Día dos arquivos 2025

Coincidindo co día Internacional dos arquivos, temos que recordar que falamos de lugares para o descubrimento, para coñecer e documentar o pasado e para contribuír, coa mesma, á información precisa para acometer o futuro. Falamos de centros que desenvolven un papel crucial na preservación da memoria colectiva, coa protección e servizo da documentación histórica, administrativa, científica e cultural.
E no noso caso falamos dun "SERVIZO" continuado de preservación, asistencia e colaboración na procura da organización, conservación e difusión do patrimonio documental da provincia pontevedresa, nun traballo difundido a través de arquivos.depo.gal (presentada en novembro do 2021) e do portal de descubrimento atoPO (dispoñible dende o 20 de decembro de 2019, grazas ao apoio expreso, decidido da deputada María Ortega, responsable política daquela do Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico)…
e nesas estamos:
*agora, incorporando a documentación producida no dia a dia pola Deputación de Pontevedra, con xa 45.434 unidades de instalación (máis de cinco mil metros lineais) e 213.206 expedientes, rexistros ou agrupacións documentais en soporte papel na súa práctica totalidade, das que temos publicado 166.404, dispoñibles na nosa web e en atoPO; os restante 47.048 rexistros son de acceso restrinxido atendendo á normativa aplicable e á Resolución Presidencial que o regula, por conter datos persoais, pero son consultables por interesados nas dependencias do propio Arquivo.
*nestes momentos, avaliando, seleccionado e expurgando, coa aprobación do Consello de Avaliación Documental de Galicia, a documentación xestionada e producida polo ORAL, relativa aos impostos de vehículos, plusvalías e taxas e prezos dos diferentes concellos da provincia, respectando as mostraxes e salvedades previstas na normativa a aplicar.
*tamén, colaborando na actualidade en procesos avaliación documental, expurgo, instalación, organización e descrición documental no arquivo municipal de Baiona ou na Entidade Local menor de Bembrive, actualizando a información destas e outras institucións no desenvolvemento propio da aplicación Atom, utilizado para o tratamento técnico do patrimonio documental da provincia, que inclúe na actualidade 139 institucións diferentes (Museo de Pontevedra, concellos, mancomunidades, entidades locais menores, xulgados de paz…), 413 fondos e coleccións documentas diferenciadas, e que conta na actualidade 2.585.278 rexistros que conteñen a descrición dos diferentes niveis, dos que 406.581 teñen obxectos dixitais asociados. Esta información ten un continuo crecemento que se aprecia ao comparar datos de 2 de xaneiro cos da actualidade, resultado do traballo deste primeiro semestre:
ATOM | 02/01/2025 | 01/06/2025 |
Rexistros públicos | 1.253.072 (49,8%) | 1.436.072 (55,5%) |
Rexistros totais | 2.511.816 | 2.585.278 |
Preto de 200.000 novos rexistros son accesibles directamente para os cidadáns froito dun continuado proceso de revisións, corrección idiomática e activación para a súa visualización en Atopo e supoñen xa o 55,5% do total das descricións. Neste caso a evolución do último semestre tamén reflicte o inxente traballo a prol da difusión que se ten acometido:
atoPO | 20/12/2019 | 02/01/2025 | 01/06/2025 |
Nº de rexistros | 615.024 | 1.424.182 | 1.614652 |
Nº de Obxectos dixitais | 400.021 | 502.298 | 504.614 |
Nº de imaxes dixitalizadas | 8.726.012 | 10.816.833 | 10.847.652 |
Destacamos a completa incorporación dos fondos do arquivo municipal de Pontevedra, con máis de 304.000 rexistros, máis da metade de acceso público, e da parte histórica do arquivo municipal de Vigo, que inclúe doce fondos ou coleccións documentais e más de 11ooo rexistros tamén accesibles para calquera cidadán. En ambos caos incorporouse a dixitalización dunha boa parte dos seus órganos colexiados, e no caso de Pontevedra vimos de colaborar para a dixitalización e posta a disposición dos libros de actas dos antigos concellos de Salcedo, Ponte Sampaio e Xeve.
*tamén imos avanzando no proceso de implementación do cadro funcional para a documentación en papel e para a clasificación dos expedientes electrónicos, neste caso tal e como establece a normativa vixente, coa activación e posta en valor do módulo de arquivo en Gestiona na práctica totalidade dos concellos da provincia, de forma normalizada e cun criterio unificador, de tal xeito que o tratamento arquivístico de documentos en papel e electrónicos no relativo ao cadro de clasificación sexa unificado e continuado. Este proceso levouse a cabo xa en 53 concellos da provincia e só queda pendentes para un futuro inminente nos concellos de Moaña. Vilaboa, Tui, Mos, Poio, O Grove, A Estrada, Nigrán e Vilagarcía de Arousa, nove en total, todos eles con persoal propio, en diferentes modalidades, no seu arquivo.
Pero como non todo pode ser "pico e pala", e somos de celebrar, xa coincidindo co San Bieito, patrón dos arquiveiros, o 21 de marzo desfrutamos dunha xornada pedagóxico-festiva coa visita as magnificas instalacións do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, onde puidemos achegarnos a riqueza dos seus fondos e exposicións permanentes, e á calidade e deseño dos seus equipamentos e instalacións, tanto públicas como de uso interno tendo que agradecer o magnífico trato dispensado e a profusa información que se nos facilitou.
Completamos xornada coa visita ao fermoso Museo do viño de Galicia, preto de Ribadavia, instalacións moi recomendables e digna dunha repousada visita para achegarse ao mundo da viticultura da Ribeiro e dos outras denominacións galegas.
E por último permítannos, que pola nosa parte, tamén celebremos o dia dos arquivos cun xantar de celebración de corenta anos de traballo na procura da conservación documental e do tratamento e difusión do mesmo," facendo o que se puido…naquilo que nos deixaron", recoñecido na persoa dun compañeiro que se quere nos xubilar.. e que ben merecido o ten.
Desfruten pola súa parte vostedes dun pausado percorrido por atoPO (teñen para meses) e pola propia Web arquivos.depo.gal, e se aínda precisan información máis detallada ou un contacto máis directo coas fontes documentais non deixen de visitarnos no Arquivo da Deputación – rúa Padre Amoedo,1 da capital pontevedresa- onde os recibiremos coma sempre e como se merecen. Para iso non é preciso agardar a que sexa o "Dia Internacional dos Arquivos".
Como norma usen os arquivos e promulguen pola súa protección.