ATOPO
Rexistros actuais: 1.328.603
Obxectos dixitais dispoñibles: 490.671

O servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico pon en marcha a exposición virtual ‘Pandemias no século XIX'

Trátase dunha mostra de expedientes sanitarios que amosan como a provincia sobreviviu á epidemia do cólera morbo, os centros sanitarios que estaban abertos ou o persoal médico en activo

Presentación da nova web

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de poñer en marcha a exposición virtual ‘Pandemias no século XIX' na que se recollen varios expedientes sanitarios que fan referencia ás epidemias, enfermidades, centros sanitarios e persoal médico en activo a mediados de 1800.

A posta en marcha da mostra, accesible en https://arquivos.depo.gal/pandemias-seculo-xix, xurdiu co gallo do ‘Día Mundial dos Arquivos 2021' celebrado o pasado 9 de xuño e ao abeiro da situación sociosanitaria que está a vivir a cidadanía dende hai máis dun ano,  que aumentou o interese histórico e social sobre epidemias anteriores na provincia.

Neste caso, póñense a disposición do público unha da serie ‘expedientes de sanidade'  custodiados no Arquivo da Deputación, con referencias documentais sobre a xestión sanitaria, o control e tratamento das epidemias existentes, os centros sanitarios, balnearios, cemiterios ou ao persoal médico que desenvolvía as actuacións no territorio provincial do século XIX.

A  mostra concíbese a partires dunha breve introdución e achega 11 documentos dixitalizados para esta ocasión, principalmente relacionados coa epidemia do cólera morbo. En concreto os documentos escollidos abordan as comunicacións de Reais Ordes relativas á rama de sanidade; o branqueo de vivendas nos concellos para combatir a epidemia do cólera morbo na provincia de Pontevedra; información sobre estado sanitario da provincia a raíz desa epidemia; as medidas a adoptar nos diferentes concellos e distritos da provincia; as medidas sanitarias de prevención; as relacións con Portugal pola epidemia; os recoñecementos de méritos aos médicos para a concesión de pensións, gratificacións e condecoracións; o expediente relativo a cemiterios e enterramentos en varios concellos; ou a reclamación do cargamento dun barco que foi queimado no Lazareto de San Simón, entre outros.

Ademais de coñecer os expedientes incluídos na exposición virtual a través da páxina arquivos.depo.gal,  pódese acceder de forma integra ao seu contido a través do portal AtoPO ,  no que se pode revisar a información da totalidade das descricións e a información dos expedientes ou agrupación documentais desta serie.

A intención do Servizo de Patrimonio Documental é, nun futuro próximo, poder desenvolver a dixitalización da totalidade destes fondos, para o que se conta xa cunha subvención concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).