ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.799
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 2003/11/26_Extraordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.364/2.2003-11-26_Extraordinaria

  • Título Acta de sesión 2003/11/26_Extraordinaria

  • Data(s) 2003-11-26 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 26 de novembro de 2003 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e vintecinco minutos do día vinteseis de novembro do ano dous mil tres, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, D. José Costa Díaz, D. José Crespo Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. José Antonio Landín Eirín, D. José Antonio Lorenzo Rodríguez, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, Dona María Corina Porro Martínez, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión extraordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asisten os Sres. Deputados, D. Ramón Campos Durán nin D. Xosé Carlos Pazos Docampo, quen excusan a súa ausencia. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma o seguinte acordo: 1.4968.- INICIACIÓN DE EXPEDIENTE PARA O NOMEAMENTO DE FILLOS PREDILECTOS OU ADOPTIVOS DA PROVINCIA DE D. ALEXANDRE BÓVEDA E D. BIBIANO FERNÁNDEZ OSORIO-TAFALL Sr. Presidente.- Vamos a dar comezo á sesión extraordinaria do Pleno da Excma. Deputación con asunto único: Iniciación do expediente para nomeamento de fillos predilectos ou adoptivos da provincia de D. Alexandre Bóveda e D. Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Moitas gracias Sr. Presidente. É hoxe un día no que creo que todos ou todas podemos alegrarnos porque se supera unha tendencia ou unha situación que se dou en toda a provincia de Pontevedra, pero fundamentalmente en Pontevedra, absolutamente autodestructiva e cainita de non recoñecerlle os méritos a persoas que os tiñan sobradamente demostrados. Incluso parte ou case todos dos que se está falando, a parte dos que hoxe veñen a este Pleno, corresponden a unha época dourada desta Institución e desta cidade, no que se votaron a andar cantidade de institucións, organismos, iniciativas varias que puderon ter cambiado se non fora polo que pasou despois, en tódalas ordes, de deixar morrer ou languidecer certas institucións ou incluso certas persoas que morreron, outras que se tiveron que ir, etc. Aí puderon ter cambiado o sentido polo menos das dúas segundas partes, dos dous segundos tercios do século XX, tanto nesta Institución coma na cidade de Pontevedra. Superar esa situación francamente desastrosa que correspondía a unha dinámica social, cremos que moi negativa, é indicativo dunha normalidade democrática e social que debía ter chegado hai tempo, pero como di esa famosa expresión "nunca é tarde se a dita é boa". Polo tanto cremos que é o formato, que sexan tódolos grupos representativos de toda a sociedade, non desta Institución, os que avalemos este cambio de situación, avalemos e fagamos os trámites, que iniciamos con Alexandre Bóveda e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, para recoñece-los méritos destas persoas. Cremos que é tremendamente positivo, e agardemos que supoña no plano do simbólico neste caso, o que debe haber no plano do social, que é utilizar cada un dende o seu punto de vista as enerxías sociais dirixidas a acadar maiores cotas de progreso, maiores cotas de identificación co país, maiores cotas de benestar, e que remate dunha vez esa tendencia autodestructiva e cainita que por desgracia existiu durante décadas tanto nas Institucións coma, o que é máis grave, na sociedade pontevedresa. Eu creo que é un día de alegría, nós polo menos así o temos. Creo que nestas cuestións non debe haber vencedores nin vencidos, independentemente da traxectoria que tivera cada un que está aí, é coñecida, é pública e notoria, e polo tanto non ten ningún sentido volver a recordala, e digo, independentemente desa traxectoria que creo que é un xesto de normalidade, de xenerosidade e de autovalía, de autovaloración da nosa historia e das persoas que fixeron grandes cousas por esa historia, que fai que hoxe sexa, e creo que se me coñece aquí, non son nada partidario de expresións grandilocuentes, un día histórico para esta Institución. E creo que tamén é un paso moi firme nesa normalidade, nese recoñecemento da valía e dos esforzos de cada quen para lograr unha sociedade mellor e lograr que este país ande coa cabeza alta polo mundo adiante. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- A proposta que vén a este Pleno, ó estar asinada e avalada polos tres grupos, para nós simplemente significa un acto de recoñecemento á valía e ó traballo persoal de dúas persoas, de Alexandre Bóveda e de Osorio-Tafall, e tamén un acto de xustiza. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Como tódolos grupos políticos xa o pactamos na reunión de Portavoces, efectivamente sobra xa dicir máis do mesmo. Vaise iniciar o expediente para facerlle un recoñecemento a estas dúas persoas que entendemos que o merecían sobradamente. Dicía o Sr. Mosquera que é un día de alegría; eu coincido con el en que é un día de alegría, e dicía que era un xesto de normalidade democrática. Eu creo que falando e dialogando, incluso tendo posicións contrarias e distintas en moitos temas, hai certas cousas que se ninguén se quere apropiar delas e se é xeneroso por parte dos distintos grupos políticos e nadie quere abrazar en exclusiva unha figura como é neste caso a de Alexandre Bóveda ou a de Osorio-Tafall, creo que podemos chegar a importantes acordos no futuro desta Corporación e neste mandato. Comezamos unha andaina de recoñecemento a persoeiros ilustres desta provincia, que era unha asignatura pendiente que tiñamos, porque é certo que durante moitos anos non se fixo ningún recoñecemento, e non é menos certo que en Pontevedra houbo persoas que merecen e que están pendentes dese recoñecemento. Dicía Vicente Risco, referíndose a aquela etapa de Bóveda, de Daniel de la Sota, a cada un a parte que lle tocara, que daquela en Pontevedra todo se facía ben. Había debates políticos importantes, había persoeiros importantes que participaban na vida política e social e Pontevedra non é que funcionase mellor que agora, pero había movida, era un punto de referencia obrigado naqueles momentos en todo Galicia. E se Risco recoñecía que daquela en Pontevedra se facía ben, vamos a intentar facelo todo o mellor posible. E que non haxa bandeiras de ninguén, fagamos un esforzo e perdamos algúns dos que cremos que son os nosos dereitos, entón haberá consenso coma neste caso e todos felices. Creo que faremos un recoñecemento a persoas, ás veces dun lado, ás veces doutro, ás veces cunha ideoloxía, ás veces con outra ideoloxía, pero en todo caso persoas que teñen méritos suficientes para o recoñecemento provincial Neste caso, estas dúas persoas coas que comezamos creo que os teñen sobrados. Glosar a súa figura non fai falta, está aí no expediente que hoxe se comeza e no futuro eu tamén pido esa mesma xenerosidade para que sigamos recoñecendo persoas que dende esta casa aínda non o tiveron, como Valle Inclán, como Daniel de la Sota, Areses, etc., etc. Así que eu coincido con todos vostedes en que é un recoñecemento xusto e tamén histórico. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Crespo. Eu creo que está todo practicamente dito e polo tanto procedemos á votación deste punto. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Tódolos grupos. Bueno, pois non habendo máis asuntos que tratar, só recordarlle ós Deputados que esta tarde recibiremos tamén aquí a un fillo adoptivo da Provincia, a Raúl Alfonsín, ás cinco e media da tarde, así como que mañá haberá unha conferencia del mesmo ás oito e o venres tamén unha conferencia de Landelino Lavilla sobre os vintecinco anos da Constitución. E nada máis. Bos días e moitas gracias. DECLARACIÓN DE INICIACIÓN DE EXPEDIENTE Os grupos políticos do Partido Popular (PP), Partido Socialista Obreiro Español (PSOE-PSdG) e Bloque Nacionalista Galego (BNG), que conforman a Corporación da Deputación Provincial de Pontevedra, acordan por unanimidade inicia-los expedientes de recoñecemento de filialidade de Alexandre Bóveda e de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, a fin de proceder ós seus nomeamentos como Fillos Predilectos ou Adoptivos da provincia. E non habendo máis asuntos que tratar, polo Sr. Presidente, sendo as once horas e trinta e cinco minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela estendese a presente Acta, que asinará o Ilmo. Sr. Presidente comigo, o Secretario, que dou fe. O PRESIDENTE, O SECRETARIO, ------

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición