ATOPO
Rexistros actuais: 1.065.410
Obxectos dixitais dispoñibles: 400.891

EDITORIAL

A Editorial da Deputación de Pontevedra

Desde os seus inicios a Deputación de Pontevedra érguese como institución cun claro labor de apoio á cultura. Con este obxectivo amosa un afán por afondar no coñecemento da riqueza patrimonial do noso pobo en todos os ámbitos, para o cal non deixa de abrir canles que faciliten tanto o estudo e a investigación das diversas manifestacións culturais coma a súa divulgación de maneira efectiva.

Así se creou en 1986 o Servizo de Publicacións, que, cos correspondentes cambios e adaptacións a través do tempo, evolucionou ata a actual Editorial da institución.

Desde aqueles primeiros pasos a Editorial, integrada no Servizo de Patrimonio documental e bibliográfico, sacou á luz máis de 600 publicacións, que reflicten o importante esforzo que o organismo provincial lle dedica á difusión da cultura galega e, máis concretamente, daqueles aspectos relacionados coa provincia de Pontevedra.

Todos os títulos editados pola Deputación chegarán de maneira gratuíta á rede de bibliotecas públicas da provincia e outros puntos de lectura como centros de ensino e universidade. Tan só unha pequena porcentaxe se destinará á venda en librerías, tendo así unha presenza mínima pero imprescindible no circuíto comercial de divulgación máis extensa.

SABÍAS QUE?

O primeiro libro que publicou a Editorial foi A Deputación de Pontevedra, hai xa máis de 30 anos, en 1986. Nel recollese a historia desta institución desde a súa orixen ata 1987

SABÍAS QUE?

Os catálogos de arte forman parte das edicións máis coidadas da institución para achegar a personalidade e a obra de importantes artistas que teñen relación coa nosa provincia

SABÍAS QUE?

As publicacións relacionadas co mar teñen boa cabida no noso catálogo, unha temática abordada desde diferentes ámbitos con moita repercusión na nosa provincia

SABÍAS QUE?

A chamada flor das Rías Baixas, a Camelia, ten ó seu redor moitas publicacións da nosa Editorial, desde a vertente máis artística ata a investigación botánica