ATOPO
Rexistros actuais: 1.096.269
Obxectos dixitais dispoñibles: 414.212

BIBLIOTECA

A colección da Biblioteca funcionou inicialmente como soporte e apoio ás actividades da Administración provincial, ofrecéndolles o seu servizo a todas as áreas de traballo da Deputación Provincial e complementando especialmente o fondo documental do Arquivo.

A actividade bibliotecaria da Deputación ten as súas orixes a mediados do século XIX, a través da estreita vinculación que, durante un longo período da súa historia, mantén coa Biblioteca de Pontevedra, creada en 1833 ao amparo de dúas institucións educativas instaladas uns anos antes, o Instituto e a Escola Normal de Mestres.

Tras uns prósperos anos iniciais, no último lustro do século XIX a Deputación parece perder o control sobre a Biblioteca ata o punto de que, a comezos do século XX, a situación do local é ruinosa polo que en 1907 se decide trasladala ao Pazo provincial.

Non se puido determinar con claridade en qué momento se desvincula a Deputación da Biblioteca de Pontevedra aínda que todo apunta a que este cisma se produce a partir do traslado ao edificio da Facenda no ano 1920.

En 1933 a Deputación decide que se investigue se existiu unha biblioteca da propia institución, e na sesión do 13 de setembro de 1941 acórdase definitivamente facultar a Presidencia para adquirir os libros básicos para a formación dunha biblioteca no Arquivo da Deputación.

En 1955 a biblioteca da Deputación encontrábase dispersa entre a Biblioteca de Pontevedra, onde se depositara parte dos seus fondos, e a propia Deputación, cunha parte de exemplares mesturados entre o Arquivo e as oficinas; hai constancia de que na sesión extraordinaria do 24 de maio de 1959 se acorda "que se lleve a efecto el proyecto expuesto por el Sr. Suárez-Llanos pocos días antes de morir, de convertir en biblioteca popular el actual local del Archivo".

A partir dos anos oitenta ciméntanse as bases do que é a actual Biblioteca, que, aínda que tamén custodia unha pequena cantidade de fondos de carácter xeral, ten como obxectivo fundamental reunir, conservar e difundir unha colección o máis ampla e representativa posible das fontes de información bibliográfica referentes a Galicia, en xeral, e principal e especificamente referidas á provincia de Pontevedra e a todos e cada un dos seus concellos.

FONDOS E COLECCIÓNS

Monografías

Actualmente o fondo é de aproximadamente 22.000 volumes e está organizado nas seguintes coleccións: Galicia, Xeral, Folletos, Traballos de investigación, Fondo antigo, Biblioteconomía e arquivística, Cartografía e Temarios para oposicións.

Monografías

Publicacións periódicas (Hemeroteca)

A Hemeroteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico ten como finalidade fundamental reunir, conservar e difundir unha colección o máis ampla e representativa posible de títulos de publicacións periódicas referentes a Galicia, en xeral, e á provincia de Pontevedra e a todos e cada un dos seus concellos, en particular.

O fondo, que está en constante aumento, conta na actualidade con 911 títulos, que inclúen un total de 15.617 exemplares (13.857 en papel e 1.710 en CD-ROM). Deles, un 97,5 % correspóndese con publicacións galegas e un 2,5 % con publicacións de carácter xeral. Está constituído na súa práctica totalidade por publicacións de periodicidade semanal ou superior; consérvase unicamente unha pequena cantidade de exemplares de diarios ou periódicos pertencentes ao fondo antigo.

Ademais, e froito dun longo traballo de baleirado dos contidos do fondo da Hemeroteca, as persoas usuarias contan na súa base de datos con máis de 85.600 referencias de artigos ou rexistros analíticos das máis sobranceiras cabeceiras de revistas da nosa Comunidade, como por exemplo o Anuario de Estudios Literarios Galegos, Boletín Auriense, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, Boletín Galego de Literatura, Brigantium, Castrelos, Descubrindo Deza, A Estrada, Grial, Minius, Moenia, Murguía, Museo de Pontevedra, A Nosa Terra, Obradoiro de Historia Moderna, Pontenova, Pontevedra, Quintana ou Sémata.

Recentemente acometeuse a dixitalización da colección histórica do Boletín Oficial da Provincia.

Monografías

SERVIZOS

Servizos de consulta, préstamo e reprodución de documentos

Consulta en sala dos fondos bibliográficos

Préstamo a domicilio (suxeito ás particulares condicións dos diferentes tipos de materiais)

Reprodución de documentos (rexerase polas normas internas da Biblioteca en atención á conservación dos documentos, establecéndose o sistema máis adecuado á súa realidade)

Consulte as normas xerais de acceso e reprodución de documentos da nosa Biblioteca

Outros servizos

Sala de lectura e investigación, con 18 postos de lectura e 5 dotados con terminais específicos para a consulta do catálogo e dos fondos dixitalizados.

Wifi gratuíto para temas relacionados coa investigación e os fondos da Biblioteca.

Alertas bibliográficas para manter permanentemente informadas a cidadanía que así o solicite sobre os novos fondos que van pasando a formar parte da colección da Biblioteca.

Atención ás solicitudes de adquisicións de fondos por petición das persoas usuarias (desideratas), sempre que se axusten aos obxectivos e á temática propia do Servizo.

INFORMACIÓN E REFERENCIA

Información bibliográfica

O servizo de información bibliográfica está baseado na difusión selectiva da información mediante elaboración de bibliografías e ten como obxectivo fundamental o de achegarlles ás persoas usuarias a información bibliográfica dispoñible na Biblioteca sobre un tema concreto do seu interese.

Nesas bibliografías as persoas usuarias recibirán información puntual sobre a documentación relativa a un determinado tema específico existente nas monografías e artigos de publicacións periódicas dispoñibles.

Para solicitar unha bibliografía determinada deberán indicar na mensaxe (biblioteca@depo.gal) o aspecto concreto sobre o que requiren información; e coa maior brevidade posible recibirá un documento coa referencia das fontes de información dispoñibles na Biblioteca e na Hemeroteca.

As bibliografías que se faciliten a través deste servizo incluirán unicamente fontes directas de información, que, en calquera caso, sempre se poderán ampliar mediante o servizo de información e referencia que se presta nas instalacións da Biblioteca da Deputación de Pontevedra (rúa Padre Amoedo, núm. 1, 2.ª planta).

Alertas bibliográficas

A alerta bibliográfica é un servizo que ofrece a Deputación para manter permanentemente informadas as persoas usuarias sobre os novos fondos, que van pasando a formar parte da colección da Biblioteca.

A alerta, que se envía de forma periódica, recolle tanto as novidades da Biblioteca (monografías e folletos) coma da Hemeroteca (novos títulos de publicacións periódicas ou novos números de títulos xa existentes no fondo) e da sección de Fondos Audiovisuais.

Todas aquelas persoas interesadas en recibir puntualmente esta información deberán obrigatoriamente solicitar subscribirse a este servizo, xa sexa de modo presencial nas instalacións da Biblioteca, ou mediante este formulario

NOVIDADES BIBLIOGRÁFICAS

María Pilar García Negro
2021 . Alvarellos

Marilar Aleixandre, María López Sández
2021 . Galaxia

Primitivo Carbajo
2021 . Morgante

Xurxo Martínez González, David Rodríguez Rodríguez
2021 . Edicións Xerais de Galicia

Alba Cid
2021 . Voz de Galicia

Carlos Méixome Quinteiro
2021 . Laiovento

edepo-carousel-responsive-portlet

SABÍAS QUE?

A poeta, tradutora, editora e profesora Xela Arias é a homenaxeada nas Letras Galegas 2021. No noso metabuscador ATOPO temos unha boa mostra da bibliografía relacionada coa súa figura.

SABÍAS QUE?

As primeiras bibliotecas de acceso público das que se ten noticia se sitúan na Roma de Xulio César, uns tres mil anos despois da aparición da escritura.

SABÍAS QUE?

A Biblioteca da Deputación dispón de fondos bibliográficos referidos ao teu concello, nas modalidades de consulta en sala e de  préstamo a domicilio.

SABÍAS QUE?

No portal ATOPO tes á túa disposición as referencias bibliográficas de máis de 18.000 monografías e 60.000 artigos da nosa Biblioteca.