EDITORIAL
Desde os seus inicios a Deputación de Pontevedra érguese como institución cun claro labor de apoio á cultura. Con este obxectivo amosa un afán por afondar no coñecemento da riqueza patrimonial do noso pobo en todos os ámbitos, para o cal non deixa de abrir canles que faciliten tanto o estudo e a investigación das diversas manifestacións culturais coma a súa divulgación de maneira efectiva.
Así se creou en 1986 o Servizo de Publicacións, que, cos correspondentes cambios e adaptacións a través do tempo, evolucionou ata a actual Editorial da institución.
Desde aqueles primeiros pasos a Editorial, integrada no Servizo de Patrimonio documental e bibliográfico, sacou á luz máis de 600 publicacións, que reflicten o importante esforzo que o organismo provincial lle dedica á difusión da cultura galega e, máis concretamente, daqueles aspectos relacionados coa provincia de Pontevedra.
Todos os títulos editados pola Deputación chegarán de maneira gratuíta á rede de bibliotecas públicas da provincia e outros puntos de lectura como centros de ensino e universidade. Tan só unha pequena porcentaxe se destinará á venda en librerías, tendo así unha presenza mínima pero imprescindible no circuíto comercial de divulgación máis extensa.