ATOPO
Rexistros actuais: 1.617.765
Obxectos dixitais dispoñibles: 504.649

Fondos

DELEGACIÓN PROVINCIAL DO AUXILIO SOCIAL DE PONTEVEDRA

Área de identificación

  • Código(s) de referencia 1.6.3

  • Título DELEGACIÓN PROVINCIAL DO AUXILIO SOCIAL DE PONTEVEDRA

  • Data(s) 1937-1974 (Creación)

  • Volume e soporte 324 unidades de instalación

Área de contexto

  • Nome do produtor Delegación Provincial de Pontevedra. Instituto Nacional de Asistencia Social(1974-1982) As orixes desta organización atópanse no Auxilio de Inverno, fundado en outubro de 1936 pola que sería a súa delegada nacional, Mercedes Sanz. Co Decreto de Unificación do 19 de abril de 1937, polo que se crea FET y de las JONS, establécese a Delegación Nacional de Auxilio Social, para ocuparse das funcións benéficas, ademais da Delegación da Sección Feminina e a de Fronte e Hospitais. Mediante o Decreto do 17 de maio de 1940 polo que se dictan novas normas a Auxilio Social, defínese como unha entidade oficial, integrada na FET y de las JONS, encargada de cumprir, baixo o protectorado do Estado, as funcións benéficas e sociais a favor dos indixentes, orfos, pobres e infancia necesitada en xeral, creándose a tal fin establecementos de asistencia e formación. Correspóndelle ó Ministerio da Gobernación exercer o protectorado sobre Auxilio Social. As facultades de orde resolutoria radican no ministro e as consistentes na tramitación dos asuntos, propostas de acordos e execución das resolucións dictadas, na Dirección Xeral de Beneficencia e Obras Sociais. Na orde do seu funcionamento interno reviste a modalidade dunha Delegación Nacional de Servicios da FET y de las JONS, que, segundo o Decreto do 28 de novembro de 1941, está baixo o mando do vicesecretario de Obras Sociais, igual cá de Excombatentes, Excautivos e Sindicatos. No Decreto 1348/1962, do 14 de xuño, polo que se dá cumprimento ó disposto na disposición transitoria sexta da Lei de réxime xurídico das entidades estatais autónomas, do 26 de decembro de 1958, e se aproba a clasificación de ditas entidades, clasifícase como unha entidade estatal autónoma, encadrada no Ministerio da Gobernación, de grupo B. Pola orde do 9 de xaneiro de 1970 todos os servizos da antiga Delegación Nacional de Auxilio Social se integran provisionalmente no Servizo Nacional de Auxilio Social, que polo Decreto 2162/1973, do 17 de agosto, pasou a denominarse Instituto Nacional de Auxilio Social. No Decreto 986/1974, do 5 de abril, polo que se reorganiza o Ministerio da Gobernación, cámbiase o nome deste organismo autónomo polo de Instituto Nacional de Asistecia Social (INAS). En 1977 transfírense as súas competencias ó Ministerio de Traballo, segundo o Real decreto 736/1977, do 15 de abril. E, pouco despois, o INAS queda adscrito ó Ministerio de Sanidade e Seguridade Social polo Real decreto 1918/1977, do 29 de xullo. Dito Ministerio suprímese polo Real decreto 325/1981, do 6 de marzo, asumindo as súas funcións o novo Ministerio de Traballo, Sanidade e Seguridade Social. O Real decreto 2346/1981, do 2 de outubro, sobre estrutura e funcións do INAS, defíneo como un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito ó Ministerio de Traballo, Sanidade e Seguridade Social, a través da Dirección Xeral de Acción Social, para a xestión de servizos de asistencia do Estado. Polo Real decreto 2823/1981, do 27 de novembro, este ministerio pasa a denominarse Ministerio de Traballo e Seguridade Social. Así, o INAS queda integrado na súa Subsecretaría da Seguridade Social a través da Dirección Xeral de Acción Social, segundo queda establecido no Real decreto 275/1982, do 12 de febreiro. Polo Real decreto 2411/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de servizos e asistencia sociais, os servizos correspondentes do INAS e das súas delegacións provinciais son transferidos á Xunta de Galicia.

  • Institución arquivística Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

  • Historia arquivística O 5 de marzo de 1984 efectúase a primeira transferencia procedente de Asistencia Social, sendo a meirande parte da documentación de Auxilio Social. En 1987 ten lugar a segunda tranferencia con documentación, fundamentalmente, do Instituto Nacional de Asistencia Social. Por último, en xullo de 2004, a Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais remite documentación ó Arquivo entre a que se atopa algunha deste fondo.

  • Forma do ingreso Transferencia

Área de contido e estrutura

  • Alcance e contido Ademais da documentación de departamentos como Transportes, Enxoval, Construción, destaca a documentación de carácter económico do Departamento de Administración Provincial como: proxectos de orzamentos mensuais das delegacións locais, estados-resumo dos ingresos e gastos, actas-resumo das operacións rexistradas nas delegacións locais, libramentos e ordes de pago, mandamentos de pago, expedientes de ordenación de pagamentos, xustificantes de caixa, etc. Do Departamento de Persoal consérvanse series moi completas coma a de nóminas (1943-1982), ademais de fichas de persoal das delegacións locais e da provincial, nomeamentos e relacións de persoal funcionario e laboral, entre outras. No Departamento da Obra de Protección á Nai e ó Neno hai series como: fichas persoais de altas e baixas en xardíns maternais, partes de acollidos, de persoal e de inspección de xardíns maternais, fogares ou centros de alimentación infantil, así como expedientes de ingreso en centros de acollida. Do Instituto Nacional de Asistencia Social destacan series moi homoxéneas coma os expedientes de petición de axuda ó Fondo Nacional de Asistencia Social por enfermidade ou por ancianidade e os expedientes de axudas individualizadas non periódicas

  • Novos ingresos Fondo pechado por ser transferidas as súas competencias á Xunta de Galicia.

  • Organizació

    En proceso de organización e descrició

Área de condicións de acceso e utilización

  • Condicións que rexen o acceso Acceso libre agás as restricións contempladas no art. 57.1 c) da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimomio histórico español.

  • Condicións de reprodución Limítase a reprodución dos documentos que se atopen en mal estado de conservación ou non poidan ser obxecto de consulta segundo a normativa de acceso.

Área de documentación

  • Existencia e localización de orixinais Descoñécese a existencia de orixinais

  • Existencia e localización de copias Non existen copias

  • Unidades de descrición relacionadas Xefatura Provincial do Movemento

Área de notas

  • Nota

Puntos de acceso

Área de control da descrición