ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.828
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.698

Xeración perdida

Representatividade institucional republicana e represión na provincia de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra, a través do grupo de investigación HISPONA (USC), promove o proxecto "Xeración perdida. Representatividade institucional e represión: as corporacións municipais da fronte popular na provincia de Pontevedra". Con el preténdese botar luz sobre a vida política municipal na II República e a ruptura que supuxo a sublevación militar de 1936.

Con ese obxectivo o equipo de investigación que coordina Emilio Grandío e do que forman parte membros e colaboradores do grupo HISPONA (José Ramón Rodríguez Lago, Alfonso Iglesias Amorín, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Manuel Pérez Lorenzo, Diego Gómez-Aller Andrés e Pablo Fernández Cabaleiro) emprendeu o proceso de reconstrución das corporacións municipais de cada un dos 65 concellos no período republicano e afondou no estudo da represión padecida por alcaldes e concelleiros.

A provincia de Pontevedra estaba conformada daquela por un total de 65 municipios de gran heteroxeneidade: desde as cidades –Vigo, Pontevedra, Tui– ata os concellos rurais, pasando polas numerosas vilas. Se por algo se caracterizan os anos da República é polo seu dinamismo político e sindical e pola apertura de procesos de cambio truncados pola instauración da ditadura militar. O papel dos concellos e das persoas que representaban o poder local foi determinante neses procesos, especialmente alí onde o poder central contaba con menor implantación. Resulta, xa que logo, fundamental coñecer quen foron eses concelleiros e alcaldes, como se desenvolveu a vida política dos municipios nas diferentes etapas da II República, como afrontaron os concellos a sublevación e de que xeito e en que medida padeceron represión os integrantes das súas corporacións.

Contribuirase así á superación de visións simplificadoras e erradas da realidade, e axudarase a rescatar a memoria daquelas persoas que asumiron responsabilidades e que, precisamente por iso, se atoparon coa violencia represiva cara a cara. Transcorridas oito décadas, un coñecemento rigoroso do pasado é a ferramenta que permite reivindicar e transmitir esa memoria cívica democrática, contribuíndo a fomentar futuras investigacións.

 

Xeración perdida

Representatividade institucional republicana e represión na provincia de Pontevedra