ATOPO
Rexistros actuais: 1.333.036
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.503

"Hai que rachar coa repetición do que a ditadura marcou como politicamente correcto"

A Deputación abriu hoxe as IV Xornadas Contra a Impunidade poñendo luz nas ideas e a sociedade que querían construír as vítimas do franquismo

11 de novembro de 2022 , Memoria histórica
Xornadas contra a impunidade

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe as súas IV Xornadas Contra a Impunidade centradas nas ‘Ideas Furtadas' asegurando que "hai que rachar coa repetición do que a ditadura marcou como politicamente correcto". Segundo subliñou a deputada María Ortega, "aínda hoxe" é preciso analizar "con rigor" ideoloxías non maioritarias porque "en democracia non pode saír caro saír do guión", dixo.

Ortega explicou que a loita contra a impunidade e a revisión dos dogmas franquistas son temas centrais do departamento provincial de Memoria "porque entendemos que facer xustiza coas vítimas é tamén desmontar o que durante décadas se transmitiu sobre elas, sobre as súas ideas e sobre a sociedade que quixeron construír". Destacou que os dogmas impostos pola ditadura non só afectaron á xeración que a habitou, senón que moldearon o pensamento "das que chegamos logo".  

A deputada destacou que "non hai nada máis acaído, neste momento que vivimos, que o fomento do pensamento crítico", por iso subliñou que a obriga das institucións como a Deputación é ir máis alá do que resulta cómodo, debatendo o polémico, "porque só desde a atención á discrepancia avanzaremos en dereitos e romperemos, de vez, coa continua repetición do que a ditadura marcou como politicamente correcto. Por iso desde a Deputación de Pontevedra quixemos ser valentes con estas xornadas e analizar, en profundidade e con rigor se, de verdade, todas as ideoloxías e pensamentos teñen a mesma lexitimidade para a nosa sociedade". 

Ortega agradeceu a gran resposta de público tanto presencial como en liña a través da web da Deputación e animou á cidadanía a seguir os relatorios e a debater se catro décadas de liberdade acabaron coa mala prensa aparellada a ideoloxías como a masonería, o anarquismo ou o propio concepto de república.

Logo da súa intervención, Ortega deu paso a Manu Levin filólogo, guionista en 'El Intermedio', e secretario de Discurso e Análisis Político de Podemos e responsable dos discursos e as campañas electorais de Pablo Iglesias entre 2017 e 2021.; ao socialista e masón José Vázquez Fouz; Pilar Allegue, integrante na Transición de opcións minoritarias no nacionalismo de esquerdas, e o anarquista Alberte de Esteban, que falaron sobre se foi plural a democracia; ao escritor Fernando Rueda que falou sobre o papel que tiveron os servizos secretos na ocultación dos escándalos relacionados co rei emérito, tanto na ditadura como na democracia; e a Joana Conill, filla do ex vicepresidente da Deputación de Barcelona, torturado e encarcerado en Burgos nos anos 60, que presentou o documental que dirixiu, ‘La cigüeña de Burgos'. 

Manu Levin: "Arxentina xa superou o relato de Feijóo de ‘nuestros abuelos se pelearon'"

Manu Levin centrou o seu relatorio na comparativa entre o proceso de reconstrución da memoria en Arxentina e en España, lembrando que "máis que as condenas e as pensións ás vítimas e as homenaxes, o máis importante dese proceso de memoria é o relato oficial que se constrúe na historia e como ese relato afecta ao presente e ao futuro e ás posibilidades políticas e a identidade democrática nacional ou plurinacional nun país".

Levin explicou que o relato oficial do franquismo condicionou o presente e como se borraron as ideas polas que loitou a xente e foi perseguida, demonizando determinadas opcións e facendo que hoxe "sexa difícil artellar unha identidade democrática en Galiza e en España que recupere as bandeiras de todas as persoas que loitaron no seu momento".

En Arxentina –dixo- reconstruíuse un relato oficial moi diferente ao que é hexemónico a día de hoxe en España. Alí no proceso memorialista chegouse a un consenso moi amplo e no relato oficial xa se fala de terrorismo de Estado. Plantéxase que houbo un golpe de estado e un xenocidio con asesinatos de 30.000 persoas e exilio, saíron condenas aos xenocidas que morreron varios nos cárceres e hai monumentos nos espazos públicos.

Salientou sen embargo que "é importante ver que significa isto a nivel de relato, a súa a importancia política máis que o que significa para persoas concretas e familias. Iso permite que se activen ideas na sociedade presente ou queden desactivadas. Iso é o que pasa en España, onde o relato oficial aínda é o que en Arxentina xa se logrou superar: que é o que dicía Feijóo, ‘que nuestros abuelos se pelearon y fue una guerra entre hermanos, una tragedia'".

Para transformar esa situación e sacar da opinión pública determinadas ideas subliñou que a nivel lexislativo debería irse máis alá, pero insistiu en que no terreo do relato e o discurso hai que poñer enerxía e construír poder mediático e capacidade de enunciación cultural. "Que o relato é como é actualmente ten que ver co cine, coa música, cos cánones sobre os que se ten construído a cultura popular española... Hai que facer outro tipo de cine, de expresións culturais e mediáticas. Ogallá houbera unha televisión que contase as cousas doutro xeito e que tiveramos proxectos de comunicación que disputen ese relato sobre a realidade. É o que intentamos nós facer. Só que temos un podcast. Con moitos proxectos así é como ao final se cambia a estrutura ideolóxica dun país e o que é a visión que ten a xente sobre o pasado, que condiciona presente e futuro", finalizou.

Fernando Rueda: "Franco protexeu ao rei e a democracia tamén"

O xornalista e especialista en servizos segredos Fernando Rueda puxo sobre a mesa no seu relatorio como tanto Franco como os diferentes gobernos da democracia protexeron ao rei emérito dende a súa aparición en escena na ditadura ata a súa ‘retirada'.

Salpicando o seu relato de diferentes anécdotas e historias, contou a historia dun mozo que chegou a España con pouca idade, Juan Carlos, e como seu pai o puxo nas mans de Franco, un ditador que o odiaba pero que o necesitaba para evitar que no momento da súa morte se instaurase a República e continuase a monarquía. Neste sentido, e a pesares do seu interese en protexelo, Franco –destacou- puxo aos servizos do estado a investigar e espiar a súa figura, xa que quería toda a información sobre el para telo sometido. A CIA americana, pola súa banda, na súa cruzada para evitar o comunismo en calquera país occidental, tamén se aliñou con Franco e, polo tanto, na defensa do rei.

Unha vez chegada a democracia, e considerando ao emérito como unha das figuras que defende a transición e a apertura, a "fontanería do Estado", dixo Rueda, tamén traballou no seu beneficio permitíndolle "facer de todo" tanto dende o punto de vista económico como en materia de mulleres. Segundo o escritor, hai feitos que proban que todos os gobernos da democracia coñecían os ‘chanchullos' e miraron para outro lado, incluso gastando fondos públicos –por exemplo- en alugar pisos para que tivera relacións coas súas amantes, segundo recoñeceu o ex ministro Narcís Serra, ou para amedrentar a mulleres como Corina, así como tamén obviando que recibía cartos por mediar para conseguir petróleo saudí.

Ante a pregunta de se pode estar a acontecer algo semellante con Felipe VI ao que pasou co seu pai, Rueda asegurou claramente que a pesares de que os grandes escándalos se coñecen a posteriori, non hai sospeita de que agora se estea a producir nada semellante: "Felipe ten un ton absolutamente aburrido. Non hai mulleres e non está obsesionado cos cartos", asegura o xornalista, quen salienta que o actual monarca está tan concienciado de que un mínimo fallo pola súa parte pode custarlle a coroa que cando xurde algún problema párao de raíz. "Está en plan ‘buenecito' completo", finalizou.

Mañá sábado

A xornada de mañá sábado pola mañá iníciase cunha mesa redonda baixo o título ‘A represión das identidades nacionais', que pretende debater sobre a situación dos nacionalismos distintos ao español na actual democracia. A pregunta principal será "Segue a afectar á visión que a cidadanía ten dos nacionalismos periféricos a persecución á que foron sometidos durante a ditadura?". Falarán diso –moderados pola directora de Nós Diario María Obelleiro- Aitor Esteban, voceiro do PNV no Parlamento estatal; Olaia Rodil, vicevoceira do BNG no Parlamento de Galicia e Joan Tardá, ex voceiro de ERC no Parlamento estatal.

Logo chegará a quenda da conferencia ‘O trauma franquista e a memoria da lingua', a cargo do profesor Carlos Callón, presentado por Fátima Frieiro, de Diario de Arousa. O relatorio de clausura correrá a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira –presentada pola xornalista de Radio Voz Bibiana Villaverde-, quen fará unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal. O programa finaliza cun roteiro pola cidade de Pontevedra a cargo de Os Quinquiláns e a actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.