Fondos
-
4. COMISIÓN PERMANENTE. COMISIÓN DE GOBERNO. XUNTA DE GOBERNO
2004-04-16_Ordinaria. Acta de sesión 2004/04/16_Ordinaria
Acta de sesión 2004/04/16_Ordinaria
Área de identificación
Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.33.371/1.2004-04-16_Ordinaria
Título Acta de sesión 2004/04/16_Ordinaria
Data(s) 2004-04-16 (Creación)
Volume e soporte 1 acta de sesión
Área de contexto
Institución arquivística Arquivo Deputación de Pontevedra
Área de contido e estrutura
Alcance e contido Folla: XUNTA DE GOBERNO Sesión do día 16 de abril de 2004 --------o0o-------- En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as dez horas e cinco minutos do día dezaseis de abril do ano dous mil catro, baixo a Presidencia de D. Xosé Crespo Iglesias, Vicepresidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Ramón Campos Durán, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila, D. José Antonio Landín Eirín e D. Alfredo Rodríguez Millares, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Da fé do acto D. Rogelio Nicieza de la Cerra, Secretario Xeral e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero. Non asisten o Ilmo. Sr. Presidente, D. Rafael Louzán Abal, nin o señor deputado D. José Juan Duran Hermida, quen escusan a súa ausencia. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.12012.- ACTAS ANTERIORES Acórdase por unanimidade, aproba-los borradores das actas das anteriores sesións, ordinarias, dos días 2 e 6 de abril, ámbalas dúas do ano 2004. ------ Folla: 2.12013.- SOLICITUDE DE PRÓRROGA FORMULADA POLO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA PARA A XUSTIFICACIÓN DA AXUDA ECONÓMICA PARA PRAIAS FLUVIAIS, ESPACIOS NATURAIS E ÁREAS RECREATIVAS 2003 Vista a solicitude formulada polo Concello de Vilagarcía de Arousa e o informe da Técnica de Medio Ambiente do Servicio Agrario, acórdase por unanimidade conceder unha prórroga ata o 30 de xuño do presente ano, para a xustificación da axuda económica concedida para "Mellora e protección da zona de A Fontaíña: mesas, asadores e papeleiras", incluída nas Axudas para Praias Fluviais, Espacios Naturais e Áreas Recreativas, por importe de dez mil euros (10.000,00). ------ Folla: 3.12014.- SOLICITUDE DE PRÓRROGA FORMULADA POLO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE PONTECESURES PARA A XUSTIFICACIÓN DA AXUDA ECONÓMICA PARA PRAIAS FLUVIAIS, ESPACIOS NATURAIS E ÁREAS RECREATIVAS 2003 Vista a solicitude formulada polo Sr. Alcalde do Concello de Pontecesures e o informe da Técnica de Medio Ambiente do Servicio Agrario, acórdase por unanimidade conceder unha prórroga ata o 30 de xuño do presente ano, para a xustificación da axuda económica concedida para "Acondicionamento de zona de esparcimento en O Castro", incluída nas Axudas para Praias Fluviais, Espacios Naturais e Áreas Recreativas, por importe de tres mil euros (3.000,00). ------ Folla: 4.12015.- MODIFICACIÓN DOS CONTRATOS DE COLABORACIÓN ENTRE A EMPRESA FAUNA ÚTIL E A ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO/DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E TÍTULO "POSTA A PUNTO DE CRÍA MASIVA DE NEMATODOS ENTOMOPATÓXENOS PARA O CONTROL DE PRAGAS E DETECCIÓN, CARACTERIZACIÓN E CONTROL BIOLÓXICO DE CRYPHONECTRIA PARASÍTICA SOBRE CASTIÑEIRO EN GALICIA" Vista a comunicación da Empresa FAUNA ÚTIL, S.L., na que di non ter ningún inconveniente en que os pagamentos que dita empresa realiza á Excma. Deputación xerados polos proxectos PGIDIT03RAG08E e PIGDIT03RFO03E destínense á partida que dito organismo estime máis conveniente, visto así mesmo os informes favorables de Intervención e do Enxeñeiro Director do Servicio Agrario, acórdase por unanimidade modifica-los contratos de colaboración aprobados pola Comisión de Goberno de 7 de novembro de 2003, na cláusula terceira, no referente á "Dotación económica estará constituída por unha única partida por importe nos tres anos de 33.344,58 euros e 32.484,99 euros, respectivamente, para facer fronte ós gastos que estime oportunos a Excma. Deputación", e elimina-lo parágrafo "Todo o material funxible que o centro necesite para a correcta marcha do contrato subministrarao a empresa, así como calquera outro servicio necesario". ------ Folla: 5.12016.- PRÓRROGA DO CONTRATO DE SERVICIO DE LIMPEZA DO PAZO PROVINCIAL Visto o acordo adoptado pola Comisión de Goberno desta Excma. Deputación Provincial, na sesión do 19 de abril de 2001, polo que se lle adxudicou o contrato para a prestación do servicio de limpeza do Pazo Provincial, á empresa CLARO SOL, S.A. (CIF.-A-36615763), polo prezo anual ofertado de 16.390.000 pesetas, equivalente a 98.505,88 euros, por un período de dous anos a contar dende o día 1 de maio de 2001. Resultando que o contrato formalizado coa empresa CLARO SOL, S.A., remataba o 30 de abril de 2003 e a Comisión de Goberno na sesión do 8 de agosto de 2003, acordou prorrogar por un ano a duración do mesmo, con efectos dende o día 1 de maio de 2003 ó 30 de abril de 2004, e acceder á revisión de prezos, en concepto da variación do IPC, ascendendo o novo prezo para o período do 1 de maio de 2003 ó 30 de abril de 2004, á cantidade de 101.559,52 euros, a razón de 8.463,29 euros/mes. Resultando que a empresa CLARO SOL, S.A., mediante escrito de data 22 de marzo de 2004, solicita novamente a prórroga do devandito contrato polo período dun ano, con efectos dende o día 1 de maio de 2004 ó 30 de abril de 2005, ámbolos dous incluídos, así como a modificación do prezo, incrementando o mesmo en función do IPC, a partir do 1 de maio de 2004. Resultando que en función da cláusula terceira do contrato formalizado, con data 30 de maio de 2001, entre a empresa Claro Sol, S.A., e esta Deputación Provincial, o período comprendido entre o 1 de maio de 2004 ó 30 de abril de 2005, sería o último ano susceptible de prórroga, en base ó disposto no artigo 198.1º do RDL 2/2000, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas. Resultando que o Xefe da Unidade de Mantemento desta Deputación emite informe favorable para a prórroga do contrato do servicio de limpeza do Pazo Provincial durante o período do 1 de maio de 2004 ó 30 de abril de 2005 e dado que por parte do Servicio de Contratación no escrito de data 29 de marzo de 2004, así como no informe de Intervención de data 30 de marzo de 2004, fan referencia ó feito de que ó día da data se descoñece o IPC que terá que aplicarse como base do cálculo para a revisión de prezos, acordándose por unanimidade: 1) Prorrogar por un ano a duración do contrato formalizado coa empresa CLARO SOL, S.A. (CIF. -A-36615763) para a prestación do servicio de limpeza do Pazo Provincial, con efectos dende o día 1 de maio de 2004 ó 30 de abril de 2005, ámbolos dous incluídos. 1) Con respecto á revisión de prezos de dito contrato para o período do 1 de maio de 2004 ó 30 de abril de 2005, a empresa CLARO SOL, S.A., deberá solicitar novamente dita revisión unha vez que se faga pública, polo organismo competente, a variación experimentada polo IPC durante o período comprendido entre abril de 2003 e abril de 2004. ------ Folla: 6.12017.- RECOÑECEMENTO DE OBRIGAS Visto o informe que formula a Intervención desta Deputación de data 23 de marzo do ano actual, con relación á aprobación da factura núm. 024/04 emitida por Ambiotec, S.L. (CIF B-79473799), por gastos de "Asesoramento na tramitación do expediente ambiental, redacción da proposta de declaración de impacto, e elaboración do informe ambiental de seguimento de obras" correspondentes a traballos complementarios do Proxecto de Estudio Ambiental das obras "Ponte sobre o río Verdugo e Accesos EP 0306", e en virtude das facultades que lle confire a base 17-1, parágrafo cuarto das aprobadas para a execución do orzamento de 2004, acórdase por unanimidade aproba-la autorización, o compromiso do gasto e o recoñecemento da obriga seguinte: A factura núm. 024/04 emitida por Ambiotec, S.L. (CIF B-79473799) con domicilio na Plaza de Europa, 10 A, 7º B, Área Central Fontiñas, de Santiago de Compostela, por un importe de 2.542,22 euros, en concepto de gastos de "Asesoramento na tramitación do expediente ambiental, redacción da proposta de declaración de impacto, e elaboración do informe ambiental de seguimento de obras", correspondentes a traballos complementarios do Proxecto de Estudio Ambiental da obra "Ponte sobre o río Verdugo e Accesos EP 0306". Esta cantidade librarase no seu día con cargo á partida 04/511.511.612.02 do vixente orzamento provincial. Vista a proposta que formula a Intervención desta Deputación de data 29 de marzo do ano actual, para o recoñecemento de diversas obrigas, polos motivos, acredores, importes, números de facturas e partidas que constan nas mesmas, de gastos efectuados polos CENTROS XESTORES e DEPENDENCIAS desta Deputación e que se especifican na relación que se achega, e en virtude das facultades que lle confire a base 17-1, parágrafo cuarto das aprobadas para a execución do orzamento de 2004, acórdase por unanimidade aprobar: A relación comprensiva de tres facturas que figuran na referencia 200400000255 que importa un total global de mil trescentos noventa e nove euros con corenta e dous céntimos (1.399,42), que comeza coa emitida por J. Rosetta, S.L.L. - Servicios Lingüísticos, por importe de 592,28 euros e remata coa de J. Rosetta, S.L.L. - Servicios Lingüísticos, por importe de 330,36 euros, na que se recoñecen obrigas por importe de mil trescentos noventa e nove euros con corenta e dous céntimos (1.399,42), sendo imputables ás obrigas ás partidas detalladas na referida relación nas que se practicaron as correspondentes retencións de crédito. ------ Folla: 7.12018.- DEVOLUCIÓN DE GARANTÍAS DEFINITIVAS Unha vez tramitados os correspondentes expedientes, de conformidade co disposto no artigo 47 e concordantes do RD Lexislativo 2/2000, de 16 de xuño, do Texto Refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, e ó non estar suxeitos a responsabilidade e terse cumpridas as condicións dos contratos, acórdase por unanimidade a devolución das seguintes fianzas: CONSTRUCCIONES CARRO, S.L. .- A constituída en valores, mediante aval de B.B.V., por importe de MIL SETECENTOS VINTEÚN EUROS CON TRINTA E OITO CÉNTIMOS (1.721,38), para responder de: "EP ARMENTEIRA-BUSTO, Ó CAMPO DE GOLF (MEIS)", pertencente a (Fondos Propios - 2002), e que foi depositada na Tesourería Provincial o 27-11-02, segundo núm. 200200100899 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. CONSTRUCCIONES CRESPO, S.A. .- A constituída en valores, mediante aval de Caixanova, por importe de MIL SEISCENTOS TRINTA EUROS CON SETENTA E TRES CÉNTIMOS (1.630,73), para responder de: "EP 0015 PARDA - O MARCO- CONDE BUGALLAL (PONTEVEDRA)", pertencente a (Fondos Propios - 2001), e que foi depositada na Tesourería Provincial o 04-07-01, segundo núm. 200100032459 de operación (SIC/2001035382), sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. INDUSTRIAS DEL DEZA, S.L. (INDEZA) .- A constituída en valores, mediante aval de Sogarpo, por importe de CINCO MIL CATROCENTOS SEIS EUROS CON OITENTA E SEIS CÉNTIMOS (5.406,86), para responder de: "EP 9407 GOULLA-ROMAI (PORTAS)", pertencente a (Fondos Propios - 2001), e que foi depositada na Tesourería Provincial o 29-10-01, segundo núm. 200100054000 de operación (SIC/2001058673), sendo indispensable para retirala, a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. TRANSPORTES Y MAQUINARIA, S.L. .- A constituída en valores, mediante aval de B.B.V., por importe de MIL DOUSCENTOS SETENTA E SEIS EUROS CON CORENTA CÉNTIMOS (1.276,40), para responder de: "TERMINACIÓN EP CALLOBRE-PONTE LEDESMA A ENCORADOS (A ESTRADA)", pertencente a Fondos Propios - 2002, e que foi depositada na Tesourería Provincial o 03-06-02, segundo núm. 200200047810 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. .- A constituída en valores, mediante aval de B.B.V., por importe de DOUS MIL CENTO NOVE EUROS CON VINTENOVE CÉNTIMOS (2.109,29), para responder de: "CAPA DE RODADURA EP 7009 SOL-ANCORADOS (A ESTRADA)", pertencente a (Fondos Propios - 2002), e que foi depositada na Tesourería Provincial o 22-07-02, segundo núm. 200200060538 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. .- A constituída en valores, mediante aval de B.B.V., por importe de DOUS MIL NOVECENTOS ONCE EUROS CON NOVENTA CÉNTIMOS (2.911,90), para responder de: "EP 8404 PIÑEIRO-ARCOS (CUNTIS)", pertencente a PPC de 2001, e que foi depositada na Tesourería Provincial o 10-09-01 segundo núm. 200100045160 de operación (SIC/2001048849), sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. CONSTRUCCIONES TABOADA Y RAMOS, S.L. .- A constituída en valores, mediante aval de Caja Madrid, por importe de NOVE MIL DOUSCENTOS VINTEOITO EUROS CON CINCUENTA E CATRO CÉNTIMOS (9.228,54), para responder de: "PO-MEIROL-ENLACE AUTOVÍA (MONDARIZ)", pertencente a POL - 2000, e que foi depositada na Tesourería Provincial o 18-12-00, segundo núm. 200067311 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. MOVEX VIAL, S.L. .- A constituída en valores, mediante aval do B.B.V., por importe de TRES MIL CINCOCENTOS EUROS CON SESENTA E CATRO CÉNTIMOS (3.500,64), para responder de: "BEIRARRÚAS E URBANIZACIÓN, 1ª FASE TRAMO ESTRADA ACCESO A TRAGOBE (CAMBADOS) (1996)", e que foi depositada na Tesourería Provincial o 15-03-1996, segundo núm. 19960066865 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. INTERURBAN, S.A. .- A constituída en valores, mediante aval do Banco Santander, por importe de DOUS MIL TRESCENTOS NOVENTA E NOVE EUROS CON CINCUENTA E NOVE CÉNTIMOS (2.399,59), para responder de: "ASISTENCIA TÉCNICA PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE MELLORA DA Cª DE O GROVE-SAN VICENTE POLO INTERIOR", pertencente a (Fondos Propios - 2000), e que foi depositada na Tesourería Provincial o 03-03-00, segundo núm. 2000011537 de operación, sendo indispensable para retirala a presentación da carta de pagamento orixinal e o selo da Empresa. ------ Folla: 8.12019.- CONVOCATORIA DUNHA BOLSA DE INVESTIGACIÓN PARA A MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA En virtude do Convenio de Colaboración subscrito entre esta Excma. Deputación Provincial e o Consello Superior de Investigacións Científicas, acórdase por unanimidade aproba-la convocatoria e bases dunha beca de investigación para a Misión Biolóxica de Galicia. ------ Folla: 9.12020.- CONCESIÓN DE PERMISO E AXUDA ECONÓMICA PARA ASISTIR A CURSO Visto o acordo adoptado na Xunta de Goberno celebrada o 12 de marzo de 2004, polo que se concede ós funcionarios D. Fernando Lubiáns Solla, Educador do Centro Agarimo, Dona Lucía Muradas Arcay, Educadora do Centro Escola Fogar e Dona Mª Luz Riesco Martín, Directora do Centro de Primeira Acollida, permiso e axuda económica para asistir a un curso sobre a Lei de Responsabilidade Penal do Menor, organizado pola EGAP e que tivo lugar en Santiago de Compostela os días 9 e 10 de marzo do corrente mes, acórdase por unanimidade, ó amparo do establecido no artigo 105.2 da Lei 30/92 de 26 de novembro, modifica-lo importe da axuda económica concedida por canto que o curso se celebrou en Ourense e non en Santiago de Compostela, debéndoselles acredita-las seguintes cantidades con cargo ás partidas 422.422.230.01 e 422.422.231.01 do orzamento provincial. .- Desprazamentos (en coche ida e volta 204 Km.) 39,23 euros .- Peaxe e aparcadoiro 40,00 euros .- Axudas de custo 113,89 euros/persoa Os gastos de desprazamentos, peaxe e aparcadoiro aboaranse a Dona Lucía Muradas Arcay e deberán xustificarse, xunto co aloxamento e media manutención destes tres funcionarios, de conformidade co establecido no Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio. ------ Folla: 10.12021.- REVISIÓN DE PREZOS DO CONCERTO DE ASISTENCIA SANITARIA 2004 En cumprimento do disposto no artigo 38 do Concerto de Asistencia Sanitaria subscrito coas Compañías Adeslas e Aegón para funcionarios provinciais integrados, acórdase por unanimidade efectua-la revisión de prezos correspondente ó exercicio 2004, conforme o incremento do prezo da asistencia sanitaria no acordo marco da Seguridade Social, que ascende a un 3%, quedando por conseguinte actualizado o prezo do Concerto en 29,33 euros/mes por beneficiario con respecto ó período 01-01-2004/31-12-2004. Ó propio tempo, apróbanse e decláranse de aboo os atrasos correspondentes a xaneiro, febreiro e marzo deste ano distribuídos pola entidade aseguradora tal e como a continuación se detalla: ADESLAS MES NÚM. ASEGURADO PRIMA TOTAL Xaneiro 688 0,85 584,80 Febreiro 688 0,85 584,80 Marzo 684 0,85 581,40 AEGÓN MES NÚM. ASEGURADO PRIMA TOTAL Xaneiro 292 0,85 248,20 Febreiro 292 0,85 248,20 Marzo 293 0,85 249,05 Ditas cantidades imputaranse á partida 2004-122-314-160.06 do orzamento provincial. ------ Folla: 11.12022.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D. DANIEL A. BORRÁS DÍAZ DE RÁBAGO, AVOGADO, EN NOME E REPRESENTACIÓN DA ENTIDADE ASEGURADORA GÉNESIS E DE D. RAFAEL BADA MARTÍNEZ, POR DANOS EN ACCIDENTE DE TRÁFICO NA ESTRADA PROVINCIAL 2601 MOS-PUXEIROS Dada conta que con data de Rexistro de 11 de marzo de 2004 (nº 007103) tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por D. Daniel A. Borrás Díaz de Rábago, con enderezo na rúa Uruguay 4-3º I, de Vigo, por danos en accidente de tráfico na estrada provincial 2601 Puxeiros-Mos, o día 2 de outubro de 2003, solicitando indemnización por importes de 447´90 euros para D. Rafael Bada Martínez, e 5.113´69 euros para a entidade aseguradora Génesis. Resultando.- Que con data 15 de marzo de 2004 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do RD 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 171 do RD 2568/86, se solicitou informe ó Servicio de Vías e Obras, que o emitiu en data 22 de marzo e remitiu á Secretaría Xeral-Asesoría Xurídica, co seguinte contido: "La carretera Mos-Puxeiros pertenece a la red provincial. No consta en este Servicio que el día 2 de octubre de 2003 ó en sus inmediaciones existiese una tapa abierta de la red de alcantarillado. No obstante, practicadas las oportunas averigüaciones ha podido saberse que existía una tapa que, al paso de los vehículos, producía sonidos debidos a una falta de ajuste y que en ese día (02/10/03) un vehículo, quizá al pisarlo en una esquina, produjo el desplazamiento de la misma y se salió de la calzada. Según manifestación del informante, él mismo la volvió a colocar en su sitio. En cualquier caso, debemos significar que la referida tapa pertenece a la red de alcantarillado municipal". Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e pasiva e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do RD 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que non quedou acreditada a relación de causalidade (artigos 139.1 da Lei 30/92 e 13.2 do RD 429/93) co material probatorio aportado ó expediente, antes ó contrario, queda demostrada a non responsabilidade desta Deputación no evento lesivo, pois, se ben queda acreditado que a causa eficiente do sinistro é o desaxuste dunha tapa da rede de sumidoiro, tamén resulta certo que tal elemento, accesorio da rede de sumidoiro, é responsabilidade, no seu bo estado e condición de servir á súa finalidade, dun servicio municipal, non provincial. Polo tanto, non negada a causa eficiente do sinistro -defectuoso estado de asentabilidade dunha tapa da rede de sumidoiro- que quedou de manifesto pola plena concordancia e cohonestación absoluta do informe do noso Servicio de Vías e Obras e polo atestado da Agrupación da Garda Civil, Subsector de Pontevedra, Destacamento de "O Porriño", soamente cabe responsabilizar do dano a unha Administración concreta (a municipal ou a provincial), entendendo esta Xunta de Goberno que unha tapa da rede de sumidoiro -que non forma parte de ningún servicio provincial- é competencia exclusiva do concesionario -de habelo- ou do servicio de saneamento ou augas do Concello, sendo só de exclusiva responsabilidade desta Deputación as condicións correctas da vía contempladas desde a perspectiva da seguridade dos vehículos, tales como sinalización, bo firme de rodadura, ausencia de fochas ou outras similares. Soamente nunha interpretación extrema do instituto xurídico da responsabilidade podería facérselle concorrer na culpa a esta Deputación, pero tal cousa non está disposta a facelo a mesma por unha recta labor hermenéutica que preserve o Presuposto Provincial de gastos que carezan da necesaria xustificación, isto deixando a salvo o que no seu día poidan decidir os Xulgados do Contencioso. Non deixa de ser significativo que a norma directora destas reclamacións, o R.D. 429/93, fale, no seu artigo 10.1, no ámbito da instrucción do procedemento, de pedir "... informe ó Servicio que, no seu funcionamento, houbese ocasionado a presunta lesión indemnizable"; pois ben, nunha interpretación lóxica e que busque preservar un resultado xusto, ¿a que Servicio habería de pedirse no presente suposto?, ¿ó de Vías e Obras que nin arte nin parte ten no evento lesivo, ou, máis ben, a aquel titular do servicio de conservación da rede de sumidoiro que, polo seu deficiente funcionamento, provoca o dano?, para esta Xunta de Goberno a resposta é clara. Considerando.- Que as Administracións Públicas se rexen en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e ss. da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do RD 2568/86 e RD 429/93. Considerando.- Que o presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do RD 429/93, referido á desestimación argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade desestima-la reclamación. ------ Folla: 12.12023.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D. JOSÉ EDUARDO VÁZQUEZ PUGA POR DANOS EN ACCIDENTE DE TRÁFICO NA EP-9305 Á ALTURA DO KM. 9,150 Dada conta que con data de Rexistro 06-02-04 tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por D. José Eduardo Vázquez Puga, con enderezo a efectos de notificacións no despacho da letrada Dna. Marina Couselo Filgueira, sito na rúa Xeneral Gutiérrez Mellado 15-6ºA, de Pontevedra por danos padecidos en automóbil da súa propiedade, marca Peugeot 205 e matrícula PO-9799-AS, na EP-9305, con dirección a Barrantes, á altura do Km. 9,150, o día 29 de xuño de 2003, e que individualiza economicamente en 2.133,38 euros. Resultando.- Que con data 11 de febreiro de 2004 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do RD 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 171 do RD 2568/86, se solicitou informe ó Servicio de Vías e Obras, a fin de que contestara expresamente ós seguintes extremos: "... a) Se a estrada 9305 é vía provincial. b) Se en datas coincidentes co 29 de xuño de 2003 existía, á altura do punto quilométrico 9´150 unha gran mancha de aceite cubrindo o carril dereito da calzada. c) Calquera outro extremo que estime de interese". Resultando.- Que o Servicio de Vías e Obras emitiu informe en data 13-02-04 co seguinte contido: ". . . a) Si la Carretera Provincial 9305 es Vía Provincial. b) Si la fuerza instructora no la observa no procede otra investigación. c) La C.P. 9305 está en obras." Resultando.- Que o non considerarse completo por non contestarse expresamente a cuestión "b" da petición do informe citado no "resultando" inmediatamente anterior, volveuse a solicitar "informe complementario e aclaratorio", o que se fixo o 29 de marzo contestando que ". . . no se tiene constancia de la misma" (refírese á mancha de aceite). Resultando.- Que devén preciso aclarar que o "si" consignado no apartado "a" do informe de 13-02-04 debe entenderse en sentido afirmativo ("sí"). Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e pasiva e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do RD 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que non quedou acreditada a relación de causalidade (artigos 139.1 da Lei 30/92 e 13.2 do RD 429/93) co material probatorio aportado ó expediente, antes ó contrario, queda demostrada a non responsabilidade desta Deputación no evento lesivo, xa que, como logo referiremos, o atestado da forza actuante, a pesares dalgunhas dúbidas iniciais, resulta contundente no seu contido e que polo tanto e para deixar sentada a exoneración da Deputación na devandita responsabilidade cumpre dicir que o relato feito por quen suscriba a instancia, a quen se notificou a necesidade de aclarar determinada referencia a unha inexistente representación, chega a esta Deputación intermediado por quen non sufriu o accidente, é dicir, que o "dicente" subscribinte non é o suposto (neste caso suposta) prexudicado, pois a conductora era Dona Dolores Fojo Flores: soamente con esta inicial aclaración pode entenderse a distorsión entre o relato alegatorio da instancia e a realidade dos feitos obxectivada no atestado da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, pois non debemos esquecer que soamente esta foi a redactora do atestado (e non o Destacamento de Cambados). Así as cousas, se ben se comprende a parcialidade e torsión dos feitos (cando non a distorsión dos mesmos) por parte de quen pretende a indemnización, isto non xustifica a difuminación da verdade na instancia ó dicir que ". . . Los agentes de la Guardia Civil de Cambados observaron la mancha de gas-oil" cando no atestado reflíctense datos tan contundentes coma ". . . posibles causas (...) no se pueden determinar (...) la mancha de gas-oil no la observa la fuerza instructora" ou "características de la vía ( del trazado) buena". Así as cousas, e unha vez rexeitada a causa eficiente do sinistro que se invoca cos argumentos enervatorios que se deixan razoados (os que se podería engadir o informe de Vías e obras desta Deputación) pódese aventurar, sequera como hipótese máis racional, que o motivo do sinistro foi a velocidade inadecuada, a choiva e o estado de obras da estrada, circunstancias todas elas que, a máis de exonerar á Administración de culpa algunha, introducen a reclamante no eido contraventor dos artigos 19 da Lei de Tráfico e 43 do Regulamento Xeral de Circulación, o non adoptar a velocidade as circunstancias da vía. De tódolos xeitos, esta reflexión atópase á marxe do que é o tema "decidendi" e a súa causa que, coma queda dito, o é a ausencia de acreditación da relación de causalidade. Considerando.- Que as Administracións Públicas se rexen en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e seguintes da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do RD 2568/86 e RD 429/93. Considerando.- Que no presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do RD 429/93, referido á desestimación argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade desestima-la reclamación. ------ Folla: 13.12024.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR D. JESÚS Mª SÁNCHEZ CAMPOS EN NOME E REPRESENTACIÓN DE D. CARLOS ENRIQUE UHÍA DOMÍNGUEZ, POR DANOS EN ACCIDENTE DE TRÁFICO NA VÍA RÁPIDA DE O SALNÉS, NO TERMO MUNICIPAL DE SANXENXO, SEGUINDO A DIRECCIÓN SANXENXO-CAMBADOS Dada conta que con data de Rexistro 19-01-04 tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por D. Jesús Mª Sánchez Campos en nome e representación de D. Carlos Enríque Uhía Domínguez, veciño de Sanxenxo e con enderezo a efectos de notificacións no despacho do letrado, sito en San Antón, nº 21, A Estrada (Pontevedra); por danos padecidos en automóbil da súa propiedade, marca Rover, modelo 220 GTI, matrícula PO-8822-AT, na vía rápida de O Salnés no termo municipal de Sanxenxo, seguindo a dirección Sanxenxo-Cambados, e que individualiza economicamente en 7.456,91 euros. Resultando.- Que con data 11 de febreiro de 2004 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do RD 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 171 do RD 2568/86, se solicitou informe ó Servicio de Vías e Obras, que o emitiu con data 18-02-04 co seguinte contido: "... Que la vía rápida del Salnés no es vía provincial". Resultando.- Que ó referir o reclamante na súa instancia que a razón "de dirigir la presente reclamación contra la Excma. Diputación de Pontevedra obedece a que este organismo es el encargado del mantenimiento, vigilancia y conservación de la vía en que tuvo lugar el accidente, tramo que une Sanxenxo y Cambados", volveuse a solicitar informe o 3 de marzo acerca deste extremo en concreto (suposta atribución do mantemento a esta Deputación), contestando o Servicio de Vías e Obras en reiteración do inicialmente informado e engadindo que "... debe dirigirse a la Xunta de Galicia, CPTOPV". Coma a devandita resposta non daba satisfacción cabal á pregunta concreta, pois cabía non esgotar a posibilidade do previo asinamento de calquera fórmula de colaboración administrativa, verbigracia, un Convenio, mediante a cal, sen ostentar a Deputación a titularidade demanial da vía, puidese atribuírse a esta o seu mantemento, volveuse a pedir contestación expresa a isto, informando o Servicio de Vías e Obras, literalmente o que segue: " ... - No es Vía Provincial - Si no se sabe interpretar que al decir no es Vía Provincial, no corresponde a este Organismo su mantenimiento, vigilancia y conservación- Es que se desconoce que a este Organismo solo corresponde el mantenimiento, vigilancia y conservación de las Vías Provinciales". Ante tan clarificadora contestación nada máis cumpre engadir. Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do RD 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que o teor do citado informe impide entrar sequera a valora-las circunstancias concorrentes do sinistro en cuestión, por canto non pode constituírse validamente a relación procedimental ó non resulta-la Deputación Provincial pasivamente lexitimada para interpoñer perante dela ningunha reclamación que non se relacione directamente coa súa titularidade demanial. Considerando.- Que as Administracións Públicas se rexen en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e seguintes da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do RD 2568/86 e RD 429/93. Considerando.- Que en ningún caso pode esta Excma. Deputación Provincial facerse responsable de danos producidos en estradas que non sexan da súa titularidade. Considerando.- Que o presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do RD 429/93, referido á desestimación argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade inadmitir a trámite dita reclamación. ------ Folla: 14.12025.- COMUNICACIÓNS Non houbo. ------ Folla: 15.12026.- ROGOS E PREGUNTAS Non se formularon. FÓRA DA ORDE DO DÍA e previa unánime declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: ------ Folla: 16.12027.- SOLICITUDE DE REPARACIÓN DA ESTRADA DE PORRÁNS-MORAÑA-CUNTIS Á CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA A proposta da Presidencia, atendendo peticións do Deputados Sres. Landín Eirín e Campos Durán e insistindo en anteriores acordos similares, e debido á grande demanda social existente, acordouse por unanimidade solicitar á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a adecuada reparación da estrada de Porráns-Moraña-Cuntis. ------ Folla: 17.12028.- APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN, POR PROCEDEMENTO ABERTO, MEDIANTE CONCURSO, TRÁMITE DE URXENCIA, DA OBRA "EP 8001 CALDAS-CARRACEDO-CATOIRA (CALDAS DE REIS)" (PPC 2004) Visto o acordo adoptado pola Xunta de Goberno en sesión celebrada o 02-04-2004, polo que se prestou aprobación ó proxecto "EP 8001 Caldas-Carracedo-Catoira (Caldas de Reis)" (PPC 2004) por importe de 444.036,00 euros, IVE incluído; visto o escrito do Servicio de Cooperación no que se comunica que se recibiu do Ministerio para as Administracións Públicas a conformidade ó Plan Provincial de Cooperación 2004, no que está incluída dita obra; visto o escrito do Enxeñeiro Técnico Xefe da Zona Norte no que manifesta que a licitación da obra debería realizarse con carácter de urxencia toda vez que a obra de reparación da Ponte sobre o río Ulla en Catoira está a punto de rematar polo que sería conveniente que este acceso se rematara ó mesmo tempo; visto o informe emitido polo Sr. Vicesecretario relativo ó prego de condicións económico-administrativas que rexerá no concurso, estimándoo correcto xuridicamente; e, visto o informe de fiscalización do expediente emitido polo Sr. Interventor, acórdase por unanimidade aproba-lo gasto, o prego de condicións económico-administrativas e o expediente de contratación, por procedemento aberto, mediante concurso, trámite de urxencia, da referida obra cun orzamento de licitación de 444.036,00 euros, IVE incluído. A obra obxecto do concurso financiarase con cargo á partida 04/911.511-611.09 do vixente orzamento provincial. Así mesmo, expóñense ó público o proxecto e o prego de condicións que rexerán no concurso a efectos de reclamacións, o que de non se producir dará lugar a súa aprobación definitiva de forma automática. O anuncio do concurso e do extracto do prego de condicións económico-administrativas publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia. Os gastos de inserción de anuncios e demais que xere o expediente serán por conta dos adxudicatarios. E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas e trinta e cinco minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, o Secretario que dou fe. ------
Ãrea de notas
Nota