ATOPO
Rexistros actuais: 1.625.360
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.762

Acta de sesión 2009/09/09_Ordinaria

Área de identificación

  • Código(s) de referencia ES.GA.36038.ADPO.1.1.4.9.33.379/1.2009-09-09_Ordinaria

  • Título Acta de sesión 2009/09/09_Ordinaria

  • Data(s) 2009-09-09 (Creación)

  • Volume e soporte 1 acta de sesión

Área de contexto

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido En Pontevedra, na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, sendo as nove horas e quince minutos do día nove de setembro do ano dous mil nove, baixo a Presidencia do Ilmo. Sr. D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, reuníronse as/os señoras/es deputadas/os, D. José Manuel Figueroa Vila, D. José Enrique Sotelo Villar, Dona Mª Teresa Pedrosa Silva, D. José Juan Durán Hermida, D. Xosé Crespo Iglesias, D. Silvestre José Balseiros Guinarte, D. Jesús Mª Fernández Portela e Dna. Francisca Canal Gómez, co obxecto de celebrar sesión ordinaria da Xunta de Goberno, con carácter executivo, en primeira convocatoria, consonte á correspondente orde do día. Así mesmo asisten os señores deputados, D. Severino Reguera Varela, D. José Carlos Silva Mariño e D. Jesús Vázquez Almuíña. Da fe do acto D. Carlos Cuadrado Romay, Secretario, e está presente o Sr. Interventor, D. Antonio Graña Gómez. Declarada aberta a sesión e de orde da Presidencia éntrase seguidamente no exame da orde do día, adoptándose en relación coa mesma os seguintes acordos: 1.17218.- ACTA ANTERIOR A Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar o borrador da acta da anterior sesión, ordinaria, do día 2 de setembro de 2009. 2.17219.- APROBACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E A FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA PARA O APOIO ECONÓMICO ÁS ACTIVIDADES DO ANO 2009 Dada conta da proposta de convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación Semana Verde de Galicia, CIF núm. G36155208, para financiar e dar un apoio económico ás actividades da Fundación do ano 2009. Vistos os informes do enxeñeiro director do Servizo Agrario do 5/07/2009; da Secretaría Xeral do 26/08/2009; e da Intervención do 3/09/2009; e vistos o documento Rc. núm. 200900072468 e a restante documentación que obra no expediente. Considerando o disposto na base 16.2 das Bases de Execución do Orzamento da Deputación para o presente ano 2009. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar o Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Fundación Semana Verde de Galicia, CIF núm. G36155208, para dar apoio económico ás actividades da Fundación no ano 2009, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000,00€), que se librarán no seu día con cargo á partida orzamentaria 09/711.711.489.10, Rc núm. de Operación 200900072468, do vixente orzamento provincial. Así mesmo, facúltase ó Presidente da Deputación para a formalización do mencionado convenio mediante a súa sinatura. Dito convenio é como segue: “CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E A FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA PARA O APOIO ECONÓMICO ÁS ACTIVIDADES DO ANO 2009 En Pontevedra, a __ de __ de 2009 REUNIDOS: Dunha parte, D. Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación de Pontevedra, facultado para a formalización deste convenio en virtude do seu cargo de acordo coas competencias que lle outorga o artigo 34.1b da Lei 7/85 do 2 de abril, das Bases do Réxime Local, e Por outra parte, Dª. Paloma Hidalgo López, Directora Xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, actuando no seu nome e representación, ó amparo das facultades que para vincularse neste acto se lle confiren no artigo 27 dos Estatutos da Fundación, nos termos e condicións atribuídas polo Padroado. INTERVEÑEN: Ambas as partes, no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, recoñecéndose reciprocamente capacidade e obrigándose segundo os termos deste documento. EXPOÑEN: PRIMEIRO: A Fundación Semana Verde de Galicia é unha organización de natureza fundacional participada maioritariamente pola Xunta de Galicia, de interese galego, constituída sen ánimo de lucro, estando afectado o seu patrimonio á realización dos seus fins de interese xeral propios da institución. Entre os seus fins fundacionais está o de contribuír ó desenvolvemento do sector agrario galego a través de actividades feirais e mercados agropecuarios, promover a cooperación público-privada no desenvolvemento de actividades feirais e promocionais no eido agrario, alimentario, industrial e comercial co obxecto de impulsar a mellora continua dos devanditos sectores, reforzar a posición estratéxica de Galicia como plataforma feiral e impulsar e promocionar o Recinto Feiral de Galicia en Silleda como enclave estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. SEGUNDO: Nos últimos tempos, a Fundación Semana Verde de Galicia veu sufrindo diversos problemas financeiros derivados do alto custe de construción e mantemento do seu recinto, dunha xestión non profesionalizada de todo e das dificultades engadidas dos problemas e crises de distintos sectores e da economía xeral. TERCEIRO: Recentemente, con motivo da plena profesionalización da xestión da entidade, a Fundación Semana Verde de Galicia aprobou un Plan de Viabilidade que puxo de relevo a grave situación económica pola que atravesa e que ameaza a súa subsistencia, os postos de traballo que xera e, incluso, o cumprimento dos seus fins. CUARTO: A Fundación Semana Verde de Galicia é unha institución fundamental para a provincia de Pontevedra, para as comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes, para os sectores tan importantes e estratéxicos como son os agrarios, gandeiro, forestal e agroindustrial, e sobre todo, para Galicia. O seu correcto funcionamento e a súa viabilidade é clave para que a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia poidan desenvolver distintos plans e iniciativas fundamentais que teñen previstas para o desenvolvemento e a ocupación nos sectores anteditos e na propia provincia de Pontevedra. QUINTO: Polas anteditas razóns, e tendo en conta que a Deputación de Pontevedra forma parte do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, do que se derivan distintas obrigacións, someteuse no Pleno da Deputación de Pontevedra do 29 de maio de 2009 unha moción para que se adoptara un acordo para autorizar unha achega económica de 250.000,00 € á Fundación para corrixir o seu desequilibrio económico; sendo dita moción aprobada no Pleno por maioría dos seus membros. A tal fin, as partes asinan o presente convenio segundo as seguintes CLÁUSULAS: PRIMEIRA.- OBXECTO.- O obxecto do presente convenio será regular a achega económica aprobada polo Pleno da Deputación de Pontevedra á Fundación Semana Verde de Galicia como unha colaboración económica á súa actividade no ano 2009, dado o papel estratéxico que a Fundación desempeña para Galicia en xeral e para a provincia de Pontevedra en particular, co fin de contribuír e apoiar as actividades e accións que esta organiza e xestiona e axudar a minorar a delicada situación de tesourería que de forma puntual se está atravesando nestes intres. SEGUNDA.- CONTÍA DA AXUDA.- A Deputación de Pontevedra contribuirá para o presente ano 2009 cunha achega económica á actividade da Fundación por contía de douscentos cincuenta mil euros (250.000,00 €), con cargo á partida 09/711.711.489.10 do Orzamento da Deputación Provincial de Pontevedra para o ano 2009. TERCEIRA.- DURACIÓN.- O presente convenio estenderá a súa vixencia durante o ano 2009, polo que o financiamento da Deputación servirá para apoiar economicamente as accións desenvolvidas pola Fundación durante o presente ano. Non se prevé a posibilidade de prórroga. CUARTA.- PAGAMENTO E XUSTIFICACIÓN.- Unha vez asinado o presente documento e aprobada a achega económica polo órgano competente da Deputación de Pontevedra, a Fundación Semana Verde de Galicia deberá solicitar o aboamento da axuda por escrito e acompañar un certificado acreditativo da toma de razón na súa contabilidade do importe da subvención, en concepto de xustificación, no prazo máximo de 30 días naturais a contar dende a recepción da notificación do acordo da Xunta de Goberno que aproba esta axuda económica. Posteriormente e antes do 31 de marzo de 2010, a Fundación deberá remitir unha memoria das actuacións executadas no ano 2009 e a correspondente conta de resultados. QUINTA.- PUBLICIDADE DO FINANCIAMENTO.- A Fundación Semana Verde de Galicia comprométese a difundir o financiamento das súas actividades pola Deputación de Pontevedra en calquera publicidade que se faga. SEXTA.- MODIFICACIÓN DAS CONDICIÓNS.- A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. SÉTIMA.- EXTINCIÓN.- O incumprimento destas normas por unha das partes facultará á outra para rescindir o Convenio, quedando automaticamente anulados todos os dereitos correspondentes sobre o obxecto do mesmo. OITAVA.- LEXISLACIÓN SUPLETORIA.- Para o non previsto no presente convenio contemplarase o establecido nas Bases de Execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2009, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/2003), no seu Regulamento (BOE núm. 176, de 25/07/2006), na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación. E en proba de conformidade, asinan o presente convenio, por triplicado exemplar, no lugar e data arriba indicados. O Presidente da Deputación de Pontevedra, A Directora Xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Asdo.: Rafael Louzán Abal Asdo.: Paloma Hidalgo López” 3.17220.- CUMPRIMENTO DO ACORDO ADOPTADO POLA XUNTA DE GOBERNO EN RELACIÓN CON DESAFIUZAMENTO DAS VIVENDAS SITAS NO BLOQUE B PISO 2º E BAIXO DA CIDADE INFANTIL “PRÍNCIPE FELIPE” A Xunta de Goberno queda enterada do cumprimento do acordo adoptado en sesión de 30 de abril de 2009 sobre desafiuzamento das vivendas sitas no Bloque B 2º e baixo da Cidade Infantil “Príncipe Felipe” ocupados polo que foi funcionario provincial D. José Manuel Lombardía Guiance, mediante a entrega das chaves polo interesado á Xefatura de Servizo da Asesoría Xurídica con data 31 de agosto de 2008, de conformidade co auto ditado polo Xulgado do Contencioso nº 3 de Pontevedra no procedemento de entrada en domicilio 252/09 instado por esta Deputación e co escrito de solicitude de prórroga presentado polo interesado para baleirar ditas vivendas, acordando se dea traslado ó Xulgado do Contencioso nº 3 de Pontevedra, á dirección da Cidade Infantil “Príncipe Felipe” e ó Servizo de Contratación, Facenda e Patrimonio, para o seu coñecemento e ós efectos oportunos. 4.17221.- DAR CONTA DE SENTENZA DA SECCIÓN 3ª DA SALA DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO DO TSXG RECAÍDA EN AUTOS DE RECURSO NÚM. 8426/04 PROMOVIDO CONTRA ACORDO DO XURADO PROVINCIAL DE EXPROPIACIÓN FORZOSA DE PONTEVEDRA EN PEZAS SEPARADAS DE XUSTIPREZO DE FINCAS PROPIEDADE DE DNA. Mª DOLORES CALVIÑO IGLESIAS, DNA. MARÍA SILA ABAL VÁZQUEZ E DNA. Mª DEL CARMEN CALVIÑO IGLESIAS Dada conta que con data 13 de xullo de 2007 foi notificada sentenza da Sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos de recurso núm. 8426/04 promovidos por esta Deputación contra acordos do Xurado provincial de Expropiación Forzosa de Pontevedra en pezas separadas de xustiprezo de fincas propiedade de Dna. Mª Dolores Calviño Iglesias, Dna. Mª Sila Abal Vázquez e Dna. Mª del Carmen Calviño Iglesias, na que se desestima dito recurso confirmando os acordos do Xurado con imposición de custas xudiciais, a Xunta de Goberno queda enterada da mesma, acordando se dea traslado ó Servizo de Infraestruturas para o seu cumprimento. 5.17222.- DAR CONTA DE SENTENZA DO XULGADO DE INSTRUCIÓN Nº2 DE PONTEVEDRA, RECAÍDA EN XUÍZO DE FALTAS Nº 157/09 PROMOVIDO POR ESTA DEPUTACIÓN CONTRA D. VICTOR MANUEL ROZAS ABRANTE POR FURTO Dada conta de que con data 21 de xullo de 2009 tivo entrada nesta Deputación sentenza de data 30 de xuño anterior, do Xulgado de Instrución nº 2 de Pontevedra, recaída en Xuízo de Faltas nº 157/09 promovido por esta Deputación contra D. Víctor Manuel Rozas Abrante, por furto cometido en dependencias desta Deputación, na que se condena ó mesmo como autor dunha falta de furto á pena de corenta días de multa e imposición das custas procesuais. A Xunta de Goberno queda enterada do contido favorable da mesma. 6.17223.- COMUNICACIÓNS Non houbo. FÓRA DA ORDE DO DÍA, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos: 7.17224.- DAR CONTA DE AUTO DO XULGADO DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO Nº3 DE PONTEVEDRA SOBRE DESESTIMENTO NO RECURSO P.O. 411/2008 PROMOVIDO POLA ENTIDADE MERCANTIL SOLVIDA SANXENXO, S.L. SOBRE EXPROPIACIÓN Dada conta que con data 31 de xullo de 2009 notifícase Auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de Pontevedra polo que se acorda o arquivo dos autos de recurso P.O. 411/2008 promovidos pola entidade mercantil Solvida Sanxenxo, S.L. sobre expropiación por desistimento da parte recorrente. A Xunta de Goberno queda enterada do contido favorable de dito Auto. 8.17225.- RECLAMACIÓN DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL FORMULADA POR DONA MERCEDES FERNÁNDEZ GONZÁLEZ POR DANOS EN VEHÍCULO NA PO-402 DE OLEIROS A VILASOBROSO (MONDARIZ BALNEARIO) Dada conta que con data de rexistro 05/08/2009 (rex. nº 029500) tivo entrada nesta Deputación instancia subscrita por Dona Mercedes Fernández González, con enderezo a efectos de notificacións en rúa Cristino Álvarez, nº 1-3ª planta de A Coruña polos danos padecidos en vehículo matrícula 7013 CFB na estrada PO-402 de Oleiros a Vilasobroso (Mondariz Balneario) o día 12/02/2009 e que cuantifica economicamente en 883,04 € Resultando.- Que o 7/08/2009 e con fundamento no artigo 10.1, último parágrafo, do Rd 429/93, en relación co 82 e 83 da Lei 30/92, e 171 do Rd 2568/86, solicitouse informe ó Servizo de Vías e Obras, que o emitiu na mesma data co contido literal: “...pongo en su conocimiento que el vial PO-402 de Oleiros (PO-400) a Vilasobroso (N-120) no pertenece a la red provincial de carreteras, siendo de titularidad autonómica.”. Considerando.- Que a instancia se presenta cumprimentando os requisitos de capacidade, lexitimación activa e temporalidade (sen ter transcorrido o prazo de prescrición), descritos nos artigos 6.1 do Rd 429/93 en relación co 70, 30, 31-1-a e 142.5 da Lei 30/92. Considerando.- Que a teor do citado informe impide entrar sequera a valorar as circunstancias concorrentes no sinistro en cuestión, por canto non pode constituírse validamente a relación procedimental ó non resultar a Deputación Provincial pasivamente lexitimada para interpoñer perante dela ningunha reclamación que non se relacione directamente coa súa titularidade demanial. Considerando.- Que as Administracións Públicas réxense en materia de responsabilidade patrimonial polos artigos 106.2 da Constitución Española, 139 e seguintes da Lei 30/92, 54 da Lei 7/85, 223 do Rd 2568/86 e Rd 429/93. Considerando.- Que en ningún caso pode esta Deputación Provincial facerse responsable de danos producidos en estradas que non sexan da súa titularidade. Considerando.- Que o presente acordo cumprimenta o establecido nos artigos 89.1 e 54.1-b da Lei 30/92 en relación co 13.2 do Rd 429/93, referido á inadmisión argumentada da reclamación. A Xunta de Goberno acorda por unanimidade inadmitir a trámite dita reclamación. 9.17226.- RECOÑECEMENTO DA OBRIGA POLO PORCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO E DECLARACIÓN DE ABOO A FAVOR DA EMPRESA EDITORIAL COMPOSTELA, S.A. Dada conta da factura número P 900.081 de data 15 de marzo de 2009, emitida por EDITORIAL COMPOSTELA S.A., referida á prestación de Servizos de Publicidade no xornal EL CORREO GALLEGO, por un importe de 35.670,00 € (IVE incluído), con cargo á partida 08/111.111.226.20, e visto o informe de intervención no que, entre outros, se manifesta que é necesario a aprobación da tramitación de dita factura polo procedemento de recoñecemento extraxudicial de crédito por iniciarse a execución do contrato sen previa formalización, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade recoñecer a obriga mediante recoñecemento extraxudicial de crédito e aprobar a factura ditada polo importe de 35.670,00 €, con cargo á partida 111.111.226.20 do vixente orzamento provincial. 10.17227.- RECOÑECEMENTO DA OBRIGA POLO PROCEDEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO RELATIVAS A DIRECCIÓN DE OBRAS E CONTROL DE CALIDADE Vistos os informes emitidos por Intervención, correspondentes ás facturas relativas á dirección de obra e control de calidade, que máis adiante se relacionan, tendo en conta que como non se seguiu o procedemento de contratación oportuno á aprobación das facturas require seguir o procedemento de recoñecemento extraxudicial de crédito con cargo ás contas non orzamentarias 419.09 (099.129) e 419.08 (099.125), de acordo co establecido na base 17.1 das aprobadas para a execución do Orzamento Provincial de 2009, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade aprobar a autorización, o compromiso do gasto e o recoñecemento extraxudicial das seguintes obrigas: - Facturas nº 2009/ A1939, nº 2009/ A2107 e 2009/ A2605, por un importe de 8.458,31 €, 4.976,57€ e 3.622,33 €, respectivamente, da empresa ENMACOSA, S.A. (NIF A - 36.039.956), que xustifica os traballos de control de calidade realizados na obra “Campo de fútbol de Pasarón en Pontevedra”. - Facturas nº 2009/103, por un importe de 58,48 €, nº2009/106, por un importe de 789,38 €, do Arquitecto Técnico D. Carlos Urdampilleta Barreiro (NIF.- 36.042.815 K), que xustifica os traballos de Dirección de obra “Construción do Campo de Fútbol de Pasarón en Pontevedra” correspondentes ás certificacións 28 e 29, respectivamente. 11.17228.- ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DA OBRA: “REHABILITACIÓN DO AUDITORIO DE PONTEAREAS” Resultando que o Pleno, en sesión celebrada o día 26/09/2008, prestou aprobación a un convenio de colaboración co Concello de Ponteareas para levar a cabo a rehabilitación do Auditorio Reveriano Soutullo, cun orzamento de 1.187.144,00€, modificándose a contía da obra, en sesión de 29/05/2009, quedando establecida na suma de 1.592.796,71€, IVE incluído. Resultando que a Xunta de Goberno, en sesión celebrada o día 24/06/2009, prestou aprobación ó expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto, da obra de “Rehabilitación de Auditorio en Ponteareas”, cun orzamento de 1.344.186,48€ máis 215.069,84€ correspondentes ó IVE. Resultando que con data 6 de agosto de 2009, constitúese a Mesa de Contratación co obxecto de proceder ó estudo da documentación contida nos sobres “A” achegada polos licitadores, admitíndose todas as ofertas presentadas. Resultando que con data 10 de agosto de 2009, reúnese a Mesa de Contratación para proceder á apertura dos sobres “B”, remitíndoas ó Servizo de Arquitectura para a súa valoración. Resultando que polo Arquitecto Provincial emítese informe relativo ás empresas que obtiveron unha valoración superior a 30 puntos unha vez ponderados os criterios non avaliables mediante fórmulas contidas nos sobres “B”. Resultando que a Mesa de Contratación, en sesión celebrada o día 7/09/2009, da a coñecer a ponderación asignada ás propostas técnicas, contidas nos sobres “B”, das empresas que obtiveron unha valoración superior a 30 puntos, procedendo a continuación á apertura dos sobres “C. Resultando que a Mesa de Contratación, á vista do informe emitido polo Arquitecto Provincial, relativo á valoración da documentación contida nos sobres “B”, e valorada a documentación contida nos sobres “C”, eleva ó Órgano de Contratación proposta de adxudicación provisional da obra a favor de MOVEX VIAL, S.L., toda vez que obtivo a máxima puntuación, unha vez ponderada a documentación contida nos referidos sobres, de acordo cos criterios de adxudicación que figuran no prego de cláusulas administrativas que rexeu no procedemento aberto para a contratación da obra, e que a continuación se detalla: LICITADOR PUNTUACION SOBRE “B” PUNTUACION SOBRE “C” PUNTUACION TOTAL CRC OBRAS Y SERVICIOS, S.L. 30,26 25,679 55,942 EOC GALICIA, S.A. 31,98 26,198 58,178 CONSTRUCCIONES ABAL, S.A. 34,32 44,784 79,104 DECORACION, INSTALACIONES Y CONSTRUCCIONES, S.A. (DICSA) 31,47 47,027 78,493 ISOLUX-CORVIAM (CORSAN-CORVIAM, S.A.) 34,84 33,480 68,319 CONSTRUCCIONES RAMIREZ, S.L. 35,68 27,024 62,707 SERCOYSA PROYECTOS Y OBRAS, S.A. 35,47 36,716 72,191 AGECO CONSTRUCCIONES Y REFORMAS, S.A. 34,41 38,558 72,968 CONSTRUCCIONES EXISA, S.A. 36,64 25,809 62,452 WINTERRA CONSTRUCTORA, S.A. 30,03 36,475 66,501 CONSTRUCCIONES ANGEL JOVE, S.A. 32,95 25,690 58,645 MOVEX VIAL, S.L. 37,89 44,000 81,891 HIDROMIÑO, S.L. 38,75 37,132 75,882 A Xunta de Goberno acorda por unanimidade: 1.- Adxudicar provisionalmente, xa que obtivo a máxima puntuación unha vez ponderados os criterios de adxudicación que figuran no prego de cláusulas administrativas que rexeu o procedemento de contratación da obra, a MOVEX VIAL, S.L. a obra de “Rehabilitación do Auditorio de Ponteareas”, na suma de 1.061.907,32€, máis 169.905,17€ correspondentes ó IVE, que oferta un prazo de execución de 16 meses e o 3% do orzamento de execución material correspondente á adxudicación da obra para control de calidade. 2.- Conceder ó adxudicatario provisional un prazo máximo de 15 días hábiles, contado dende o seguinte á publicación deste acordo no perfil do contratante, co obxecto de que presente a documentación indicada no artigo 135.4 da citada Lei 30/2007 e que lle concreta na achega dunha garantía definitiva do 5% do importe de adxudicación, excluído o IVE, que supón a cantidade de 53.095,37€, así como a documentación xustificativa de estar ó corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e calquera outros documentos acreditativos da súa aptitude para contratar ou da efectiva disposición dos medios que se comprometesen a dedicar ou adscribir á execución do contrato. 3.- Unha vez cumpridos satisfactoriamente os trámites enumerados anteriormente e, transcorrido o prazo de quince días hábiles, a adxudicación será elevada a definitiva por este mesmo Órgano. Así mesmo, o adxudicatario debe ingresar na Tesourería da Deputación a suma de 102,30€ correspondentes á publicación do anuncio da licitación da obra no B.O.P. 12.17229.- ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DA OBRA: “ENSANCHE E MELLORA E.P. 8506 BAÑO (VALGA) (EXPTE.-D09/0016) A Xunta de Goberno, en sesión do 5 de agosto, adxudicou provisionalmente a obra de “Ensanche e mellora E.P. 8506 Baño (Valga) (expte.- D09/0016)” á empresa Construcciones Obras y Viales, S.A. Concedeuse á empresa adxudicataria un prazo de quince días hábiles, contando a partir do día seguinte á publicación da adxudicación provisional no perfil do contratante, co obxecto de que presentara a documentación indicada no artigo 135.4 da Lei 30/2007, de contratos do sector público, ademais de ingresar unha garantía definitiva por importe do 5% do prezo de adxudicación, excluído o IVE. A adxudicataria provisional presentou a documentación requirida e de conformidade co estipulado no artigo 135.4 da lei 30/2007, a Xunta de Goberno acorda por unanimidade elevar a definitiva a adxudicación provisional da obra “Ensanche e mellora E.P. 8506 Baño (Valga) (expte.- D09/0016)”, efectuada, en sesión de 5 de agosto do ano en curso, a favor de Construcciones Obras y Viales, S.A. na suma de trescentos setenta e dous mil novecentos seis euros con sesenta e seis céntimos (372.906,66 €), máis cincuenta e nove mil seiscentos sesenta e cinco euros con seis céntimos (59.665,06 €) correspondentes o IVE, con prazo de execución de doce meses, unhas melloras de 57.135,68 €, e unha porcentaxe de control de calidade do 3%. 13.17230.- ROGOS E PREGUNTAS Non se formularon. E non habendo máis asuntos que tratar polo Sr. Presidente, sendo as dez horas do expresado día, dáse por rematada a sesión e dela esténdese a presente acta, que asina o Ilmo. Sr. Presidente, comigo, o Secretario que dou fe. O Presidente, O Secretario,

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición