FONDOS GRÁFICOS DA ASOCIACIÓN DA PRENSA DE VIGO
Fundada en 1809 e presidida inicialmente por Miguel Fernández de Lema, a Asociación da Prensa de Vigo, unha das máis antigas do Estado, non consolidou a súa importancia ata 1924, cunha directiva liderada por Roberto Blanco Torres, e especialmente coa aparición de Hoja del Lunes en 1936, constituída como medio informativo propio.
Ademais de realizar funcións asistenciais para os seus membros, a asociación foi, durante varias décadas, un elemento dinamizador da vida social e cultural local e galega: institucionalizou premios xornalísticos coma o Blas Agra ou o Banco de Bilbao, organizou conmemoracións coma o anual Día do Deporte e principalmente desenvolveu actividades formativas para xornalistas que levaron a Vigo algúns dos mellores profesionais do Estado.
Os fondos documentais da asociación foron depositados en 2006 no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e posteriormente clasificáronse, agás a catalogación do fondo gráfico, que se realizou en 2021. Trátase dun fondo composto por positivos fotográficos, diapositivas, tarxetas postais e fotografías de axencias, do que se incorporaron ao metabuscador ATOPO 509 rexistros, testemuño da vida política, social, económica e cultural de Vigo e da provincia de Pontevedra na segunda metade do século XX.
Máis de 300 desas imaxes levan o selo do estudo fotográfico Llanos, en concreto de Ángel Llanos, histórico fotoxornalista vigués; o resto realizáronas outros recoñecidos fotoxornalistas de medios galegos coma Magar, Cameselle ou Rafa, así como por fotógrafos da provincia colaboradores da prensa viguesa coma Terol, Pako, Manolo, C. Gómez, Raimundo Cal, Ruiz ou Siorty, entre outros.












