ATOPO
Rexistros actuais: 1.618.278
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Acta de sesión 2005/07/29_Extraordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.3.3.33.365/3.2005-07-29_Extraordinaria

  • Título Acta de sesión 2005/07/29_Extraordinaria

  • Data(s) 2005-07-29 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla: Da sesión extraordinaria en primeira convocatoria, celebrada polo Pleno desta Excma. Deputación o día, 29 de xullo de 2005 No Salón de sesións da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, sendo as once horas e cinco minutos do día vinte e nove de xullo do ano dous mil cinco, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal, reuníronse as/os Señoras/es Deputadas/os, D. Xosé Antón Araujo Quintas, Dona Nidia María Arévalo Gómez, D. Ramón Campos Durán, Dona Francisca Canal Gómez, D. José Costa Díaz, D. José Juan Durán Hermida, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. Emilio González Iglesias, D. Efrén Juanes Rodríguez, D. José Antonio Landín Eirín, D. José Antonio Lorenzo Rodríguez, Dona Clara Millán González, D. Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo, D. Constante Juan Muradas Ramos, D. Manuel Núñez Sestelo, D. Xosé Carlos Pazos Docampo, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. Juan Manuel Rey Rey, D. Alfredo Rodríguez Millares, D. Rodrigo Santiago Novas, Dona Belén Sío Lourido, D. José Enrique Sotelo Villar e D. Jesús Vázquez Almuíña, co obxecto de celebrar sesión extraordinaria da Deputación en Pleno, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Non asisten os Sres. Deputados D. Xosé Crespo Iglesias nin D. Xabier Mª Toba Girón. Da fé do acto o Secretario Accidental, D. Carlos Cuadrado Romay, e está presente o Sr. Interventor Accidental, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: Sr. Presidente.- Damos comezo á convocatoria do Pleno extraordinario. ------ Folla: 2.5260.- MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DO ORGANISMO AUTÓNOMO LOCAL "MUSEO DE PONTEVEDRA" Sr. Presidente.- Punto número 2. Modificación dos Estatutos do Organismo Autónomo Local "Museo de Pontevedra". Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Non sei se por parte da ponencia, por parte do goberno, queren explicar algo senón pois. Sr. Presidente.- Si, o Sr. Durán algo quere explicar porque votamos bastantes horas negociando esto polo tanto que explique. Gracias. Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Ben, bos días Sr. Presidente. Efectivamente xa no Pleno do pasado mércores abordáramos a modificación dos Estatutos de dous organismos autónomos, neste caso de Turismo Rías Baixas e da Escola de Canteiros e hoxe lle corresponde ó terceiro dos mesmos, neste caso o Museo Provincial. E neste sentido quixera comentar que todo este proceso, un proceso que comezou hai uns cantos meses, pois temos a satisfacción de traelo hoxe aquí a Pleno despois de habelo comentado con todos os membros do Padroado en dúas reunións e acadar na última delas o pasado venres pois o acordo de todas as persoas que alí se atopaban no sentido da orientación que debían ter estes Estatutos habida conta que como ben quen lles fala dicía o pasado mércores, o Museo de Pontevedra, esta Institución tan prestixiosa da Deputación ten dende sempre loxicamente unha serie de especificidades que deberían ser contempladas na modificación dos Estatutos. Especificidades fundamentalmente referidas á presenza dunha serie de persoeiros nos seus órganos de goberno e consultivos, presenzas que están vencelladas a dous aspectos, por unha banda a súa propia condición como persoas que prestan dende hai moito tempo relevantes servizos ó Museo e nalgún outro caso tamén porque son herdeiros ou pertencen a familias que no seu momento fixeron importantes doazóns a esta institución museística. Dende esa perspectiva e habida conta tamén da necesidade da permanencia dunha serie de cargos na súa condición de membros natos que figuran no texto articulado, se tratou de proceder a esta modificación, como todos vostedes saben tamén e xa o dicíamos o outro día, motivada por unha banda polo que é a propia entrada en vigor da Lei de Modernización do Goberno Local e no caso concreto do Museo de Pontevedra, hai que recoñecelo, así se dixo por diferentes membros do grupo de goberno provincial, tamén porque son uns Estatutos que datan, con diversas modificacións, todo hai que dicilo, pero que datan do ano 1954. Entón dende esa perspectiva e engadíndolle o aspecto da uniformización dos Estatutos de todos os organismos autónomos provinciais e o outro día veu tamén a Pleno unha cuestión relacionada co IPESPO, afrontamos este proceso. E froito do mesmo o texto que teñen vostedes aí, que foi dictaminado na Comisión de Réxime Interior correspondente e que nos vai a permitir que a intención do goberno provincial, nos vai a permitir afrontar cunha normativa actualizada un reto verdadeiramente fundamental para esta casa e para o propio Museo, cal é unha cuestión de ano e ano e pico a entrada en funcionamento da ampliación do Museo que sen dúbida vai supoñer loxicamente un desafío importante dende o punto de vista administrativo, dende o punto de vista do que é, do que pode ser unha institución museística con 20.000 m² que loxicamente debemos dende esta casa, dende o propio Padroado e por suposto tamén dende ese organismo autónomo, darlle os medios e os instrumentos para unha xestión moderna, unha xestión áxil e que permita loxicamente xestionar, valga a redundancia, ese Museo Provincial que é todo o mundo o sabe, que é o máis importante de España dentro da súa categoría e que loxicamente é un motivo de orgullo para esta Institución. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Ben, estes Estatutos non son dende logo a perfección, como ningúns e probablemente houbera, sería máis razoable pois terlle, telos redactados ou ter fixado outra serie de cláusulas que igual se adaptarían mellor ó que é o Museo. De todas maneiras todos sabemos as inmensas dificultades que houbo para modificar substancialmente os Estatutos deste organismo e adaptalo ós tempos. Foron unhas dificultades enormes, e polo tanto se a vía da uniformización con outros Estatutos doutros organismos foi o mecanismo para lograr que se adaptaran, aleluia, aleluia, albricias e noraboa. O Museo de Pontevedra ten unha entidade, unha importancia innegable, absolutamente innegable, froito de moitisimos esforzos desta casa, e axudas doutros, que ó longo do tempo fixo que teña un patrimonio enorme e que digamos que somos moitos os que pensamos que a súa xestión derivada dos Estatutos polos que se rexía pois en moitos momentos non foi suficientemente imaxinativa, áxil e digamos ambiciosa, ambiciosa, tanto pola propia estructura que tiña o Museo como por certos sesgos que tivo a súa ... Repito, recoñecendo a súa importancia e transcendencia que é e creo que aquí non hai ningunha discusión, que é froito do enorme esforzo que esta Deputación Provincial foi facendo no Museo con colaboración con moitas outras entidades e demais ó longo do tempo. Ou sexa, esta Deputación historicamente volcouse co Museo e ten metido aí moitos fondos. Existía unha disfunción moi clara, teño que dicilo aquí, aínda que naquel momento publicamente tivo a transcendencia que tivo, de que chegáramos a un acordo cun Presidente da Deputación, non hai tanto tempo, foi o anterior Presidente, para por exemplo, unha cuestión central, para varias, pero é unha cuestión central que era crear dentro do Museo unha, porque tal e como están as doazóns tería que ser así, pero crear un Museo Castelao, ou sexa, potenciar ó máximo a figura de Castelao que é o galego contemporáneo máis notable e que temos a inmensa fortuna de que todo o seu patrimonio, todo o seu legado, case todo, estea dentro do Museo e converter eso en algo moi dinámico, de moita transcendencia, cara, digamos potenciar o propio Museo, potenciar a propia figura de Castelao e demais. E eso chocou naquel momento, polo menos así se dixera por parte do Presidente, chocou coa estructura do Museo que non estaba pola labor. Dende logo se unha Corporación que está financiando o Museo ten unha idea, unha decisión, e choca coa estructura do seu organismo autónomo que está financiando e non o dá sacado adiante, dende logo aí hai unha disfunción seria. E todos sabíamos que as había e había ese tipo de disfuncións moi, moi, moi serias. Porque por eso había unha resistencia numantina no propio organismo de que se mantiveran os Estatutos porque había un control sobre a idea xeral do que era o Museo, non digo a xestión ordinaria, que eso loxicamente é do organismo, é que alí no propio Padroado ían sacando adiante dunha maneira, ou ían a base de resistencia ou a base de non levala, esa era unha disfunción moi clara que vostedes coñecían, coñecían os anteriores responsables, que coñecemos todos e que en certos momentos imposibilitou, imposibilitou dar, ou enlenteceu terriblemente, ou limitou ideas sobre como potenciar máis o Museo, que é o que nos preocupa a todos, e por ese tipo de resistencias e de sesgos. Nós vamos a votar a favor destes Estatutos, ou parece, xa digo, para o que é un Museo, a xestión dun Museo, probablemente tiveran que ser algo distintos, pero se é o que é posible hoxe é unha grande solución, é unha grandísima solución, vamos a votar a favor con entusiasmo, e agardando, agardando, repito, para que esto serva para recuperar o espírito co que naceu o Museo, nos anos 20 de Pontevedra, un fervedeiro cultural, Castelao participou, foi un dos seus patronos igual que outras persoas moi relevantes, esperemos que serva para recuperar ese espírito e coa cantidade de fondos e de recursos que ten o Museo, e incluso de instalacións, agora co novo edificio que é unha aposta moi custosa e pois realmente poida ter ese realce pero con esa frescura, esa iniciativa, ese empuxe, que coa base que hai agora que é moi potente e moi poderosa, nos permita que o Museo acade toda a súa eficacia e o seu, nos obxectivos que ten. Esa será a responsabilidade, agora pasa, a responsabilidade pasa do que era un padroado, bueno constituído como estaba nos anteriores Estatutos, a responsabilidade pasa ó Consello Rector que é un órgano moito máis político, ou sexa, que pasa ó noso tellado, pasa ó tellado da Corporación o fixar unhas directrices para que ese Museo teña a potencia e tal, eu agardo que todos esteamos á altura nese cometido e polo tanto nun tempo abrir o novo edificio e vamos e votar a andar todo eso, pois podamos ter o Museo revivecido, ou sexa, sobre a base sólida que ten, revivecido e aproveitando ó máximo as súas potencialidades que creo que por historia e por tradición e polos fondos que ten pois é relativamente fácil facelo, relativamente fácil, probablemente sexa máis difícil mover certas resistencias de rutina, de rutina e de historia, vamos, que se foron acumulando, que, digamos, que dar solucións brillantes porque é relativamente fácil dentro do Museo porque ten unha capacidade, unha historia e uns fondos absolutamente espectaculares, que fan relativamente fácil lograr eses obxectivos. Eu agardo que nun tempo esto poidamos dicir que foi unha decisión histórica no sentido de que permitiu dar ese salto adiante que sería relativamente fácil, estamos convencidos se é que nos empeñamos todos en logralo. Moitas gracias. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Ten a palabra o Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si. Ben, Sr. Presidente, efectivamente se impoñía a modificación por todo o que falamos. Eu o que si quixera deixar claro é que por parte de quen lle fala e das outras persoas do grupo de goberno non atopamos inmensas dificultades, nos desenvolvemos en todo este proceso pois nun clima de total diálogo co que é o Padroado do Museo, coas persoas que o dirixen e precisamente por eso se acadou esto, ou sexa, nese sentido quixera ser absolutamente claro e tamén por suposto, aínda que quedou claro na intervención do Sr. Mosquera, aproveitar esta circunstancia para reivindicar, que non lle fai falta, a propia realidade que é o Museo de Pontevedra, que é un referente, como ben dixen antes, que alumeou iniciativas tan importantes como a partir do ano 69, de 1969 da Bienal, que é un lugar onde moitisimas persoas, familias, entidades, deciden, deciden tendo ofertas tamén moi importantes, depositar unha serie de fondos, deixar alí para que sexan exhibidos, e eso tamén nos obriga á hora de tomar decisións deste tipo a ter en conta estas circunstancias porque hai evidentemente doazóns, hai legados que están vencellados a un determinado tipo de cláusulas. Por eso que o Museo de Pontevedra sexa unha institución que transmita confianza ou xere confianza a moitisimas persoas de Galicia e nalgún caso fóra de Galicia, para facer eses depósitos, para materializar eses depósitos, tamén nos obriga loxicamente a traballar co tino e coa cautela que é propio do caso. O Museo de Pontevedra alberga unha boa parte, unha parte importante da memoria histórica de Galicia, non hai que esquecelo, ás veces pode pasar esta circunstancia desapercibida pero é así e eso supón unha responsabilidade moi grande para que os de xeito temporal, esta Corporación Provincial, os membros do Padroado, segundo en que circunstancias teñen a obriga de xestionalo ou dirixilo. E eu estou convencido ademais que a figura do Consello Rector, eu non diría Sr. Mosquera que é máis político ou que é menos político, porque evidentemente alí se van a dar cita funcionarios desta casa, se vai dar cita ó propio Director. O que si é certo é que é un Consello Rector que vai digamos como corresponde coa normativa vixente a reflectir o que é a realidade da composición política dende a súa proporcionalidade da propia Corporación Provincial e eu estou seguro que o Museo vai seguir traballando nesa dirección e acadando os mesmos ou maiores niveis de prestixio que sempre tivo. Nada máis, agradecendo por suposto ese voto a favor, que é un voto polo Museo de Pontevedra, pola súa historia e polo seu prestixio. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Ben, eu entendo que o Sr. Durán trate, tivera que facer unhas negociacións para que non houbera ningún alboroto público, unhas negociacións moi sutís, con respecto ó que significa este cambio. Enténdoo perfectamente e demais. Pero este cambio significa exactamente acabar cunha disfunción do seguinte calibre. Ata que esto entre en vigor, esto que vamos aprobar se publique e demais. Nestes momentos esta Corporación ou o grupo de goberno, a Xunta de Goberno desta Corporación decide, que é a que pon, a que está financiando maioritariamente o Museo, decide que no Museo hai que facer, ah, e repito ese exemplo porque foi pactado, que hai que facer por exemplo unha, o Museo Castelao supoñamos, é unha reivindicación histórica que se pode retomar e nós dende logo vamos a retomar e por votos e tal e como está composto o organismo alí podería perfectamente non sacala adiante. Esa situación non se dou, todos sabemos que non se dá porque se negocia antes, se tantea a ver como está e antes dun conflicto dese calibre non se dá. Pero a realidade era así, todos sabemos que era así, que é unha disfunción, é unha disfunción tremenda, esa disfunción desaparece e sabe perfectamente que desaparece e que creo que é o gran cambio que hai aquí. Evidentemente supón unha responsabilidade, supón unha responsabilidade da Corporación porque o Consello Rector está composto polo presidente executivo que é un corporativo; o presidente nato que é o Presidente do corporativo; 4 vocais, que son corporativos, ou serán corporativos; o secretario e o interventor sen voz nin voto, como é lóxico e o Director con voz e con voto. Evidentemente nos pasa a responsabilidade. É lóxico que nola pase, agora, eu o que dixen antes, eso elimina unha disfunción, abre posibilidades e dende logo tamén é un recto, porque se o Consello Rector se vai converter, digamos en dar bendicións ó que se fai fóra de aí, pois realmente sobra esta modificación de Estatutos. E se realmente vai intervir que creo que é o que ten que facer, con prudencia e con calma e se vai intervir nos pasa unha responsabilidade elevada e se terá que notar no sentido de que hai un aire fresco, hai un cambio que potencia aínda máis o Museo. Eso foi o que dixen antes e creo que estou describindo perfectamente o que pasa con estes Estatutos e o que vai pasar no futuro. Agardemos que todos esteamos a altura, non das circunstancias porque é unha grande responsabilidade, evidentemente que é unha grande responsabilidade, pero as responsabilidades hai que asumilas, cando un as ten debe exercelas que é o caso. Esta Corporación hoxe decide que no Museo vai exercer as súas responsabilidades e traducido, cousa que é absolutamente lóxica, natural, que lle digo, que nós aplaudimos, porque vamos é moi simpático que aquí estivéramos por exemplo os Deputados da oposición, e os Deputados do goberno igual, quitáronnos polo cargo que tiñan, ou sexa, estábamos en canto a organismo, órgano e demais que existe nesta Deputación, bueno, agora neste no, este é un órgano tecnocrático ademais que crea, todos sabemos que eso crea certas resistencias, certo tipo de funcionamento que creo que agardo que se acabe hoxe, pero non por pasar factura a certo funcionamento, senón simplemente porque signifique un paso adiante que moitos vimos demandando hai tempo e por eso lle agradecemos estes Estatutos porque son a base para ese paso adiante que agardemos que logremos efectivizar. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. Ten a palabra o Sr. Durán. Sr. Durán Hermida.- Si, ben, eu creo que o debate non dá máis de si, evidentemente cunha maior presencia de corporativos hai unha maior responsabilidade ou a mesma responsabilidade, eu dende logo non lle vou a atribuír menos responsabilidade ás persoas que estiveron dirixindo ou van a estar dirixindo aínda o Museo ata que entren en vigor estes Estatutos.O que si é certo é que nós dende o grupo de goberno provincial pois propuxemos esto por todo o que levamos falado e dende logo eu agardo, eu agardo, estou convencido de que vai ser así, que nas reunións do futuro Consello Rector, todos, todos, partindo das propostas que segundo os Estatutos establecen que debe facer o Consello Rector, todos os que estean alí, todos os que forman parte dese Consello Rector, teñan en conta precisamente criterios, criterios dende ese punto de vista, que teñan que ver co Museo e non con outro tipo de cuestións, estou convencido de que vai ser así, e que ese plus de responsabilidade ó que aludía o Sr. Mosquera pois vai digamos a sobrevoar permanentemente polas xuntanzas e polos acordos dese Consello Rector. Nada máis. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Durán. Bueno, a verdade é que eu teño que dicir que vexo ó Sr. Mosquera moi ledo e eu tamén o estou, porque hoxe dalgunha maneira cambiamos cincuenta anos de historia, en relación á xestión desta importante infraestructura cultural da nosa provincia e bueno eso se debe evidentemente a un esforzo deste equipo de goberno, que eu quero agradecer tamén a todos os que traballaron, porque hoxe remata precisamente o ciclo dos tres Padroados, Escola de Canteiros, Padroado de Turismo, a súa adaptación precisamente ós novos tempos, e neste sentido pois o equipo técnico desta casa, o Secretario Carlos Cuadrado, tamén o Vicesecretario, Bernardo Sartier e o Interventor, Antonio Graña, pois dedicaron precisamente moito do seu tempo en beneficio de buscar uns Estatutos adaptados precisamente, primeiro a esta institución e á modernización da administración local e tamén coa sensibilidade suficiente de atender ás persoas, porque había persoas que coma neste caso levaban máis de 50 anos, nalgún caso, pois tendo unha responsabilidade directa, moi importante na xestión concretamente do Museo de Pontevedra. Por eso que eu creo que é un acordo transcendental e importantísimo e estamos convencidos que vai ser ademais para ben, por eso que como dicimos xa facía tempo que non vía ó Sr. Mosquera tan ledo e nós tamén estamos como digo por haber acadado unha boa negociación que ademais se pode chegar a un acordo global sen ningún problema. Polo tanto procedemos á votación deste punto. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións?. A favor todos os grupos. Dada conta do expediente tramitado referente á modificación dos Estatutos do Organismo Autónomo Local "Museo de Pontevedra": Resultando que foi dictaminado favorablemente pola Comisión Informativa de Réxime Interior e Persoal nas súa sesión de 27 de xullo de 2005. Considerando o disposto no artigo 49 da Lei 7/85, de 2 de abril, e de conformidade co dictame da Comisión Informativa de Réxime Interior e Persoal, o Pleno acorda por unanimidade a adopción do seguinte acordo: 1. Aprobar inicialmente a modificación dos Estatutos do Organismo Autónomo Local "Museo de Pontevedra". 2. Sometelo á información pública polo prazo de 30 días mediante o anuncio no BOP. No caso de que neste período de información pública non se presenten reclamacións ou suxestións entenderase aprobado definitivamente. Ditos Estatutos son como seguen. "ESTATUTOS MUSEO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS Artigo 1.- Natureza Xurídica A Deputación Provincial de Pontevedra, no exercicio das competencias que lle son propias, de acordo cos artigos 26 a 36 da Lei 7/1985, reguladora das Bases de Réxime Local (LBRL), e o artigo 30 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, crea un organismo autónomo local denominado "Museo Provincial de Pontevedra", que da continuidade o "Museo de Pontevedra" (constituído o 30/12/1927) con suxeición ó disposto no artigo 85.2 b) e 85 bis da citada Lei, segundo a redacción dada a estes pola Lei 57/2003, de 16 de decembro, de medidas de modernización do goberno local. Artigo 2.- Denominación O organismo autónomo provincial así creado denominarase Museo Provincial de Pontevedra e coma entidade de dereito público, goza de personalidade xurídica propia e independente, plena capacidade xurídica e autonomía económica e administrativa para o cumprimento dos seus fins con suxeición plena ás leis. Este organismo, creado e tutelado pola Deputación Provincial de Pontevedra, adscríbese á súa área de Cultura dependente do Deputado/a-delegado/a da mesma. Artigo 3.- Domicilio O domicilio do Organismo Autónomo "Museo Provincial de Pontevedra" queda establecido na cidade de Pontevedra, na rúa Pasantería nums. 2/12. Artigo 4.- Obxecto Constitúe a finalidade do Museo Provincial de Pontevedra a xestión, adquisición, catalogación, conservación e exposición dos fondos museísticos, obxectos artísticos, históricos ou arqueolóxicos, depositados ou existentes na sección lapidar das ruínas de Santo Domingo, Casa Castro Monteagudo, Pazo García Flórez, Edificios Fernández López e Sarmiento e as que se puideran crear ou construír no futuro, ou se atopen en trance de seren construídas no intre de aprobación destes Estatutos, maila Biblioteca e Arquivos, cos seus respectivos contidos. Artigo 5.- Instrumentos Xurídicos Para o adecuado exercicio das súas funcións o Museo Provincial de Pontevedra poderá, de acordo coa lexislación aplicable: a) Subscribir convenios de promoción e xestión con outros organismos e entidades, en especial con corporacións locais ou outros entes de idéntica ou análoga natureza. b) Desenvolver as funcións que ten atribuídas directamente por órgano ou órganos existentes ou os que a tal efecto se poidan crear. c) Constituír e participar en asociacións, empresas e consorcios, por si mesmo ou en colaboración con corporacións locais, con outros entes públicos ou de iniciativa privada para o desenvolvemento dos seus fins. Artigo 6.- Réxime xurídico 1. O Museo Provincial de Pontevedra ten personalidade xurídica e patrimonio propio, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar tanto no campo do Dereito público como no do Dereito privado para o cumprimento dos seus fins con suxeición á lexislación que lle sexa aplicable ás deputacións provinciais. Así mesmo goza das prerrogativas e beneficios fiscais que se establezan nas leis para as Administracións públicas de tal natureza. 2. En consecuencia co anterior, o organismo autónomo Museo Provincial de Pontevedra poderá: a) Adquirir, vender, posuír, reivindicar, permutar, ceder, alugar e administrar o seu patrimonio. b) Constituír, modificar, pospoñer e cancelar hipotecas e demais dereitos reais. c) Celebrar contratos e convenios. d) Constituír e participar en sociedades, empresas, consorcios ou asociacións. e) Interpoñer os recursos establecidos e exercer as accións previstas nas leis. CAPÍTULO II ORGANIZACIÓN Artigo 7.- Por razón da súa competencia os órganos do organismo autónomo provincial serán os seguintes: a) Órganos de Goberno: - Consello rector - Presidente nato - Presidente executivo b) Órganos de Dirección e Administración - Director c) Órgano de Consulta - Consello Asesor SECCIÓN 1ª Do Consello Rector Artigo 8.- Composición do Consello rector: 1. O Consello rector estará formado polos seguintes membros: 1.1. Presidente nato: O da Deputación de Pontevedra 1.2 Presidente executivo: Será nomeado libremente polo Presidente e recaerá nun Deputado/a Provincial. 1.3 Vocais: catro, que designará o Pleno da Deputación de entre os seus membros, con presencia de todos os grupos políticos e en proporción á súa representación no Pleno da Deputación. 2. O Secretario e o Interventor ou os funcionarios nos que aqueles deleguen que asistirán ás reunións con voz pero sen voto, actuando no exercicio das funcións que lle son propias. 3. Asistirá tamén ás reunións, con voz e con voto, o Director. Artigo 9. - Competencias do Consello rector e dereitos dos seus membros 1. Son funcións do Consello rector, ademais da organización e a alta dirección do organismo, as seguintes: a) Aprobar o programa de actuación. b) Aprobar a memoria anual da xestión realizada, así como o inventario de bens. c) Aprobar o organigrama e o cadro de persoal elevando os acordos ó Pleno da Deputación para a súa ratificación. d) Aprobar a proposta de modificación dos Estatutos. e) Aprobar e modificar os regulamentos e normas de carácter xeral que rexan a organización e funcionamento do Museo Provincial de Pontevedra para a súa posterior ratificación por parte do Pleno da Deputación. f) Aprobar a proposta inicial do Orzamento do organismo en virtude do disposto no artigo 168-2 do TRLHL, así como a proposta das súas modificacións cando requiran aprobación polo Pleno da Deputación, e elevalas, no seu caso, ó Pleno da Deputación para a súa aprobación, de acordo coas bases de execución do orzamento. g) Aprobar anualmente a conta xeral para os efectos previstos no artigo 212 TRLHL, para a súa tramitación conxunta coa conta xeral da Deputación h) Nomear ó Director. i) A resolución de expedientes por faltas graves ou moi graves cometidas polo persoal do organismo. j) Aprobar, no seu caso, os criterios para asignarlle incentivos ó persoal cos límites das dotacións orzamentarias. k) Aprobar a concertación de operacións de crédito dándolle conta ó Pleno da Deputación para efectos da súa autorización cando proceda. l) A contratación de obras, servizos, subministros e adquisicións cando a competencia non lle corresponda ó Presidente do organismo. m) As demais que, non atribuídas especificamente nestes estatutos a algún dos órganos de goberno ou dirección, lle correspondan ó Pleno da Deputación, entre elas a creación ou participación en sociedades mercantís. 2. Os membros do Consello Rector terán os seguintes dereitos: a) Asistirán con voz e voto ás reunións do Consello. b) Poderán examinar os expedientes e cantos antecedentes se relacionen con asuntos comprendidos na orde do día, co fin de coñecelos antes das deliberacións. c) Poderán elevar ó Consello as mocións e propostas que estimen pertinentes, relativas ós fins do organismo. d) Poderán solicitar coa suficiente antelación, petición de inclusión de asuntos na orde do día. e) As asistencias que se fixen nas bases do orzamento do mesmo xeito co resto dos asistentes. SECCIÓN 2ª Do Presidente nato Artigo 10.- Atribucións do Presidente nato O presidente nato do organismo é o Presidente da Deputación, e coma tal terá as seguintes atribucións: a) Representar ó Museo Provincial de Pontevedra nos actos ou reunións ós que asista. b) Presidir, cando asista, as sesións dos órganos colexiados e demais actos que se celebren. c) As que correspondan ó presidente executivo e decida avocar. d) Así mesmo, poderá avocar tamén en calquera momento as atribuídas o Director. Artigo 11.- Do presidente executivo O presidente executivo será o deputado/a nomeado polo Presidente e terá as seguintes atribucións: a) Representar ó Museo Provincial de Pontevedra e presidir as sesións dos órganos colexiados cando non o faga o presidente nato. b) Dirixir o goberno e a administración do Museo Provincial de Pontevedra e, en xeral, as equivalentes ás establecidas do réxime xurídico local para o Presidente da Deputación, coas excepcións previstas nestes Estatutos e as que se poidan, en materia económica, establecer a través das bases de execución do orzamento. SECCIÓN 3ª Do Director Artigo 12.- O Director do organismo autónomo será designado polo Consello Rector, a proposta do Presidente da Deputación de entre persoal cualificado segundo o artigo 85 bis-1-b da Lei 7/1985, esto é, funcionarios de carreira ou laboral das Administracións Públicas ou un profesional do sector privado, titulados superiores en ambos casos, e con máis de cinco anos de exercicio profesional no segundo. Deberá acreditar en calquera dos casos coñecementos suficientes en materia histórico-artística. Correspóndelle ó director as facultades seguintes: a) Resolver sobre daquelas materias que expresamente lle sexan atribuídas por estes Estatutos ou calquera outra encomendada polo Pleno da Deputación, polo Consello rector ou polo Presidente. b) A inmediata dirección e administración do organismo, do que dará conta permanentemente ó Consello rector e ó seu presidente. c) Cumprir os acordos e resolucións do Consello rector e do Presidente. d) En particular, son as súas funcións: 1. Dictar actos administrativos en relación ó exercicio das funcións de xestión que lle correspondan. 2. Dirixir, organizar e xestionar o organismo, supervisar e inspeccionar as actividades que constitúen o seu obxecto. 3. Autorizar, por delegación da Presidencia para realizar horas extraordinarias, comisións de servizos con dereito a indemnización ó persoal ó seu cargo, así como resolver os expedientes de devolución de ingresos indebidos. 4. Exercer a representación do organismo por delegación da Presidencia. 5. Realizar a xestión económica de acordo co orzamento aprobado e de acordo coas competencias que se lle atribúan nas bases de execución do orzamento. 6. Ordenar de maneira permanente as salas do Museo e as súas dependencias, e organizar as exposicións que se leven a efecto naquelas ou baixo a súa persoal dirección noutros lugares. 7. Informar e xestionar a admisión de donativos, depósitos e adquisicións foran polo título que foran sen prexuízo das disposicións legais en esta materia que por razón da contía ou da competencia puidesen corresponder a outros órganos. 8. Catalogar e conservar obxectos, libros e documentos, en especial os referidos a Provincia e acompañar a visitantes ilustres e altos persoeiros, dando conta previamente ó Presidente neste último caso. 9. Dirixir a revista e publicacións do Museo, o arquivo gráfico, a catalogación de monumentos e ficheiros. 10. Formar plans, supervisar as campañas de estudo, escavacións e restauracións de monumentos que se realicen na provincia coa intervención da Deputación sen prexuízo das competencias da Dirección Xeral de Patrimonio neste eido. 11.Dirixir interiormente o Museo e baixo a súa exclusiva responsabilidade, conceder autorización para fotografar ou copiar obxectos, ou retiralos temporalmente do Museo para o seu estudo. 12. As relacións coa Confederación Española de Centros de Estudios Locais e organismos análogos, xa existentes ou futuros, nos que se integre ou cos que haxa de corresponderse o Museo. 13. Todas aquelas que lle sexan delegadas expresamente polo presidente nato ou executivo. Respecto das facultades descritas neste artigo operará de ser preciso a avocación do Presidente nato ou executivo SECCIÓN 4ª Do Consello Asesor Artigo 13.- 1. O Consello asesor actuará como órgano consultivo e de proposta no deseño dos plans de actuacións do organismo autónomo así coma do seu seguimento e avaliación. 2. Estará integrado por todos os membros do Consello Rector, o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o Alcalde de Pontevedra, o Comandante Director da Escola Naval Militar de Marín, catro persoeiros de notorios coñecementos históricos ou artísticos que prestaran servizos relevantes o Museo e os que ostenten o nomeamento de patrono honorario. 3. O nomeamento será efectuado polo Presidente da Corporación Provincial a proposta do Consello Rector e previo informe do Consello Asesor. SECCIÓN 5ª Das funcións de Secretaría e Intervención e Tesourería Artigo 14.- As funcións propias de Secretaría e Intervención desempeñaranse polos titulares da Deputación Provincial ou, mediante delegación, por funcionarios da Deputación ou do propio organismo. As funcións de Tesourería desempeñaranse, no seu caso, de acordo co que se estableza nas bases de execución do orzamento. CAPÍTULO III RÉXIME DE SESIÓNS Artigo 15.- 1. O Consello rector reunirase, previa convocatoria efectuada a iniciativa do seu presidente ou a petición de tres dos seus membros, tantas veces como sexa necesario para o bo funcionamento do organismo e, ordinariamente, se houbese asuntos que tratar, a lo menos unha vez ó mes. O Consello asesor reunirase unha vez cada dous meses -de existir asuntos- ou cando sexa necesario. 2. A convocatoria dos consellos rector e asesor, salvo en casos de urxencia apreciada polo seu presidente, cursarase por escrito, directa e persoalmente, polo menos con dous días hábiles de antelación e irá xunto coa orde do día da sesión. 3. O Consello rector quedará validamente constituído cando concorran á reunión, polo menos, tres deputados membros, sempre que un deles sexa o presidente e asista o secretario. Non poderá ter lugar ningunha sesión sen a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente lle substitúan. 4. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. 5. No non previsto nos números anteriores aplicarase a normativa sobre o funcionamento de réxime de sesións do Pleno da Deputación, segundo determina a lexislación de réxime local, excepto no relativo á súa publicidade e da información e participación cidadá. Artigo 16.- 1. O Consello Rector reunirase en sesión ordinaria unha vez o mes se houbese asuntos que tratar. Así mesmo, celebrará sesión ordinaria cando o decida o Presidente. 2. En canto ó seu funcionamento estarase á normativa sobre o funcionamento da Xunta de Goberno da Deputación. CAPÍTULO IV ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA Artigo 17.- O persoal do organismo estará integrado por: a) Funcionarios propios do organismo. b) Persoal laboral contratado polo organismo. c) Funcionarios da Deputación que presten os seus servizos no organismo, a xornada completa, ou parcial, segundo o réxime de adscrición. d) Outro persoal colaborador da Deputación. Artigo 18.- 1. O persoal funcionario quedará sometido á regulación que lle sexa propia. Dependerán funcionalmente do presidente do organismo e percibirán as súas remuneracións do organismo autónomo. Previo acordo do Consello Rector e do Pleno da Deputación, a este persoal poderánselle aplicar os contidos do acordo regulador que rexa para os funcionarios da Deputación. 2. O persoal laboral quedará sometido ó estatuto dos traballadores, ó convenio colectivo e á demais normativa legal vixente. A este persoal poderáselles aplicar, no seu caso, as normas do persoal laboral da Deputación, previa adaptación ó mesmo aprobada polo Consello Rector e polo Pleno da Deputación. A contratación ou nomeamento non lle conferirá ós empregados a condición de persoal ou funcionario da Deputación de Pontevedra, tendo en conta a natureza xurídica do organismo e da relación contractual existente. Artigo 19.- As retribucións do persoal fixaranse cada ano no orzamento do organismo, respectando os límites legais e os acordos regulados en convenio e nas normas emanadas da Deputación. CAPÍTULO V RÉXIME PATRIMONIAL Artigo 20.- Patrimonio Constitúe o patrimonio do organismo autónomo: a) Os bens que son de titularidade do organismo. b) Os bens que a Deputación de Pontevedra lle transfira ó organismo. c) Os bens que adquira por calquera título lexítimo e que sexan convenientes ou necesarios para a consecución dos seus fins. d) Os productos, rendas e incrementos do seu propio patrimonio. e) Calquera outro que se lle poida atribuír conforme ás disposicións en vigor. Artigo 21.- Recursos Os recursos económicos do Organismo están integrados por: a) As transferencias, participacións, anticipos da Deputación de Pontevedra que, en todo momento e circunstancia, asegurarán, xunto co equilibrio orzamentario, a liquidez precisa para a atención inmediata das obrigas e compromisos de índole económica. b) O producto de operacións de crédito. c) Os rendementos do organismo. d) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e outros de dereito privado. e) Taxas e prezos públicos. f) Calquera outro recurso que lle poida ser legalmente atribuído. Artigo 22.- Inventario O Museo Provincial de Pontevedra formará e manterá actualizado un inventario da totalidade dos seus bens e dereitos que constitúan o seu patrimonio, así como os que lle foran adscritos para o cumprimento dos seus fins, coa única excepción dos de carácter funxible. O inventario revisarase, no seu caso, anualmente, con referencia ó 31 de decembro de cada ano, e remitirase á área económico financeira da Deputación. CAPÍTULO VI RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO SECCIÓN 1ª Contratación, financiamento e planificación Artigo 23.- Réxime de contratación A contratación do Museo Provincial de Pontevedra réxese polas previsións contidas ó respecto na lexislación de contratos das Administracións Públicas e as Bases de Execución dos Orzamentos Provinciais. Artigo 24.- Operacións financeiras O Museo Provincial de Pontevedra poderá concertar operacións de crédito en todas as súas modalidades, así como operacións financeiras de cobertura e xestión do risco do tipo de interese e do tipo de cambio. Non obstante, precisará a previa autorización do Pleno da Deputación e Informe da Intervención para a concertación de operacións de crédito a longo prazo, conforme ó disposto no TRLHL. SECCIÓN 2ª Contabilidade e control Artigo 25.- Contabilidade 1. O Museo Provincial de Pontevedra estará sometido ó réxime de contabilidade pública nos termos establecidos no TRLHL. 2. Sen prexuízo da facultade de fiscalización que lle corresponde á Intervención, serán competencias desta, levar a contabilidade pública establecida pola citada Lei e as disposicións que a desenvolvan. Para a retirada ou saída de fondos ou cargos nas contas bancarias do organismo son necesarias as sinaturas que se determinen nas bases de execución do orzamento. 3 A contabilidade do organismo levarase a cabo axustándose ó plan de contas e outras normativas aplicables ós organismos autónomos locais. 4 As contas do organismo terá que rendelas o presidente e someteranse ó Consello rector, órgano que as aprobará inicialmente, elevándoas á Deputación para que poidan ser integradas na conta xeral da entidade. Artigo 26.- Réxime de control A Deputación de Pontevedra exercerá coa extensión e efectos que se determina no TRLHL as funcións de control interno respecto da xestión económica do organismo autónomo na súa triple acepción de función interventora, función de control financeiro e función de control de eficacia. SECCIÓN 3ª Réxime orzamentario Artigo 27.- Elaboración do orzamento O Consello rector aprobará inicialmente o orzamento anual do organismo autónomo que lle será remitido antes do 30 de setembro de cada ano á Deputación co fin de que poida ser integrado no seu orzamento xeral e aprobado polo Pleno da Deputación. CAPITULO VII FACULTADES E TUTELA DA DEPUTACIÓN Artigo 28.- 1. A función tutelar do organismo será exercida pola Deputación de Pontevedra, que a levará a cabo por medio dos seus órganos competentes da área á que queda adscrito o organismo. 2. As facultades tutelares acadarán todos aqueles actos que requiran a aprobación do Pleno da Deputación, enumerados ó longo dos presentes estatutos e os que estableza a lexislación de réxime local. 3. O presidente da Deputación poderá suspender os acordos do organismo autónomo cando se referiran a asuntos que non sexan da súa competencia, constituíndo unha infracción manifesta das leis ou por calquera causa que atente gravemente ós intereses da Deputación. Así mesmo, poderá reclamar dos seus órganos de goberno e administración toda clase de informes e documentos, así como ordenar as inspeccións que considere oportunas. CAPITULO VIII MODIFICACIÓN E DISOLUCIÓN Artigo 29.- Modificación A aprobación das propostas de modificación destes estatutos esixirá o voto favorable da maioría absoluta legal dos membros do Consello rector. Artigo 30.- Disolución 1. O Museo Provincial de Pontevedra terá unha duración indefinida, determinada polo cumprimento das finalidades recollidas nos presentes estatutos. 2. O organismo autónomo provincial poderá disolverse por: a) Imposibilidade legal ou material de realizar os seus fins. b) Acordo xustificado do Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra. c) Calquera outra circunstancia legal. Se se extinguise o Museo Provincial de Pontevedra a Deputación Provincial sucederao universalmente. Declarada a disolución, o Consello Rector transformarase en comisión liquidadora do organismo co obxecto de determinar e valorar os bens, dereitos e obrigas que constitúen o seu patrimonio e, no prazo máximo de tres meses, elevará a súa proposta á consideración da Deputación Provincial de Pontevedra. DISPOSICIÓN DEROGATORIA Queda derogado o Regulamento do Museo de data 27 de outubro de 1954, así como sen efectos os acordos de 29-12-1978 e de 28-10-2003, estes do padroado. DISPOSICION TRANSITORIA En tanto en canto non resulten definitivamente aprobados polo Pleno os novos estatutos continuará en vigor os anteriores co organigrama e réxime xurídico en eles plantexado DISPOSICIÓNS FINAIS Primeira.- En todo o que non estea expresamente regulado nos presentes estatutos, resultará de aplicación a lexislación de réxime local aplicable as deputacións e, de modo supletorio, as normas que configuran o réxime xurídico dos organismos autónomos do Estado. Segunda.- Os presentes estatutos aprobounos o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra en data ____ e entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia." ------ Folla: 3.5261.- TRANSFERENCIA DO CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL DA CIDADE INFANTIL "PRÍNCIPE FELIPE" FP DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DA XUNTA DE GALICIA Sr. Presidente.- Punto número 4 da orde do día, perdón, punto número 3 da orde do día. Transferencia do Centro de Formación Profesional da Cidade Infantil "Príncipe Felipe" da Deputación Provincial de Pontevedra á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Ten a palabra a Sra. Arévalo Gómez. Sra. Arévalo Gómez.- Ben, gracias Presidente, bos días. Señoras e señores Deputados, como vostedes saben na Cidade Infantil "Príncipe Felipe" vén funcionando practicamente dende a súa creación un Centro de Formación Profesional creado coa finalidade de dar unha formación integral ós alumnos e alumnas alí acollidos e que tiveron así oportunidade de integrarse no mundo laboral. Este centro creouse cando as competencias en educación correspondían aínda á administración central, hai máis de 25 anos, e suplindo así en certa medida as carencias educativas que naquel entón existían na cidade de Pontevedra e se rexía por un Padroado constituído ó efecto pola Deputación Provincial. O profesorado do centro pertencía exclusivamente a este Padroado. No momento actual este centro está concertado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria como consecuencia das sucesivas reformas educativas, e dos módulos de ensino que alí se imparten, de tal xeito que a maior parte do profesorado é designado pola Consellería de Educación dependendo soamente do Padroado da Deputación de Pontevedra nove persoas, sete docentes e dúas non docentes. As competencias que a normativa concedía ás deputacións en materia de menores foi o que no seu momento moveu a creación deste centro pero esta competencia pasou ás comunidades autónomas así como as relativas a educación, por iso parece razoable que ante esta situación e coa finalidade de facer posible unha maior estabilidade do profesorado coa finalidade de mellorar o proxecto pedagóxico do centro que se considerase necesario rematar con esta situación especial procedendo ó traspaso definitivo dos medios materiais e persoais afectos ó centro de administración pública que exerce hoxe en día competencia nesta materia. Esta transferencia como vostedes saben, sobre todo os membros do Padroado, xa se intentou noutras ocasións pero non cristalizou debido a que os traballadores dependentes do Padroado recibían unhas retribucións superiores ás que figuran no convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e non se daba atopado unha forma xurídica adecuada para evitar este problema que era o que impedía que finalmente se producira a transferencia. O Presidente da Deputación rematou coa Consellería de Educación as negociacións neste mandato para conseguir a transferencia efectiva do centro. Pero a Consellería propón a aprobación dun convenio fixando como condición previa que a Deputación arranxe as diferencias salariais cos traballadores do Padroado. Despois de varias negociacións chegouse a un acordo final cos traballadores fixándose unha indemnización global como xa se explicou tanto na Comisión coma no Padroado, dunha perda salarial, unha indemnización da perda salarial de 360.551,12 euros. Resolto este problema a Consellería plantexa un novo convenio de cooperación para transferir xa finalmente o Centro de Educación Secundaria, Fogar Provincial "Príncipe Felipe", no que se respecta ós traballadores a estabilidade no posto e o recoñecemento da antigüidade, pero percibindo as retribucións de acordo co convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. A Deputación cederá en propiedade a título gratuíto á Xunta de Galicia o conxunto de inmobiliario constituído pola totalidade das dependencias e instalacións afectas ó funcionamento do Instituto de Educación Secundaria. E deberá pagar unha cantidade anual da que tamén se falou no Padroado e na Comisión, de 71.232,98 euros en concepto de compensación polos gastos que a asunción do traspaso vai ocasionar á Xunta de Galicia. No dictame da Comisión figuraba a contía de 69.134,72 euros, acordo co borrador remitido pola Consellería de Educación, pero posteriormente á celebración da mesma, a Consellería rectificou a cláusula 3ª do borrador do convenio fixando a cantidade de 71.232,98 euros, ó ter que adaptala ó informe da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Por conseguinte propoñemos ó Pleno a aprobación do Convenio dictaminado pola Comisión coa modificación desa pequena diferencia na cláusula 3, no senso antes indicado. Considero que é un Convenio favorable para as dúas administracións porque como xa dixen permitiráselle ó profesorado do centro designado pola Consellería, que son a maioría dos docentes, excepto nove, unhas trinta persoas aproximadamente, unha estabilidade que hoxe non teñen, mellorando así o proxecto pedagóxico do mesmo. Conséguese así mesmo que o centro se integre na rede pública onde debe estar e que dependa exclusivamente de quen ten hoxe as competencias en materia educativa e non como ocorría ata agora de dúas administracións. É beneficioso tamén para esta deputación posto que supón un aforro importante nos seus orzamentos que pode adicar ás competencias propias que a Lei lle asigne nos tempos actuais. Por conseguinte considero Sr. Presidente, señores e señoras deputados, que é un momento de satisfacción posto que se culmina cunha aspiración longamente demandada por esta Deputación e de aí que propoñamos a aprobación deste convenio que espero contar co apoio de todos os grupos polo que este paso supón para esta casa. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sra. Nidia Arévalo, ten a palabra o Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Moi brevemente, este asunto chegara no mandato 91-95, creo que estamos falando do ano 92 ou algo así, a crearse unha comisión para o seu traspaso e non sei que, que nunca máis se soubo dela e demais. Ben, soamente, nós sempre demandamos o traspaso, por eso lle vamos votar a favor, soamente quería facer un comentario, eu supoño que para o goberno da Xunta sería tremendo, pero se chega a seguir a Xunta en funcións tres ou catro meses máis igual lográbamos transferir "Príncipe Felipe", igual queríamos aclarar todo eso, porque é curioso que temas que levaban tropecentos anos aí intentando resolver se resolvan todos agora, si, si, é curioso, e ogallá, ogallá, dígoo porque foi unha pena que non fora no paquete tamén "Príncipe Felipe" que é unha competencia clara da Xunta e non da Deputación. Non lle debeu dar tempo. Non, non, se votaríamos a favor tamén, pero digo que é cando menos curioso, cando menos curioso que asuntos que levaban anos e anos, este leva dende o 92, 93, eu estaba nese Padroado e sempre era a mesma música, cada reunión que había do Padroado, falaban da transferencia, dende hai, pois eso, xa dez anos, once anos, doce anos, trece anos. Bueno, pois agora se resolve, é unha verdadeira pena porque puidemos resolvelo, incluso transferir viales que loxicamente ía a ser competencia autonómica, bueno, podíamos resolver, poñer todo en orde nesta casa respecto á Xunta barbaramente, se neste curto prazo se resolveron asuntos coma o do SERGAS, este e demais, bueno, se chega a ser un pouco máis grande deixábamos todo en orde, todo o que non resolvemos en vinte anos o resolvíamos agora en dous meses, é unha pena, pero bueno. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. A verdade é que o problema desto é que os datos son moito máis contundentes que as palabras. E a negociación cos traballadores por exemplo, que sabe vostede que había nove traballadores, pois levamos, estamos no mes de xullo, eu creo que levamos dende finais do ano 2004, polo tanto vostede está recoñecendo a boa xestión que está facendo esta casa, xa dita no caso anterior, bueno, vostede de vez en cando dicía que éramos de tempos pasados, agora ve que nos estamos adaptando ós novos tempos con claridade e con boa xestión e neste caso transferindo unha competencia que é explícita da Xunta de Galicia, e ademais cun bo acordo, e polo tanto nada teñen que ver evidentemente as eleccións autonómicas precisamente nin con este nin con ningún dos asuntos que se trataron e con algúns máis que virán, algúns máis que virán, porque xa o adiantara, estoume a referir concretamente entre outros, xa o adiantara coa antelación suficiente para que non houbera malos entendidos, como pode ser a Escola de Enfermería, etc. ou sexa, creo que nese sentido se está facendo unha extraordinaria xestión, con acertos e con erros que se poden cometer, pero creo que é unha extraordinaria xestión, e polo tanto de aí o logro tamén, como digo, despois de moitos meses de negociación e que incluso ó mellor algún compañeiro dos medios de comunicación me dicía como ben recordaba vostede agora, que deso xa nos levan falado hai moito tempo, pero nunca se produciu, e finalmente pois se produce, como digo, despois dun acordo intenso, sobre todo nos últimos dez ou doce meses. Ten a palabra o Sr. González. Sr. González Iglesias.- Si, que probablemente se aceleraron nos últimos dous meses. Mire, vamos a ver Sr. Louzán, nós evidentemente vamos a votar a favor, o que si queríamos era unha aclaración porque hai algo que non entendemos moi ben. Se o principal problema que era as diferencias salariais do persoal é un tema ó que se chega a un acordo, e que fai fronte a Deputación como é bastante lóxico, se a mesma Deputación lle transfire á Xunta a propiedade dos edificios, etc., a min o que se me escapa en toda esta negociación, é cal é a razón, por que razón a Deputación ten que pagar 71.000 euros cada ano, en concepto de que, é algo que non, eu estiven mirando o Convenio con atención, e non o entendo, a verdade é que non o entendo, quixera que mo explicaran, se ten explicación, independentemente desto xa lle digo que vamos a votar a favor. Sr. Presidente.- Ten a palabra a Sra. Arévalo. Sra. Arévalo Gómez.- Si, bueno, en principio contestarlle ó Sr. Mosquera, de que a min me sorprende que diga esas tonterías, porque vostede sabe, vostede sabe que esto está completamente todo pactado e asinado practicamente antes de que o goberno da Xunta estivera en funcións. Levamos aproximadamente un ano e medio pois xa matizando os últimos problemas que podía haber para chegar a asinar ese convenio e que hai cuestión de tres meses pois practicamente que estaba xa todo máis que falado e cerrado simplemente pois quedaba esa cláusula desa cantidade anual. Pero o Sr. Pazos, que é o seu compañeiro que está nos Padroados, supoño que lle irá informando do que vai acontecendo e el sabe que hai tempo de que se lle comunicou ó Padroado de que estaba practicamente todo falado. En canto á pregunta que me fai o Partido Socialista, pois en concepto da compensación polos gastos do que é a asunción do traspaso que lle vai ocasionar á Xunta de Galicia, a Deputación debe aboar esa cantidade, actualizados pois no IPC galego correspondente. Indiscutiblemente a Deputación estimou que sendo as competencias educativas exclusivas da Xunta de Galicia, debería asumir o custo o centro de forma total sen que a Deputación tivera que aboar ningunha cantidade. Pero hai que ter en conta que a Consellería vén soportando a práctica totalidade do custo deste centro e no borrador inicial co que se traballou non figuraba ningunha cantidade por compensación pero a Consellería de Economía e Facenda informouno desfavorablemente e de aí que houbera que asumir para proceder á transferencia efectiva ó aboo desta cantidade, pero é que parece lóxico debido á cantidade de presuposto que a Deputación viña investindo ano tras ano no centro e que agora vai a deixalo de facer. Vamos a ir ó positivo desta transferencia que vamos a facer hoxe e que a Deputación deixa de investir cada ano cen millóns das antigas pesetas. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sra. Arévalo. Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Gracias Sr. Presidente. Eu pediríalle á Sra. Portavoz do PP, que retire eso das tonterías, pediríalle. Sr. Presidente.- ¿Porterías?. Sr. Mosquera Lorenzo.- Tonterías dixo, se non lle escoitei mal, que este Portavoz estaba dicindo tonterías, que retire se quere e senón. Sr. Presidente.- Aceptamos. Sr. Mosquera Lorenzo.- Dígoo porque, señora, mire, levamos moitos anos con este asunto, moitisimos anos con este asunto e é evidente que as cousas se poidan ler como se queira, se poidan ler como se queiran. Bueno, pois se non foi o goberno en funcións entón é que lle entrou a iluminación á Xunta ultimamente, como queira, pero curiosamente lle entrou cando ía convocar as eleccións ou cando está en funcións. E non lle dea máis voltas, non lle dea máis voltas Sr. Presidente, é un acordo posible, que é un grande acordo vamos a deixalo, e se tivéramos a responsabilidade de xestionalo, eu estiven nese Padroado durante bastantes anos pois igual avalábamos ese acordo e non tiñamos máis remedio, por que, porque a xente está nunha posición de forza que utiliza, que utiliza. Porque se nós estamos prestando un servizo non podemos deixar de prestalo e nos costa, pero se non o prestáramos a Xunta tiña uns custes bastante máis elevados que o que é esta transferencia, porque tería que construír o edificio, porque tería que, etc., e lle estamos regalando un patrimonio que ten o seu valor, tres, catro, cinco, seis, sete ou oito millóns de euros, etc., agora que é o único acordo posible e que para as finanzas desta Deputación, para a contabilidade lle vai ir mellor, pois si, pois si, pero un acordo relativo, ou sexa, como a Xunta está nunha posición de forza di, mire, ou así ou segue pagando, bueno, entón así, é que é o acordo posible, pois si, por eso o aprobamos, pero non diga que é un extraordinario, un magnífico, un xenial acordo, porque en termos patrimoniais vostede sabe que non, deixémolo, é unha aspiración histórica, estamos poñendo en regra as competencias de cada quen, que cada un, estamos resolvendo un problema do centro, o problema da anarquía na dotación do profesorado e demais, certo, suponse que vamos a prestar un mellor servizo, aínda que non sexa á Deputación, aínda que non sexa á Xunta, a partir de agora, certo e demais, agora o outro é facer trampa entre o que é gasto corrente e o que é patrimonio e evidentemente as administracións prefiren ter carto dispoñible e non patrimonio que ó final o único que fai é gastar, é comerse máis gasto corrente, correcto, ou gasto corrente ou de inversión ordinaria, correcto. Pero bueno non tal, e entón deixémolo como está e non eso, é dicir, resolvemos un problema e repito curiosamente, curiosamente en certa época, pero bueno, independentemente de certa época nós vamos a votar a favor, home, se votamos a favor, aínda por riba temos que aguantar que nos insulten, é que de verdade, caramba, é que xa non sei que hai que facer. Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera. O que pasa é que a vostede se lle fai difícil recoñecer que é un importante acordo porque vostede o leva demandando hai moito tempo e polo tanto hai un importante acordo desta casa de xestión no cal eu quero significar as persoas que traballaron para el, tamén hai que recordar que vostede fala de patrimonio, etc., pero esto cando dalgunha maneira se creou hai máis de 25 anos, cumpriu un obxectivo social importante, e polo tanto atendía unha demanda da cidadanía e agora o que facemos é traspasar unha competencia cun acordo moi importante e moi interesante precisamente para esta casa e como dicía pois houbo un equipo que traballou dende a Deputada Nidia Arévalo durante moitos meses, así como José Luís Rodríguez, que tamén coñecedor desta materia pois puxeron o mellor de si para chegar a un feliz acordo. E neste sentido creo que así o foi e polo tanto aí está. Creo que, bueno, pois rematamos este ciclo de transferencias. ¿Algo que engadir?. Sra. Arévalo. Sr. Arévalo Gómez.- Vamos eu non teño inconveniente en retirar o de tonterías, pero se o Sr. Mosquera retira de que se nos podía pasar pola cabeza transferir a Cidade Infantil. É que se o dixen foi porque non me pareceu que estivese no momento adecuado para dicir eso e que, ¿vamos a traspasar a Cidade Infantil se o goberno da Xunta estivese en funcións máis meses?, e entendín eso, ¿non dixo eso?. Sr. Presidente.- Sr. Mosquera. Sr. Mosquera Lorenzo.- Vamos a ver, é que non escoitou o anterior. Creouse unha Comisión creo que no ano 92 para transferir a Cidade Infantil, todo, incluído esto, todo, ou sexa que é algo bastante, bastante, entón digo, transferencias que hai pendentes coa Xunta hai varias, hai varias, había o do SERGAS para resolver, hai varios viais provinciais, estaba este centro e está a Cidade Infantil, sigue estando encima da mesa hai moito tempo, outra cousa é que a Xunta non o queira, que é outro problema, vostede sabe que ese é o problema, vostede coñece ben o asunto, señora, entón, ¿que é o que sucede?, eu o que dixen é que agora con esta cascada, verdade, de transferencias e de solucións, bueno, pois se houbese máis tempo igual lográbamos tamén o de Príncipe Felipe que é ó oso mais duro de roer, foi o que dixen, vaia, non creo que dixera nada fóra de lugar, en absoluto, creo que é absolutamente pertinente e ogallá o lográramos, porque poñemos en regra todo o da Deputación coa Xunta, e ogallá o lográramos, creo que foi o que dixen. O que pasa que vostede escoitou soamente o cacho que lle, que lle... Sr. Presidente.- Moitas gracias Sr. Mosquera, creo que están aceptadas por ambas partes e polo tanto ningún problema, o importante é o acordo, e hoxe como digo esta casa segue xestionando ben os seus intereses. Votamos entonces, ai perdón. Votamos entón o punto número 3, que é a transferencia, como así o establece o punto, do Centro de Formación Profesional. ¿Votos en contra?. ¿Abstencións? ¿A favor?. Todos os grupos. Visto o Convenio de Cooperación entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, para o establecemento das condicións do traspaso do Instituto de Educación Secundaria "Fogar Provincial Príncipe Felipe", así como os informes correspondentes, o Pleno acorda unanimidade: 1.- Prestar aprobación ó seguinte "CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA, A TRAVÉS DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA, E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA O ESTABLECEMENTO DAS CONDICIÓNS DO TRASPASO DO INSTITUTO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA "FOGAR PROVINCIAL PRÍNCIPE FELIPE". Santiago de Compostela, a ........ de ..................... de 2005 REUNIDOS Dunha parte, o Excmo. Sr. D. Celso Currás Fernández, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, actuando no nome e representación da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no art. 34 da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu Presidente. E doutra parte, o Ilmo. Sr. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, en uso das competencias sinaladas no artigo 34 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local. As partes recoñécense mutuamente a condición en que cada un intervén e a capacidade legal suficiente para o outorgamento do presente convenio. EXPOÑEN Que, de acordo co previsto no artigo 131 do Estatuto de Autonomía de Galicia, é da competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e grados, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme ó apartado 1º do artigo 81 da mesma, o desenvolvan, das facultades que atribúe ó Estado o número 30 do apartado 1 do artigo 149 da Constitución, e da alta inspección necesaria para o seu cumprimento e garantía. Que, en virtude do disposto no artigo 10.2 da Lei Orgánica 8/1985, do Dereito á Educación, na Disposición Adicional Quinta da Lei Orgánica 9/1995, de Participación, Avaliación e Goberno dos Centros Docentes e na Disposición Adicional Sétima do Real Decreto 2377/1985, de Concertos Educativos, asinouse o 20 de xuño de 2001 un Convenio entre a Concellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra, mediante o cal permitíase o funcionamento do Instituto de Educación Secundaria "Fogar Provincial Príncipe Felipe", dependente da Deputación, como centro público en réxime de convenio. Que, no momento actual e ante a inminencia da resolución das condicións de funcionamento do Instituto recollidas no Convenio anteriormente referido, resulta evidente para ámbalas dúas partes implicadas a conveniencia de rematar con esta situación especial, procedéndose ó traspaso definitivo dos medios materiais e persoais afectos ó Centro á Administración Pública que exerce a día de hoxe as competencias na materia. Polo exposto, as partes citadas no encabezamento deciden formalizar o presente convenio de cooperación con

Área de documentación

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición