Fondos
2003-06-27_Ordinaria. Acta de sesión 2003/06/27_Ordinaria
Acta de sesión 2003/06/27_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.364/1.2003-06-27_Ordinaria
Título Acta de sesión 2003/06/27_Ordinaria
Data(s) 2003-06-27 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido Folla: Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 27 de xuño de 2003 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vintesete de xuño do ano dous mil tres, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Manuel Abeledo López, reuníronse as Señoras/es Deputadas/os, Dona Isaura Abelairas Rodríguez, D. Ramón Alonso Fernández, D. Xosé Antonio Araujo Quintas, D. Manuel Ramón Conde Romero, D. Jesús María Fernández Portela, D. Alberto García García, D. Emilio González Iglesias, D. Angel Gregores Méndez, D. Emilio Iglesias Álvarez, D. Rafael Louzán Abal, D. Telmo Martín González, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Xesús Otero Varela, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, D. Juan Luis Pedrosa Fernández, D. David Raposeiras Correa, D. Juan Reboreda Enríquez, D. Manuel Rivera Domínguez, D. Rodrigo Santiago Novas, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Henrique Viéitez Alonso, D. Manuel Ramón Vilar Márquez e D. José Villar Pereira, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asiste o Sr. Deputado D. Xosé Crespo Iglesias. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Señoras e señores Deputados, medios de comunicación, e outros presentes na Sala. Vamos a comeza-lo desenvolvemento da orde do día do Pleno correspondente ó mes de xuño. 1.4899.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- Primeiro punto da orde do día. Aprobación do borrador da acta da sesión anterior, ordinaria, do día 30 de maio do ano 2003. ¿Algunha alegación?. Non hai. Apróbase por unanimidade. Apróbase por unanimidade o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 30 de mayo de 2003. ------ Folla: 2.4900.- ACORDO DO CONCELLO DE VIGO CONTRA A VIOLENCIA DOMÉSTICA Sr. Presidente.- Segundo punto da orde do día. Adhesión ó acordo do Concello de Vigo contra a violencia doméstica. ¿Algún membro desta Corporación quere pedi-la palabra con respecto a este tema?. O Grupo Popular vaise adherir a este acordo aprobado polo Pleno por unanimidade no Concello de Vigo. Votamos polo tanto a adhesión. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. De conformidade co informe favorable da Comisión Informativa da Muller, o Pleno acorda por unanimidade, aproba-la proposta de actuación na "Loita contra a violencia doméstica" aprobada polo Pleno do Concello de Vigo o 31 de marzo do ano en curso, e que é como segue: PROPOSTA DE ACTUACIÓN NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DOMÉSTICA Primeiro.- Reitera-lo compromiso de real e efectivo do Concello de Vigo con todas e cada unha das víctimas da violencia doméstica. Segundo.- Dirixirse ó Xuíz Decano de Vigo e á Xunta de Xuíces de Vigo ó obxecto de que, de conformidade co sinalado nos artigos 16 e seguintes do Regulamento 5/1995, de 7 de xuño, de Aspectos Accesorios das Actuacións Xudiciais, adopte acordo motivado e propoña, por conducto da Sala de Goberno e co previo informe desta, ó Consello Xeral do Poder Xudicial a creación en Vigo dun Xulgado especializado en asuntos de violencia doméstica que instrúa as causas deste tipo de delitos e coñeza e falle as faltas tipificadas nos artigos 617 e 620 do Código Penal e adopte, no seu caso, as medidas contempladas para estes delictos e faltas no artigo 57 do mesmo Código, ben mantendo a competencia para coñecer dos restantes asuntos penais que reciba por vía de reparto, ben relevándolle dalgúns deles ou ben con carácter totalmente excluinte para outros asuntos. Terceiro.- En defecto do anterior, e no suposto de que a Xunta de Xuíces non considerara conveniente ou necesaria a creación dun xulgado especializado, dirixirse ó Xuíz Decano de Vigo ó obxecto de que a Xunta Sectorial de Xuíces de Instrucción adopte acordo de modifica-las súas normas de reparto no senso de asigna-la competencia para coñecer das denuncias por delictos de violencia doméstica ó xulgado que coñeceu das primeiras agresións cometidas polo denunciado. Cuarto.- Solicitar, para o correcto funcionamento das normas de reparto indicadas, do Fiscal Xefe da Audiencia a creación dun Rexistro no que se inscribirán todas e cada unha das denuncias referidas á violencia doméstica que se presenten en calquera Xulgado do partido xudicial de Vigo a fin de que cando algún Xuíz ou Xulgado de garda reciba denuncias de tales conductas poidan dirixirse a dito rexistro para consultar se o denunciado foi suxeito doutras anteriores similares a fin de remitirlle a nova presentada, o que implicará coñece-la reincidencia da conducta e polo tanto a adopción de medidas cautelares precisas e a oportunidade de axuízamento por delicto do artigo 153 do C.P. de se entende-la existencia de habitualidade, e mesmo a incoación de dilixencias urxentes das que dan lugar ós xuízos rápidos unha vez vixente a Lei 38/2002, de 24 de outubro, de reforma parcial da Lei de Axuizamento Criminal. Quinto.- Instar ó Xuíz Decano de Vigo a que en coordinación coa Subdelegación do Goberno proceda ó perfeccionamento continuo do persoal funcionario no que se refire á importancia de favorecer un adecuado acollemento das víctimas denunciantes mediante unha atención baseada na escoita, comprensión e reforzo da decisión tomada comprendendo a complexidade emocional das víctimas, ás que en todo caso deberá informarse dos dereitos que lles asisten e en especial das medidas cautelares e de protección que o Xulgado pode acordar en caso de violencias constitutivas de delicto. Neste senso ínstase ós Xulgados e á Policía Xudicial ó cumprimento estricto da guía práctica de actuacións contra a violencia doméstica aprobada polo CGPJ en data de 21-03-01, así como o que se indique nos próximos protocolos que fagan referencia a modelos-ripo de denuncia. Sexto.- Instar ó Xuíz Decano de Vigo, dada a inminente entrada en vigor da Lei de Axuizamento Criminal, para que se adopten as medidas necesarias co obxecto de que pola Policía Xudicial se poidan levar a cabo as funcións e dilixencias que a esta lle son atribuídas nos artigos 796 e 962 procurando así a efectiva celebración, no seu caso, dos xuízos rápidos por delitos ou faltas de violencia doméstica. Sétima.- Instar ós Colexios de Avogados e de Procuradores de Vigo a que en coordinación coa Consellería de Xustiza estableza na garda do turno de oficio un servicio de asistencia inminente para casos de violencia doméstica no suposto de que algunhas das partes implicadas queiran facer uso da asistencia letrada que menciona o artigo 963.2 da LACRIM evitando con iso a demora na celebración de xuízos inmediatos por faltas deste tipo. Oitavo.- Instar á Consellería de Familia da Xunta de Galicia a que, en coordinación co Xuíz Decano de Vigo, se adopten as medidas necesarias para prover de medios materiais e humanos suficientes ó denominado "Punto de Encontro" que actualmente utiliza o Xulgado de Familia a fin de que ese lugar sirva tamén para establece-lo posible réxime de visitas ós fillos dos agresores incursos en medidas de protección-alexamento. Noveno.- Instar ó Ministerio de Xustiza e ó Consello de Goberno da Xunta de Galicia ó cumprimento estricto do sinalado na Disposición Adicional Primeira da Lei 38/2002, de 24 de outubro, a fin de adecua-la estructura do Ministerio Fiscal do Corpo Médico Forense e en especial do eficaz e comprometido Servicio de Asistencia Familiar (SAF) ás previsións da mesma implementando para iso tódalas medidas que sexan necesarias. Décimo.- Dar traslado do presente acordo ó Subdelegado do Goberno na Provincia, ás Consellerías de Xustiza e Familia da Xunta de Galicia, Sr. Xuíz Decano de Vigo, Sr. Fiscal Xefe da Audiencia Provincial e Decanatos dos Colexios de Avogados e Procuradores de Vigo. Undécimo.- Dar traslado do presente acordo á Deputación Provincial, á Mancomunidade de Concellos da Área Intermunicipal de Vigo e a tódolos Concellos da Provincia que sexan sede de partidos xudiciais ó obxecto de que adopten acordos en similar senso. ------ Folla: 3.4901.- CREACIÓN DUN CENTRO DE ACOLLIDA E OUTRO DE DÍA NA CIDADE INFANTIL "PRÍNCIPE FELIPE" Sr. Presidente.- Punto terceiro. Creación dun Centro de Acollida e outro de Día na Cidade Infantil "Príncipe Felipe". Ten a palabra o Deputado Delegado da Cidade Infantil "Príncipe Felipe". Sr. Raposeiras Correa.- Bos días. Trátase de conformar legalmente o Centro de primeira acollida que xa viña funcionando de maneira experimental na Cidade Infantil "Príncipe Felipe". Este centro vai a permitir que aqueles menores de idade con dificultades de domicilio nas súas vivendas, ben porque proceden doutros países ou ben porque teñen problemas familiares poidan ser acollidos neste centro que vai ter xa un espacio físico consolidado dentro da Cidade Infantil "Príncipe Felipe" e do que se remataron as obras fai moi pouquiño tempo. E tamén se vai a crear ou trátase de aproba-la creación dun Centro de Día na Cidade Infantil para acoller a nenos das familias máis necesitadas da provincia de Pontevedra, para que poidan estar durante a xornada laboral dos seus pais na Cidade Infantil e desa maneira facilitar que as nais traballadoras poidan facelo sen a dificultade dos seus nenos e sempre pensando nas familias máis necesitadas. Sr. Presidente.- Gracias. ¿Algunha intervención?. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias Sr. Presidente. Bos días. Estamos ante un tema socialmente necesario e interesante e que polo tanto merece, presentado asepticamente, todo o noso apoio; pero creo que as cousas non son tan simples, cremos que esto ben se merece unha reflexión. Eu recordo que no ano 93, creo, se creara unha comisión e se chegara incluso a un principio de acordo para transferi-la Cidade Infantil "Príncipe Felipe" a quen por norma lle corresponde, que é a Xunta. Creo que non é este o momento de facer críticas agrias, porque é o último Pleno deste mandato, pero dez anos despois e oito anos de mandato do actual Presidente, non demos ningún paso nesta dirección, polo menos algún paso que permitira resolver este grave problema. Grave problema, que non esquenzamos que se tódalas administracións están mal financiadas, se hai algunha que está mal financiada é a Administración Local, e en parte se podería paliar algo, aínda que está globalmente mal financiada, cos recursos da Deputación, e neste caso a Cidade Infantil, que é unha competencia única e exclusiva da Xunta de Galicia. Os servicios que se prestan alí están costando a esta casa máis de mil millóns de pesetas ó ano ou máis de seis millóns de euros. E en concreto, os Centros de Acollida para nenos con dificultades familiares é unha competencia da Xunta, e vamos con este acordo a amplia-los gastos desta casa suplindo a ineficiencia e incapacidade, pasividade, ou como se queira chamar, da Xunta de Galicia. Esto chámase coacción. Tódolos Concellos, esta Deputación igual, sufrimos tódolos días este tipo de mecanismos en que hai necesidade dun servicio que é competencia da Xunta e a Xunta non o presta. Ó final se remata prestándoo, suplindo a incapacidade ou a falta de vontade política da Xunta de Galicia para facelo. Eso o estamos sufrindo tódolos días, absolutamente tódolos días, e creo que independentemente do fin do asunto que nos trae hoxe, que é a creación do Centro de Acollida e o Centro de Día na Cidade Infantil, que repito é un fin plausible, creo que tamén hai que recorda-las responsabilidades de cada quen, o financiamento de cada quen e o comportamento de cada quen. E nesta casa estamos moi afeitos, como na maioría dos Concellos, a que todos eses convenios, acordos, coa Xunta de Galicia sempre é financiar competencias da Xunta de Galicia, ou case sempre. É estar suplindo unha administración peor financiada que a outra que en principio está mellor financiada, ou se non está que o arranxe por outra vía e non cargando no máis débil, cargando na Administración Local. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Mosquera. Sr. Raposeiras. Sr. Raposeiras Correa.- Entendo que non estamos a discutir agora o financiamento das entidades públicas como pode se-la Xunta ou a Deputación. A Cidade Infantil "Príncipe Felipe" é un organismo que depende integramente da Excma. Deputación de Pontevedra. Nestes últimos anos de goberno do Presidente fíxose unha grande inversión na Cidade Infantil, adecuáronse tódalas instalacións de tódolos centros ás necesidades que se viñan plantexando, e unha das necesidades que se viñan plantexando dentro do ámbito social da nosa sociedade era a creación destes dous centros que hoxe plantexamos aquí, e como ben recoñecía vostede esa finalidade social que ten este centro de primeira acollida e máis este centro de día que se van a instalar na Cidade Infantil "Príncipe Felipe" creo que xustifican tódolos esforzos que dende esta Corporación Provincial se poidan realizar. Gracias Sr. Deputado-Delegado. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias. É que si estamos discutindo eso, claro que estamos discutindo eso, claro que estamos. E xa que está citando o financiamento e o esforzo, claro que se fixo un esforzo, pero a competencia e da Xunta. E temos que recordar, porque se está vendendo como grande éxito o saneamento financeiro desta Institución, a transferencia do Hospital que lle estaba metendo a esta Institución entre os doce e quince millóns de euros, ou sexa, entre os dous mil e dous mil quiñentos millóns de pesetas, daquela época, de déficit a esta Institución. A transferencia á Xunta foi o que permitiu que esta Institución se puidera sanear e puidera prestar servicios. Pero si a eso sumamos seis, sete millóns de euros da Cidade Infantil "Príncipe Felipe", que é unha competencia da Xunta da mesma orde que era o Hospital, esta Institución estaría en condicións de prestar bastantes máis servicios á provincia, bastantes máis, claro. Recordemos como funcionou esto e como funciona e cales son as súas competencias. Aquel acordo, que en principio parecía moi malo, de transferencia do hospital, permitiu sanear esta Institución. Grande parte destes remanentes que aparecen nestas modificacións de créditos, que parece que á Deputación lle sobran cartos porque está incorporando remanentes doutros lados, é precisamente gracias a aquela transferencia. Se transferíramos Príncipe Felipe aparecerían probablemente da orde de seis, sete, oito millóns de euros cada ano para outros fins. Estamos falando de cifras serias, de cifras moi serias. Hai bastantes necesidades nesta provincia, que teñen que atende-los concellos ou a Deputación, que se podían financiar con este diñeiro. Non é que o que vai costar esto en concreto sexa unha cifra tan elevada; o que é grave é o da propia Cidade Infantil. Poderíamos invertir, darlle doce millóns de euros á Xunta e pasarlle o Príncipe Felipe e dentro de quince anos estaríamos con quen sabe cantos millóns para facer outros servicios. E eso en principio non é moi leal entre institucións; teoricamente aquí se vendeu que había un compromiso de transferencia, hai uns dez anos, que ó final quedou en auga de borralla e o estamos pagando e o seguimos pagando tódolos días. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Mosquera. Sr. Mosquera, vou a dicir só dúas cousas. En primeiro lugar eu teño as miñas dúbidas de que non teñamos certas competencias en asuntos sociais, sobre todo dende que se plantexou o tema do pacto local, onde en principio se ían a transferir ós Concellos todo o tema de servicios sociais. Teño as miñas dúbidas sobre esa afirmación categórica de que non temos competencias, á parte de que efectivamente aí estaba o Príncipe Felipe. En segundo lugar teño que dicirlle que a creación destes centros non vai a significar ningunha aportación nova en canto a tema de persoal, nin en canto a tema de infraestructura posto que a infraestructura existe e o persoal practicamente na súa totalidade existe tamén, polo tanto non vai a supoñer máis gasto do que neste momento temos. Teño que dicirlle tamen que eu naqueles tempos non estaba aquí cando se iniciou ou houbo uns movimentos para transferi-l o centro. Eu pódolle dicir que fixen todo o posible para transferir, aínda que só fora por partes, o Centro de Formación Profesional. Fixen todo o posible, pero é indudable que cando dúas persoas non se poñen de acordo é imposible chegar a acordo. É certo que fixemos todo o posible e eu personalmente o fixen tamén, pero polas razóns que foran, e non precisamente por parte da Consellería de Educación senón por parte, parece ser, da Consellería de Economía, non pudo ser posible. Simplemente quería dicir esto por si aclaro algo. Nada máis. Si, Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Non se aclara case nada, porque o que se estaba falando era de transferi-la xestión co financiamento. Vale que nolo deixen, que nolo financien. Podería valer tamén que servicios sociais da Xunta quere transferi-la xestión ós Concellos. Xa a ten transferida na maior parte, pero o Príncipe Felipe non fai falta pasalo e devolvelo, queda na Deputación, pero que o financie, tamén me vale. O que non vale é que o Príncipe Felipe esté prestando un servicio que en principio o financiamento é da Xunta e a Xunta non o financia, nin votando man del nin financiando directa ou indirectamente, eso é o que non vale, ou sexa, estamos poñendo mil millóns da Deputación que en principio tiñan que ir para outros fins. Esa é a situación, e todos a coñecemos e a Consellería de Economía non o quere porque sabe que eso lle supón x millóns de euros ó ano. Eso non é correcto, é sempre arrearlle os paus ó máis débil, que é a Administración Local, estamos de acordo me parece. Sr. Presidente.- Ben, gracias Sr. Mosquera. Eu non teño nada que engadir ó que dixo o Deputado-Delegado e ó que eu mesmo tratei de aclarar un pouco. Votamos polo tanto o punto número tres. Creación dun Centro de Acollida e outro de Día na Cidade Infantil "Príncipe Felipe". ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. O BNG. ¿Votos a favor?. Os Grupos Popular e Socialista. Apróbase por maioría. De conformidade co dictame favorable da Comisión Informativa de Promoción de Emprego e Acción Social, o Pleno acorda por maioría de votos dos Grupos Popular e Socialista e coa abstención do BNG, aproba-la creación dun Centro de Acollida e outro de Día na Cidade Infantil "Príncipe Felipe", imputándose o seu gasto á Partida 03/422.422.221.05. ------ Folla: 4.4902.- APROBACIÓN INICIAL DO PROXECTO "ENSANCHE E MELLORA DE TRAZADO EP ARCADE-AMOEDO (PAZOS DE BORBÉN), 3ª FASE". EXPOSICIÓN PÚBLICA DO MESMO. DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA DA OBRA E NECESIDADE DE OCUPACIÓN DOS BENS AFECTADOS. SOLICITUDE Á XUNTA DE GALICIA DE DECLARACIÓN DE URXENTE OCUPACIÓN E MOTIVACIÓN DA URXENCIA Sr. Presidente.- Punto cuarto. Aprobación inicial do proxecto "Ensanche e mellora de trazado EP Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén), 3ª fase e última. Exposición pública do mesmo. Declaración de utilidade pública da obra e necesidade de ocupación dos bens afectados. Solicitude á Xunta de Galicia de Declaración de urxente ocupación e motivación da urxencia. Ben, non teño nada que dicir, non sei se alguén quere toma-la palabra. Votamos. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿Votos a favor?. Apróbase por unanimidade. O proxecto de "Ensanche e mellora de trazado EP Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén), 3ª fase", que está dotado dun presuposto para coñecemento da Administración de 1.575.715,47 Euros, desglosado en presuposto de execución por contrata por importe de 1.413.452,85 Euros e capítulo de expropiacións por importe de 162.262,62 Euros, tendo por obxecto a construcción dun vial que aproveitando no posible a orografía existente garinta unha velocidade específica de 60km/h., cunha plataforma mínima de 9 metros na traza xeral, distribuída en dous carrís de 3,50 m. de ancho cada un, e arcéns de 1m. a ambos lados da calzada; e, como queira que a teor do informe de 16-06-03, emitido polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Sur, resulta apremiante acometer tal obra en aras de garanti-la seguridade vial e fluidez do tráfico na vía máis corta e directa de comunicación de Amoedo-Pazos de Borbén coa capital da provincia; e, vistos os documentos RC emitidos por Intervención, con data 16 dos correntes, nos que se certifica a existencia de saldo de crédito dispoñible na partida 03/511.511.612.02, distribuído en anualidades da forma que se reseña a continuación: anualidade 2003, 70.672,64 Euros, de execución por contrata e 16.226,26 Euros de expropiacións; anualidade 2004, 742.780,21 Euros de execución por contrata e 146.036,36 Euros de expropiacións; e anualidade 2005, 600.000,00 Euros de execución por contrata, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Vías e Obras, acorda por unanimidade: 1.- A aprobación inicial do Proxecto de "Ensanche e mellora de trazado EP Arcade-Amoedo (Pazos de Borbén), 3ª fase" con presuposto para coñecemento da Administración de 1.575.715,47 Euros, desglosado en presuposto de execución por contrata por importe de 1.413.452,85 Euros e expropiacións por importe de 162.262,62 Euros. 2.- A exposición pública do proxecto e do expediente expropiatorio, por prazo de quince días hábiles, a efectos de posibles reclamacións, entendéndose que no caso de non producirse as mesmas quedará aprobado definitivamente de forma automática. 3.- A declaración de utilidade pública da obra e necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados. 4.- A solicitude á Xunta de Galicia de declaración de urxente ocupación de bens afectados. 5.- A motivación da urxencia solicitada para o expediente expropiatorio en base ó informe técnico de 16-06-03, emitido polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Sur, sinalando a imperiosa necesidade de dotar ó tramo de tal vial, comprendido entre o PK 3+125 e 10+500, dunha plataforma de 9m. de anchura, como mínimo, con distribución en dous carrís de 3,50 m., cada un, e arcéns de 1 m. de ancho en ámbolos dous lados da calzada, en aras de garantir unha maior seguridade vial e fluidez do tráfico no referido vial que constitue a vía de comunicación máis corta e directa entre os lugares de Amoedo e Pazos de Borbén coa capital da Provincia. ------ Folla: 5.4903.- EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS DO PRESUPOSTO DE 2003 DA CAIXA DE ANTICIPOS DE COOPERACIÓN Sr. Presidente.- Punto quinto. Expediente de modificación de créditos do Presuposto de 2003 da Caixa de Anticipos de Cooperación. Ten a palabra o Vicepresidente económico. Sr. Pedrosa Fernández.- Gracias Sr. Presidente. Buenos días. Este expediente de modificación de créditos del Presupuesto de 2003 de la Caja de Anticipos asciende a un total de 72.285,57 Euros, todos ellos con cargo a remanentes de Tesorería y pasarían a suplementar la partida dedicada a préstamos y anticipos a Ayuntamientos. Sr. Presidente.- ¿Algunha intervención?. Non hai intervencións. Votamos polo tanto o punto quinto, Expediente de modificación de créditos do Presuposto de 2003 da Caixa de Anticipos de Cooperación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. O Grupo Socialista e o BNG. ¿Votos a favor?. O Grupo Popular. Apróbase por maioría. Visto o expediente de modificación de créditos do presuposto para 2003 da Caixa de Anticipos de Cooperación, por un importe total de 72.285,57 Euros, co obxecto de facer frente a posibles compromisos derivados de acordos adoptados pola Xunta Administradora no actual exercicio e os que se adoptarán durante o segundo semestre, resulta necesario suplementa-la partida 03/911.821.01, de concesión de préstamos ou anticipos a Entidades Locais, e que será financiado con cargo ó remanente de Tesourería dispoñible, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda, acorda por maioría de votos a favor do PP e coas abstencións do PSOE e do BNG, prestar aprobación ó expediente suplementando a seguinte partida: PARTIDA DENOMINACIÓN CONTÍA DO SUPLEMENTO 03/911.821.01 Préstamos ou anticipos Concellos 72.285,57 ¤ Total suplemento 72.285,57 ¤ Dito expediente exporase ó público, a efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse as mesmas. ------ Folla: 6.4904.- CUARTO EXPEDIENTE DE SUPLEMENTOS DE CRÉDITO E DE CRÉDITOS EXTRAORDINARIOS CON CARGO Ó REMANENTE DE TESOURERÍA DISPOÑIBLE Sr. Presidente.- Punto número seis. Cuarto Expediente de suplementos de crédito e de créditos extraordinarios con cargo ó remanente de Tesourería dispoñible. Ten a palabra o Vicepresidente. Sr. Pedrosa Fernández.- Si, gracias Sr. Presidente. Este es el cuarto expediente de suplementos de crédito y créditos extraordinarios con cargo al remanente de Tesorería disponible. Al expediente que pasó el otro día por Comisión de Economía e Facenda se le añade una enmienda presentada por el Presidente en el sentido de incluir una partida, la 03/451.452.789.04, de 300.506,05 euros para hacer frente a la cantidad que la Diputación Provincial deberá aportar con cargo al Presupuesto del 2003 al convenio que se aprobará posteriormente por este Pleno entre la Consellería de Familia, Juventud y Voluntariado de la Xunta de Galicia, la Diputación Provincial de Pontevedra y la Fundación Naútico-Deportiva Rías do Sur para la construcción de un complejo deportivo en el polígono de Ponte Muiños en Lourizán, Pontevedra, con lo cuál el expediente alcanzaría un total de 579.963,16 Euros con el siguiente reparto: 16.853,00 Euros para convenio con la Consellería de Asuntos Sociais para los Programas de Cooperación 2003 con el cuál se van a contratar 22 personas. Reconocimiento de créditos extraordinarios de facturas de reparación de vehículos del año 2002, por importe de 4.191,08 Euros; reconocimientos de créditos de facturas de Telefónica año 2002, de 413,03 Euros; 30.000,00 Euros para convenios deportivos, en Educación Física, Deportes y Esparcimiento; 60.000,00 Euros para subvenciones varias en Deporte y Juventud; 108.000,00 Euros para el Ayuntamiento de Salceda para el mobiliario de la nueva Casa do Concello; 60.000,00 Euros para subvenciones varias también en Educación Física, Deportes, Esparcimiento y Cultura; 300.506,05 Euros para aportación de esta Diputación para la construcción de ese complejo deportivo de la piscina olímpica en Ponte Muiños, Lourizán. Sr. Presidente.- Gracias. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Cando se plantexou este expediente de modificación de créditos, a verdade é que no ánimo noso estaba por unha vez votar a favor, pois é o último Pleno e votalo a favor, non pasa nada. Pero nos topamos con algunha cousa curiosa. Evidentemente estamos de acordo con gran parte do que está neste expediente, e inclusive esta emenda, que onte non estaba nin no expediente. O Presidente sempre sostivo que había que presentar por non sei canto tempo mocións ou preguntas ou o que fora, menos cando é para un. Pero bueno, é un acordo no que participa o Concello de Pontevedra dende hai tempo cedendo os terreos e demais para a construcción da piscina olímpica e estamos de acordo, é efectivizar un acordo xa feito con anterioridade. Pero aparecen algunhas cousas. Que a Deputación lle financie a un Concello ata mobiliario, é un pouco raro. ¿Por que a uns si e a outros non?. É que collemos unha mecánica que de verdade é un pouco extraña. Pode levar a sospeitas de todo o que se queira. De verdade que se nos convencen de que é moi correcto financiarlle este mobiliario a un Concello despois de financiarlle todo, se cadra votámoslle a favor, por se-lo último Pleno. Levo aquí doce anos votando en contra de tódalas modificacións; se cadra votámoslle a favor, a ver se nos dan convencido. Sr. Presidente.- Sr. González ten a palabra. Sr. González Iglesias.- É o cuarto expediente. Nós non vamos a votar a favor, loxicamente, porque se estivemos en contra do Presuposto vamos a manter ese voto. O que si é certo é que nos volvemos a ratificar na postura das anteriores modificacións e é que ben se podía facer un plan ó engrosa-los plans que había, para que tódolos Concellos teñan dereito a determinadas cousas. Esta fórmula non é a máis correcta. En principio pola contía vamos absternos. Sr. Presidente.- Gracias. Sr. Mosquera, eu non sei se o poderei convencer ou non o poderei convencer; en todo caso, a Deputación está para resolver problemas que se lle poden plantexar ós Concellos, e sobre todo ós Concellos que non teñen capacidade económica nin sequera capacidade de endeudamento, como é o Concello de Salceda de Caselas ou puideran ser outros moitos. Eu ben sei que un Concello importante, como pode ser Pontevedra ou como pode ser Vigo ou pode ser Vilagarcía, incluso poden ser Redondela ou pode ser Lalín, teñen outras posibilidades, pero estes pequenos non. O Alcalde de Salceda de Caselas dixo que lle era imposible pedir máis préstamos e que quería poñer en marcha o novo Concello e loxicamente pedía esta axuda que non é completa, ou sexa, vaille valer moito máis, porque de feito pedira 30 millóns de pesetas. Eu creo que a Deputación Provincial está para estes temas, sobre todo con miras ós Concellos de escasa capacidade económica e neste sentido traese como modificación de crédito ó poder dispoñer de remanentes de Tesourería. Indudablemente, se non fora así non se lle podería atender. Eu outras razón non teño, máis que esa, se o convenzo bendito sexa Dios e se no convenzo bendito sexa tamén. Sr. Mosquera Lorenzo.- Sr. Presidente ¿pero tivo un PAM, non?. Tivo un PAM, tivo un Plan de Acción Municipal, púdoo meter, pudo metelo noutros lados, pero non. Sr. Presidente.- Pero Sr. Mosquera, o que lle corresponde no Plan de Acción Municipal a ese Concello, como pode supoñer, non creo que chegue nin ós dezaoito millóns de pesetas. E por experiencia destes anos pódolle dicir que unha porcentaxe importante destes Concellos pequenos, o que tiñan para inversión era o pouco que podíamos axudar da Deputación Provincial, porque hai Concellos que dificilmente poden atende-los servicios e ó persoal que teñen. E por esa razón votámoslle unha man; non lle podemos financiar todo o que necesitan pero é unha axuda importante. ¿Algunha intervención máis? Votamos polo tanto este cuarto expediente de suplementos de crédito e de créditos extraordinarios con cargo ó remanente de Tesourería dispoñible. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. O Grupo Socialista e o BNG. ¿A favor?. O Grupo Popular. Apróbase por maioría. Visto o expediente de modificación de créditos extraordinarios e suplementos de crédito nº 4/2003, dentro do vixente Presuposto Provincial, por un total de 279.457,11 Euros, motivado pola necesidade de realizar gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte e ó non existir consignación no Estado de Gastos do Presuposto corrente, e que será financiado, os suplementos de crédito por importe de 279.044,08 Euros e os créditos extraordinarios por importe de 413,03 Euros, con cargo ó remanente de Tesourería dispoñible, e vista a emenda da Presidencia ó dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda en relación con este punto, na que se inclue na partida 03/451.452.789.04 do expediente a cantidade de 300.506,05 euros, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía e Facenda, acorda por maioría de votos a favor do PP e coas abstencións do PSOE e do BNG, prestar aprobación ó Expediente de modificación de créditos extraordinarios e suplementos de crédito nº 4/2003 e á emenda da Presidencia ó mesmo, que resumido por capítulos presenta a seguinte estructura: Capítulo 1º.- Gastos de persoal 16.853,00 Euros Capítulo 2º.- Gastos en bens correntes e servicios 4.604,11 Euros Capítulo 4º.- Transferencias correntes 90.000,00 Euros Capítulo 7º.- Transferencias de capital 468.506,05 Euros Total expediente de modificación de crédito 579.963,16 Euros Dito expediente exporase ó público, a efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado no caso de non producirse as mesmas. ------ Folla: 7.4905.- COMUNICACIÓNS Sr. Presidente.- Comunicacións. Sr. Secretario. Sr. Secretario.- En comunicaciones nada más que darles cuenta de los extractos de las Resoluciones Presidenciales dictadas entre el 27 de mayo y el 21 de junio de las cuales se ha dado ya traslado a los Portavoces de los distintos grupos políticos. Nada más. Sr. Presidente.- Gracias Sr. Secretario. Queda enterado o Pleno da seguinte: - De extractos de Resolucións Presidenciais dictadas pola Presidencia entre os días 27 de maio e 21 de xuño de 2003, e que foron trasladadas ós Voceiros dos distintos grupos políticos. ------ Folla: FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia, adoptouse o seguinte acordo: 8.4906.- APROBACIÓN DO BORRADOR DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO DA XUNTA DE GALICIA, A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E A FUNDACIÓN NAÚTICA DEPORTIVA "RÍAS DO SUR" Sr. Presidente.- Ben, fóra da orde do día, traemos a aprobación do convenio, e a autorización ó Presidente, que vai a regular a colaboración entre a Consellería de Familia e Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Naútica Deportiva "Rías do Sur". Este Convenio non é máis que estipula-las obrigas de cada unha das partes. E en concreto as obrigas que adquire a Deputación Provincial de Pontevedra son os trescentos e pico mil euros que para este ano se acaban de incluir na modificación de créditos que acabamos de aprobar, e cento cincuenta millóns de pesetas, perdóenme que non diga en euros, cento cincuenta millóns de pesetas para o ano que vén con cargo ó Plan de Infraestructuras asinado por Convenio coa Xunta de Galicia e cincuenta para o seguinte ano 2005. Simplemente se trata desto. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Como xa dixemos antes estamos de acordo na finalidade. A distribución xa o comentáramos cando fora o Convenio; a separación afortunada para a piscina porque a Xunta paga moito máis tarde que a Deputación; ou sexa, que neste caso lle vén mellor, é un acordo que empezou a tramita-lo Concello no seu momento cedendo os terreos e polo tanto vamos a votar a favor. Sr. Presidente.- ¿Algunha intervención máis?. Votamos a urxencia polo tanto. ¿Votos en contra? ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase a urxencia por unanimidade. Ben, ¿algún dos grupos quere toma-la palabra?. Votamos pois a aprobación deste Convenio e autorizar ó Presidente para a súa sinatura. . ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Apróbase por unanimidade. Visto o borrador do Convenio de Colaboración entre a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia , a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e a Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur, para a construcción e subseguinte explotación, por parte da Fundación Náutico-Deportiva Rías do Sur, dun complexo deportivo dotado con piscina olímpica e outras instalacións, nunha parcela cedida polo Concello de Pontevedra, no polígono de Ponte Muiños-Lourizán. Visto que o presuposto total das obras a executar, segundo o proxecto redactado polos arquitectos Cristina Fernández Cid e Pablo Rodríguez Vales, ascende á cantidade de 4.060.761,92 Euros, e que a Deputación Provincial aportou a cantidade de 601.012,00 Euros, con cargo ó presuposto xeral do ano 2002, e que así mesmo aportará a cantidade total de 1.652.783,29 Euros para o financiamento das obras, con cargo ós presupostos dos exercicios económicos seguintes: EXERCICIO IMPORTE 2003 300.506,05 Euros 2004 901.518,16 Euros 2005 450.759,08 Euros Vistos os informes do Vicesecretario de data 9 de maio de 2003 e o de Intervención de data 14 de maio de 2003. O Pleno acorda por unanimidade prestar aprobación ó borrador do Convenio de Colaboración entre a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Fundación Náutica-Deportiva "Rías do Sur" e que se une como anexo a este acordo. Así mesmo facúltase ó Ilmo. Sr. Presidente desta Deputación para levar a cabo a sinatura deste Convenio e de cantas outras actuacións sexan necesarias en relación coas condicións establecidas no mesmo. Dito Convenio é como segue: CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO DA XUNTA DE GALICIA, A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E A FUNDACIÓN NÁUTICA-DEPORTIVA "RÍAS DO SUR" Na cidade de Pontevedra a vintedous de maio de dous mil tres. REUNIDOS Dunha parte, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, e no seu nome e representación a Conselleira, Excma. Sra. Dona Pilar Rojo Noguera. Doutra parte, a Deputación Provincial de Pontevedra e no seu nome e representación legal o seu Presidente, Ilmo. Sr. D. Manuel Abeledo López. E, doutra parte, a Fundación Náutica-Deportiva Rías do Sur (en adiante a Fundación), e no seu nome e representación legal o seu Presidente, D. Alberto Rodríguez González. As partes recoñécense, no concepto no que respectivamente interveñen, capacidade para o outorgamento do presente convenio, e para o efecto EXPOÑEN: Que a Fundación Rías do Sur vai proceder á construcción e explotación dun complexo deportivo no polígono de Ponte Muiños-Lourizán nos terreos cedidos para tal finalidade polo Concello de Pontevedra. O complexo estará dotado dunha piscina olímpica de 50x25 metros, unha piscina de 25x10, así como con ximnasios e outras instalacións para a práctica do deporte en xeral (base, competición e mantemento). Este complexo deportivo vai satisface-las necesidades de instalacións climatizadas que, para a práctica dos deportes acuáticos, ten na actualidade o Concello de Pontevedra e a súa área comarcal de influencia, resultando polo tanto a súa construcción e xestión de interese supramunicipal. Así pois coa construcción deste complexo deportivo a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e a Deputación Provincial, a través do Convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte-Deputación Provincial de Pontevedra, pretenden satisface-lo interese público que teñen encomendado, estando polo tanto habilitadas, ámbalas dúas, para asinar acordos, pactos, convenios ou contratos con persoas tanto de dereito público como privado (artigo 88 da Lei 30/1992 de Réxime xurídico e procedemento administrativo común), polo que as partes relacionadas no encabezamento acordan a formalización do presente Convenio en base ás seguintes ESTIPULACIÓNS: 1ª.- O presente Convenio ten por obxecto regula-la colaboración da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, a Deputación Provincial e a Fundación Rías do Sur para a construcción e subseguinte explotación, por parte da Fundación, dun complexo deportivo dotado con piscina olímpica e outras instalacións que contribuirán a satisface-las necesidades dos habitantes do Concello de Pontevedra e demais municipios da súa área de influencia. 2ª.- A Fundación comprométese á construcción e xestión dun complexo deportivo no Concello de Pontevedra, situado na parcela que a Administración municipal lle cedeu para os efectos no polígono de Ponte Muiños-Lourizán, dotado coas instalacións contempladas no proxecto redactado polos arquitectos Cristina Fernández Cid e Pablo Rodríguez Vales. 3ª.- A Fundación garantirá o acceso público ás instalacións e promoverá as actividades oportunas para satisface-las necesidades dos deportes que se poidan practicar nas instalacións. 4ª.- A Deputación Provincial xa aportou, para a execución das obras de construcción, a cantidade de 601.012 Euros con cargo ó orzamento xeral do ano 2002. 5ª.- A Deputación Provincial achegará a cantidade de 1.652.783,29 Euros, para o financiamento das obras de construcción, con cargo ós orzamentos dos exercicios económicos 2003 (300.506,05 Euros); 2004 (901.518,16 Euros); e 2005 (450.759,08 Euros). 6ª.- A Fundación aportará a cantidade restante necesaria para completa-la totalidade do orzamento das obras que ascende a 4.060.761,92 Euros. 7ª.- O aboamento das cantidades achegadas pola Deputación Provincial levarase a efecto previa presentación das correspondentes facturas ou certificacións de obra. 8ª.- A Fundación deberá instalar, durante a execución da obra, un cartel no que se indique que a Deputación Provincial participa na promoción das obras de construcción do complexo deportivo. En proba de conformidade, asínase o presente Convenio no lugar e data antes citados. A EXCMA SRA. CONSELLEIRA, Asdo. Pilar Rojo Noguera O ILMO. Sr. PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN, Asdo. Manuel Abeledo López O PRESIDENTE DA FUNDACIÓN, Asdo. Alberto Rodríguez González ------ Folla: 9.4907.- ROGOS E PREGUNTAS Sr. Presidente.- Pasamos ó último punto da orde do día. Rogos e preguntas. ¿Algún rogo?. ¿Algunha pregunta?. Moitisimas gracias a todos. Levantamos a sesión. Non se formularon. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e trinta e cinco minutos do expresado día, dase por rematada a sesión e dela exténdese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. ------
Área de documentación
Existencia e localización de copias Enlace para escoitar o audio da sesión do Pleno
Ãrea de notas
Nota