ATOPO
Rexistros actuais: 1.638.795
Obxectos dixitais dispoñibles: 505.521

Acta de sesión 2004/09/03_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.33.371/2.2004-09-03_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2004/09/03_Ordinaria

  • Data(s) 2004-09-03 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Folla:
    XUNTA DE GOBERNO

    Sesión do día 3 de setembro de 2004
    --------o0o--------


    En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as dez horas do día tres de setembro do ano dous mil catro, baixo a Presidencia do Sr. D. Xosé Crespo Iglesias, Vicepresidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, Dona María Teresa Pedrosa Silva, D. José Juan Durán Hermida, D. José Enrique Sotelo Villar, D. Ramón Campos Durán, D. Antonio Feliciano Fernández Rocha, D. José Manuel Figueroa Vila e D. José Antonio Landín Eirín, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día.
    Da fé do acto D. Carlos Cuadrado Romay, Secretario Accidental e está presente o Sr. Interventor, D. Bautista Pérez Carnero.
    Non asiste o Ilmo. Sr. Presidente D. Rafael Louzán Abal nin o Sr. Deputado D. Alfredo Rodríguez Millares.
    Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos:

    1.12400.- ACTA ANTERIOR

    Acórdase por unanimidade, aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 27 de agosto do ano 2004.


    ------
    Folla:
    2.12401.- PRÓRROGA DO CONVENIO ENTRE A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA A "MELLORA DA PESCA CONTINENTAL NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA"

    Dada conta da remisión pola Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente da solicitude da "Prórroga do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e a Excma. Deputación de Pontevedra para a Mellora da Pesca Continental na Provincia de Pontevedra".
    Vistos os informes favorables de Intervención con data 25-08-04 e do enxeñeiro director do Servizo Agrario de data 30-08-04, acórdase por unanimidade a adopción do seguinte acordo:
    Aprobar a "Prórroga do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e a Excma. Deputación de Pontevedra para a Mellora da Pesca Continental na Provincia de Pontevedra ata o mes de outubro para xustificar o 50% das inversións previstas no Convenio".

    ------
    Folla:
    3.12402.- SOLICITUDE DE PRÓRROGA DO CONCELLO DE VILABOA PARA A XUSTIFICACIÓN DA OBRA: "AMPLIACIÓN DA REDE MUNICIPAL DE SANEAMENTO NA PARROQUIA DE VILABOA, LUGARES DE ACUÑA, RÍA E POSTEMIRÓN", INCLUÍDA NO PSA/03

    Acórdase por unanimidade aprobar a solicitude do Concello de Vilaboa pola que interesa a concesión dunha prórroga, para xustificar a obra incluída no PSA/03, co núm. 79/789, denominada "Ampliación da rede municipal de saneamento na parroquia de Vilaboa, lugares de Acuña, Ría e Postemirón", subvencionada con 30.000,00 euros, por Resolución Presidencial de 11-11-03.
    Concédese un aprazamento na súa xustificación ata o 30 de abril de 2005, con carácter improrrogable.


    ------
    Folla:
    4.12403.- SOLICITUDE DE PRÓRROGA DO CONCELLO DE SILLEDA PARA A XUSTIFICACIÓN DA OBRA: "CENTRO MULTIUSOS E BIBLIOTECA DE BANDEIRA"

    Acórdase por unanimidade aprobar a solicitude do Concello de Silleda, pola que interesa a concesión dunha prórroga para xustificar a obra subvencionada con cargo á partida 03/911.451.762.24, denominada "Centro Multiusos e Biblioteca de Bandeira", por un importe de 238.850,00 euros, concedida por Comisión de Goberno de data 05-12-03.
    Concédese un aprazamento na súa xustificación ata o 30 de abril de 2005, con carácter improrrogable.


    ------
    Folla:
    5.12404.- CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E A CRUZ VERMELLA-OFICINA DE PONTEVEDRA PARA A POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA "SEN VIOLENCIA CONVIVENCIA". ANO 2004

    De conformidade co informe favorable da Comisión Informativa de Benestar Social e Muller, acórdase por unanimidade aprobar a proposta de Convenio coa Cruz Vermella-oficina de Pontevedra sobre "Convivencia sen violencia-2004", por un importe máximo de 51.623,88 euros con cargo á partida 04/313.413.480.02, así como o anexo ó mesmo, habilitando ó Ilmo. Sr. Presidente para a súa sinatura.
    Dito convenio é como segue:
    CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A EXCMA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA E A CRUZ VERMELLA, OFICINA PROVINCIAL DE PONTEVEDRA PARA A POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA "SEN VIOLENCIA CONVIVENCIA". ANO 2004
    No Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra reúnense o ..................... de 2004, pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, D. Rafael Louzán Abal como Presidente, en virtude do art. 34.1, b) da Lei 7/85, de 2 de abril e D. Jorge Araujo Cortegoso, como Presidente Provincial da Cruz Vermella-Oficina Provincial de Pontevedra con CIF Q 2866001-G.
    Ámbalas dúas partes recoñécense con capacidade legal e representación suficiente para subscribir o convenio de colaboración de acordo cos seguintes
    ANTECEDENTES
    As institucións asinantes do presente convenio co fin de favorecer o desenvolvemento integral do/a neno/a e adolescente, consideran fundamental a posta en marcha dun Programa de intervención educativo con xóvenes á promoción de actitudes positivas para a prevención de conductas violentas, consistindo o mesmo, por unha banda, na realización de obradoiros en centros escolares e por outra, na intervención directa con alumnos, pais e profesores.
    Asumindo as competencias previstas no artigo 31.2 da Lei 7/85 de Bases de Réxime Local, nos artigos do 22 ó 25 da Lei 4/93 dos Servizos Sociais da Comunidade Autónoma Galega e ó amparo do Real Decreto 415/96, de 1 de marzo coas modificacións introducidas no mesmo polo Real Decreto 2219/96 de 11 de outubro, sobre o ordenamento da Cruz Vermella Española, e en cumprimento da Recomendación (R85) 9 a 21 de xuño, do Consello de Ministros do Consello de Europa, sobre o traballo voluntario en actividades sociais, as partes asinantes consideran que Cruz Vermella-Oficina Provincial de Pontevedra, é unha entidade idónea para contribuír ó desenvolvemento da política social e asistencial da proposta do presente convenio.
    En base ás anteriores consideracións, ámbalas dúas partes acordan establecer o presente convenio, coas seguintes.
    CLÁUSULAS
    PRIMEIRA.- Obxecto.
    As institucións asinantes, Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e Cruz Vermella-Oficina Provincial de Pontevedra, levarán a cabo de mutuo acordo, o contido das prestacións específicas no Programa Sen Violencia-Convivencia cos obxectivos seguintes:
    .- Evitar a proliferación de conductas violentas dentro da comunidade escolar.
    .- Aportar instrumentos válidos ós pais para a educación dos seus fillos.
    .- Ofrecer información ós docentes sobre formas de resolver positivamente os conflictos.
    .- Comprender as razóns e función da violencia para neutralizala e superala.
    .- Analizar os efectos dos medios de comunicación na proliferación de conductas violentas.
    .- Promocionar actitudes positivas para a prevención de conductas violentas na xuventude da nosa sociedade.
    .- Lograr unha maior intervención nos centros escolares da provincia.
    .- Comezar a sensibilización sobre a prevención de conductas violentas con nenos en idades máis temprás.
    .- Promover a continuidade do proxecto no centro unha vez rematados os obradoiros.
    No proxecto ANEXO queda recollida a fundamentación do mesmo, os obxectivos xerais, as accións por obxectivo, os recursos humanos, os destinatarios, a temporalización, avaliación e orzamento.
    SEGUNDA.- Destinatarios.
    Continuando co traballo levado a cabo no pasado ano, este proxecto levarase a cabo no ano 2004 nos centros educativos de ensino secundario dos seguintes concellos: Meaño, Ponteareas, Pontecesures, Tui, A Estrada, Bueu, Mos, As Neves, Illa de Arousa, Barrantes, Moaña (2 centros), Lalín e Pontevedra. E irá dirixido ós:
    .- Alumnos/as de 2º e 3º da ESO.
    .- Pais e nais de ditos alumnos/as.
    .- Educadores e persoal dos centros.
    Así mesmo vaise por en marcha, polo menos en dous centros nos que se levou a cabo o proxecto en convocatorias anteriores, a creación de GRUPOS DE CONVIVENCIA que se realizarán como experiencia piloto de cara a darlle continuidade á intervención.
    Finalmente tamén se intervirá nunha experiencia piloto cos alumnos/as de 5º e 6º de primaria do centro educativo da Cidade Infantil Príncipe Felipe, para o que se deseñará un material didáctico do proxecto Sen Violencia Convivencia, adaptado ó colectivo infantil, que vai consistir nunha guía didáctica para os monitores e un cadernillo de tareas para os alumnos.
    TERCEIRA.- Duración e financiamento.
    O presente convenio entrará en vigor desde o día 1 de xaneiro de 2004 e rematará o 31 de decembro do mesmo ano.
    A aportación económica por parte da Deputación para o Proxecto Sen Violencia Convivencia será como máximo de 51.623,88 euros consignados na partida 04/313.413.480.02 e contraerase a obriga de pagamento ata o 31-12-04 en que se rematará o pago total. Dita contía aboarase en mensualidades unha vez xustificados os gastos, ata acadar o total da mesma a través das correspondentes facturas, nóminas ou outros documentos válidos legalmente a tal fin.
    CUARTA.- Participación da Cruz Vermella.
    A aportación da Cruz Vermella-Oficina Provincial de Pontevedra, concrétase nas actividades previstas no Proxecto, captación e emprego de recursos humanos voluntarios, selección e contratación de persoal e xestión do Programa. Ademais, proporcionará un seguro de cobertura de accidentes para os voluntarios do mesmo durante o desenvolvemento da actividade.
    QUINTA.- Comisión de Seguimento.
    A Comisión de Seguimento terá as seguintes funcións: seguimento técnico das actuacións e evolución do proceso e remate do Programa. Dita Comisión estará formada por parte da Deputación pola Presidenta da Comisión de Benestar Social e Muller, o Xefe do Servizo de Acción Social e a Traballadora Social responsable do convenio quen actuará como secretaria da Comisión e por parte da Cruz Vermella, pola Secretaria Provincial ou persoa en quen delegue, a Directora de Actividades e Servizos e Técnico do Proxecto.
    As reunións da Comisión de Seguimento serán bimensuais ou antes se os membros que a forman o consideran necesario.
    SEXTA.- Publicidade.
    A Cruz Vermella comprométese a facer constar a colaboración da Deputación Provincial, Área de Servizos Sociais, en toda a publicidade que elabore sobre o Proxecto.
    Estando as partes conformes co senso deste documento, asínano no Pazo da Excma. Deputación na data do encabezado.

    O PRESIDENTE DA EXCMA. O PRESIDENTE DA CRUZ VERMELLA
    DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OFICINA PROVINCIAL PONTEVEDRA, PONTEVEDRA,

    Asinado: Rafael Louzán Abal Asinado: Jorge E. Araujo Cortegoso

    ------
    Folla:
    6.12405.- CONCESIÓN DE PERMISO E AXUDA ECONÓMICA PARA ASISTENCIA A CURSO

    Vista a proposta do enxeñeiro-xefe do Servizo Agrario de data 22 de xullo de 2004, interesando que se conceda a D. Héctor Martínez Sanz, contratado laboral por obra ou servizo determinado como veterinario para a Finca Mouriscade, permiso e axuda económica para poder asistir ó "XX Congreso Científico de la European Embryo Tranfer Associatión", que se celebrará os días 10 e 11 de setembro en Lyon (Francia), acórdase por unanimidade, ó amparo do establecido nas normas aprobadas pola Comisión de Goberno de 11 de novembro de 1983 e artigo 16.6.a) do IV Acordo Regulador-Convenio Colectivo do 8 de xaneiro de 2001, concederlle o permiso solicitado e unha axuda económica por importe de 989,13 euros, desglosada por conceptos tal e como a continuación se sinala:
    .- Desprazamentos:
    - (Sant-Lyon-Santiago) 500,00 euros
    - Axudas de custo 489,13 euros
    IMPORTE TOTAL 989,13 euros
    Ditas cantidades imputaranse ás partidas 711.711.231.01 de desprazamentos e 711.711.230.01 de axudas de custo do orzamento provincial, e deberán xustificarse conforme ó establecido no Real Decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.
    Tendo en conta o informe de Intervención de data 13 de agosto de 2004, desestímase a axuda económica solicitada en concepto de gastos de inscrición ó non existir consignación orzamentaria suficiente.

    ------
    Folla:
    7.12406.- COMUNICACIÓNS

    Non houbo.

    FÓRA DA ORDE DO DÍA e previa unánime declaración de urxencia adoptouse o seguinte acordo:


    ------
    Folla:
    8.12407.- ADXUDICACIÓN DO CONCURSO, PROCEDEMENTO ABERTO, PARA REALIZAR UN ESTUDIO DE MARCAS E SISTEMAS DE CALIDADE NO EMPREGO

    Aprobado pola Xunta de Goberno do día 16 de xullo de 2004, acordouse a "Aprobación do expediente de contratación, mediante concurso, procedemento aberto, da realización dun estudio de marcas e sistemas de calidade no emprego", cuxo anuncio do concurso foi publicado no BOP número 140 e no DOG nº 144 de datas 22 e 27 de xullo de 2004, respectivamente.
    Vista a acta de cualificación da documentación xeral e de apertura de plicas presentadas e admitidas, subscrita pola mesa de contratación con data 10 de agosto de 2004.
    Visto o informe emitido polo Enxeñeiro Director do Servizo Agrario, de data 11 de agosto de 2004, sobre valoración das distintas ofertas admitidas ó concurso de acordo cos criterios de valoración establecidos nos pregos de condicións que rexeron no concurso; e vista a proposta formulada pola mesa de contratación, acórdase por unanimidade:
    Adxudicar á empresa ANTAR, TALLER DE ESTRATEGIAS CREATIVAS, S.L. (CIF: B-82.949.769) a realización dun estudio de marcas e sistemas de calidade no emprego, por resultar a oferta que obtivo unha maior puntuación, cun total de 94,88 puntos, segundo os criterios de valoración establecidos nos pregos de condicións e reunir os requisitos esixidos en dito concurso, e por un importe de SESENTA MIL EUROS (60.000,00 euros), IVE incluído.
    O pagamento da expresada cantidade será librado no seu día ó adxudicatario, con cargo á partida 04/711.711.479.03.2003, do Orzamento Provincial.
    O adxudicatario deberá constituir unha fianza definitiva equivalente ó 4% do prezo de adxudicación, polo importe de 2.400,00 euros, que ingresarán na Tesourería da Deputación en calquera das formas previstas no artigo 36 do RDL 2/2000, de 16 de xuño, do texto refundido la Lei de Contratos das Administracións Públicas, no prazo de quince días naturais contados dende a notificación deste acordo. No caso de non cumprise este requisito por causas imputables ó adxudicatario, dará lugar á resolución do contrato.
    O adxudicatario deberá ingresar na Caixa desta Deputación as cantidades de 61,27 euros e 214,50 euros, (total 275,77 euros) en concepto de gastos de anuncios no Boletín Oficial da Provincia e Diario Oficial de Galicia, respectivamente.

    ------
    Folla:
    9.12408.- ROGOS E PREGUNTAS

    Non se formularon.

    E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas e corenta minutos do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, o Secretario que dou fe.

    ------

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición