FONDOS GRÁFICOS DA XEFATURA PROVINCIAL DO MOVEMENTO
As imaxes que compoñen este fondo abranguen un espazo temporal de 8 anos, de 1951 a 1959, que se corresponden cos mandatos de tres gobernadores civís, á súa vez xefes provinciais do Movemento: Elías Palao Martialay (1951-1956), Alberto Martín Gamero (entre febreiro e abril de 1956) e Rafael Fernández Martínez (1956-1961).
As fotografías organízanse en 22 albumes concibidos como expedientes de prensa da Xefatura. Dixitalizáronse 971 imaxes para favorecer a súa conservación e facilitar a súa posta a disposición a través do metabuscador Atopo. Con respecto á súa catalogación e contextualización levouse a cabo un importante traballo de documentación (apoiado nos recortes de prensa existentes nos albumes e noutras fontes bibliográficas e documentais) para facilitar a identificación de actividades e de persoas, principalmente cargos políticos da época.
Podemos agrupar as imaxes en diferentes temáticas ou categorías, todas elas determinadas polas actividades políticas da Xefatura e do Goberno civil. Así, atopamos imaxes de actos propiamente internos do Movemento (visitas de cargos ministeriais, nomeamentos, reunións de cargos ou xefes locais…), de actos de loanza do réxime franquista (conmemoración en honra dos caídos, do fin da Guerra civil, da fundación das falanxes galegas...), fotografías que reflicten aspectos sociais (actividades relacionadas coa beneficencia e co auxilio social, entregas de vivendas da obra sindical…) e dun xeito destacado imaxes de visitas e percorridos do gobernador civil correspondente polos concellos e comarcas da provincia, na maior parte dos casos co fin de inaugurar obras e infraestruturas, convertidas en verdadeiros acontecementos sociais para a súa veciñanza.
Este conxunto de fotos vencéllase directamente á colección de fotografías da Xunta de Axuda a Municipios e á colección do Servizo de Cooperación, e componse de máis de 4.000 fotografías que reflicten a vida política, económica e social dunha época.









