ATOPO
Rexistros actuais: 1.332.234
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.655

SOPORTES SONOROS

A través dos soportes históricos (rolo de pianola, lousa, disco de acetato) e os posteriores analóxicos e dixitais podemos realizar un percorrido pola evolución técnica da fonografía galega desde comezos do s. XX ata a actualidade.

ROLO DE PIANOLA

Rolo de pianola

É un soporte codificado de cinta perforada, a medio camiño entre a gravación sonora e a partitura, que no seu momento permitía reproducir obras de longa duración, a diferenza dos cilindros e dos discos de lousa. Esta característica, xunto á súa produción masiva, propiciaron a súa grande popularidade na España no primeiro terzo do s. XX, na que as pianolas eran habituais nos círculos musicais, así como nos cafés-concerto, nos cines e en moitos fogares burgueses. O repertorio recollido nos rolos de pianola amosa os principais xéneros e estéticas da altura a través de composicións orixinais para piano ou reducións orquestrais para este instrumento.

Os exemplares conservados na colección do SPDB da Deputación de Pontevedra foron editados pola casa Victoria principalmente e conteñen temas coma a Alborada de Veiga, a zarzuela Maruxa, a melodía galega Serantellos de Enrique Lens ou o tango Galleguita. Aínda que o seu número non é elevado cabe destacalos pola súa importancia histórica e orixinalidade.

DISCO DE LOUSA

Disco de lousa

Os discos de lousa ou de 78 rpm, tamén chamados discos de pedra, pizarrapasta ou shellac, eran fabricados dun material de cor negro ríxido e fráxil, xerado con resinas derivadas de sustancias orgánicas como a goma laca ou polímeros como a ebonita ou a baquelita.

O disco foi inventado por Emile Berliner en 1887. Nas primeiras décadas comercializouse impresionado por unha soa cara e a partir de 1910 polos dous lados; nesta década establecéronse tamén os estándares de 25 cm de diámetro para os discos de música popular e 30 cm para os de música douta, aínda que tamén foron empregados outros tamaños, como 12,5 e 17,5 cm. Nos comezos a velocidade de reprodución dos discos oscilaba entre 60 e 90 revolucións por minuto, ata que en 1925, coa chegada da gravación eléctrica, se estandarizou en 78 rpm, que xa viña sendo a máis empregada nas últimas dúas décadas. A lectura realizábase de fóra cara a dentro, o método americano, que acabaría consolidándose internacionalmente, e de dentro cara a fóra, o método francés, empregado fundamentalmente por Pathé. A duración variaba entre 2 e 4 minutos en función do tamaño e da época. Deste xeito a limitación de 3:30 minutos para a música popular supuxo o modelo para a duración dunha canción no ámbito da música comercial aínda vixente.

As melloras técnicas relacionadas coa capacidade de almacenamento musical e a calidade do son, xunto co abaratamento da súa produción en masa e a súa facilidade de manipulación e almacenaxe, posibilitaron que na segunda década do s. XX o disco se convertera no soporte comercial dominante, o que provocou a progresiva desaparición do cilindro, o primeiro soporte de gravación e reprodución de son, que se deixou de fabricar comercialmente en 1929. O formato 78 rpm mantívose ata 1949, no que comeza a comercializarse o microsuco de 33 1/3 e 45 rpm. O novo soporte impúxose rapidamente en todo o mundo e relegou o 78 rpm, que axiña quedou obsoleto, polo que deixou de fabricarse en Europa e América entre 1958 e 1959.

A colección de discos de lousa ou 78 rpm do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico (SPDB) supera os 1.400 documentos e inclúe importantes gravacións históricas de contido musical, a meirande parte, e da palabra, de altísimo valor cultural e patrimonial, realizadas tanto en Galicia como en Arxentina, Uruguai ou Cuba, principais destinos da emigración galega no continente americano. Dos selos editores que incluíron contidos galegos nos seus catálogos figuran na colección algúns dos máis sobresaíntes, como Gramophone, Victor, Columbia, Regal, Odeon, Pathé ou Parlophone, entre outros. Un número reducido de discos correspóndense con gravacións particulares de artistas ou edicións propias de entidades como o Centro Galego de Bos Aires. A colección do SPDB permite realizar un percorrido polos conxuntos e artistas de música académica, popular e folclórica máis importantes da primeira metade do pasado século desde as pioneiras gravacións comerciais realizadas en Galicia polo coro pontevedrés Aires d'a Terra en 1904. Algunhas destas gravacións foron publicadas pola Editorial da Deputación de Pontevedra nos traballos discográficos Galicia en 78 rpm e Gravacións históricas da melodía galega. Na actualidade esta colección atópase dixitalizada nun 75 %.

DISCO DE ACETATO

Tamén chamado disco de laca, é un disco especial sobre o que se pode gravar o son de maneira instantánea ou desde outra fonte, como o gravador de arame ou de cinta. Hai dous tipos principais de discos de laca: o máster e o dubplate. Diferéncianse a simple vista debido a que o dubplate, ademais do burato do centro, dispón dun segundo burato situado a 2,5 cm do primeiro, cuxa función é suxeitar o disco durante a gravación. O máster usábase para producir as matrices necesarias para prensar os discos comerciais. O dubplate, tamén chamado disco instantáneo, xa que permitía a reprodución inmediata tras a súa gravación sen necesidade de tratamento algún, fíxose moi popular nas emisoras de radio no segundo terzo do pasado século para arquivar programas e para gravar actuacións en directo, publicidade e sintonías, así como para reproducir jingles. Dada a súa fraxilidade, a finais dos anos 50 as radios substituíron o dubplate pola cinta magnética, que permitía tanto o uso reiterado da mesma cinta para gravar coma un fácil corte e pegado. Ademais do máster e do dubplate tamén foi comercializado un disco de acetato instantáneo especial para gravacións domésticas, que se mantivo en uso ata finais dos anos 60.

Polo xeral os discos de acetato tiñan unha base de aluminio, aínda que tamén foron empregadas bases de cartón e de vidro, cuberta dunha capa de acetato de nitrocelulosa de cor negra. Entre as velocidades de reprodución atopamos 78 e 33 1/3 rpm. Estes discos preséntanse nunha ampla gama de tamaños. Así e todo os máis habituais foron os de 17,5, 20, 25, 30 e 36 cm de diámetro.

O fondo sonoro do SPDB conta con 15 discos de acetato de elevado valor patrimonial tanto polo seu contido único e inédito como pola singularidade do soporte. Sete deles son dubplates de 78 rpm de contido musical e da palabra, entre os que destacan as gravacións do gran barítono pontevedrés Víctor Cervera-Mercadillo introducidas con palabras do avogado e escritor Prudencio Landín Tobío, que foron realizadas en Radio Pontevedra a finais dos anos 40; as 8 restantes son gravacións instantáneas domésticas de 33 1/3 rpm, con contido oral, realizadas por emigrantes procedentes de Borela (Cerdedo-Cotobade) entre mediados dos 50 e finais dos 60.

DISCO DE VINILO

Disco de vinilo

Tamén chamado microsuco, é un tipo de disco gramofónico fabricado con policloruro de vinilo, que na década dos anos 50 se impuxo no mercado e lle puxo fin á era do 78 rpm. O disco de vinilo comezou a comercializarse con éxito a partir de 1949, xa que en 1931 xa houbera un intento fallado de lanzamento. Achegou características beneficiosas como un menor nivel de ruído, que permitía unha mellora na audición, e unha maior flexibilidade, que o facía máis duradeiro. Pola contra este soporte precisaba de certos coidados, xa que era susceptible de deformarse pola sobreexposición á calor ou por unha mala almacenaxe e precisaba dunha delicada manipulación para evitar raiados, sobre todo durante a súa reprodución.

O disco de vinilo podía incorporar son monoaural e estereofónico. Coas sucesivas melloras tecnolóxicas de gravación e reprodución, cara ao ano 1958 impulsouse a categoría de produtos HiFi (alta fidelidade), especialmente para as gravacións estereofónicas, que ficou na memoria pola calidade do vinilo fronte a outros soportes posteriores. A semellanza do seu antecesor de lousa a súa lectura realizábase normalmente de fóra cara a dentro. Entre a ampla variedade de formatos os máis comúns foron os de 17,5 cm de diámetro de 45 rpm, para o single (sinxelo), cun só tema ou un por cada cara, e o EP (reprodución estendida), con tres ou catro temas; 25 e 30 cm diámetro de 33 1/3 rpm e 25 cm de 78 rpm para o LP (longa duración), con de oito a doce temas. Nos anos 80 apareceron dous novos formatos de 30 cm: o maxi-single (maxi-sinxelo) de 45 rpm, que incluía entre 3 e 5 temas, e o mini-LP (mini-álbum) de 33 1/3, que podía incluír ata sete temas. O maxi-single, creado fundamentalmente para lanzamentos artísticos, foi moi empregado en locais de ocio nocturno,mentres que e o mini-LP estaba dirixido fundamentalmente ás e aos consumidores que non desexaban mercar o álbum enteiro, de maior custe.

O disco de vinilo gozou dunha enorme popularidade na segunda metade do s. XX, época dourada da industria discográfica, e mantívose como principal medio de consumo de música. A pesar de que nos anos 90 foi desbancado pola tecnoloxía dixital e o CD Audio, desde 2006 aproximadamente asistimos a un rexurdimento da edición de vinilo dirixida a profesionais, coleccionistas ou ás e aos melómanos, que atopan neste vello formato a maneira de diferenciarse do consumo masivo.

No Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico atópanse aproximadamente 2.750 discos de 45 e 33 1/3 rpm, maioritariamente de contido musical: 1.250 entre singlese EP, 24 maxi-singles, 2.465 LP e 11 mini-LP Estes vinilos recollen todas as manifestacións da música galega, académicas e populares, dos últimos cincuenta anos do pasado século, entre as que cabe destacar algúns dos movementos propios da época como a canción social e de protesta, o folk ou a movida viguesa. Nesta época moitos artistas do país tamén dan o salto á escena nacional dentro da música lixeira, o pop e o rock. Entre os selos editores figuran os galegos Ruada, Edigal e Gal & Cia xunto con outros de ámbito nacional e internacional como Edigsa, Belter, Zafiro, G.A.S.A, Hispavox, Sonifolk, Columbia, Emi-Odeón, CBS ou Polygram Ibérica, entre outros. Na actualidade a colección atópase dixitalizada ao 90 %.

CINTA MAGNÉTICA

Cinta magnética

A cinta magnética foi un importante medio de almacenamento de datos, así como de gravación e reprodución de son e vídeo. Para cada tipo de contido creáronse cintas especiais, que se diferenciaban tanto nas súas medidas físicas e composición química coma nos formatos de gravación. A información gravábase en pistas sobre unha banda plástica cun material magnetizado, xeralmente óxido de ferro ou algún cromato (Cr, Fe-Co, Co-Ni).

A cinta magnética foi presentada en 1935. Entre os anos 40 e 50 comezou a empregarse nas radios e nas televisións e pouco a pouco foise popularizando o seu uso tanto no ámbito profesional como doméstico, ata a chegada dos ordenadores a finais do século pasado. A cinta magnética de audio foi un tipo de cinta magnética para a gravación e reprodución de son analóxico e dixital, que co paso das décadas se presentou nunha ampla variedade de soportes como a cinta aberta, o cartucho, o casete ou o DAT entre outros.

CINTA ABERTA

Era unha cinta magnética enrolada nunha bobina que se reproducía nun magnetófono específico. Utilizouse tanto en gravación analóxica como dixital e presentaba diversos espesores. Para os estudos de gravación a cinta aberta ofreceu importantes vantaxes fronte ao disco, como superar a limitación dos 30 minutos de gravación e a recollida de maior rango dinámico e polo tanto mellor calidade nos extremos de frecuencias graves e agudas, así como a posibilidade de manipulación do audio.

No Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico consérvanse soportes deste tipo englobados nos Fondos da Palabra, que se corresponden con plenos da Deputación de Pontevedra de entre 1984 e 1998.

CARTUCHO

Cartucho

O seu fundamento atópase no cartucho de cinta sen fin deseñado en 1952 polo inventor estadounidense Bernard Cousino ao redor dun único carrete de cinta magnética de 6,35 mm, que funcionaba a unha velocidade de 9,5 cm/s. Cada unha das partes nas que está dividida a música gravada denomínase programa. Cada programa comezaba e paraba onde o indicara o sinal producido por unha fina peza metálica de 1 polgada de longo, que activaba o sensor de cambio de pista. En 1962 o empresario Earl Muntz presentou o seu sistema estéreo Stereo-Pak de cartuchos de 4 pistas (dous programas de dúas pistas cada un) como sistema de audio para automóbiles.

O cartucho de 8 pistas, denominado inicialmente Lear Jet Stereo 8, foi desenvolvido pola empresa Lear Jet en 1964 baseado nos anteriores. O cartucho de 8 pistas duplicou a cantidade de programas da cinta (catro) para proporcionar oito pistas. Lear promocionou o almacenamento de máis música como unha gran mellora, mais na práctica traduciuse nunha perda da calidade do son. A diferenza do formato Stereo-Pak, o reprodutor de cartucho de 8 pistas podía cambiar entre as pistas de forma automática.

A popularidade, tanto dos cartuchos de 4 pistas como dos de 8, creceu durante o auxe da industria do automóbil. A mediados dos 60 marcas como Ford ofrecían a instalación de reprodutores, chamados "cartucheras", para o de 8 pistas nalgúns modelos, o que propiciou a súa imposición sobre o de 4, que Muntz abandonou por completo a finais de 1970. O cartucho de 8 pistas, tamén coñecido en España como "ocho track", entrou en decadencia cara a finais dos 70 debido á evolución constante do casete, que se converteu nun medio de alta fidelidade amplamente difundido. Outro factor importante foi o alto custo das cintas en branco dos respectivos gravadores de cartucho, xa que os sistemas de casete tendían a ser máis económicos. O cartucho foi o primeiro formato verdadeiramente portátil de música que chegou ao mercado de masas. Nas emisoras de radio tamén foron empregados para a emisión de cuñas e "cortinillas" de forma rápida.

Nos fondos sonoros do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico consérvanse 6 cartuchos de 8 pistas de artistas como Ana Kiro, grupos como Los Tamara e orquestras como Los Satélites editados entre os anos 1974 e 1979.

CASETE

Casete

O casete, tamén coñecido como casete compacto ou cinta de casete, foi un formato de gravación de son en cinta magnética amplamente utilizado no último terzo do pasado século. Era robusto, resistente ao po, á calor e aos choques, polo que as súas aplicacións estendéronse desde a edición musical e da palabra, e o audio portátil de gravación doméstica, ata o almacenamento de datos para computadoras. O casete compacto consta de dous carretes en miniatura con capacidade de xiro, entre os que pasa unha cinta magnética dentro dunha carcasa protectora de plástico de 10 x 6,2 cm aproximadamente. Agás nas versións iniciais, a cinta contaba con dous pares de pistas estereofónicas, un par por cada cara. A súa duración total dependía da lonxitude da cinta e variaba desde os 5 aos 120 min, e as máis empregadas eran as de 45 e 60 min.

O casete compacto de audio, previsto inicialmente como medio para o ditado, monofónico e de 60 min de duración, foi introducido en Europa pola empresa Philips en 1962 e a súa produción en masa comezou en Alemaña en 1964. O casete de música gravada, tamén coñecido como musicasete, foi lanzado en Europa a finais de 1965 e un ano despois nos Estados Unidos, mais a calidade dos primeiros reprodutores non era a adecuada para a música. En 1971 Advent Corporation combinou a redución de ruídos Dolby tipo B cunha cinta de dióxido de cromo, que deu como resultado un formato apto para o uso musical e o comezo da era dos casetes e reprodutores de alta fidelidade.

Inicialmente o musicasete era un medio para a reprodución de música pregravada, mais coa introdución da cinta virxe ou en branco pola casa xaponesa Maxell a mediados dos 70, así como das versións estereofónicas, converteuse no medio de gravación doméstica por excelencia e nunha alternativa popular ao vinilo durante máis de vinte anos, nos que tanto o soporte coma os gravadores se mantiveron en constante evolución. En 1980 apareceu a cinta de metal de maior calidade e as compañías discográficas comezaron a lanzar simultaneamente os LP e as cintas de casete. Nos coches era habitual a instalación de platinas e as cintas estaban distribuídas tanto nos establecementos especializados como nas gasolineiras, que tamén contribuíron ao incremento do seu consumo. Mais durante esta década a popularidade do casete creceu máis como resultado dos gravadores portátiles e dos reprodutores de alta fidelidade. Os walkman, pequenos reprodutores de casete portátiles con auriculares, permitíronlle á e ao usuario escoitar a súa música en calquera momento e lugar, o que supuxo toda unha revolución social. Os distintos modelos comezaron a incorporar sintonizadores de radio, que sumaron aínda máis posibilidades á nova experiencia. A súa accesibilidade e baixo custo propiciaron que na década dos 80 o casete tamén fose un dos soportes máis empregados polas e polos investigadores e folcloristas para a recollida da tradición oral en toda Galicia.

A finais dos 80 desenvolvéronse formatos de cintas dixitais coma a cinta de audio dixital (DAT) ou o casete compacto dixital (DCC). Co aumento das vendas de CD nos primeiros anos dos 90 comezou o declive do casete que se prolongaría ata o final da década, aínda que se seguiron fabricando casetes virxes ata 2008 aproximadamente.

Nos fondos sonoros do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico (SPDB) consérvanse máis de 2.000 cintas de casete, de contido musical, a meirande parte, e da palabra. Dado que moitas compañías editoras facían lanzamentos en paralelo de casete e LP, unha parte importante da súa edición comercial corresponde con outra idéntica en disco de vinilo. Nas aproximadamente 500 cintas da palabra atópanse xornadas e actos da Deputación de Pontevedra dos primeiros anos da década dos 90, poesía recitada, entrevistas, traballo de campo, gravacións de programas de radio e contos.

CINTA DE AUDIO DIXITAL (DAT)

Cinta de audio digital (DAT)

O DAT, abreviado do inglés Digital Audio Tape (cinta de audio dixital), foi un medio de gravación e reprodución de sinal de audio dixitalizado desenvolto pola empresa xaponesa Sony en 1987. Foi o primeiro formato de casete dixital comercializado e, en aparencia, similar a un casete convencional de audio. Empregaba cinta magnética de 4 mm de ancho encapsulada nunha carcasa protectora de 73 x 54 x 10,5 mm.

A diferenza do casete de audio analóxico, o DAT só se podía gravar por un lado e a gravación realizábase de maneira dixital. A gravación e a conversión a DAT tiña igual taxa de mostraxe que para a produción dun CD. Ao copiar unha fonte dixital, o DAT producía una copia exacta, a diferenza doutros medios dixitais coma o Casete Compacto Dixital ou o MiniDisc Hi-MD, que tiñan compresión con perda de datos.

O DAT desenvolveuse en dous formatos con tipos de cintas e potencialidades diferentes: S-DAT, de cabeza estacionaria, 130 m de lonxitude e 90 min de duración; e R-DAT, de cabeza rotatoria, 60 m de lonxitude e 120 min de duración.

O DAT foi un formato dirixido ao sector profesional que na altura requiría un sistema de gravación dixital co que poder realizar másters de gravación para CD, xa que no momento da invención do disco compacto todos os másters ou cintas mestras de 2 pistas se realizaban en cintas abertas de 1/4 de polgada de ancho. Así pois, o DAT completaba unha liña de produtos cos que realizar unha gravación, mestura e posterior transferencia a CD dixitalmente.

Na actualidade quedou superado pola potencia dos PC, que dotados de potentes software de edición, permiten a mestura e a creación posterior do CD, que se vai duplicar.

En distintas bibliotecas, centros de documentación e museos españois o DAT usouse ata o ano 2000 aproximadamente como medio de almacenamento e preservación da dixitalización de gravacións realizadas en orixe por procedementos analóxicos coma os discos de lousa ou de acetato.

Nos fondos sonoros do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico pódese consultar un bo número de cintas DAT con plenos, actos, conferencias e xornadas realizadas na Deputación de Pontevedra entre 1997 e 2007.

DISCO COMPACTO DE AUDIO (CD-A)

Disco compacto de audio (CD-A)

O Compact Disc Digital Audio (disco compacto de audio dixital), abreviado CDDA ou CD-A, é un tipo de disco compacto para almacenar audio en formato dixital. Foi o primeiro sistema de gravación óptica dixital e comercializárono por primeira vez en 1982 as empresas Philips e Sony. Tamén foi o primeiro sistema de reprodución de son que apenas se deterioraba co seu uso, polo que podía reproducirse unha e outra vez sen perder calidade de son, o que supuña unha importante superación das limitacións dos formatos convencionais. Pertence á familia do disco compacto, que inclúe tamén o CD-ROM, para almacenamento de datos, CD-R e CD-RW, para a gravación doméstica eVCD, para vídeo, entre outros; cada un destes formatos conta co seu propio estándar.

O CD-A ten unha base de policarbonato cuberta dunha capa de aluminio reflectante de 120 mm de diámetro e 1,2 mm de grosor con capacidades de 74 e 80 min, aínda que tamén se comercializaron os mini-CD de 80 mm de 21 min (CD sinxelo) e de 60 mm. O audio rexístrase en formato dixital, en dúas canles (estereofónico), cunha frecuencia de mostraxe de 44100 mostras por segundo e unha resolución de cuantificación dixital de 16 bits, que permite un rango dinámico de 96 dB. Estas características permiten reproducir frecuencias lixeiramente por encima do límite superior da audición humana. Para evitar erros durante a reprodución o CD-A introduciu o sistema de corrección de erros código Reed-Solomon de intercalación transversal, que foi empregado nos DAT.

Na década dos 90 o CD-A fixo desaparecer o casete e nun primeiro momento tamén o vinilo, que a partir de 2006 experimentou unha lixeira recuperación. Na actualidade o CD-A segue a ser un formato moi arraigado a pesar do vertixinoso descenso de vendas que sofre desde o 2000; este declive débese fundamentalmente aos cambios no acceso e no consumo de música do novo século, propiciados polas plataformas de música dixital presentes en internet.

Nos fondos sonoros do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico atópanse aproximadamente 3.000 CD de audio, maioritariamente de contido musical, que recollen todas as manifestacións da música galega, académicas e populares, dos últimos trinta e cinco anos. Aos estilos xa presentes nos formatos anteriores súmaselle unha gran produción de música de raíz, tanto de recuperación coma de creación, o xénero rock bravú ou agro-rock, a reedición de gravacións históricas así como outras do tempo do vinilo, e todo tipo de xéneros coma rap, metal, indie ou jazz en galego. Nesta etapa aparecen diferentes selos galegos independentes que acumularon amplos e importantes catálogos como Clave Records, Sons Galiza, Edicións do Cumio, Zouma Records, Phonos, Boa Música ou PAI Música. A partir de 2003 fíxose habitual a autoedición por parte das e dos artistas a través de empresas editoras coma Falcatruada, Ouvirmos ou Inquedanzas Sonoras, entre outras.