA.- Cada bolsa terá unha dotación económica de TRESCENTAS MIL PESETAS (300.000), que lles serán ingresadas ós alumnos seleccionados, con cargo á partida presupostaria 01/711.711.479.01 do vixente presuposto provincial, facéndose cargo o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da selección dos mesmos. Unha vez seleccionados os alumnos, deberán remitirlle á Deputación Provincial de Pontevedra un escrito onde se faga consta-lo destino da viaxe, así como os seus fins, e unha declaración de que non teñen recibido outras axudas para este mesmo fin, e comprometéndose á remitir unha memoria final unha vez rematada a viaxe. Coa finalidade de facilita-las tarefas de seguimento, control e coordinación que permitan cumpri-los obxectivos do presente convenio, noméase unha comisión mixta integrada polo director do Centro, o xefe de estudios, un representante do Consello Escolar e dous membros nomeados pola Deputación Provincial de Pontevedra, que velará pola marcha e execución do convenio e á que lle competirá a resolución das controversias que poidan xurdir no seu desenvolvemento e execución. QUINTA.- O presente convenio manterá a súa vixencia durante o presente exercicio económico, iniciándose esta no momento da súa sinatura e prolongándose ata o 31 de decembro do presente ano, podendo prorrogarse en exercicios sucesivos se existe o acordo das dúas partes. Se, rematado o período de cooperación, as accións obxecto deste convenio non estivesen rematadas, o referido período de cooperación poderá ser prorrogado mediante unha acta complementaria, asinada por ámbalas dúas partes. SEXTA.- O incumprimento destas normas por unha das partes facultará á outra para rescindi-lo convenio, quedando automaticamente anulados tódolos dereitos correspondentes sobre o obxecto do mesmo. Como proba de conformidade e para debida constancia do convido, as dúas partes outorgantes subscriben este documento. O CONSELLEIRO DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA, Asdo. Amancio Landín Jaraiz O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, Asdo. Manuel Abeledo López Sr. Presidente.- Punto seis e sete. É practicamente o mesmo, pero en distintas estradas provinciais. É a resolución de catro recursos de reposición; dos catro, en concreto no punto seis, admítese un no senso de que se trata dun erro en canto á titularidade dunha finca e admítese, como é lóxico, o recurso, e rexeitanse os outros tres, o segundo do punto seis, na estrada de Aios, e os dous recursos de reposición presentados no punto sétimo. No expediente tamén constaba o informe técnico e o informe xurídico con respecto a estes temas, onde propoñen efectivamente que non se lle acepte o recurso de reposición. Polo tanto, se lle parece a vostedes, posto que se trata do mesmo tema, procedemos, se non hai intervencións, á votación dos dous puntos. ¿Algunha intervención?. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Unanimidade. ------ Folla: 6.4601.- RESOLUCIÓN DE RECURSOS DE REPOSICIÓN INTERPOSTOS CONTRA O ACORDO PLENARIO DE 24-11-2000 SOBRE NECESIDADE DE OCUPACIÓN NA OBRA "ENSANCHE E ACONDICIONAMENTO DA EP PO-4503 - TRAMO C-550 - AIOS" Vistos os recursos potestativos de reposición presentados polos propietarios afectados polo proxecto "Ensanche e acondicionamento da EP 4503 Tramo C-550-Aios", contra acordo do Pleno desta Excma. Deputación Provincial de data 24 de novembro de 2000. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Vías e Obras, acorda por unanimidade resolve-los recursos de reposición presentados polos propietarios que a continuación se relacionan no sentido que así mesmo se detalla: Primeiro.- Recurso presentado por Dona Avelina Pérez Otero (finca nº 136). Estimar no que se refire ó cambio de titular e, en consecuencia rectifícase a relación de propietarios afectados no sentido de recoller como propietario da finca nº 136 a Dona Avelina Pérez Otero. Desestimalo no demais, sen prexuízo do que resulte do trámite de levantamento de actas previas á ocupación. Segundo.- Recurso presentado por D. Avencio Torres Camiña (Finca nº 284). Desestimar por canto, segundo o informe xurídico de data 14 de marzo de 2001, a afección de 21 m2 de terreo saido e do peche de pedra, hai que considerar que se extende a todo o incluído en dito terreo, e se ben a descripción dos bens non é estrictamente exacta, non pode afirmarse que dita falta constitúa unha manifestación de nulidade procedimental enumerada no art. 62.1º da Lei 30/92 de 26 de novembro, senón máis ben un defecto formal subsanable nunha fase posterior do procedemento expropiatorio. Así mesmo, segundo o informe técnico de data 9 de marzo, a obra realízase conforme a un proxecto redactado que só se pode modificar por unha causa grave e previa a presentación dunha alternativa e como queira que este non é o caso desestímase este punto, procedéndose ó recoñecemento de tódolos bens afectados no levantamento de actas previas á ocupación. Contra o presente acordo resolutorio de recurso de reposición os interesados poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo e perante os órganos que determina o art. 46. 1º da Lei Reguladora da Xurisdicción Contencioso - Administrativa. ------ Folla: 7.4602.- RESOLUCIÓN DE RECURSOS DE REPOSICIÓN INTERPOSTOS CONTRA O ACORDO DE NECESIDADE DE OCUPACIÓN ADOPTADO POLO Pleno DE 24-11-2000, CON MOTIVO DA OBRA "ENSANCHE E ACONDICIONAMENTO DA ESTRADA DE ENLACE DA C-550 COA PO-4503" Vistos os recursos potestativos de reposición presentados polos propietarios afectados polo proxecto "Ensanche e acondicionamento da estrada de enlace da C-550 coa PO-4503", contra o acordo do Pleno desta Excma. Deputación Provincial de data 24 de novembro de 2000. O Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Vías e Obras, acorda por unanimidade resolve-los recursos de reposición presentados polos propietarios que a continuación se relacionan no sentido que así mesmo se detalla: Primeiro.- Recurso presentado pola entidade Lanzamar, Empresa de Turismo SL. (Hotel Cond´Arbón) representada por D. José Touriño Camiña (Finca nº 304). Desestimalo polos seguintes motivos: - En relación coa valoración alegada polo recorrente por referirse a materia de fixación de xustiprezo, sobre a que non é o momento procedimental oportuno para alegar, xa que segundo os artigos 52, 7º e concordantes da Lei de Expropiación Forzosa, o expediente de peza separada de xustiprezo tramitarase unha vez sexa efectuada a ocupación dos bens, o cal aínda non se produxo. - Con respecto á petición de construcción de valo, por estar xa contemplado no proxecto a reposición do peche existente na actualidade. Segundo.- Recurso presentado por D. Celso Blanco Barcala (Finca nº 351). Desestímase polos seguintes motivos: a) Por estar xa contemplada no proxecto a reposición do galpón. b) No demais estarase ó que resulte do trámite de levantamento de actas previas á ocupación. Contra o presente acordo resolutorio de recurso de reposición os interesados poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo e perante os órganos que determina o art. 46. 1º da Lei Reguladora da Xurisdicción Contencioso - Administrativa. ------ Folla: 8.4603.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Comunicacións. Sr. Secretario. Sr. Secretario.- Nada más que darles cuenta de las resoluciones presidenciales dictadas entre el 20 de febrero y el 26 de marzo, que se han trasladado a los distintos grupos políticos. Sr. Presidente.- Muy bien. Gracias. Queda enterado o Pleno de extractos de Resolucións Presidenciais dictadas entre o 20 de febreiro e o 26 de marzo do ano 2001 e que foron trasladadas ós distintos grupos políticos. Sr. Presidente.- Fóra da orde do día non hai nada. ------ Folla: 9.4604.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Rogos. Non hai. Preguntas. Pregunta do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, presentada por Henrique Viéitez Alonso, sobre posible parque de bombeiros na comarca do Condado. Sr. Viéitez. Sr. Viéitez Alonso.- Se non ten inconvinte solicitaba que se me contestara por escrito. Se non ten inconvinte. Sr. Presidente.- A min dame exactamente igual. Sr. Viéitez Alonso.- Contéstea por escrito se fai o favor e nada máis. Sr. Presidente.- ¿Algunha pregunta máis?. Non hai máis preguntas. Polo tanto levántase a sesión. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e vintecinco minutos do expresado día, dase por rematada a sesión e dela exténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición