ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.854
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.610

IMAXE EN MOVEMENTO

Este fondo reúne na actualidade preto de 4.000 referencias en diferentes formatos e soportes. Unha boa parte son gravacións xeradas pola propia Deputación, referidas ás súas reunións oficiais ou aos actos, xornadas, conferencias, exposicións e demais eventos que organizou no pasado, así como aos materiais creados desde os seus gabinetes de Prensa e Comunicación. Son fondos gravados en diferentes formatos desde os anos 80 que agora se atopan dixitalizados e abertos á cidadanía, metraxes interesantes tamén para calquera traballo audiovisual.

Alén destes fondos institucionais propios, tamén recollemos e conservamos distintos fondos audiovisuais galegos –ou relacionados con Galicia– en todo tipo de formatos: longametraxes, curtametraxes, documentais, traballos de videocreación ou videoarte, programas e reportaxes televisivos etc. As tipoloxías nas que conservamos estes fondos, sexan institucionais ou externos, son de novo moi variadas: filmes de 8, 16 e 35 mm, fitas magnéticas, U-matic, VHS, Beta, MiniDV, DVD, Blu-ray, arquivos dixitais…

Neste sentido, mantemos desde hai dous anos unha política estable de ingreso de fondos, ofrecéndolles ás creadoras e creadores a posibilidade de arquivar os seus traballos para que estean dispoñibles para a consulta das e dos investigadores e da cidadanía, respectando sempre os seus dereitos de propiedade intelectual. Así, no último ano e medio ampliamos de xeito sobranceiro o noso número de rexistros a través da colaboración dun bo número de creadoras e creadores que nos cederon as súas obras. Cómpre salientar que os materiais que máis nos interesan son aqueles que están máis afastados dos circuítos comerciais, como os documentais, as curtametraxes, o cinema experimental, o cinema de animación, as webseries e os formatos nativos na rede, así como o cinema afeccionado ou as vangardas creadoras dos anos 70.