ATOPO
Rexistros actuais: 1.355.649
Obxectos dixitais dispoñibles: 499.512

FONDOS SONOROS E MUSICAIS

Esta colección está formada aproximadamente por 12.500 gravacións sonoras e 1.000 documentos de música notada, entre partituras e libros de partituras, de contido, intérpretes e creadoras ou creadores galegos.

As gravacións sonoras están rexistradas en soportes analóxicos, como discos de lousa, acetato, vinilo ou cinta magnética, e dixitais, como DAT, CD, DVD ou memoria USB, que permiten realizar un percorrido pola evolución técnica dos soportes sonoros desde comezos do s. XX ata a actualidade. Neste apartado inclúense tamén os rolos de pianola, que son soportes codificados de cinta perforada e que, polo tanto, están a medio camiño entre a gravación sonora e a partitura.

O fondo musical está integrado maioritariamente por edicións comerciais levadas a cabo tanto en Galicia como na Arxentina, o Uruguai ou Cuba, principais destinos da emigración galega, mais tamén integran a colección gravacións particulares, inéditas e manuscritos musicais.

Estes documentos proceden da adquisición a discográficas, tendas de música, coleccionistas e particulares, do intercambio con outras institucións, arquivos sonoros e centros de documentación e mais da doazón de empresas, asociacións e particulares.

En Palabra e Outros Sons recompilamos e poñemos á disposición da cidadanía audios de conferencias, discursos e intervencións de persoeiros destacados da vida social e cultural da provincia ou despois do seu paso por ela, así como os fondos propios da Deputación orixinados no transcurso da súa actividade cotiá e que foron rexistrados e dixitalizados.