ATOPO
Rexistros actuais: 1.618.278
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 2004/05/26_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.364/3.2004-05-26_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2004/05/26_Ordinaria

  • Data(s) 2004-05-26 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión ordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 26 de maio de 2004 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e dez minutos do día vinte e seis de maio do ano dous mil catro, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, D. Ramón Campos Durán, Dona Francisca Canal Gómez, D. José Costa Díaz, D. José Crespo Iglesias, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. José Antonio Landín Eirín, D. José Antonio Lorenzo Rodríguez, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Xabier Toba Girón e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto o Secretario Xeral, D. Rogelio Nicieza de la Cerra, e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Damos comezo á sesión ordinaria do Pleno da Corporación Provincial do día 26 de maio do ano 2004. 1.5058.- ACTA ANTERIOR Sr. Presidente.- O primeiro punto da orde do día, aprobación do borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 28 de abril do ano 2004. Non hai ningunha intervención e polo tanto apróbase. Acórdase por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 28 de abril de 2004. ------ Folla: 2.5059.- BASES DE AXUDAS ECONÓMICAS A EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS Sr. Presidente.- Punto número 2 da orde do día. Bases de axudas económicas a embarcacións tradicionais. Esta é unha liña de actuación posta en marcha nos últimos anos, cun excelente resultado, e incluso en anos vindeiros está a posibilidade de incrementar a partida, porque creo que está facendo unha labor de conservar algo tradicional da nosa provincia e se fora posible cunha aportación económica máis importante. ¿Apróbanse as bases de axudas económicas a embarcacións tradicionais?. Votos a favor de todos os grupos. Visto o informe favorable emitido pola Asesoría Xurídica, así como o de Intervención no que se dá conta da existencia de consignación orzamentaria suficiente por importe de 72.000,00 ¤ na partida 04/711.711.779.02 do vixente orzamento, segundo retención de crédito nº 200400035044, e considerando o dictame favorable e unánime da Comisión Informativa de Pesca e Cultivos Mariños de data 19 de maio de 2004, acórdase por unanimidade aprobar as Bases reguladoras de axudas a embarcacións tradicionais que son do seguinte teor: BASES DE AXUDA ÁS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS 2004 PRIMEIRA. Obxecto.- Subvención de investimentos realizados para a recuperación patrimonial e a construcción de réplicas de embarcacións tradicionais para uso en actividades de promoción sociocultural, con base nos portos da provincia de Pontevedra, así como inversións de mantemento das embarcacións necesarias para o seu uso en actividades culturais. Neste programa concederanse axudas económicas cun crédito inicial de SETENTA E DOUS MIL EUROS (72.000,00), con cargo á partida orzamentaria 04/711.711.779.02, quedando facultado o Ilmo. Sr. Presidente ou órgano competente desta Excma. Deputación para a súa concesión, de acordo coas bases de execución do Orzamento, previo informe da Comisión Informativa de Pesca e Cultivos Mariños, salvo casos de urxencia nos que poderá concederse dándolle conta despois á Comisión. SEGUNDA.- Tipos de investimentos que poderán acceder a unha axuda.- 2.1.- Poderase subvencionar a recuperación e a construcción de réplicas de embarcacións tradicionais de pesca para o uso en actividades de promoción cultural. As ditas axudas son incompatibles co uso da embarcación para a pesca e a acuicultura, e con calquera das axudas incluídas no programa comunitario ou autonómico de construcción e modernización de embarcacións pesqueiras. 2.2.- Poderase solicitar axudas para todos aqueles accesorios e materiais de mantemento das embarcacións tradicionais que sexan de inversión e necesarios para o seu uso en actividades culturais (velas, remolques, reparacións da cuberta, obra morta, arboladura, etc. ...). 2.3.- As axudas económicas poderán acadar como máximo ata o 80% dos investimentos para os que se solicitan, valorándose en base ós presupostos e ós proxectos presentados e cunha contía máxima de 6.000,00 Euros. TERCEIRA.- Beneficiarios.- 3.1.- Poderán solicitar as axudas as Confrarías de Pescadores e as entidades de carácter social e cultural sen fins de lucro, que teñan entre os seus obxectivos o desenvolvemento do patrimonio marítimo galego, e que acrediten a titularidade da embarcación para a que se solicita a axuda. Tódolos beneficiarios das axudas deberán ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial da provincia de Pontevedra. 3.2.- As axudas corresponderán a investimentos realizados no presente exercicio económico de 2004, debendo estar xustificadas como data límite o 30 de abril do ano 2005. 3.3.- Os beneficiarios de axuda non poderán transferir a propiedade nin ceder as embarcacións nun prazo de cinco anos, agás autorización expresa desta Deputación. 3.4.- Para as axudas de proxectos de máis de un ano de duración ou polo seu elevado custo poderase efectuar por fases, efectuándose as solicitudes de axuda económica para as diferentes fases que comprenden o proxecto así como a xustificación das mesmas. CUARTA.- Presentación de solicitudes.- As solicitudes de axudas axustaranse ó modelo que figura no anexo, debendo ser presentadas no Rexistro da Deputación de Pontevedra, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, e deberán dirixirse ó Ilmo. Sr. Presidente, achegando a documentación seguinte: A) Memoria da actividade a desenvolver. B) Orzamento do investimento. C) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade. D) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. E) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal. F) Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no Rexistro de asociacións. G) Certificación bancaria na que conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, para efectos do pagamento da axuda. H) Declaración das axudas económicas solicitadas e/ou concedidas por outras Administracións Públicas con este mesmo fin. I) Xustificación suficiente de ser propietario ou armador da embarcación, ou acreditación da cesión dela. A documentación sinalada nos apartados C, E, e F, non terá que ser presentada se xa obra na Deputación. No Rexistro da Excma. Deputación poderán retirarse modelos de solicitude, declaración xurada de axudas económicas e non transferencia ou cesión da embarcación. QUINTA.- Valoración do proxecto.- 5.1.- Os proxectos serán valorados polo órgano competente da Deputación unha vez vistos os informes correspondentes. 5.2.- Aprobadas as axudas, cos informes previos da Intervención Provincial, estas serán aboadas ós solicitantes previa xustificación do investimento, que deberá facerse mediante presentación de facturas orixinais ou fotocopias compulsadas, pagándose ata o 80% da inversión xustificada e como máximo a axuda concedida. Nesta mesma factura deberá figurar o aceptado, conforme e recibido, asinado polo beneficiario coa data do día no que se presente dita xustificación. Os técnicos do Servicio Agrario informarán sobre a realidade do investimento. 5.3.- Estas axudas serán compatibles con outras que cos mesmos obxectivos estableza a Administración. SEXTA.- Prazo de presentación.- Concédese un prazo de trinta (30) días naturais a partir da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia para presentar as solicitudes correspondentes. SÉTIMA.- Responsabilidades.- O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos nestas bases e demais normativa aplicable, poderá dar lugar á esixencia de responsabilidades e á devolución, no seu caso, das cantidades percibidas. As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación. ------ Folla: 3.5060.- BASES PREMIOS Á INVESTIGACIÓN 2004 Sr. Presidente.- Punto número 3 da orde do día. Bases Premios á Investigación 2004. Sr. Durán Hermida. Sr. Durán Hermida.- Si, bos días Sr. Presidente. Bos días señoras e señores Deputados. Trátase dunha nova convocatoria destes premios, que foron creados no ano 1976, onde nunha primeira instancia estaban vencellados fundamentalmente a cuestións de investigación e despois, no ano 80, se crearon premios que pasaron a ser becas tamén. A única diferencia respecto ó texto do ano pasado é nos apartados d) e e), no que se refire a teses, ó incrementar a súa dotación en 300 euros en cada un dos casos. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Procedemos á votación das bases dos Premios de Investigación ano 2004. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. Tódolos grupos a favor. De conformidade co dictame favorable da Comisión Informativa de Cultura, o Pleno acorda por unanimidade, aprobar as bases para Premios á Investigación 2004, que son do seguinte teor: CONVOCATORIA DE PREMIOS Á INVESTIGACIÓN 2004 A Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, dentro das súas múltiples actividades no ámbito da cultura, vén dando preferencia especial a quen se dedica a tarefas de investigación co fin de estimular e premiar traballos que, sen dúbida, redundarán no beneficio do progreso e do benestar social. Consciente da importancia de todo isto, e seguindo a traxectoria emprendida dende hai anos, convoca os Premios á Investigación 2004, que se rexerán polas seguintes BASES Primeira.- A convocatoria ten por obxecto conceder os seguintes premios: a) Un de 3.000 ¤ para traballos sobre Ciencias e Tecnoloxía. b) Un de 3.000 ¤ paara traballos sobre Humanidades e Ciencias Sociais. c) Un de 6.000 ¤ para traballos de calquera especialidade e tema libre referidos á provincia de Pontevedra. d) Un de 1.500 ¤ para teses de doutoramento sobre Ciencias e Tecnoloxía e outro de 1.500 ¤ para teses de doutoramento sobre Humanidades e Ciencias Sociais. e) Un de 1.200 ¤ para proxectos de fin de carreira sobre Ciencias e Tecnoloxía e outro de 1.200 ¤ para teses de licenciatura (tesinas) ou proxectos de fin de carreira sobre Humanidades e Ciencias Sociais. As teses e proxectos presentados nos apartados d) e e) tiveron que ser defendidos nos anos 2003/04 en calquera dos campus das universidades galegas, ou noutras universidades, por licenciados desta institución galega, sempre que versasen sobre temáticas galegas, acreditándose dita circunstancia coa correspondente certificación académica. INVESTIGACIÓN XUVENIL a) Un de 1.500 ¤ para traballos sobre Ciencias e Tecnoloxía. b) Un de 1.500 ¤ para traballos sobre Humanidades e Ciencias Sociais. Enténdese como investigador xuvenil todo concursante que na data da conclusión do prazo desta convocatoria non supere a idade de 26 anos. Os citados premios financiaranse con cargo á partida 04/451.451.481.01 do vixente orzamento provincial. Segunda.- Os traballos deberán ser de investigación, inéditos e redactados especificamente para a convocatoria en calquera dos idiomas oficiais vixentes na Comunidade Autónoma Galega. Realizaranse por triplicado e a máquina xunto co currículo e méritos do autor ou autores, facendo constar expresamente que non é tese ou tese de licenciatura, nin que foi presentado ou lido como tal. Un mesmo traballo non se poderá presentar a diversos epígrafes. Para garantir o seu anonimato proporanse "baixo un lema" sen que conste a identificación do seu autor. As teses, teses de licenciatura e proxectos de fin de carreira presentaranse por duplicado e co seu título orixinal. Terceira.- As instancias para tomar parte no concurso dirixiranse ó Ilmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, e presentaranse no Rexistro Xeral deste organismo ata o 31 de outubro de 2004, especificando o premio ó que se opta. Cuarta.- A selección e proposta da concesión de premios encoméndaselle a un xurado integrado polos seguintes membros: Presidente: O titular da Deputación ou deputado en quen delegue. Vocais: O presidente da Comisión de Cultura. Tres profesores nomeados pola Universidade de Vigo. Un representante da UNED. Un representante da Misión Biolóxica de Galicia. Un representante da Real Academia Galega de Ciencias. Tres persoas nomeadas pola Presidencia de recoñecido prestixio no eido da investigación. Secretario: O titular da Corporación ou funcionario en quen delegue. Este xurado, que non poderá constituirse nin actuar sen contar coa asistencia de máis da metade dos seus membros, resolvendo todas as incidencias que se presenten, e sendo as súas decisións inapelables, poderá solicitar a axuda de asesores especialistas en cada materia. Quinta.- O xurado cualificará o concurso coa maior amplitude de criterios, valorando a orixinalidade, obxectivos que pretende, método seguido, resultado, conclusións e aplicación práctica e currículo do autor, dando prioridade ós temas relacionados coa provincia de Pontevedra e con Galicia, eliminando aqueles traballos que non poidan catalogarse como de investigación específica e propoñendo o seu veredicto para a súa ratificación por parte do Ilmo. Sr. Presidente ou órgano competente en quen delegue. Sexta.- Durante o prazo dun ano, a partir da emisión do fallo, a Deputación resérvase o dereito de publicar os traballos, transcorrido este e coa autorización deste organismo, poderá facelo o autor pola súa conta. A concesión do premio non implica a perda da propiedade intelectual. Aqueles que non foran galardoados poderán retirar os traballos no Servizo de Cultura desta Deputación, no prazo de tres meses, contados dende a resolución do concurso, pasados os cales, quedará exenta a responsabilidade das devolucións non solicitadas. ------ Folla: 4.5061.- PROTOCOLO XERAL DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE A TRAVÉS DA SÚA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA LEVAR A CABO A LIMPEZA DO RÍO UMIA DENDE O NÚCLEO DE CALDAS DE REIS ATA A DESEMBOCADURA Sr. Presidente.- Punto número 4 da orde do día. Protocolo Xeral de Colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente a través da súa Administración Hidráulica e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para levar a cabo a limpeza do Río Umia dende o núcleo de Caldas de Reis ata a súa desembocadura. Sra. Canal Gómez. Sra. Canal Gómez.- Bos días a todos e todas. Este Protocolo ya fue a Comisión Informativa y fue dictaminado en la misma. El objeto del mismo es que la Diputación Provincial de Pontevedra se comprometa a conseguir, en la medida que sea necesario para la normal ejecución de los trabajos, cuantos permisos y autorizaciones sean necesarios para llevar a cabo las actuaciones objeto del Convenio. Así mismo, la Diputación se compromete a formalizar los desembolsos económicos comprometidos en el Convenio a medida que se le solicite por el órgano encargado de la obra. El presupuesto de la actuación son 200.000 Euros de los cuáles 30.000 los aporta la Diputación, y ya existe una habilitación de crédito aprobada en el Pleno de 31 de marzo del 2004. Esta colaboración interinstitucional es derivada de la peculiaridad de la zona, ya que con las crecidas del río son frecuentes las inundaciones. Esta es la finalidad y el objetivo de este convenio. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sra. Canal Gómez. ¿Algunha intervención?. Non hai intervencións. Polo tanto procedemos á votación deste punto. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. A favor todos os grupos. Visto o Protocolo Xeral de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, a través da súa Administración Hidráulica, e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra para a limpeza do Río Umia dende o núcleo de Caldas de Reis ata a súa desembocadura, visto así mesmo o dictame da Comisión Informativa de Medio Ambiente e Urbanismo, de data 19 de maio de 2004, emitido cos votos a favor do PP e PSOE e a abstención do BNG, o Pleno da Corporación acorda por unanimidade aprobar a certificación solicitada por Augas de Galicia, que di: Dada a natureza da actuación, consistente na limpeza, mantemento e reposición ordinaria do cauce, para facilitar o curso das augas e o mantemento das condicións do ecosistema así como o uso racional do entorno fluvial, que excluen a necesidade de ocupación permanente de terreos de particulares, a Deputación Provincial de Pontevedra comprométese a conseguir, a medida que sexa necesario para a normal execución dos traballos, cantos permisos e autorizacións sexan necesarias para levar a cabo as actuacións obxecto do convenio. Así mesmo a Deputación comprométese a formalizar os desembolsos económicos comprometidos no convenio, a medida que se lles solicite polo órgano encargado da obra. Dito Protocolo Xeral de Colaboración é como segue: PROTOCOLO XERAL DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, A TRAVÉS DA SÚA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA, E A Excma. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA LEVAR A CABO A LIMPEZA DO RIO UMIA DENDE O NÚCLEO DE CALDAS DE REIS ATA A SÚA DESEMBOCADURA En Santiago de Compostela, a 9 de marzo do 2004. Dunha parte o Excmo. Sr. D. Xosé Manuel Barreiro Fernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, actuando no nome e representación da Xunta de Galicia en virtude das facultades atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, en relación co establecido no Decreto 14/2002, de 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente. Doutra o Ilmo. Sr. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación de Pontevedra, actuando en nome e representación da meritada Deputación, en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e do acordado polo Pleno desta. EXPOÑEN A Lei 8/1993, de 23 de xuño, reguladora da Administración Hidráulica de Galicia, establece que a Comunidade Autónoma exerce as súas competencias e funcións en materia de augas e de obras hidráulicas a través dos órganos administrativos e entes públicos que integran a súa Administración Hidráulica, precisando, a estes efectos, no seu artigo 2, que son órganos administrativos xerais o Consello da Xunta de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, e que son entes especiais da dita Administración Hidráulica o Organismo Autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos adscrita. As actuacións que se pretenden levar a cabo son de importancia para os concellos da conca do río Umia e co obxectivo de acelerar no posible a súa realización, elabórase o presente Protocolo Xeral de Colaboración que, tendo en conta as competencias da Deputación e da Comunidade Autónoma de Galicia na materia, permite a colaboración interinstitucional e amortiza o impulso inversor das Administracións participantes. O prazo que o Protocolo Xeral de Colaboración establece para desenvolver as actuacións é o mínimo que esixe a súa magnitude e complexidade, tendo en conta a necesidade duns tempos de maduración técnica dos proxectos e da súa tramitación administrativa, que se engadirá ós do proceso de licitación e execución das obras. Sobre a base de todo o anterior, considerándose con capacidade legal suficiente para subscribir o presente documento, D. Xosé Manuel Barreiro Fernández, Conselleiro de Medio Ambiente, no exercicio das competencias da Xunta de Galicia recollidas na Constitución, artigo 148, o Estatuto de Autonomía para Galicia, e as derivadas dos Reais Decretos 1870/1985, de 11 de setembro e 2792/1986, de 30 de decembro sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma en materia de obras hidráulicas. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación de Pontevedra, actuando en nome e representación da meritada Deputación, en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e do acordado polo Pleno desta. ACORDAN Levar a cabo, de forma coordinada e en colaboración, as seguintes actuacións: S Limpeza do río Umia dende Caldas de Reis ata a súa desembocadura. Para iso, teranse en conta as seguintes: ESTIPULACIÓNS Primeira.- As actuacións obxecto do presente Protocolo Xeral de Colaboración son as seguintes: - Desbroce da maleza, retirada de troncos, pólas e tocóns das árbores existentes nas marxes do río, corta e poda daquelas árbores situadas na ribeira do leito, arranque de tocóns existentes no leito, retirada de escombros, lixos e en xeral todo material sólido estraño, retirada de obstáculos e retirada de sedimentos acumulados nas marxes, ó longo duns 24,55 km. do río Umia. Ademais das obras mencionadas, o presente Protocolo Xeral de Colaboración recolle todas aquelas actuacións complementarias necesarias para facer efectiva a execución das obras, é dicir, os estudios, proxectos, direccións de obra e asistencias técnicas. Segunda.- As Administracións intervinientes comprométense a realizar os trámites necesarios para levar a cabo as actuacións previstas na estipulación primeira durante o marco temporal de programación de financiamento dos Fondos Comunitarios. Terceira.- As actuacións deste Protocolo Xeral de Colaboración, financiaranse como segue: a) A Consellería de Medio Ambiente, a través da súa Administración Hidráulica financiará, o 85% das obras de "Limpeza do río Umia dende Caldas de Reis ata a súa desembocadura", cun investimento de 170.000,00 ¤. b) A Deputación de Pontevedra financiará o 15% das obras de "Limpeza do río Umia dende Caldas de Reis ata a súa desembocadura", resultando un investimento de 30.000,00 ¤. As actuacións deste Protocolo Xeral de Colaboración ascenden a un investimento total aproximado de 200.000,00 ¤. Cuarta.- As direccións de obra e calquera outra asistencia técnica necesaria para dar adecuado cumprimento ó obxecto do Protocolo Xeral de Colaboración financiaranse pola Administración Hidráulica de Galicia. Quinta.- A Deputación de Pontevedra realizará a totalidade das xestións administrativas recollidas, incluída a posta a disposición da Consellería de Medio Ambiente, libres de cargas e gravames, dos terreos necesarios para executar as actuacións anteriores. Sexta.- A Consellería de Medio Ambiente licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra de tódalas actuacións que se compromete a financiar no Protocolo Xeral de Colaboración ata a súa terminación definitiva. Sétima.- A vixencia do presente Protocolo Xeral de Colaboración estenderase a todo o período de execución das obras hidráulicas a que o mesmo se refire. Tamén poderá extinguirse por algunha das seguintes causas: a) O mutuo acordo das partes que o suscriben. b) A entrada en vigor de disposicións legais ou regulamentarias que determinen a súa extinción. Nestes casos establecerase, en función da causa concreta de extinción e á vista da situación particular das actuacións en curso, a forma de terminación das mesmas. Oitava.- Estableceranse acordos específicos entre a Consellería de Medio Ambiente e a Deputación de Pontevedra para levar a cabo as actuacións deste Protocolo Xeral de Colaboración en función das dispoñibilidades económicas e orzamentarias, que en todo caso se someterán ás estipulacións acordadas no presente documento. Novena.- As actuacións derivadas deste protocolo executaranse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias. Manifestando a súa conformidade con todo o anterior, asinan o presente documento, no lugar e data referidos no encabezado. O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE,Asdo.: Xosé Manuel Barreiro Fernández O PRESIDENTE DA DEPUTACION DE PONTEVEDRA,Asdo. Rafael Louzán Abal ------ Folla: 5.5062.- ADHESIÓN DO CONCELLO DE SOUTOMAIOR Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN EN MATERIA CATASTRAL Sr. Presidente.- Punto número 5 da orde do día. A adhesión do Concello de Soutomaior ó Convenio de colaboración en materia catastral. Se non hai intervencións procedemos á súa votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Tódolos grupos. Visto o acordo do Consello de Administración do ORAL, adoptado na sesión do día 26 de marzo de 2004, polo que se acepta a petición do Concello de Soutomaior de adhesión ó Convenio de colaboración en mateira de xestión catastral subscrito entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación Provincial de Pontevedra (ORAL) o 13 de xuño de 2001, solicitada por acordo da Xunta de Goberno do Concello de Soutomaior, en sesión do día 12 de febreiro de 2004, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, ratificar o referido acordo do Consello de Administración do ORAL, aceptando a adhesión do Concello de Soutomaior ó Convenio de colaboración en materia de xestión catastral. ------ Folla: 6.5063.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MONDARIZ A FAVOR DO ORAL PARA A XESTIÓN, INSPECCIÓN E RECADACIÓN DE DIVERSAS TAXAS, DO IVTM E DAS MULTAS EN EXECUTIVA Sr. Presidente.- O punto número 6. Delegación de competencias do Concello de Mondariz a favor do ORAL para a xestión, inspección e recadación de diversas taxas, do IVTM e das multas en executiva. Se non hai intervencións procedemos á votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Todos a favor. Visto o acordo do Consello de Administración do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 26 de marzo de 2004, sobre aceptación da delegación do Concello de Mondariz para a xestión, inspección e recadación das taxas por auga, recollida de lixo, sumidoiros e entrada de vehículos, así como do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e das multas en executiva, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de xestión, inspección e recadación das taxas por auga, recollida de lixo, sumidoiros e entrada de vehículos, así como do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e das multas en executiva, realizou o Concello de Mondariz, por acordo do Pleno de data 28 de febreiro de 2004, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 7 do citado Real Decreto Lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 7.5064.- DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS DO CONCELLO DE TOMIÑO A FAVOR DO ORAL PARA A XESTIÓN, LIQUIDACIÓN, INSPECCIÓN E RECADACIÓN DA TAXA POLO SERVIZO DE SUMIDOIROS Sr. Presidente.- Punto número 7. Delegación de competencias do Concello de Tomiño a favor do ORAL para a xestión, liquidación, inspección e recadación da taxa polo servizo de sumidoiros. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Todos a favor. Visto o acordo do Consello de Administración do ORAL (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra), de data 26 de marzo de 2004, sobre aceptación da delegación do Concello de Tomiño para xestión, liquidación, inspección e recadación da taxa polo servizo de sumidoiros, o Pleno, de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por unanimidade, aceptar, de conformidade co previsto no artigo 7.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, a delegación na Deputación Provincial de Pontevedra-ORAL, que en materia de xestión, liquidación, inspección e recadación da taxa polo servizo de sumidoiros, realizou o Concello de Tomiño, por acordo do Pleno de data 28 de febreiro de 2004, seguindo o establecido nos artigos 106.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e 7 do citado Real Decreto Lexislativo 2/2004. A citada delegación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, tal como determina o meritado artigo 7.2 "in fine". ------ Folla: 8.5065.- EXPEDIENTE DE SUPLEMENTO DE CRÉDITO NÚMERO 1/2004 DO CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL "FOGAR PROVINCIAL" Sr. Presidente.- Punto número 8 da orde do día. Expediente de suplemento de crédito número 1/2004 do Centro de Formación Profesional "Fogar Provincial". Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Bos días. Gracias Sr. Presidente. É unha modificación nun centro que ten un Patronato que non se reuniu, que nós sepamos, e parece un pouco raro, e suponse que quen tería que solicitar este suplemento de crédito, que son 25.500 euros para unha bolsa de traballo, tería que ser o propio centro a través do seu Patronato, cousa que non sucedeu. Advertímolo o outro día na Comisión e está sen subsanar, polo tanto vámonos abster. Sr. Presidente.- Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- Nós en principio vamos absternos porque esto formaría parte dos documentos do orzamento. É unha modificación e nós naquel momento votamos en contra. Realmente estamos de acordo co fin e vámonos abster. Sr. Presidente.- Sr. Figueroa Vila. Sr. Figueroa Vila.- Si, é certo, xa se deron as directrices ó Padroado para que se reúna. Xa se lle deron as directrices para que a próxima vez, primeiro se tome a decisión no propio Padroado, se leve á Comisión e se traia ó Pleno. Sr. Presidente.- Bueno, se deixa na Mesa, ou sexa que non hai ningún problema. Sr. Figueroa Vila.- Si, Sr. Presidente, eu creo que é mellor deixalo pendiente. Sr. Presidente.- Bueno, pois se retira da orde do día ata que se tramite correctamente. Retírase da orde do día, quedando pendiente sobre a Mesa, o expediente de suplemento de crédito nº 1/2004 do Centro de Formación Profesional "Fogar Provincial", ata que se presente polo propio Padroado do Centro e se dictamine pola Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo. ------ Folla: 9.5066.- EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS NÚMERO 2/2004 Sr. Presidente.- Punto número 9. Expediente de modificación de créditos número 2/2004. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Estamos ante un expediente de modificación de créditos coma outros moitos, exactamente cos mesmos vicios e a mesma maneira de funcionar, por desgracia. En primeiro lugar sorprende a contía, que se leva practicamente a mitade da famosa partida 511.511.210, eso que se chama infraestructuras e vías públicas, en fin, como se queira chamar, chapapote, que se leva practicamente a mitade da modificación. Pero a maiores aparecen un par de partidas moi relevantes nas que non se dá, como é habitual, ningunha explicación, e das que nos gustaría que se dera a explicación neste Pleno, non porque supoñamos ou presupoñamos que a finalidade sexa boa ou sexa mala, senón porque no expediente non aparece exactamente que finalidade e en que forma se vai a facer. Unha é para a Asociación de Fomento da riqueza forestal de Galicia e outra é para o Consello Regulador Rías Baixas. Son 180.000 e 300.000 Euros. Se está pedindo información sobre o seu coñecemento. Agardo que esta vez se nos conteste dende o grupo de goberno dunha maneira razonable e non coma outras veces que xa o saberemos cando corresponda. Polo demais, repito, é unha modificación coas mesmas maneiras de funcionar de sempre, que nós non compartimos, e agardo as explicacións que nos poidan dar con respecto a estas dúas partidas que é información fundamentalmente. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- O importe total son practicamente 2.600.000 Euros, e deses 2.600.000 Euros, 1.387.000 van a Vías e Obras e 578.000 ó Servizo Agrario para os fins que dicía o anterior Portavoz. Realmente estamos falando de practicamente a totalidade do expediente. Eu creo que non é a primeira vez que o dicimos aquí e seguimos insistindo no tema, é dicir, cando a tan curto prazo dende a aprobación do orzamento aparecen insuflando cantidades deste tipo, esto obedece fundamentalmente a unha cousa, que é a falta de previsión. Eu non estou dicindo que non haxa que facer unha modificación de crédito nin expedientes deste tipo. Cando se dá sistematicamente, Pleno tras Pleno, antes de nada hai que empezar a explicarnos o por que, por parte do Grupo de goberno, e o Grupo de goberno terá que empezar a dicir por que gran parte destas cantidades non forman parte de plans da Deputación, que teñen unhas bases, malas ou boas, pero téñennas. Nós votamos en contra do orzamento e vamos a seguir mantendo o voto a este tipo de historias, salvo que o Grupo de goberno nos explique por que sistematicamente Pleno tras Pleno tiveron unha falta de previsión en Vías e Obras e están insuflando máis cartos aí. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. González. Sr. Figueroa. Sr. Figueroa Vila.- Se vostede repasa todas as partidas, as partidas son demandas de colectivos da provincia, é dicir, a maior parte delas están dirixidas a potenciar, a promocionar certos sectores. Tamén, por suposto, hai unha aplicación importante para Vías e Obras, porque esa é unha demanda, é unha necesidade que ten a provincia continuamente, e é o diñeiro mellor invertido, diñeiro que se ve, que está aí, que se mellora a calidade das infraestructuras viarias que temos na nosa provincia e eu creo que nadie pode estar en contra do destino deses cartos. Moitas veces se fala que ás veces os diñeiros van en gasto corrente superfluo, un gasto corrente que non ten unha finalidade concreta. Se vostedes repasan todas as partidas que veñen nesta modificación, se ve claramente que teñen un destino para mellorar colectivos e potenciar e promocionar certos sectores, tanto sociais, empresariais, como económicos da nosa provincia, e ó final eso é o que temos que pretender todos os grupos políticos, e por suposto o goberno da Deputación debe invertir da mellor maneira, buscar a máxima rendabilidade posible dos cartos de todos os cidadáns. En canto ó que me preguntaba o Sr. Mosquera, eu creo que son quizáis dúas partidas que reflexan a filosofía ou forma de actuar do goberno, dirixidos a unha serie de políticas de certos sectores da nosa provincia. Primeiro ese convenio co Consello Regulador para a promoción do noso producto. Vostedes están vendo continuamente a promoción dos productos tanto doutras comunidades coma doutras provincias ou doutras cidades, e que mellor que aproveitar unha situación como se produxo. Moitas veces o diñeiro que se invirte hai que ter tamén a motivación, o momento oportuno para poder facelo, é dicir, o Consello Regulador nestes últimos días tivo unha ocasión importante de promocionar o seu producto que foi na boda real. Eu creo que esa política de darlle continuidade a esa promoción hai que aproveitala e o mellor momento é este; é o momento puntual e excepcional de facer unha promoción a nivel nacional do producto Rías Baixas, que ó final, dunha maneira ou doutra, tamén estamos vendendo ás Rías Baixas, promocionando e dándolle publicidade a nivel nacional. O convenio con AFRIFOGA é para facer unha serie de documentación, consolidar a defensa dos montes veciñais cos comuneiros. Son 180.000 Euros para todo o estudio do espacio natural, de usos, cultivos, aproveitamentos, o estudio climático. A nadie se lle escapa a realidade social que ten a nosa provincia coas comunidades de montes e o que significa nestes momentos. Esa segunda partida é para facer un convenio con AFRIFOGA para facer un estudio da situación de todos os nosos montes. Eu creo que se en toda esta modificación hai dúas partidas que son importantes nestes momentos, son estas. Esa é a explicación que lle temos que dar. Despois hai outras máis para temas sociais, temas deportivos, temas culturais, de xuventude, rexeneración de espacio natural en Ponte Arnelas. Tamén un tema importante que é o catálogo de estradas e o plan de equipos desta Deputación, é dicir, eu creo que hoxe en día temos que intentar xa modernizarnos, poñernos ó día, e ter unha información actualizada de todas as nosas infraestructuras. Se vostedes fan un repaso, volvo a repetirlle que é a conclusión máis importante, estamos invertindo, buscando a máxima rendabilidade social de sectores ós que en momentos excepcionais hai que votarlles unha man e eu creo que ás veces hai que aproveitar esas correntes, incluso mediáticas, para que eses productos se poidan poñer no mercado e poidamos ter unha maior repercusión que se ó mellor tivésemos que facer unha campaña ou unha promoción puntual de calquera deses productos, pois sería totalmente imposible se non encontrásemos un momento excepcional como se produxo durante estes días. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Figueroa. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Por unha vez nos explica o que é, outra cousa é que nos convenza, pero algo avanzamos. En todo caso dicir que sen entrar a discutir esas dúas partidas nin o resto do fondo, insistimos no mesmo de sempre, é dicir, aquí hai un orzamento aprobado, aprobado dunha maneira, bueno, como vostedes entenderon, e hai unha maneira de xestionalo que non compartimos en absoluto e que lle faltan unhas prioridades claras. Un día nos di que é prioritario A, outro día B, e outro día C, todo é prioritario, todo é absolutamente prioritario neste totum revolutum, e ó final o que sigue resaltando é o de sempre, ou sexa, máis chapapote, máis para A, para B, ou para C, segundo toque, pero cunhas constantes que nós non compartimos e polo tanto vamos a votar en contra da modificación no seu conxunto, salvando algunhas partidas que non vamos a entrar a analizar polo miúdo porque non é a cuestión agora; virán no seu momento, supoño, estes convenios e demais e xa nos pronunciaremos no seu momento. Pero o que é a modificación en si vamos votar en contra. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Polo tanto procedemos á votación do punto número 9, expediente de modificación de créditos. ¿Votos en contra?. O Grupo Socialista e o BNG. ¿Abstencións?. ¿A favor?. O Partido Popular. Visto o expediente de modificación de créditos nº 2/2004, dentro do vixente orzamento provincial, por un importe total de 2.599.623,87 Euros, motivado pola necesidade de realizar gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte, e ó non existir consignación suficiente no estado de gastos do orzamento corrente financiarase da seguinte forma: - Os suplementos de crédito por importe de 2.351.466,31 Euros e os créditos extraordinarios por importe de 248.157,56 Euros, con cargo ó remanente de Tesourería dispoñible, sendo o importe total do remanente utilizado de 2.599.623,87 Euros. - A transferencia de crédito por importe de 4.200,00 Euros na partida 04/122.121.625.01 finánciase da partida 04/122.314.165.00, que minora o seu importe por dito crédito. O Pleno de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo, acorda por maioría de votos do Grupo Popular e cos votos en contra do Grupo Socialista e do BNG, aprobar o expediente de modificación de créditos número 2/2004, que resumido por capítulos presenta a seguinte estructura: Capítulo 1º Gastos de persoal 144.105,84 Euros Capítulo 2º Gastos en bens correntes e de servizos 1.461.607,38 Euros Capítulo 4º Transferencias correntes 765.000,00 Euros Capítulo 6º Investimentos reais 165.024,53 Euros Capítulo 7º Transferencias de capital 63.886,12 Euros Total expediente 2.599.623,87 Euros Dito expediente exporase ó público, a efectos de reclamacións, por un período de quince días hábiles, quedando definitivamente aprobado en caso de non producirse estas. ------ Folla: 10.5067.- RESOLUCIÓN DA ALEGACIÓN Ó PROXECTO DE "ENSANCHE, PAVIMENTACIÓN E DOTACIÓN DE SERVIZOS EN "VIRXE DAS MAREAS (O GROVE)". APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO. DECLARACIÓN DE NECESIDADE DE OCUPACIÓN. APROBACIÓN DEFINITIVA DA RELACIÓN DE BENS E PROPIETARIOS AFECTADOS Sr. Presidente.- Punto número 10 da orde do día. Resolución da alegación o proxecto de "Ensanche, pavimentación e dotación de servizos en Virxe das Mareas (O Grove)". Aprobación definitiva do proxecto. Declaración de necesidade de ocupación e aprobación definitiva da relación de bens e propietarios afectados. Non hai ningunha intervención. Polo tanto procedemos neste caso á resolución desta alegación e ademais hai un único só afectado e que en principio pois é unha actuación que neste momento xa está adxudicada por parte desta casa, ou sexa que xa está todo o procedemento en marcha para que se inicie ademais canto antes esta obra. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Todos a favor. O proxecto de "Ensanche, pavimentación e dotación de servizos en Virxe das Mareas (O Grove)", con orzamento para coñecemento da Administración de 470.240,54 Euros, desglosado en orzamento de execución por contrata por importe de 463.956,84 Euros, e capítulo de expropiacións por importe de 6.283,70 Euros, aprobouse inicialmente en virtude de acordo do Pleno desta Deputación Provincial, en sesión de 30-12-2003, expoñéndose ó público mediante edicto publicado no Boletín Oficial da Provincia nº 29 de 12-02-2004, a efectos de posibles reclamacións, e iniciándose respecto a este un expediente de urxente ocupación perante a Consellería de Xustiza, e como queira que durante o período de información pública presentouse alegación por D. Pedro Alvarez Prol, con base no informe emitido o 14-05-2004 polo Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Norte, e para dar continuidade ó expediente expropiatorio, acórdase por unanimidade: 1.- Desestimar a alegación de D. Pedro Alvarez Prol (DNI 35.387.399), con base no informe técnico de 14-05-2004 do Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Norte, toda vez que a parcela do alegante atópase ubicada nun tramo da estrada de Virxe das Mareas, onde a regulamentación aplicable é a ordenanza provincial, a contrario sensu do tramo anterior do vial suxeito ó Planeamento Municipal de O Grove, e dado que a anchura de 12 m. que se pretende dar ó vial é a mínima para calquera estrada de dobre dirección, con beirarrúas e aparcamento. 2.- A aprobación definitiva do proxecto "Ensanche, pavimentación e dotación de servizos en Virxe das Mareas (O Grove)" con orzamento para coñecemento da Administración de 470.240,54 Euros, desglosado en orzamento de execución por contrata por importe de 463.956,84 Euros, e capítulo de expropiacións por importe de 6.283,70 Euros. 3.- A declaración de necesidade de ocupación dos terreos e bens afectados por tal obra. 4.- A aprobación definitiva da relación de bens e propietarios afectados segundo o seguinte detalle: Nº Finca Propietario Bens afectados 1-E PEDRO ALVAREZ PROL 33m² de terreo R/Sineiro, 18, O Grove 20,46 m. de valo 2-E PEDRO ALVAREZ PROL 19,05 m² de terreo R/Sineiro, 18, O Grove 19,30 m. de valo con elementos decorativos Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que o dictou, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación deste acordo, ou ben recurso contencioso-administrativo no prazo e perante os órganos que determina o artigo 46.1 da Lei da Xurisdicción Contencioso-Administrativa. ------ Folla: 11.5068.- SOLICITUDE DE CAMBIO DE APLICACIÓN DA OBRA Nº 15 DO CONCELLO DE COVELO INCLUÍDA NO PPC/2004 Sr. Presidente.- Punto número 11 da orde do día. Solicitude de cambio de aplicación da obra nº 15 do Concello de Covelo incluída no PPC/2004. Non hai intervencións. Polo tanto procedemos á súa votación. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. ¿A favor?. Todos a favor. De conformidade co dictame da Comisión Informativa de Cooperación e Mancomunidades, o Pleno acorda por unanimidade aprobar o cambio de aplicación da obra nº 15, incluída no PPC 2004, denominada "Cemiterio Municipal de Godóns", por un importe de 61.519,80 Euros, polas actuacións complementarias números 8 e 10, denominadas "Cemiterio Municipal de Barciademera" e "Cemiterio municipal de Santa Marina", co financiamento da anterior e detalladas a continuación: - Cemiterio Municipal de Barciademera: Aportación do Estado (MAP) 12.207,92 Euros Aportación da Deputación 9.155,94 Euros Aportación do Concello 9.155,94 Euros Total 30.519,80 Euros - Cemiterio Municipal de Santa Marina: Aportación do Estado (MAP) 12.400,00 Euros Aportación da Deputación 9.300,00 Euros Aportación do Concello 9.300,00 Euros Total 31.000,00 Euros ------ Folla: 12.5069.- CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E O EXCMO. CONCELLO DE A ESTRADA PARA A REALIZACIÓN DO PROXECTO "A ESTRADA DIXITAL" Sr. Presidente.- Punto número 12 da orde do día. Convenio de colaboración entre a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e o Excmo. Concello de A Estrada para a realización do Proxecto " A Estrada Dixital". Como hai informes que non nolos pasaron aínda e un que evidentemente recolle que hai algunha cousa que corrixir o Partido Popular propón que se retire este punto da orde do día. Retírase da orde do día por falta de algún informe, asunto relativo ó Convenio de colaboración entre a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e o Excmo. Concello de A Estrada para a realización do proxecto "A Estrada Dixital". ------ Folla: 13.5070.- MOCIÓN DA PRESIDENCIA PARA A CREACIÓN DUN CONSORCIO ENTRE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL E O CONCELLO DE COVELO PARA O DESENVOLVEMENTO E XESTIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL EN DITO TÉRMINO MUNICIPAL Sr. Presidente.- Punto número 13. Moción da Presidencia para a creación dun Consorcio entre a Deputación Provincial e o Concello de Covelo para o desenvolvemento e xestión do Polígono Industrial en dito término municipal. Sr. Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Ben, esta Moción da Presidencia é similar á que no seu día veu para o Consorcio dos Concellos de Barro e Meis. Como a Deputación quere facer este tipo de actuacións porque entende que dentro das nosas competencias unha que pode ser importante e de vital capital importancia para a provincia é a promoción de solo industrial, non cabe dúbida que a nosa intención é seguir por esa liña. Agora ben, parece ser que hai outra serie de Concellos, grupos de Concellos nalgúns casos, interesados tamén en que se poida utilizar esta vía para prover eses Concellos, ou esas áreas de Concellos, de solo industrial. A verdade é que cando se empezou co de Barro parecíanos ben ou pareceulle ben ós técnicos e máis a nós a figura da creación dun Consorcio. Como queira que esto vai en cascada e entendemos que é unha iniciativa que vamos a levar para adiante e van a ser moitos os Consorcios, a verdade é que vai ser unha lata, e neso coincidimos con algún dos grupos da oposición, a creación de tantos Consorcios, porque á hora de tomar decisións hai que poñer sempre en marcha un mecanismo complexo de convocar concelleiros, deputados, etc., e para tratar de facer eso máis sinxelo, estamos estudiando a posibilidade da creación dun Instituto, que xa terá o seu nome no seu día, de promoción económica ou como lle queiramos chamar, un Instituto de desenvolvemento da provincia. Hai outras Deputacións que teñen Institutos similares. O que queremos é crear un Instituto que valga non só para a creación de solo industrial senón para outras cousas. Mentres tanto os nosos técnicos están elaborando un proxecto para traer a este Pleno. O que propoñemos hoxe é a aprobación inicial deste Consorcio, toda vez que cando se cre ese Instituto absorba este Consorcio, absorba tamén o de Barro-Meis, e se integren todas as actuacións similares nese Instituto. Non se trata de competir con ninguén, senón que se trata de facer máis operativa unha fórmula que vía Consorcio ía a ser moito máis engorrosa á hora de darlle axilidade. Así que a nosa proposta é poñer en marcha este Consorcio de Covelo, e cando teñamos xa preparada toda a documentación, a creación dese Instituto. Sr. Presidente.- Moitas gracias. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Alégrome, xa fixo referencia o Sr. Crespo, de que se tivera tido en conta a suxerencia ou aportación deste grupo político á hora da xestión dos polígonos industriais. Ben, dito esto, o que si queremos ó fío das declaracións que acaba de facer o Sr. Crespo, é que se estudie con suficiente seriedade e non collamos unha vía errónea. A vía do Consorcio está contemplada na lexislación urbanística, pero como Consorcio urbanístico. En principio, no caso de Barro e Meis, é unha fórmula válida, quizáis non a mellor, ou pudera haber outras, incluso mixtas, que o Consorcio fora só de Barro e Meis, e despois que esa sociedade entrara. O que si está claro é que o Consorcio é unha figura complexa, unha figura latosa, é unha figura que está contemplada para situacións moi determinadas. Crealas de maneira masiva, xenérica, e para polígonos como este de Covelo, que non dubidamos da súa necesidade e importancia, dunha entidade relativamente pequena, parece absolutamente excesivo. De todas maneiras, repito, enfoquemos ben o asunto. Está claro que hai unha sociedade que actúa en toda Galicia, que é Xestur; está claro que por necesidades, dificultades ou prioridades diferentes na provincia de Pontevedra en conxunto temos nestes momentos serias dificultades para xestionar os polígonos industriais, e tamén é certo que Xestur non é ningún paradigma de axilidade. Nestes momentos, e polo menos durante un período, poderá ser o que sexa, o tempo o determinará, cremos que non é só oportuno, senón que é necesario e urxente que a Deputación entre a resolver ou a axudar a resolver este problema. Pero as cuestións urbanísticas conceptualmente son moi fáciles, pero de tramitación son francamente difíciles e hai figuras xa contempladas na Lei e polo tanto estudiense e non se vaia por outros mecanismos, que poidan quedar moi monos pero que na práctica poidan resultar ineficientes. Un Instituto de desenvolvemento da provincia, cun ámbito moi xenérico, ten unhas funcións, unha sociedade pública, unha sociedade mercantil; está contemplada na Lei, e ten que ter un capital, como mínimo un 51% público, adicado única e exclusivamente á execución do planeamento da xestión urbanística. Ten outras funcións e chegaría de sobra, e boa falta faría, só adicarse a eso. Eu vexo o perigo de que desenfoquemos outra vez e vaiamos por unha vía que ó final se demostre pouco operativa. Se realmente o que se quere é promocionar polígonos industriais, porque en vivendas en principio parece que non se quere entrar, só adicarse á xestión urbanística e só un aspecto da xestión urbanística, que serían os polígonos industriais, hai tela de sobra como para adicarse só a eso. Non abrir demais o abano porque podemos ó final demostrar que é inoperativo. A idea de crear un Instituto de desenvolvemento da provincia será unha cuestión que haberá que estudiar no seu momento e me parece un pelín desenfocado con respecto a esto, con respecto ó que é a xestión urbanística de algo tan complexo como todos os plans parciais, expropiacións, tramitacións varias, que necesitan persoal cualificado e unha adicación tan elevada que un Instituto xenérico ó final probablemente non fose a figura máis axeitada. Nós íamos a pedir que este tema quedara sobre a Mesa; agora, se nos pon na tesetura de dicir aprobémolo, se despois o executamos ben, e se non o executamos será porque hai outra figura que o sustitúa, para non perder prazos e tempo, pois fagámolo así. En principio non poñeríamos ningún óbvice a esta cuestión e votaríamos a favor, como xa fixemos en Comisión. Pero repito, creo que esto merece buscar persoas que sepan realmente do que estamos falando, que teñan experiencia nesto e que teñan experiencia demostrada de axilidade, que hai moi pouquiñas, e puxen antes o exemplo dos polígonos que xestiona Xestur e o IGVS. San Paio de Navia debe ir alá para dez anos de xestión, por exemplo. Non sei as dificultades que ten un Instituto adicado só a eso, ou as dificultades obxectivas que ten todo esto. Polo tanto coidado con precipitacións en esto, que é un mundo moi complexo no que calquera paso mal dado en vez de adiantar pódenos supoñer retrasar. Estando totalmente de acordo, repito, no fondo e alegrándonos de que se recollera a nosa iniciativa o outro día na Xunta de Portavoces de que se cambiara a fórmula, estudiémola con calma, preguntando a persoas que realmente sepan. Non hai ningún polígono, practicamente ningún, que se desenvolva sen que haxa alguén agazapado coa escopeta a ver como para. Entón, as cuestións hai que facelas con pés, estudiándoas moi ben, e sabendo por onde se vai a saír, porque se non nos podemos topar dentro de tres anos cun polígono atrancado por unha sentencia xudicial, cun guirigai coa Deputación e o Concello metidos polo medio, cun follón que non ten saída por non ser previsores e non buscar persoas e técnicos que realmente sepan que se traen entre mans e que tramiten todo de maneira correcta para que as dificultades non salten. Van saltar de todas maneiras; polo menos as que poidamos evitar, evitémolas. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Sr. González Iglesias. Sr. González Iglesias.- A nós alégranos profundamente que o Sr. Crespo e o Sr. Presidente cambiaran de opinión. E digo esto por unha razón. No Pleno dos orzamentos presentamos unha emenda para que a Deputación se implicara no tema do desenvolvemento do chan industrial. A contestación ademais foi dos dous, Sr. Crespo, vostede tamén: "non ten ningún sentido este tema se temos aquí a Xestur que fai estes temas de cine e tal". Esa foi a súa contestación naquel momento. Sae o de Barro e Meis, sae este tema agora, pero é certo o que está plantexando o Sr. Crespo, é dicir, se este tema segue aberto este pode ser un auténtico follón. Entón loxicamente hai que buscar outra figura e hai que empezar a facelo doutro xeito. Que agora mesmo se aprobe esto, porque o outro día foi a Comisión e nós así o aprobamos en Comisión, de acordo, pero hai que sentarse xa rapidamente porque pasado mañá vamos a ter cada Concello da Provincia facendo o mesmo plantexamento e esto se vai a convertir nun auténtico guirigai. Polo tanto, se o seguen mantendo nós vamos a votar a favor e lle solicitamos que canto antes nos sentemos a falar do futuro nestas cuestións. Sr. Presidente.- Gracias Sr. González Iglesias. Sr. Crespo. Sr. Crespo Iglesias.- Ben, alégrome moito de que os dous grupos da oposición compartan connosco este criterio. Todo o mundo se quere anotar ós tantos, non importa, nós deixamos que todo o mundo se anote. Agora ben, quen o traemos a consideración somos nós, pero vamos a escoitar por suposto a opinión dos grupos, sempre o fixemos. Eu creo que en temas transcendentes desta casa sempre se escoitou a postura dos grupos da oposición. Agora ben, somos nós os que temos a responsabilidade de gobernar, e, Sr. González, se ben é certo que nós montamos o primeiro Consorcio para Barro e Meis, xa expliquei por que queremos cambiar a figura, porque van empezar a caer en cascada, porque en canto saeu na prensa xa empezaron moitos Concellos, e incluso Mancomunidades, a interesarse polo tema, e nós podemos facer eso coa Deputación. Se van caer en cascada é o que realmente nos dificulta o funcionamento; imaxínense vostedes reunindo cada un dos Consorcios para cada polígono. Polo tanto, eu creo que aí coincidimos todos. Sr. Mosquera, dicía vostede que sempre aparece algún coa escopeta. En urbanismo as escopetas están sempre cargadas e ás veces levan cinco tiros en vez de dous, que é o máximo que está permitido agora na caza, pero ás veces as escopetas en urbanismo levan cinco tiros. Quere eso dicir que nós vamos a intentar facer a mellor figura, pode ser un Instituto ou pode ser outra cousa, basicamente inclinámonos a priori polo Instituto. Están os nosos técnicos traballando e probablemente aquí metamos unha consultoría externa que teña experiencia porque o que queremos é crear un organismo que por suposto, cumpra a regulamentación da Administración Local, pero que sexa moi áxil porque un dos problemas co que nos topamos sempre é precisamente coa falta de axilidade. Facía vostede mención ó polígono de vivendas de San Paio de Navia, que se tardou dez anos en facelo. Pero asegúrolle unha cousa, vostede sábeo como eu, e o Sr. Figueroa Vila corroboroumo, se non o fixera Xestur, probablemente dende o Concello estaría sen facer aínda. Ou sexa, que dez anos son moitos, pero é que ó mellor ó Concello levaríalle vinte. Nós estamos na idea de crear un organismo operativo. Eu non entendo porque vostede di especializarse só en solo industrial; eu creo que en principio aínda que a meta fundamental da súa actividade poida ser a creación do solo industrial na provincia, non entendo porque non se pode deixar os Estatutos abertos a que se poida facer calquera outra cousa. Hai outros Institutos por aí funcionando e que fan distintas cousas. Obviamente, dun xeito básico a creación deste Instituto, ou a figura que sexa, vén motivada exclusivamente neste momento por solo industrial. Pero non creo que teñamos que pechar a porta porque con non facelo xa está. Vostedes terán o proxecto encima da mesa o antes posible, sen prisa pero sen pausa. Vai absorber estes dous consorcios, xa non vamos a crear ningún novo consorcio mentres non estea funcionando esa figura, Sr. Mosquera, vostede, que sempre se documenta moito, fala dos consorcios dicindo que funcionan basicamente para temas urbanísticos. Está ben claro na Lei que os consorcios non son só para temas urbanísticos; di ben claro que os consorcios locais son entidades locais dotadas de personalidade xurídica propia e capacidade de cumprimento dos seus fins específicos que verán definidos nos seus Estatutos. Quere eso dicir que poden ser loxicamente de carácter urbanístico, pero poden ser de calquera outro tipo. No seu momento tomouse a figura de consorcio porque é a que, tendo o problema encima da mesa, os técnicos nos aconsellaron. En todo caso e resumindo, creo que nos podemos felicitar todos de que estemos de acordo coa creación desta nova figura; eu calculo que no prazo dun mes terémola encima da mesa, non vai a ser algo que fagamos a salto de mata, vai ser meditado, vámolo deixar o máis aberto posible, aínda que a finalidade principal vai ser a promoción do solo industrial. O grupo de goberno estamos encantados de que coincidamos neste posicionamento, que ademais vai ser moi bo para a provincia. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Crespo. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Canto máis escoito máis me preocupo. Sr. Presidente.- ¿Máis se preocupa? Sr. Mosquera Lorenzo.- Máis me preocupo. Si. Nos preocupamos porque é evidente que o tema está moi verde, e que se agora se cambiou, cousa que se agradece, foi porque se escoitaron outras opinións, pero acabo de escoitar que se trata dun Instituto social, ou o que sexa, que vai a englobar ou asumir a un consorcio ou os consorcios. ¡Jesús!. Eu comprendo que esto pode ser bastante técnico e igual non debía ser obxecto de debate aquí, pero tampouco tivemos unha Comisión para ver os Estatutos e falar desto, polo tanto lamento que haxa que facelo aquí. Pero é que no Regulamento de Xestión Urbanística está tipificado claramente o que é un consorcio urbanístico. Entón non temos nada que inventar, é un consorcio urbanístico, non lle podemos chamar o consorcio doutro tipo de prestación de servicios. Eu non quero seguir con matices conceptuales ou xurídicos, o que si quero é que fagamos as cousas estudiando ben todos os pasos que hai que dar, buscar as solucións máis axeitadas. Eu creo que máis xenerosidade e máis espíritu constructivo por parte da oposición non poden toparlla. Estamos buscando solucións para que as cousas vaian ben, e se van ben, mellor para todos pero fundamentalmente para quen está gobernando. Creo que máis espíritu constructivo non poden topar en ningún sitio, pero fagan as cousas ben, porque nestas cuestións é moi fácil, engañarse se non estamos falando de profesionais moi expertos. Eu pódolle dicir unha cousa e xa acabo. Eu tiven a desagradable experiencia de ver dous, tres, catro plans parciais, xestionados por algunha entidade pública que non resistían unha lectura, ou sexa, cuns fallos tremendos que era imposible sacar adiante. Neste mundo realmente que haxa garantía de que sepa ou que funcione con certa seriedade, hai bastante pouco; eso é o que quero dicir, que busquen eso que hai para que as cousas funcionen e poidamos dicir dentro de moi corto prazo, dentro dun ano ou ano e medio, que temos xa terreo totalmente executado e que ese órgano ou organismo que se cre cumpre realmente as súas funcións e por ende a Deputación cumpre o obxectivo que pretende, que é colaborar cos Concellos en que haxa ese terreo industrial. Creo que se merece que se estudie con calma; aí o noso ofrecemento e a partir de aí pois o que vostedes digan. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Creo que non hai máis intervencións pero eu quixera engadir algo máis. Dicir que na cuestión de fondo estamos totalmente todos de acordo. Poñemos en marcha unha iniciativa pionera na provincia de Pontevedra a través desta institución para axilizar a creación de solo industrial en toda a provincia. E non vamos a parar nin un minuto en poñer todo esto en marcha. Polo tanto, todo o proceso sigue exactamente igual, o único que varía ou que pode variar no seu momento vai ser a forma do órgano que xestione todo esto, para mellor axilidade do tema, única e exclusivamente. O resto é discusión administrativa, nada máis, porque aquí non se para absolutamente nada. Tódolos grupos estamos de acordo. A medida que se puxo en marcha é excepcional, de feito aí están as moitas peticións de alcaldes en relación a esta medida, que é unha medida necesaria que vén a cumprimentar o traballo feito por Xestur, que está facendo unha extraordinaria labor tamén e que nós vamos a incrementar con este mecanismo que poñemos en marcha. Polo tanto, é un tema de discusión meramente administrativo no sentido de que todos poidamos facer aportacións para ver cal é precisamente o mecanismo que dea incluso maior axilidade. Sr. Mosquera, ¿quere facer algunha aclaración?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Creo que é mellor sentarse, porque non é meramente administrativo. No pasado Pleno houbo un ofrecemento claro baseado en que esto é complicado e podía haber erros. Podía votar man dun ofrecemento de asesoría do Concello de Pontevedra e supoño que tamén doutros. Non se tivo en conta, e non só eso senón que hoxe nos mandan a unha asamblea sen pasar pola Comisión e sen dar ningún momento para poder facer esas aportacións. Lle es

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición