ATOPO
Rexistros actuais: 1.336.161
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.467

FONDO GRÁFICO NATALIO ABAD

Fondo gráfico cedido por Olga Abad, filla de Natalio Abad, vigués, fundador na súa mocidade do denominado grupo Os Fillos do Sol e pioneiro do montañismo en Galicia.

Trátase dun fondo fotográfico familiar que polas súas características supera os límites estritamente persoais e se constitúe como proba de incuestionable valor para coñecer uns tempos cambiantes e uns xeitos de vivir pegados á natureza e a un gozo vital que a guerra truncou. Serve tamén para coñecer os primeiros pasos do montañismo na comunidade autónoma xa que esa foi a afección principal de Natalio Abad, á que dedicou moitos anos contribuíndo de xeito fundamental ao desenvolvemento de iniciativas que co tempo se consolidarían.

Catalogáronse e dixitalizáronse 192 fotografías cedidas pola familia, algunhas recompiladas nun álbum e outras soltas, xunto a outra documentación relacionada coa traxectoria vital de Natalio Abad (recortes de prensa, carnés de pertenza a colectivos ou asociacións, documentos administrativos etc.).

As fotografías poden dividirse en varios bloques temáticos:

  • Imaxes da mocidade de Natalio Abad e o seu grupo de amizades (os irmáns Pepe e Antonio Villaverde, Higinio González, Víctor Mon de los Reyes, entre outros) nas praias viguesas. Son testemuñas dunha época de liberdade e alegría, na que destaca a construción dunha palafita na parte final do río Lagares en terreos da parroquia de San Paio de Navia. En varias das fotos, precisamente, aparecen carpinteiros e obreiros da parroquia que traballaron na súa construción. As travesías en piraguas de madeira construídas artesanalmente, os xogos, os paseos e baños nas praias de Coruxo ou Samil, e o gusto pola vida natural e ao aire libre, que se reflicten incluso nas indumentarias e en performances a modo de divertimento, aparecen recollidas en boa parte destas fotografías representativas tamén dunhas paisaxes costeiras da cidade que se modificaron ou xa non existen.
  • Un amplo conxunto de fotografías correspóndese coas actividades de Natalio Abad vencelladas ao Centro Excursionista Galego e posteriormente ao Club Montañeiros Celtas e que abrangue un espazo de máis de catro décadas. Desde o monte Aloia, o Galleiro, a serra de Avión ou outros máis próximos a Vigo, as imaxes de rutas polos Ancares, Manzaneda ou Pena Trevinca, onde practicaron o esquí de xeito rudimentario, en canto a materiais e vestimentas, as fotografías son testemuña do seu labor pioneiro e do pulo dado por Natalio aos clubs de montañismo na apertura de novas rutas polos montes galegos. Este conxunto de fotos, ademais de reflectir as actividades relacionadas co montañismo, deixa un grupo de imaxes moi destacables desde o punto de vista paisaxístico e patrimonial.
  • Un conxunto de fotografías que podemos considerar como estritamente familiares da vida de Natalio, da súa muller, Josefina Valverde, e da súa filla, Olga, que participaron activamente na vida social viguesa nas décadas centrais do século XX e que permiten rescatar costumes e tradicións locais.
  • Como complemento a este álbum e como parte do fondo fotográfico da familia Abad, incorporáronse tamén un grupo de fotografías da familia orixinaria de Natalio e dos seus irmáns, recoñecidos deportistas tamén, e que serven para contextualizar e explicar en boa medida o carácter aventureiro do propio Natalio.

Fondos no metabuscador Atopo

Natalio Abad e Antonio Villaverde no monte Aloia, 1928
Natalio Abad e Antonio Villaverde no monte Aloia, 1928
Desembocadura do río Lagares, Pacheco, entre 1933 e 1936
Desembocadura do río Lagares, Pacheco, entre 1933 e 1936
Montañeiros en Cabeza de Manzaneda, entre 1946 e 1947
Montañeiros en Cabeza de Manzaneda, entre 1946 e 1947
Montañeiros na serra da Picoña, 1943
Montañeiros na serra da Picoña, 1943
Natalio Abad cun grupo de amigos, ca. 1933
Natalio Abad cun grupo de amigos, ca. 1933
Natalio Abad vestido con saia de palla, entre 1930 e 1936
Natalio Abad vestido con saia de palla, entre 1930 e 1936
Piraguas e palafita no río Lagares, Enrique Sarabia, 1935
Piraguas e palafita no río Lagares, Enrique Sarabia, 1935
Natalio Abad e familia en bicicleta, entre 1960 e 1970